DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 18 de decembro de 2025 Páx. 64873

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 17 de decembro de 2025 pola que se convocan axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2025 e coa posibilidade de conceder anticipos (código de procedemento PE155C).

Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, sobre a política pesqueira común (PPC), establece no seu artigo 35 a creación dunha organización común de mercados (OCM), de xeito que as actividades da produción pesqueira e acuícola, incluídas a transformación e a comercialización, sexan economicamente viables e competitivas, e encoméndalles ás organizacións profesionais o papel para alcanzar estes obxectivos.

A organización común de mercados regúlase no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector de produtos da pesca e da acuicultura.

O Regulamento de execución (UE) nº 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro, desenvolve o Regulamento (UE) nº 1379/2013, en relación cos plans de produción e comercialización (PPeC).

O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), establece no seu artigo 26.1.b) o obxectivo específico de «promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e da acuicultura, así como da transformación dos ditos produtos», encadrado na prioridade número dúas do FEMPA: «fomentar as actividades sustentables da acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión.».

O Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período de programación 2021-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 29 de novembro de 2022, establece os instrumentos financeiros para a aplicación das medidas do FEMPA. En relación coas organizacións profesionais de produtores pesqueiros (OPP), o fin último é fomentar as accións desempeñadas por estas entidades, especialmente as relacionadas cos seus plans de produción e comercialización para que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo o papel que lles asigna a organización común de mercados da pesca.

O Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, pola súa vez modificado polo Real decreto 786/2023, do 17 de outubro, establece nos seus artigos 4 e 16 a posibilidade de concesión de anticipos ás axudas aos plans de produción e comercialización (PPeC), posibilidade que se recolle no punto 4 do artigo 26 das bases reguladoras destas axudas.

As bases reguladoras das subvencións a que se refire esta convocatoria aprobáronse mediante a Orde do 26 de setembro de 2024, que establece as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o período 2021-2027, códigos de procedemento PE155C e PE155D (DOG nº 193, do 7 de outubro).

Para desenvolver as bases reguladoras, a presente orde recolle a convocatoria de axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización (PPeC) das organizacións de produtores pesqueiros e das súas asociacións de ámbito galego, correspondentes ao ano 2025. Estas axudas inclúen a posibilidade de solicitar os anticipos con carácter previo á xustificación do proxecto, co obxectivo de apoiar financeiramente a execución dos devanditos plans.

Para articular o procedemento, divídese en dúas fases, a de anticipo e a de axuda.

Na fase do anticipo, en desenvolvemento da previsión recollida nas bases reguladoras e na normativa básica estatal, as OPP interesadas poderán solicitar en concepto de anticipo o 25 % do importe aprobado no PPeC referido ao ano 2025. O prazo de presentación de solicitudes de anticipo será dun mes.

A segunda fase do procedemento terá por obxecto a concesión das axudas para a preparación e aplicación dos PPeC de 2025, unha vez xustificado por completo o proxecto. Esta fase abrirase mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, unha vez rematado o procedemento de aprobación dos informes de actividade da execución dos PPeC.

As entidades disporán dun prazo dun mes para presentar a súa solicitude. Nesta fase o órgano concedente determinará os proxectos subvencionables e a intensidade aplicable a cada medida, fixará deste xeito o importe da axuda e efectuará, de ser o caso, o seu pagamento.

Para aquelas OPP que solicitasen o anticipo, o pagamento final da axuda quedará condicionado á xustificación completa dos gastos e ás comprobacións realizadas polo órgano concedente, e efectuarase a dedución do importe anticipado sobre o que corresponde da axuda.

No caso de non solicitar o anticipo, as entidades percibirán o importe íntegro da axuda.

Por outro lado, tamén se introducen cambios significativos na xustificación da execución do proxecto.

Para tales efectos, a xustificación da execución das medidas integrarase no procedemento establecido para a aprobación dos informes anuais da execución dos PPeC. Desta forma e xunto co informe anual das actividades executadas, as entidades deberán achegar a documentación precisa para determinar o importe subvencionable de cada medida que sexa susceptible de obter axuda.

Cando a entidade tramitadora lle faga a proposta de aprobación do informe anual de actividades ao órgano competente para a súa aprobación, poderá incluír nela unha proposta de aprobación da conta xustificativa que inclúa o importe dos gastos subvencionables xustificados sobre o que se aplicarán as intensidades da axuda que corresponda, segundo o caso.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece como propia a competencia exclusiva en «pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura» e o Decreto 210/2022, do 1 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece que lle corresponde á Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, Servizo de Mercados, o exercicio do «fomento da creación e o control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector, recoñecidas no marco da organización común de mercados».

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, procede convocar as axudas para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercializacións das organización de produtores pesqueiros e das súas asociacións, de ámbito exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia executados no ano 2025.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é convocar as axudas para a preparación e a aplicación dos plans de produción e comercialización (PPeC) que executen en 2025 as organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, recoñecidas no ámbito autonómico de Galicia, en desenvolvemento do capítulo II do título I da Orde do 26 de setembro de 2024 que establece as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (DOG número 193, do 7 de outubro de 2024) (en diante, bases reguladoras).

A información asociada ao procedemento das axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/), co código de procedemento PE155C.

2. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia, establecidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

3. Tamén é obxecto desta orde permitir que aquelas organizacións de produtores pesqueiros que o consideren oportuno poidan, de xeito voluntario, solicitar un anticipo para a execución do seu PPeC por un importe do 25 % do importe da Resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica pola que se aprobou o Plan de produción e comercialización (PPeC) da entidade referido á anualidade 2025.

No caso de que o Plan de produción e comercialización teña carácter plurianual, o anticipo calcularase sobre o importe consignado no PPeC referido exclusivamente á anualidade 2025.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar estas axudas as organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores con ámbito exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren dadas de alta no Rexistro establecido no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, tanto se solicitan un anticipo coma se non.

Artigo 3. Requisitos, obrigas e compromisos das entidades beneficiarias

Para acceder a estas axudas, as entidades solicitantes deben cumprir os requisitos xerais e específicos que se establecen nas bases reguladoras, así como os sinalados na presente orde, e será necesario ter obtido a aprobación do Plan de produción e comercialización (PPeC) na fase do anticipo, e do informe anual de actividades correspondentes ao ano 2025 na fase da axuda.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Estas axudas faranse efectivas con cargo ao orzamento da Consellería do Mar, a través da aplicación orzamentaria que se especifica a continuación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 e 2026.

A contía máxima total será de tres millóns seiscentos mil euros (3.600.000,00 euros) e distribuirase da forma seguinte:

Liña de axuda

Anualidade

Proxecto contable

Aplicación orzamentaria

Contía (euros)

Preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización

2025

2023 00196

16.02.723B.780.0

650.000,00

16.02.723B.770.0

150.000,00

2026

2023 00196

16.02.723B.780.0

2.275.000,00

16.02.723B.770.0

525.000,00

Total

3.600.000,00

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos establecidos no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da citada Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. No caso de que sexa necesaria unha alteración na distribución dos créditos orzamentarios establecidos no punto 2 deste artigo, non será precisa unha nova convocatoria, pero si a realización das modificacións que procedan no expediente de gasto.

4. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de ditarse a resolución de concesión da axuda.

Artigo 5. Cofinanciamento dos fondos europeos

1. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea nun 70 % a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 30 % restante.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo FEMPA 2021-2027 abarca desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2027, como establece o artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

O cofinanciamento da Unión Europea a estas axudas encádrase no FEMPA a través:

– Da prioridade 2. Fomentar as actividades sostibles de acuicultura, así como a transformación e comercialización dos produtos da pesca e a acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria da Unión.

– Do obxectivo específico 2.2. Promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e a acuicultura, así como da transformación dos ditos produtos.

– Do tipo de actividade 2.2.1. Mellora da organización do sector. Plans de produción e comercialización.

– Do tipo de intervención 2. Promover as condicións para uns sectores da pesca e a transformación economicamente viables, competitivos e atractivos.

Artigo 6. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Para optar á concesión destas axudas, as entidades solicitantes terán as seguintes obrigas:

a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ser debedoras da Xunta de Galicia por calquera outro ingreso de dereito público.

b) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

Así mesmo, deberán comunicarlle ao órgano concedente calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

c) Manter o cumprimento das condicións recollidas no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, despois de presentar a solicitude e por todo o período de execución da operación e durante un período de cinco (5) anos despois da realización do pagamento final ás entidades beneficiarias.

d) Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

e) Cumprir co disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en relación coa durabilidade das operacións subvencionadas.

f) Conservar durante un prazo de cinco (5) anos, contados a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o derradeiro pagamento á entidade beneficiaria, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, conforme o disposto polo artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

g) Levar unha contabilidade separada ou dispor dun código contable adecuado ás transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento, e achegar na fase de xustificación do gasto o cumprimento das obrigas en materia de contabilidade, de conformidade co establecido no artigo 74.1.a) e i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

h) Someterse ás actuacións de comprobación e seguimento que deberá efectuar o órgano instrutor, así como someterse a calquera outra actuación de comprobación ou de control financeiro que efectúen os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.

j) Indicar no momento da solicitude os datos necesarios para cubrir os indicadores do proxecto.

k) Se a realización do proxecto comporta a xeración de residuos, deberanse cumprir as condicións sinaladas para cada tipo de residuo na normativa sectorial.

2. As organizacións de produtores pesqueiros que resulten beneficiarias das axudas que se regulan nesta convocatoria deben dar un axeitado cumprimento aos requisitos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, para que a operación sexa elixible para os efectos obter apoio financeiros dos fondos europeos.

3. As entidades beneficiarias deberán comprometerse a respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea; ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación; evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

4. Ademais de todas as obrigas establecidas neste artigo, as entidades beneficiarias deberán cumprir durante os cinco (5) anos seguintes ao pagamento final as condicións establecidas no artigo 18 das bases reguladoras

Artigo 7. Obrigas específicas relacionadas coa publicidade do financiamento das operacións financiadas

1. As entidades beneficiarias teñen obrigas específicas en materia de publicidade para dar a coñecer o cofinanciamento das operacións subvencionadas, nos termos establecidos no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e para tal efecto:

a) Se a entidade beneficiaria dispón de web ou contas en redes sociais, realizará unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda financeira da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia de maneira visible.

No caso de elaboración de notas de prensa para a súa publicación nos medios de comunicación, débese indicar na nota de prensa a subvención pública por parte dos fondos da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, gardar as noticias, exemplares, arquivos, vídeos ou cuñas dos medios onde se publiquen.

c) No caso de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen os equipos adquiridos e teñan un custo total superior a 100.000 euros, instalarán placas ou valos publicitarios en lugares visibles ao público onde apareza o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do 24 de xuño, e o da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Para as operacións non incluídas na letra c) anterior, as entidades beneficiarias exhibirán nun lugar ben visible un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, e destacarán a axuda financeira da Unión Europea e da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No momento de xustificar o gasto, a persoa beneficiaria ten a obriga de achegar acreditación do cumprimento das súas obrigas en materia de publicidade, de conformidade co establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Artigo 8. Gastos subvencionables e acreditación

1. Os gastos subvencionables deberán realizarse durante o período de execución a que se refira a resolución de aprobación do informe anual de 2025, polo que a data das facturas deberá ser do ano 2025.

Exceptúanse da regra anterior os gastos do informe do/da auditor, da auditoría bienal e os gastos para a preparación do plan de produción e comercialización e o informe anual, que serán subvencionables con anterioridade ou posterioridade ao devandito período de execución.

2. O importe máximo subvencionable non poderá ser superior a 3.000 euros para o informe de auditor, 3.000 euros para a auditoría bienal e 5.000 euros para preparar a presentación do plan de produción e comercialización e o informe anual.

3. Considérase gasto realizado o efectivamente pagado antes do último día do mes de febreiro de 2026 e xustificado de acordo co establecido no artigo 17 desta orde.

4. As medidas previstas nos PPeC poderán ser executadas directamente a través do titular do proxecto, por terceiros ou mediante unha combinación de ambos.

Considéranse gastos do/da titular aqueles gastos relativos ao persoal de estrutura ou contratado por unha duración determinada para a supervisión, preparación e elaboración dos PPeC, ou a execución das medidas recollidas nos plans, así como aqueles gastos de viaxe que procedan como todo ou parte dunha medida aprobada no PPeC.

Consideraranse gastos de xestión aqueles gastos debidos a terceiros e derivados de servizos externos, subministracións, obras, convenios ou outros gastos de viaxes non incluídos no punto anterior para a preparación ou execución de medidas do PPeC da entidade solicitante.

Consideraranse gastos de xestión aqueles gastos debidos a terceiros e derivados de servizos externos, subministracións, obras, convenios ou outros gastos de viaxes non incluídos no punto anterior para a preparación ou execución de medidas do PPeC da entidade solicitante.

5. Serán subvencionables os custos indirectos do proxecto, que serán calculados de oficio polo órgano xestor aplicando unha porcentaxe fixa do 15 % sobre os custos directos de persoal da organización.

Este punto non será de aplicación ás organizacións profesionais que sexan beneficiarias das axudas á consolidación referidas aos gastos da anualidade 2025.

6. Para o cálculo dos custos directos de persoal, en aplicación do disposto nos puntos «1.1.1 Gastos de persoal de estrutura» e «1.1.2. Gastos de persoal contratado expresamente para a preparación e/ou execución das medidas dos PPeC», a que se refire o artigo 29 das bases reguladoras que regula a clasificación e desagregación dos gastos subvencionables, aplicarase o seguinte custo unitario máximo por hora e grupo profesional:

Grupo profesional

Euros/hora

I: titulado superior

26,62

II: titulado de grao medio

22,52

III: especialistas encargados/as

19,37

IV: oficial de segunda administrativo e oficial de segunda

16,10

V: persoal subalterno e de servizos específicos non titulado

14,62

7. As actuacións subvencionables son aquelas a que se refire o artigo 27 das bases reguladoras e deben cumprir co que se establece para cada tipo de gasto nos artigos 28 e 29 das citadas bases.

8. O artigo 30 das referidas bases recolle unha relación de gastos que non poderán ser subvencionables.

Artigo 9. Cálculo da axuda

1. Como regra xeral, a intensidade da axuda será dun 75 %. Non obstante, naqueles casos previstos no artigo 25 das bases reguladoras, poderán existir determinados gastos subvencionables no marco de cada medida que poidan optar a unha intensidade superior.

2. O calculo da axuda realizarase aplicando a intensidade que corresponda, segundo o tipo de actuación executada de acordo co establecido no artigo 25 das bases reguladoras, aos gastos subvencionables xustificados polas entidades beneficiarias na forma establecida nos termos establecidos no artigo 17 desta orde.

3. A axuda concedida non poderá superar o 12 % do valor medio anual da produción comercializada pola entidade beneficiaria durante os tres (3) anos anteriores á resolución de aprobación do PPeC.

Para o cálculo da produción, entenderase a suma do valor da produción comercializada por cada un dos membros da OPP, ou a suma do valor da produción de cada un dos membros que compoña unha AOP.

Respecto a entidades recentemente recoñecidas, a axuda non excederá o 12 % do valor medio anual da produción comercializada polos seus membros durante os tres (3) anos civís anteriores.

4. Comprobarase o valor e o volume da produción comercializada a partir dos datos estatísticos oficiais dispoñibles en aplicacións, bases de datos e noutras fontes oficiais. No caso de detectaren discrepancias entre o declarado pola entidade beneficiaria e as fontes oficiais, terase en conta o disposto nestas últimas.

Artigo 10. Certificación de non inicio e fin de obra

1. No caso de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, un/unha funcionario/a designado/a pola consellería competente en materia de pesca e acuicultura deberá levantar unha acta de certificación de non inicio, sempre por petición da entidade beneficiaria, antes de comezar esta, nos termos establecidos no artigo 33 das bases reguladoras.

2. No caso de non solicitala, a medida non será subvencionable. A Administración determinará a pertinencia ou non da petición, segundo proceda.

3. Unha vez finalizadas as actuacións, a entidade deberá solicitar a correspondente acta da certificación da fin da obra.

4. As solicitudes da acta de non inicio e da acta de fin de obra deberán dirixirse ao Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Artigo 11. Fases do procedemento

Este procedemento para a concesión de axudas aos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueira galegas dividirase en dúas fases: a fase de concesión do anticipo e a fase de concesión da axuda.

Artigo 12. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tanto na fase do anticipo como na fase da axuda.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes deberán axustarse ao establecido nas bases reguladoras.

Artigo 13. Presentación de solicitudes na fase do anticipo

1. Aquelas organizacións de produtores pesqueiros que aprobasen o seu PPeC de 2025 mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e que desexen solicitar un anticipo do 25 % do importe do plan deberán presentar a solicitude (anexo I) enchendo as epígrafes específicas referidas á fase do anticipo e achegarán a documentación correspondente.

2. A presentación da solicitude do anticipo ten carácter potestativo e o prazo para a súa presentación será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo finaliza o último día do mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 14. Normas aplicables ao anticipo

1. Á concesión dos anticipos aplicarase o disposto no artigo 26 das bases reguladoras e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para tales efectos:

a) O pagamento do anticipo efectuarase antes da execución e xustificación da actividade subvencionada.

b) Con posterioridade á concesión do anticipo non se aceptarán modificacións dos PPeC que supoñan unha diminución do importe da axuda por debaixo do 50 % do importe aprobado do PPeC.

c) Para esta convocatoria, en virtude do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as organizacións de produtores pesqueiras de Galicia que teñan aprobados os seus plans de produción e comercialización referidos a 2025 quedarán eximidas da obriga de constituír a garantía prevista no artigo 26 das bases reguladoras.

2. Unha vez concedido o anticipo, o pagamento da fase da axuda quedará condicionado á xustificación da totalidade dos gastos, unha vez que o órgano concedente efectúe todas as comprobacións necesarias.

3. Tras ser determinado o importe da axuda, descontarase deste o anticipo concedido e, de ser o caso, procederá o reintegro total do anticipo no suposto de que a entidade non solicite a axuda no prazo establecido no artigo 15 desta convocatoria de axudas ou non resulte beneficiaria.

Procederá o reintegro parcial pola diferenza no suposto de que o importe da axuda sexa de contía inferior ao anticipo concedido.

Igualmente, serán causa de reintegro os demais supostos previstos no artigo 19 das bases reguladoras.

Naqueles casos en que proceda o reintegro, xa sexa total ou parcial do anticipo ou da axuda concedida, procederá igualmente o ingreso dos correspondentes xuros de demora, nos termos establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Unha vez que a Comisión de Valoración estude as solicitudes de anticipos, e de non alcanzar o crédito para atender todas as solicitudes, ratearase o importe global entre as entidades solicitantes.

5. As entidades que reciban un anticipo estarán obrigadas a xustificar os gastos realizados por un importe igual ou superior ao do anticipo concedido, e achegarán a documentación correspondente. O prazo da entrega da documentación xustificativa dos gastos anticipados será ata o 31 de xaneiro de 2026.

Artigo 15. Presentación de solicitudes na fase da axuda á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización

1. A presentación da solicitude na fase da axuda aos PPeC executados no ano 2025, tanto se se solicitou un anticipo coma se non, farase a través de solicitude (anexo I), nos termos establecidos no punto 1 do artigo 12, enchendo as epígrafes específicas referidas á fase da axuda e achegando a documentación correspondente.

2. O prazo para presentar a solicitude da axuda será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se abre o prazo da fase para a presentación das solicitudes de axudas aos plans de produción e comercialización do ano 2025 das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A data de publicación da resolución para a apertura da fase de presentación das solicitudes da fase de axudas aos plans de produción e comercialización do ano 2025 das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia non será anterior ao 1 de xuño de 2026.

Artigo 16. Documentación complementaria

As entidades solicitantes destas axudas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria, segundo a fase do procedemento a que se refira a solicitude:

1. Fase do anticipo:

a) Poder suficiente, ou outra documentación acreditativa, da persoa física que actúe en nome e representación da organización, salvo que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.

b) Copia da escritura de constitución e dos estatutos da sociedade, así como das modificacións ulteriores debidamente inscritas no rexistro que corresponda.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta nas obrigas tributarias.

d) Certificado de antecedentes penais da persoa xurídica. Obterase a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza e conterá a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de comprobar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP, FEMP ou FEMPA.

e) Resolución de aprobación do Plan de produción e comercialización referido á anualidade 2025.

2. Fase da axuda: resolución de aprobación do informe anual de actividades referido á anualidade 2025, derivado do Plan de produción e comercialización.

3. Aquelas entidades que non presentasen a solicitude do anticipo deberán presentar a totalidade da documentación complementaria a que se refiren os puntos anteriores no prazo establecido para presentar a solicitude na fase de axuda.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será preciso achegar os documentos xa presentados con anterioridade pola entidade solicitante ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que se obterán electronicamente a través das redes corporativas ou a través da consulta ás plataformas de intermediación de datos e outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da entidade solicitante.

De xeito excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse de novo a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

6. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o faga necesario ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias presentadas polas entidades solicitantes, para o cal poderá requirir a achega do documento ou da información orixinal.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de maneira presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Sempre que se realice a achega de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, no caso de dispor del.

Artigo 17. Forma e prazo de presentación da conta xustificativa

1. O artigo 15.1 do Real decreto 277/2016 establece que as OPP e as asociacións de organizacións de produtores da pesca e da acuicultura (AOP), de ser o caso, presentaranlle á Administración competente un informe anual sobre a aplicación dos plans de produción e comercialización aprobados, xa sexan anuais ou plurianuais, antes do 28 de febreiro de cada ano.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a presentación destes informes anuais faise nos termos establecidos pola Resolución do 8 de agosto de 2018 pola que se establecen os formularios de presentación de documentación do procedemento para os plans de produción e comercialización e informes anuais de organizacións de produtores pesqueiros e de asociacións de organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura, con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PE211A).

2. A documentación necesaria para acreditar a realidade dos gastos subvencionables das axudas reguladas nesta convocatoria, referida a 2025, será achegada polas entidades beneficiarias, no marco do procedemento establecido para a aprobación dos informes anuais de actividades dos plans de produción e comercialización, antes do 28 de febreiro de 2026.

As entidades beneficiarias deberán achegar a seguinte documentación, que será a que se terá en conta para determinar os gastos subvencionables da axuda:

a) Anexo II: formulario de gastos subvencionables por medida.

b) Anexo III: relación de xustificantes, na cal irán relacionados e clasificados por medida os investimentos da actividade, coa identificación do provedor, o número da factura, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

c) Anexo IV: memoria resumo que inclúa o importe aprobado por medida do PPeC, o importe dos informes anuais e os gastos executados e xustificados.

d) Anexo V: gastos de persoal, onde se detalle o obxecto dos traballos levados a cabo e o tempo de execución expresado en horas por persoa e medida.

e) Anexo VI: gastos de persoal, no cal se expresarán os gastos de persoal propio dedicado á supervisión, control ou elaboración das medidas do PPeC.

f) Anexo VII: gastos de persoal, coa relación de xustificantes de pagamento das nóminas en que irán relacionados os xustificantes de pagamento das nóminas.

g) Anexo VIII: gastos de viaxes, onde se detalle a xustificación do gasto e a liquidación individual do gasto.

h) A seguinte documentación complementaria de xustificación:

– Xustificantes dos investimentos efectuados. De xeito xeral, consistirán nas facturas e demais xustificantes de gasto con valor probatorio equivalente, contratos e nóminas (detalladas ao máximo posible).

– Xustificantes das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Identificaranse as facturas pagadas, os seus importes e o/a destinatario/a.

– Memoria de persoal, que será un documento explicativo composto por tres partes.

A primeira comprenderá unha descrición xeral da estrutura do persoal da entidade, coa identificación dos postos de traballo, as persoas que os ocupan e as funcións xerais de cada posto.

A segunda parte deberá detallar as tarefas executadas durante a anualidade, a descrición básica das actividades levadas a cabo, a medida a que se lle imputa, a data de inicio e de fin da tarefa e as horas, desagregadas por meses, que requiriu a execución.

A terceira parte deberá incluír evidencias básicas que permitan pór de manifesto a realización das tarefas alegadas na segunda parte.

O documento deberá ser coherente e estar asinado pola persoa responsable de persoal da OPP.

– Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Deben achegarse os documentos RNT (relación nominal e traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e os modelos 111 (retencións de ingresos á conta do IRPF) e 190 (resumo anual), de ser o caso.

– Xustificante do pagamento das nóminas.

– No caso de solicitar axudas polo IVE non recuperable, cando este fose pagado de xeito efectivo e definitivo por beneficiarios distintos das persoas que non son os suxeitos pasivos a que se refire o artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido, achegarase unha declaración responsable que acredite tal circunstancia e o modelo 390. IVA. Declaración resumo anual.

i) Cando o importe do gasto unitario supere os 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou os 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a entidade beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres (3) ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas farase atendendo a criterios de eficiencia e economía.

j) No caso de axudas de máis de 30.000 euros, as entidades, para seren beneficiarias destas axudas, deberán dar cumprimento ao establecido no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, presentando a documentación que corresponda para acreditar o seu cumprimento.

k) Nos casos de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, as correspondentes solicitudes de certificacións de non inicio e de fin de obra, ás cales se refire o artigo 10 desta convocatoria. As ditas certificacións, unha vez realizadas pola unidade competente da Consellería do Mar, serán incorporadas ao expediente de oficio pola unidade tramitadora destas axudas.

l) No caso de contratos superiores aos 60.0000 euros, as autorizacións previas para asinar os contratos, emitidas nos termos do punto 2 do artigo 29 das bases reguladoras.

3. Para a achega da documentación complementaria da xustificación, as organizacións de produtores deberán facer uso da aplicación informática OPPGA, que a Consellería do Mar ten habilitada para os efectos de achegar a documentación complementaria que se debe presentar cos informes anuais.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse de oficio os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Fase de anticipos:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa que actúa como representante.

c) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

d) Informe acreditativo de non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións emitido pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

e) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia) obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

f) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

g) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

h) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

– Fase de axudas:

a) Resolución da axuda outorgada para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado, no caso de axudas outorgadas pola Xunta de Galicia.

b) Concesións de subvencións e axudas.

c) Non ter sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA.

d) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infrinxir a normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade competente da Consellería do Mar.

e) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave na política pesqueira común (PPC), do Regulamento (CE) 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control.

f) Informe acreditativo de non estar nin ter estado involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na listaxe comunitaria dos buques INDNR, segundo o disposto no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 1139/2021, relativo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

g) Rexistro Central de Titulares Reais.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos acreditativos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite obter os documentos sinalados, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a súa achega.

4. O órgano que tramite as axudas fará calquera outra comprobación exixida pola lexislación vixente, logo da comunicación á entidade solicitante. En todo caso, faralle saber os efectos de manifestar a súa oposición ou, de ser o caso, a necesidade de achegar a documentación xustificativa exixida pola normativa correspondente.

Artigo 19. Comisión de Valoración

1. Na dirección xeral competente en pesca e acuicultura constituirase unha Comisión de Valoración para examinar e avaliar os expedientes.

2. A Comisión de Valoración estará composta polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar.

b) Secretaría: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Mercados.

c) Vogais: dúas persoas funcionarias adscritas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designadas pola persoa que ocupe a presidencia da Comisión de Valoración.

3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, as persoas que compoñan a Comisión poderán ser substituídas pola persoa que designe a persoa que ocupe a presidencia. O referido órgano colexiado precisará da asistencia, polo menos, da maioría simple dos membros para levar a cabo a avaliación.

4. As reunións da Comisión de Valoración poderán ter lugar tanto de xeito presencial como a distancia, nos termos establecidos na normativa vixente que lle sexa de aplicación.

5. A Comisión de Valoración poderá propor que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta avaliación das solicitudes de que se trate.

6. A Comisión de Valoración poderá traballar asistida dos asesores que xulgue necesarios, así como solicitar informes a técnicos expertos na materia, externos ou internos.

A Comisión de Valoración reunirase en sesión única para a elaboración das propostas de concesión ao órgano outorgante, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non esgote o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións xulgue necesarias e emitir propostas parciais de outorgamento en cada unha das sesións.

Artigo 20. Criterios de valoración

1. O Programa operativo para España do FEMPA 2021-2027, aprobado pola Decisión de execución da Comisión Europea do 29 de novembro de 2022, dispón que os Estados membros aprobarán criterios xerais para todas as actuacións cofinanciadas, para asegurar que as operacións subvencionadas están encamiñadas ao logro dos obxectivos FEMPA, e criterios específicos para cada unha das medidas. Para tal efecto, os criterios foron aprobados mediante o Comité de Seguimento do FEMPA, e están recollidos nos artigos 9 (criterios xerais) e 31 (criterios específicos) das bases reguladoras.

2. Os criterios de valoración xerais avaliarán a adecuación das medidas executadas nos plans de produción e comercialización de acordo co disposto no documento «Criterios de selección do FEMPA», aprobados polo Comité de Seguimento. Poderase obter un máximo de 10 puntos, dispostos como segue:

a. Contribución á estratexia, á análise DAFO do programa operativo do FEMPA e ao tipo de actividade do programa. Máximo de 6 puntos.

b. Adecuación dos indicadores de resultado. Máximo de 2 puntos.

c. Contribución a outros plans estratéxicos, prioridades e obxectivos específicos. Máximo de 2 puntos.

3. Criterios horizontais ambientais e sociais: entenderase como tal a consecución dos obxectivos de eficiencia enerxética e interese colectivo, tal e como queda disposto no artigo 31.2, letras a) e b), das bases reguladoras. Poderanse obter un máximo de 4 puntos distribuídos como segue:

a. Contribución ao obxectivo de eficiencia enerxética: máximo de 2 puntos.

b. Contribución ao obxectivo de interese colectivo: máximo de 2 puntos.

4. Criterios específicos de viabilidade técnica e económica: entenderase como tal a propia aprobación dos PPeC, mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, tal e como se dispón no artigo 31.2.c) das bases reguladoras.

5. Criterios específicos de tipo de actividade: entenderase como tal a aprobación dos PPeC, así como os seus correspondentes informes anuais de actividade, mediante resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, segundo o disposto no artigo 31.2.d) da orde das bases reguladoras.

6. Sobre o sistema de puntos que se describe nas epígrafes anteriores, cabe aplicar a asignación nas porcentaxes descritas no documento «Criterios de selección do FEMPA». Corresponde un 30 % aos criterios xerais, un 20 % aos horizontais ambientais e sociais, un 20 % aos específicos de viabilidade técnica e o 30 % que resta aos específicos de tipo de actividade.

7. A Comisión de Valoración emitirá un informe de acordo coa puntuación obtida, en aplicación dos criterios xerais e específicos, no cal se valorarán as solicitudes da seguinte forma:

– Valoración alta: máis de 65 e ata 100.

– Valoración media: máis de 40 e ata 65.

– Valoración baixa: de 12 e ata 40.

– Valoración excluída: inferior a 12.

8. Segundo o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de non alcanzar o orzamento fixado nesta convocatoria para a totalidade dos proxectos subvencionables, ratearase o importe global máximo destinado ás subvencións entre os beneficiarios.

9. A valoración dos proxectos na fase do anticipo farase tendo en conta exclusivamente os datos incluídos no Plan de produción e comercialización, polo que terá, de ser o caso, carácter provisional.

Esta valoración será revisada na fase de axuda á vista da totalidade da documentación xustificativa, momento en que a valoración do proxecto terá carácter definitivo e procederá aplicar a intensidade que corresponda a cada medida que forme parte do proxecto.

Artigo 21. Tramitación do procedemento

A tramitación desta axuda seguirá o disposto no capítulo I do título I das bases reguladoras.

O órgano competente para tramitar o procedemento a que se refire o artigo 7 das bases reguladoras será nesta convocatoria de axudas o Servizo de Mercado da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Artigo 22. Prazo máximo para resolver

1. O prazo máximo para ditar a resolución de concesión do anticipo será de catro (4) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para ditar resolución da fase da axuda será de catro (4) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se inicia o prazo para presentar as solicitudes nos termos dos artigo 15.

3. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a facultade para ditar as resolucións necesarias para a execución, aplicación e concesión dos anticipos e das axudas convocadas por esta orde.

No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000,00 euros por persoa beneficiaria, será necesario a autorización do Consello da Xunta de Galicia. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución.

Artigo 23. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as indicadas entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Recursos

1. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 15 non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 25. Pagamento

A solicitude de pagamento entenderase implícita e achegada na solicitude.

Para o pagamento, tanto na fase de anticipo como na fase de axuda, é imprescindible que as entidades beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

O pagamento efectuarase na conta bancaria que sexa designada pola persoa beneficiaria.

Artigo 26. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

2. A Consellería do Mar remitiralle á Base de datos nacional de subvencións información sobre as convocatorias e resolucións de concesións ditadas, nos termos establecidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 27. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 29. Responsabilidades

É responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento de todos os requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras destas axudas e nesta convocatoria.

En particular, as entidades beneficiarias deberán actuar con boa fe, executar a totalidade das actuacións e cumprir as finalidades para as cales se concede a axuda, así como realizar a adecuada xustificación documental da totalidade das actividades realizadas nos termos establecidos.

Artigo 30. Eficacia

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da publicación do seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file