DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 23 de decembro de 2025 Páx. 65919

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do 14 de novembro de 2025 da Resolución do 13 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coto Muíño e a súa liña de evacuación, sito nos concellos de Vimianzo e Zas (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. (expediente IN408A 2019/022).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 13 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coto Muíño e a súa liña de evacuación.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coto Muíño e a súa liña de evacuación, sito nos concellos de Vimianzo e Zas (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U., cunha potencia de 19,27 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. De acordo co recollido no punto 4.1.4 da DIA, «proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da que se propón que o 40 % corresponderá a fase de obras e o 60 % ao de desmantelamento do parque eólico».

O importe da fianza fíxase, polo anteriormente exposto, en 278.499,23 euros, dos que 111.399,69 euros corresponderán a fase de obras e 167.099,54 euros á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, así como no punto 4.1.4 da DIA, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 13.2.2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 13.2.2024, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.3 da DIA.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, cunha antelación mínima de dez días, a data prevista para o inicio das obras.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

Este prazo quedará suspendido no caso de que exista un pronunciamento por parte dun órgano administrativo ou xudicial que suspenda a eficacia da resolución de autorización administrativa previa e de construción. Así mesmo, a Administración, logo da petición do titular da autorización, suspenderá o prazo no caso de que existisen recursos xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización sexa firme.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo da audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 11.4.2019, Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Coto Muíño, así como a súa declaración de utilidade pública, en concreto, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

2. O 19.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, comunicoulle á promotora o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación.

3. Con data do 26.11.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, na súa redacción vixente nesa data, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, e no que se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 18.1.2021, a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico. Esta modificación substancial foi admitida a trámite o 23.11.2021.

5. O 21.12.2021, a promotora presentou unha nova solicitude de modificación substancial do parque eólico, debido ao cambio do punto de conexión á rede de transporte, así como da capacidade de acceso, quedando limitada a potencia a 19,27 MW. O 18.1.2022 achegou a relación de bens e dereitos afectados actualizada. Esta modificación substancial foi admitida a trámite o 10.6.2022.

6. Con data do 15.6.2022, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral solicitou o dito informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio.

7. Con data do 5.7.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación.

8. Con data do 30.9.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Coto Muíño á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

9. Mediante o Acordo do 17.11.2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto parque eólico Coto Muíño, nos concellos de Vimianzo e Zas (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 25.11.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Vimianzo e Zas), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da dita consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público e de servizos de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial da Coruña, Naturgy Iberia, S.A., Norvento, S.L.U., Red Eléctrica de España, S.A., Orange España, S.A.U., Telefónica España, S.A., Vodafone España, S.A.U., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Concello de Vimianzo e Concello de Zas.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), o 13.1.2023; Axencia Galega de Infraestruturas, o 8.3.2023; Red Eléctrica de España, S.A., o 7.7.2023; Orange España, S.A.U., o 24.5.2023; Telefónica España, S.A., o 16.5.2023; Norvento, S.L.U., o 10.1.2023, o 5.5.2023, o 7.7.2023, o 23.11.2023 e o 16.1.2024; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., o 5.1.2023; Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), o 17.12.2022; Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 28.12.2022.

Retevisión I, S.A.U., no seu condicionado, fai constar que se producirán leves afectacións nos servizos de difusión do sinal de televisión que presta Retevisión e que non desexa manifestar oposición ao dito proxecto, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de solucionar as posibles deficiencias que na recepción do sinal de televisión se poidan producir unha vez construído o parque eólico. Con data do 13.1.2023, a promotora prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

No que respecta aos condicionados emitidos por Norvento, S.L.U., cómpre aclarar que, tal e como se recolle nos antecedentes de feito vixésimo cuarto e vixésimo quinto desta resolución, o 24.10.2025 e o 29.10.2025 a promotora achegou os acordos acadados coa mencionada sociedade, así como, no que respecta ás infraestruturas de evacuación comúns, coas demais promotoras interesadas.

En relación cos demais condicionados emitidos, a promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta a estes.

Respecto ao resto de condicionados solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a súa emisión será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

11. O 4.1.2023 recibiuse da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o certificado emitido polo Servizo de Montes da Coruña en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico. Neste certificado non se recollen montes públicos demaniais ou patrimoniais, montes xestionados pola Consellería do Medio Rural con consorcio ou convenio, nin montes veciñais en man común.

12. O 9.3.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o proxecto do parque eólico Coto Muíño, e mediante a Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (Subdirección Xeral Meteoroloxía e Cambio Climático), Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Vimianzo e Concello de Zas.

Cumprida a tramitación ambiental, o 13.2.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 14 de febreiro de 2024, da dita dirección xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 41, do 27 de febreiro).

14. Con data do 25.3.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida, resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente, así como a declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.

15. Con data do 18.4.2024, Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución do parque eólico Coto Muíño, nos termos municipais de Vimianzo e Zas (A Coruña). Abril 2024, asinado o 17.4.2024 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 18.4.2024 (folio 18, asento 135), así como o documento denominado Anexo 12. Proxecto técnico da LAT 66 kV evacuación do parque eólico Coto Muíño. Outubro 2022, asinado o 20.10.2022 polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez. Asemade, a promotora achegou a declaración responsable de afeccións, a declaración responsable prevista no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o arquivo shape coa configuración do parque eólico.

