Con data do 24 de xullo de 2024, o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 dos de Vigo ditou a Sentenza 00175/2024, en procedemento DF dereitos fundamentais 0000100/2024 DF de dereitos fundamentais 0000568/2023-JA, pola que se estima o recurso contencioso-administrativo interposto por Jorge Sío Rodríguez contra a Resolución reitoral da Universidade de Vigo, do 22 de novembro de 2023, na cal se puxo fin ao proceso selectivo e promoción interna, polo sistema de concurso, para a estabilización de emprego temporal de persoal de administración e servizos, nas escalas e subescalas dos subgrupos C1 e C2 e contra as bases da convocatoria –Anexo II, epígrafe A, «Méritos profesionais»– aprobadas pola Resolución do 1 de decembro de 2002, e isto no referente a tres (3) prazas convocadas de persoal funcionario do subgrupo C1, código EC22306, da escala «Técnica especialista de tecnoloxías da información e comunicación» (TETIC), subescala de informática e, en consecuencia, anúlanse as citadas resolucións e declárase vulnerado o dereito do demandante de acceso á función pública en condición de igualdade, recoñecido no artigo 23.2 da Constitución.
A Universidade de Vigo formula recurso de apelación contra a Sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo, do 24 de xullo de 2024, o cal se desestima e obriga á Universidade a fixar unha nova valoración de méritos respectuosa cos principios constitucionais.
A Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 4 de decembro, sinala que o novo baremo terá que ser aplicado a todos e cada un dos aspirantes que foron admitidos ao proceso selectivo convocado para a cobertura das tres prazas de acceso libre de persoal funcionario do subgrupo C1, código EC22306, da escala «Técnica especialista de tecnoloxías da información e comunicación» (TETIC), subescala de informática.
A sentenza estima en parte a demanda no sentido de anular as resolucións impugnadas por considerar que se vulnerou o dereito do demandante de acceso á función pública en condicións de igualdade, recoñecido no artigo 23.2 da Constitución, ao apreciar como desproporcionada a diferenza de puntuación por mes de servizos prestados expresada no baremo, e condena a Universidade de Vigo a retrotraer as actuacións ao momento inmediatamente anterior á aprobación das bases da convocatoria e a aprobar unhas novas bases que respecten o dereito fundamental de acceso á función pública en condición de igualdade, recoñecido no artigo 23.2 da Constitución.
Con data do 19 de setembro de 2025, realízase unha reunión entre a Xerencia e a Xunta PTXAS, que inclúe na orde do día a execución da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 00175/2024 e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nº 00833/2024, e na cal se formula a necesidade de negociar unha solución para a execución da sentenza.
Con data do 7 de outubro de 2025, a Xunta PTXAS realiza proposta de valoración de méritos profesionais noutras administracións públicas no proceso de estabilización por concurso, subgrupo C1 «Técnica especialista de tecnoloxías da información e comunicación, subescala de informática», derivada da sentenza do TSX de Galicia, do seguinte xeito:
– Modificar a epígrafe A.3. Méritos profesionais; Servizos prestados noutras administracións públicas, dándolle a seguinte valoración:
3-Servizos prestados noutras administracións públicas na mesma escala, subescala ou categoría profesional equivalente á cal se opte, como funcionario interino ou persoal laboral con contrato temporal. Deberán acreditarse mediante certificación oficial na cal consten a denominación, as funcións e os períodos traballados das prazas ás cales se opte. Computarase 0,1137 puntos por mes completo traballado (…).
– O acordo de modificación será publicado mediante resolución reitoral que será remitida á Comisión avaliadora do sistema selectivo de concurso para a estabilización de emprego temporal do persoal de administración e servizos, para que realice unha nova valoración dos méritos achegados polos participantes no dito proceso, tendo en conta a modificación do novo cómputo dos servizos prestados noutras administracións públicas.
En virtude do anterior, esta reitorado, en uso das competencias que lle confire a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e os estatutos da Universidade de Vigo aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro),
RESOLVE:
Primeiro. Dar cumprimento á Sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 00175/2024 e do Tribunal Superior de Xustica de Galicia nº 00833/2024, e aprobar o novo baremo que terá que ser aplicado a todos e cada un dos aspirantes que foron admitidos ao proceso selectivo convocado para a cobertura das tres prazas de acceso libre de persoal funcionario do subgrupo C1, código EC22306, da escala «Técnica especialista de tecnoloxías da información e comunicación» (TETIC), subescala de informática.
O baremo modifícase nos seguintes termos:
– A epígrafe A.3. Méritos profesionais; Servizos prestados noutras administracións públicas, dándolle a seguinte valoración:
3-Servizos prestados noutras administracións públicas na mesma escala, subescala ou categoría profesional equivalente á cal se opte, como funcionario interino ou persoal laboral con contrato temporal. Deberán acreditarse mediante certificación oficial na cal consten a denominación, as funcións e os períodos traballados das prazas ás cales se opte. Computarase 0,1137 puntos por mes completo traballado (…).
Segundo. Retrotraer ao momento da baremación dos méritos co fin de que a da Comisión avaliadora proceda á valoración destes tendo en conta a modificación do novo cómputo dos servizos prestados noutras administracións públicas.
Terceiro. Publicar esta resolución reitoral no Diario Oficial de Galicia; a data de efectos será a partir da mencionada publicación.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpor contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 25 de novembro de 2025
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
