A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece, no seu artigo 500, punto 4, que a distribución da xornada e a fixación dos horarios se determinarán a través do calendario laboral, que, con carácter anual, aprobará o órgano competente do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas con competencias asumidas, nos seus respectivos ámbitos, logo de informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial e da negociación coas organizacións sindicais. O calendario laboral determinarase en función do número de horas anuais de traballo efectivo. Poderán establecerse flexibilidades horarias á entrada e á saída do traballo, e garantizarase, en todo caso, un número de horas de obrigada concorrencia continuada.
Os horarios que se establezan deberán respectar, en todo caso, o horario de audiencia pública.
A Resolución do 31 de maio de 2006, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se lle dá publicidade ao acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as organizacións sindicais UXT, CIG, CC.OO., CSI-CSIF e SPJ-USO, con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta comunidade, para a modernización da Administración de xustiza en Galicia, recolle como obxectivo da Xunta de Galicia a apertura das oficinas dos rexistros civís das cidades en horario de mañá e tarde das 9.00 ás 18.00 horas, con participación voluntaria dos empregados públicos.
Desta maneira, a Resolución do 21 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, sobre os horarios e o calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2024, sinala no seu artigo 3 como horario de apertura das oficinas xerais do Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, que este será ininterrompido das 9.00 ás 18.00 horas de luns a venres e das 10.00 ás 13.00 horas os sábados, especificando que a atención directa á cidadanía durante esta franxa horaria se organizará a través de quendas voluntarias e incentivadas conforme o previsto no artigo 6 da dita resolución.
Publicada a Resolución do 29 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se aproba a relación de postos de traballo das oficinas xerais do Rexistro Civil, fase III, cómpre adaptar a regulación pola que se regula o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas xerais do Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Así, en aplicación da normativa mencionada, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas do sector,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ámbito de aplicación
Esta resolución será de aplicación ao persoal funcionario dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizos nas oficinas xerais dos rexistros civís da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, que voluntariamente opten por unha xornada de mañá e tarde incentivada economicamente e coas compensacións horarias que se establezan nesta resolución.
Esta voluntariedade queda establecida na medida en que quede garantido o servizo entre as persoas da Oficina Xeral do Rexistro Civil, dado que todas as prazas da RPT destas oficinas contan con horario especial.
Artigo 2. Número de persoal funcionario integrante da quenda de tarde
1. O número de persoal funcionario necesario para a prestación do servizo nos horarios especiais sería o seguinte segundo localidades:
|
Rexistro Civil |
Número de funcionarios/as do servizo en xornada vespertina de luns a venres e sábados pola mañá |
|
A Coruña |
3 |
|
Vigo |
3 |
|
Ferrol |
2 |
|
Santiago de Compostela |
2 |
|
Lugo |
2 |
|
Ourense |
2 |
|
Pontevedra |
2 |
2. O número máximo de integrantes das quendas corresponderá co número de persoas que integren o cadro de persoal das oficinas xerais do Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Artigo 3. Xornada e horario incentivado
A xornada nestas oficinas realizarase mediante a presenza obrigada do persoal entre as 9.00 e as 14.30 horas de luns a venres, e deberá cumprir ademais sete horas e media semanais, que se prestarán, en quendas, de luns a venres das 14.30 ás 18.00 horas e os sábados das 10.00 ás 13.00 horas.
Artigo 4. Tempo de descanso obrigatorio
O persoal funcionario dos órganos que teñan atribuídas as competencias sobre rexistro civil, que, en función da distribución da quenda, realicen unha xornada das 9.00 ás 18.00 horas, interromperán obrigatoriamente o seu traballo durante unha hora, entre as 14.30 horas e as 16.30 horas, para a comida. Este descanso, que non se computará como tempo de traballo, organizarase tamén en quendas, de modo que se garanta a apertura ininterrompida da oficina das 9.00 ás 18.00 horas.
Artigo 5. Compensacións horarias
Haberá que aterse ao establecido no artigo sétimo da Orde JUS/615/2012, do 1 de marzo, pola que se regula a duración da xornada xeral de traballo en cómputo anual e as xornadas en réxime de dedicación especial para o persoal ao servizo da Administración de xustiza, así como no artigo 12 da Resolución do 21 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, sobre os horarios e o calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2024.
Artigo 6. Retribución económica
A prestación de servizos do persoal funcionario integrado nas quendas sinaladas no artigo 2 desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 12 do Real decreto 1909/2000, polo que se fixa o complemento de destino dos funcionarios dos corpos de médicos forenses, técnicos facultativos do Instituto de Toxicoloxía, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, técnicos especialistas, auxiliares de laboratorio do Instituto de Toxicoloxía e axentes de laboratorio para extinguir do Instituto de Toxicoloxía, retribuirase con 55,41 € por cada xornada vespertina de luns a venres e con 92,33 € por cada xornada de sábado.
Artigo 7. Acreditación da prestación do servizo
1. A acreditación da realización do horario especial nas oficinas xerais dos rexistros civís sinaladas no artigo 1 entenderase efectuada segundo os datos extraídos da aplicación de xestión dos sistemas automatizados de control horario das distintas sedes.
2. As persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regularán as quendas de maneira que se garanta a realización de cinco xornadas en horario de tarde e unha xornada en horario de mañá de sábado nun cómputo total de catro semanas e por cada integrante da quenda.
Artigo 8. Funcións que hai que desenvolver
O persoal funcionario que preste o servizo para a apertura das oficinas do Rexistro Civil en horario especial realizará as funcións propias do corpo da Administración de xustiza a que pertenzan, entre outras, as de recollida de solicitudes ou de documentación, a entrega de documentación preparada e información e atención á cidadanía.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor coa entrada en funcionamento da Nova Oficina Xudicial, o 31 de decembro de 2025.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