16. Con data do 18.6.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Coa mesma data, a promotora achegou a autorización emitida por AESA o 30.5.2024.

17. O 19.7.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu o informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para o proxecto técnico achegado pola promotora o 18.4.2024 a que se fai referencia no antecedente de feito décimo quinto. Segundo se recolle no propio informe, este proxecto inclúe como Anexo 12 o Proxecto técnico da LAT 66 kV evacuación do parque eólico Coto Muíño. Octubre 2022, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez.

18. O 11.6.2025, para dar cumprimento aos condicionados establecidos na declaración de impacto ambiental e no informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural o 28.11.2023, Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. presentou un novo proxecto refundido denominado Proxecto de execución del parque eólico Coto Muíño, nos termos municipais de Vimianzo e Zas (A Coruña). Maio 2025, asinado o 3.6.2025 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 5.6.2025. Este proxecto inclúe como Anexo 12 o Proxecto técnico da LAT 66 kV evacuación do parque eólico Coto Muíño. Outubro 2022, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez.

Asemade, a promotora achegou a declaración responsable de afeccións, a declaración responsable prevista no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e o arquivo shape da configuración final do parque eólico.

Así mesmo, inclúen un documento para a validación da declaración de impacto ambiental denominado: «Valoración ambiental da modificación do parque eólico Coto Muíño, derivado do condicionado incluído na DIA, nos termos municipais de Vimianzo e Zas (A Coruña) asinado o 13.5.2025, que se remite o 14.8.2025 á Dirección Xeral de Calidade Ambiental.

19. O 13.8.2025, esta dirección xeral remitiu o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito anterior ao Departamento Territorial da Coruña co fin de que emita o informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, de 22 de decembro.

20. O 10.9.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu un informe en que indica: «á vista dos cambios descritos para adaptar o proxecto ao condicionado derivado da DIA, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Neste contexto, considérase que non existen obxeccións ás modificacións propostas pola promotora, sempre que se cumpra co recollido na documentación elaborada por este e sen prexuízo do cumprimento das condicións que figuran na DIA».

21. O 8.10.2025, a promotora presenta na Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático nova documentación consistente nunha declaración responsable relativa ao trámite de separatas pola modificación do proxecto (que substitúe por erro a presentada o 11.6.2025) e na declaración responsable prevista no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ambas asinadas nesa mesma data.

22. O 14.10.2025, o Departamento Territorial da Coruña emitiu un novo informe de instalacións en relación coa nova documentación presentada pola promotora referida no antecedente de feito décimo oitavo: «Revisado o proxecto de execución do parque eólico Coto Muíño, nos termos municipais de Vimianzo e Zas (A Coruña)-maio 2025, e de acordo co alcance na consideración legal e técnica terceira e do exposto nas demais consideracións legais e técnicas, emito informe favorable sobre o proxecto, condicionado ao que se indica na consideración legal e técnica décima con respecto á empresa Norvento».

23. O 20.10.2025, o Departamento Territorial da Coruña emitiu un novo informe substituíndo o emitido o 14.10.2025, por unha errata nas coordenadas indicadas.

24. O 24.10.2025, Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. presentou o acordo acadado con Norvento, S.L. en relación co uso da infraestrutura viaria do parque eólico Monte Tourado.

25. O 29.10.2025, a promotora achegou unha addenda ao acordo de promotores para a inversión no tramo inicial da liña colectora eixe norte e na posición 66/220 denominada CT Norte da subestación colectora de Regoelle. Esta addenda introduce no dito acordo a participación efectiva de Greenalia Wind Power Coto Muíño, S.L.U. nas mencionadas instalacións.

26. O 6.11.2025, o Departamento Territorial da Coruña emitiu informe sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico, en que se conclúe que: «Na zona correspondente ao ámbito de estudo do proxecto do parque eólico Coto Muíño, nos concellos Vimianzo e Zas, da Coruña, definida pola poligonal do parque, atópase a solicitude de permiso de investigación de recursos mineiros da sección C) Lívia, número de rexistro mineiro AC/C/07092. Non obstante, esta solicitude de dereito mineiro non está afectada polas instalacións previstas no proxecto de parque eólico».

27. O 12.11.2025, en resposta ao requirimento desta dirección xeral desa mesma data, a promotora achegou a relación de bens e dereitos afectados definitiva, denominada Relación de bens e dereitos afectados polo proxecto de execución do parque eólico Coto Muíño. Novembro de 2025, asinada dixitalmente o 12.11.2025 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez.

28. O 13.11.2025, o Departamento Territorial da Coruña remitiu a esta dirección xeral o informe emitido en relación co previsto no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no que se conclúe que sobre os predios de necesaria expropiación incluídos na RBDA definitiva achegada pola promotora o 12.11.2025, non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o dito artigo.

29. O parque eólico Coto Muíño conta cos permisos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte para unha potencia de 19,27 MW, segundo os informes do xestor da rede do 13.10.2021 e do 18.6.2022.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático