DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 24 de decembro de 2025 Páx. 66002

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Eloi Caldeiro Díaz Fundación.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Eloi Caldeiro Díaz Fundación, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 6 de novembro de 2024, Eloi Caldeiro Díaz, presidente do padroado da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, de declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Eloi Caldeiro Díaz Fundación constituína Eloi Caldeiro Díaz, mediante unha escritura pública outorgada o 11 de outubro de 2024, ante o notario de Lugo, Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número de protocolo 4.211. Logo dos requirimentos do 11 de decembro de 2024; do 14 de febreiro, do 6 de marzo, do 30 de xuño e do 8 de outubro de 2025, a Fundación achega as escrituras outorgadas, na mesma cidade e ante o mesmo notario da de constitución, o 10 de xaneiro, 3 de xuño e 10 de outubro de 2025, cos números de protocolo respectivos 119, 2.457 e 4.291, que emendan a de constitución polo que respecta á súa dotación inicial.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a conservación, estudo e difusión do legado de Eloi Caldeiro Díaz, así como da súa obra nos diferentes eidos culturais nos cales se creou. Asemade, tamén poderá prestar apoio ás distintas manifestacións da cultura galega sempre que se empregue única e exclusivamente o idioma galego en todos os eidos da acción. Outros fins da Fundación serán o de estimular e favorecer a cultura galega en xeral, e especialmente orientada á literatura, á música, ao folclore-tradición, á artesanía, ás artes plásticas, ao patrimonio e, en fin, canto poida ser englobado dentro da denominación de «cultura», sempre utilizando única e exclusivamente o idioma galego tanto nas creacións orixinais como na súa comunicación e espallamento».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Eloi Caldeiro Díaz, como presidente; Juan Ángel Varela Fariña, como vicepresidente; e Isabel Gómez Gómez, como secretaria.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou, ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Eloi Caldeiro Díaz Fundación, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 2 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 15 de decembro), clasificouse de interese cultural a Eloi Caldeiro Díaz Fundación, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Eloi Caldeiro Díaz Fundación, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Eloi Caldeiro Díaz Fundación.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude