Antecedentes:
Anualmente estanse a autorizar plans de pesca do patexo, do patulate e do conguito con fins non comerciais, para seren usados como engado na pesca coas artes de anzol. Estes plans elabóranse para distintos portos e neles participan embarcacións con artes de liña ou cordel, palangrillo e/ou palangre de fondo. Cómpre pois, de cara a unha xestión máis áxil, elaborar un plan único para toda a frota que traballo con estas artes.
Recíbese un informe técnico sobre o seguimento do plan de patexo, así como unhas recomendacións para o próximo plan de pesca.
Fundamentos técnicos e xurídicos:
Dentro do capítulo IV, sección primeira, do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, os aparellos, os útiles, os equipamentos e as técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, veñen reguladas as artes de nasa para a nécora e o camarón e a de nasa para o polbo.
Por outra banda, a disposición adicional primeira do devandito decreto establece o seguinte: «Autorízanse ás embarcacións que dispoñan no seu permiso de explotación de aparellos de anzol, simultanear o uso destes co emprego de nasas para o patexo (Polybius henslowi) e a nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) e os cercos para bolo, co fin de capturar o engado vivo».
Tendo en conta o anterior,
RESOLVO:
Aprobar o plan de pesca do patexo, do patulate e do conguito para o ano 2026, para as embarcacións da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes termos e condicións:
1. Ámbito.
O ámbito de aplicación deste plan serán as augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e para as embarcacións con artes menores que teñan porto base nesta comunidade.
2. Participantes.
Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan autorizado traballar coas artes de liña ou cordel ou palangrillo no seu permiso de explotación e palangre de fondo na súa licenza de pesca marítima ou no seu permiso de explotación. Tamén poderán participar aquelas embarcacións que teñan autorizado un cambio temporal para algunha das mencionadas modalidades de aparellos ou artes, sempre e cando soliciten expresamente a súa inclusión ao presente plan.
3. Artes.
As artes que se van utilizar serán:
Nasa para a nécora e o camarón ou a nasa para o polbo. O número máximo de nasas por embarcación será de 30. Estas nasas poderán quedar caladas do día anterior; incluirase a fin de semana.
Zaranda: coas características e condicións de uso seguintes:
– Trátase dunha rede de pesca en forma de cono, cunha lonxitude variable entre 30 e 50 cm cun aro metálico na boca cun diámetro de 60 cm, ao cal se amarran catro cabos (ventos) que rematan uníndose nunha tralla, a cal pola súa vez se une a un cabo madre formando caceas.
– O número máximo de zarandas será de 20, formando unha única cacea.
– As zarandas poderán estar cebadas. Neste caso, o cebo disporase pendurado entre os 4 ventos.
– A cacea permanecerá unida á embarcación por un cabo madre e será izada cando se observe que os patexos están no interior de cada zaranda.
– Os lances serán nocturnos.
– As zarandas non quedarán caladas dun día para outro.
4. Especies.
As especies obxecto da captura serán o patexo (Polybius henslowii), o patulate (Liocarcinus depurator) e o conguito (Liocarcinus corrugatus) con fins non comerciais para o seu uso como engado, e queda expresamente prohibida a captura de calquera outra especie mariña. Os individuos que non sexan obxecto desta autorización deberán ser devoltos ao mar inmediatamente.
5. Época autorizada.
A época autorizada abranguerá, con carácter xeral, desde o día 2 de xaneiro de 2026 ata o 31 de decembro de 2026, sen prexuízo das datas de inicio solicitadas polas respectivas confrarías ou entidades asociativas do sector.
6. Punto de control.
O punto de control será a zona de pesca.
7. Control e seguimento da actividade pesqueira
A) Despachos telemáticos.
As embarcacións que traballan acolléndose ao plan, deberán despachar no punto de adhesión ao plan de explotación: [«LIÑA OU CORDEL (02A); PALANGRILLO (14A); PALANGRE DE FONDO (03A) PLAN PATEXO, PATULATE E CONGUITO 2026 (C.A. GALICIA)»], segundo corresponda.
Tendo en conta o disposto na disposición adicional primeira do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, autorízase simultanear o uso destas artes co emprego de nasas co fin de capturar o engado vivo.
Por outra banda, advírtese de que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».
B) Remisión de datos de capturas.
Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir os datos de extracción do patexo, da patulate ou do conguito, utilizando como modelo o que como anexo se acompaña, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal
C) Mostraxes.
Durante o período de vixencia do plan, os técnicos da consellería poderán realizar, en calquera das embarcacións participantes, mostraxes para o control, o seguimento e a avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.
8. Extracción e comercialización.
O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan é para o uso como engado e non ten fins comerciais.
9. Infraccións e sancións.
O incumprimento das condicións establecidas neste plan, poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, perante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025
A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Cándido Rial Rodríguez
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
