DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 15 de decembro de 2025 Páx. 64024

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 1 de decembro de 2025 polo que se aproba o Acordo acadado o 1 de abril entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO. para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 1 de decembro de 2025, aprobou o acordo acadado o 1 de abril de 2025 entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO. para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.

Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo, polo que

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 1 de decembro de 2025 que a continuación se transcribe.

«Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF E CC.OO. para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de Xustiza de Galicia»

REUNIDOS:

Pola Xunta de Galicia,

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert.

Polas organizacións sindicais,

SPJ-USO: Julio Bouza Bouza.

STAJ: Enrique Araújo Martínez.

AXG-CUT: Pablo Valeiras Ríos.

UGT: Sergio Riveiros Rico.

CSIF: Áurea Fernández Basanta.

CC.OO.: Jorge Juan Suárez Fernández.

EXPOÑEN:

A Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de Xustiza, publicada no Boletín Oficial del Estado do 3 de xaneiro de 2025, modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e acomete a reforma organizativa da Administración de xustiza en todos os seus ámbitos, mediante a creación e a constitución dos tribunais de instancia e das oficinas de xustiza nos municipios.

A aprobación da dita lei supón unha transformación da estrutura da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia e, en consecuencia, a transformación das actuais unidades en que presta servizo o persoal da Administración de xustiza. A lei regula os traballos de desenvolvemento e implantación dunha oficina xudicial adaptada a esta nova organización xudicial.

Así, de conformidade co artigo 436 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, a actividade da oficina xudicial, definida pola aplicación das leis procesuais, realizarase a través dos servizos comúns, que comprenderán os servizos comúns de tramitación e, se é o caso, aqueloutros servizos comúns que se determinen, onde se integran os postos de traballo vinculados funcionalmente por razón dos seus labores.

Os actuais xulgados de paz transfórmanse en oficinas de xustiza nos municipios que, sen estar integradas na oficina xudicial, se constitúen no ámbito da organización da Administración de xustiza para a prestación de servizos á cidadanía do municipio respectivo.

Por outra banda, de conformidade co artigo 349 bis da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e coa Lei 20/2011, do 21 de xullo, do Rexistro Civil, constitúense as oficinas de Rexistro civil, polo que tamén é preciso levar a cabo a creación destas unidades, adaptando de forma simultánea as estruturas da oficina xudicial e do Rexistro civil de cada localidade.

A Dirección Xeral de Xustiza iniciou o proceso de negociación coas organización sindicais coa vontade de acadar un consenso amplo na implantación deste novo modelo de oficina xudicial debido á gran transformación que supón respecto da anterior estrutura existente na Comunidade Autónoma de Galicia e recoñecendo o papel fundamental do persoal ao servizo da Administración de xustiza en lograr o éxito e os obxectivos que se buscan coa implantación deste novo modelo.

Tendo en conta o anterior, na mesa sectorial de negociación do persoal ao servizo da Administración de xustiza, que tivo lugar o 1 de abril de 2025, os representantes da Administración e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT,CSIF e CC.OO.

ACORDAN:

1. Incrementos retributivos.

Os complementos retributivos de determinación autonómica son:

– Complemento específico.

– Complemento autonómico transitorio.

– Complemento adicional da traxectoria profesional.

Unha vez aprobadas as correspondentes relacións de postos de traballo (en diante, RPT), estes complementos serán:

– Complemento específico.

– Complemento adicional da traxectoria profesional.

Este acordo ten por obxecto o incremento nas cantidades que, para cada corpo, se reflicten no seguinte cadro, do complemento autonómico transitorio e do complemento específico, segundo corresponda.

Corpo

CAT/CE (€/mes)

CAT/CE (€/año)

Xestión procesual e administrativa

225,0

2.700,0

Tramitación procesual e administrativa

225,0

2.700,0

Auxilio xudicial

225,0

2.700,0

Medicina forense

225,0

2.700,0

O incremento producirase en tres anualidades (2026, 2027 e 2028), distribuíndo unha porcentaxe sobre o total do 40 % o primeiro ano e o 30 % nos dous seguintes, con efectos económicos cadanseu incremento o 1 de xaneiro de 2026, 2027 e 2028, ata acadar a súa totalidade no último ano, de tal forma que o persoal funcionario cobrará o primeiro ano o 40 % da cantidade pactada, o segundo ano o 70 %, e así ata chegar ao 100 % no ano 2028.

2. Implantación da Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de Xustiza.

As organización sindicais asinantes do acordo se comprometen ao apoio da implantación do novo modelo de oficina xudicial, das oficinas de xustiza nos municipios e das oficinas de Rexistro civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e á negociación coa Administración das RPT correspondentes a cada unha das oficinas, conforme o artigo 522 da Lei orgánica do poder xudicial, co obxecto de que a implantación das novas oficinas se leve a cabo nos prazos fixados na Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, unha vez constituídos os tribunais de instancia.

Así, o incremento retributivo recollido no punto primeiro queda supeditado a que efectivamente se poña en marcha a nova oficina xudicial, sen prexuízo da negociación sindical que corresponda en cada fase.

3. Garantía de non diminución nin incremento de efectivos.

A aprobación das relacións de postos de traballo derivadas da implantación da Lei 1/2025, do 2 de xaneiro, non suporá amortización do número total de prazas existentes na actualidade para cada un dos corpos do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, sen prexuízo de que se produza a amortización daquelas prazas derivadas de plans de amortización acordados con anterioridade.

Tampouco procederá a consolidación de reforzos nin a creación de novas prazas. A Dirección Xeral comprométese a avaliar na mesa sectorial de xustiza a situación en materia de persoal nos seguintes seis meses á creación da oficina, por se fose preciso a creación, a supresión ou a reordenación dos postos existentes.

4. Negociación sindical.

A Xunta de Galicia garante a negociación coas organizacións sindicais de todas aquelas materias derivadas do proceso de implantación do novo modelo de oficina xudicial, das oficinas de Xustiza nos municipios e das oficinas de Rexistro civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que conforme a normativa aplicable sexan obxecto de negociación. E en relación con este tema, en todo o que non sexa preceptiva a negociación sindical, a Dirección Xeral comprométese no marco das súas competencias a informar con carácter previo ás organizacións sindicais de calquera actuación que sexa de interese, ou que estas soliciten, habilitando un período previo para formular achegas.

5. Contías dos postos singularizados.

As contías que se vai considerar para os postos singularizados que se creen tomarán como referencia as contías establecidas nos postos singularizados da Oficina Fiscal en Galicia, que abranguen para o corpo de Xestión Procesual e Administrativa cantidades a maiores respecto dos postos xenéricos entre os 153,31€ e os 281,11€ e para o corpo de Tramitación Procesual e Administrativa entre os 153,31 € e os 204,44 €, de conformidade coa valoración de postos que, se é o caso, corresponda. Dado que non existen postos singularizados do corpo de auxilio, as contías que resulten da valoración de postos non poderán superar as establecidas para o corpo de tramitación procesual e administrativa.

6. Proceso de reordenación.

A Xunta de Galicia garante que o proceso de reordenación do persoal ao servizo da Administración de Xustiza de Galicia se desenvolverá primando a voluntariedade para acceder a novos postos, sen que poida producirse un cambio de localidade, salvo conformidade expresa do persoal afectado.

7. Ámbito de aplicación.

Este acordo será de aplicación ao persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia a que se refire o artigo 470 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

8. Comisión de seguimento.

Constituirase unha comisión de seguimento paritaria formada por igual número de membros por cada parte.

Pola Administración estará integrada por representantes da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Pola parte sindical, polos membros designados por cada unha das organizacións sindicais asinantes deste acordo. Esta comisión estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza ou pola persoa en quen esta delegue. As súas funcións son a interpretación e o seguimento do cumprimento das cláusulas deste acordo.

Disposición derradeira primeira.

Este acordo deixa sen efecto o Acordo acadado o 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sinaturas:

Pola Xunta de Galicia:

José Tronchoni Albert, director xeral de Xustiza.

Polas organizacións sindicais:

SPJ-USO: Julio Bouza Bouza.

STAJ: Enrique Araújo Martínez.

AXG-CUT: Pablo Valeiras Ríos.

UGT: Sergio Riveiros Rico.

CSIF: Áurea Fernández Basanta.

CC.OO.: Jorge Juan Suárez Fernández.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza