DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 19 de decembro de 2025 Páx. 65248

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2025 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do esquema provisional de temas importantes en materia de xestión das augas do cuarto ciclo de planificación hidrolóxica da demarcación hidrográfica de Galicia Costa (período 2028-2033).

Os obxectivos da planificación hidrolóxica son a consecución do bo estado e a axeitada protección das masas de auga, a satisfacción das demandas de auga e o equilibrio e harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial. Estes obxectivos acadaranse protexendo a calidade do recurso, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos, en función da capacidade de asimilación dos sistemas acuáticos.

A planificación guíase por criterios de sustentabilidade no uso da auga mediante a xestión integrada e a protección a longo prazo dos recursos hídricos, a prevención da deterioración do estado das augas, a protección e a mellora do medio e os ecosistemas acuáticos e a redución da contaminación. Así mesmo, esta planificación contribuirá a paliar os efectos de inundacións e secas.

No Boletín Oficial del Estado número 35, do 10 de febreiro de 2023, publicouse o Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro, polo que se aproba o Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

Así mesmo, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 10, do 16 de xaneiro de 2015, o Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 14 deste regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, cada seis anos debe revisarse o plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica.

O artigo 11.4 do regulamento citado prevé que na primeira etapa de elaboración e proposta de revisión do plan hidrolóxico se elabore un esquema de temas importantes en materia de xestión das augas na demarcación hidrográfica Galicia Costa.

Segundo se establece no artigo 11.5 do regulamento citado, o esquema de temas importantes porase á disposición do público cunha antelación mínima de dous anos respecto ao inicio do período a que se refira o plan e polo prazo de seis meses, para que se poidan formular observacións e suxestións.

De acordo co previsto no artigo 77.1 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, correspóndelle á entidade pública empresarial Augas de Galicia a competencia para formular e elaborar o Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, o que inclúe todas as etapas no seu procedemento de elaboración.

Segundo os artigos indicados, esta dirección

RESOLVE:

1. Iniciar o proceso de revisión do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa coa realización dos traballos do cuarto ciclo de planificación hidrolóxica, correspondentes ao período 2028-2033.

2. Someter a consulta pública, durante un prazo de seis meses, o esquema provisional de temas importantes en materia de xestión das augas do cuarto ciclo de planificación hidrolóxica da demarcación hidrográfica de Galicia Costa (período 2028-2033).

Para estes efectos, o citado documento poderá consultarse desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e polo período de seis meses na páxina web de Augas de Galicia (http://augasdegalicia.xunta.gal/).

Tamén se poderá consultar nas oficinas de Augas de Galicia durante o mesmo prazo. Para facilitar esta consulta poderá solicitarse cita previa no teléfono 981 54 53 81.

Dentro do prazo establecido poderanse realizar achegas e formular as observacións e suxestións que se consideren oportunas en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario final do formulario a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e, dentro desta, Augas de Galicia.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, estes serán tratados consonte o previsto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE. A base xurídica deste tratamento apóiase no consentimento das persoas interesadas e no tratamento necesario, tanto para o cumprimento dunha obriga legal, como para o cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, de conformidade co artigo 6, punto 1, letras a), c) e e), do Regulamento (UE) 2016/679.

No que se refire aos restantes aspectos legais e técnicos sobre o tratamento de datos na participación pública, poderán consultarse no Rexistro das actividades de tratamento da entidade pública empresarial Augas de Galicia (https://www.xunta.gal/rexistro-de-actividades).

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico:

planificacionhidroloxica.augas@xunta.gal

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia