DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 26 de decembro de 2025 Páx. 66230

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha, sito nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra) e promovido por Eólica Santa Teresa, S.L.U. (expediente IN408A/2020/148).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eólica Santa Teresa, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra da Fracha, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data 3.12.2020, a promotora, Eólica Santa Teresa, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Serra da Fracha, sito nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. O 24.2.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. O 20.4.2021, a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 27.1.2022, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio.

Cuarto. O 2.3.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que «comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ponte Caldelas, aprobadas definitivamente o 12.2.1993) e as coordenadas dos 2 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Quinto. O 3.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Serra da Fracha á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Sexto. Mediante a Resolución do 13 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública do parque eólico Serra da Fracha, situado nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra, na provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2020/148).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.4.2023, así como no xornal Faro de Vigo, do 10.4.2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ponte Caldelas e Pontevedra), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Eléctrica Los Molinos, S.L.U., Orica Explosivos Industriales, S.A., Red Eléctrica de España, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Concello de Ponte Caldelas e Concello de Pontevedra.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 20.4.2023; Red Eléctrica de España, S.A. o 27.4.2023; Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) o 17.4.2023; Concello de Ponte Caldelas o 25.5.2023 e Concello de Pontevedra o 25.5.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Nos informes dos concellos de Ponte Caldelas e de Pontevedra formúlanse, ademais, diversas cuestións ou reparos de carácter ambiental, de desenvolvemento do modelo territorial e doutra índole (impacto sobre o medio hídrico, afeccións, perda de vexetación e diminución da masa forestal, destrución do patrimonio natural e cultural, contaminación acústica ou rexeitamento social, entre outros), ás que deu resposta a promotora e que se tiveron en conta na emisión da declaración de impacto ambiental, así como nas consideracións recollidas no fundamento de dereito terceiro da presente resolución.

Con respecto aos demais condicionados solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos, de non se recibiren estes en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. Con data do 8.4.2024, a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Con data do 24.4.2024, a xefatura territorial remitiulle unha addenda do expediente á referida dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Noveno. Cumprida a tramitación ambiental, o 24.5.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 27 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 111, do 10 de xuño de 2024).

Posteriormente, o 23.9.2025, a mencionada dirección xeral emitiu resolución pola que se declara a validación da DIA. De acordo co punto 2 da súa parte dispositiva, a esta resolución outórgaselle eficacia retroactiva desde a mencionada publicación da Resolución do 24.5.2024, pola que se formulou a DIA (10.6.2024).

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Ponte Caldelas e Concello de Pontevedra.

Décimo. Con data do 5.6.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da dita declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente, así como declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.

Décimo primeiro. Con data do 18.6.2024, Eólica Santa Teresa, S.L.U. achegou a declaración responsable a que se fai mención no punto anterior.

Décimo segundo. O 23.8.2024, Eólica Santa Teresa, S.L.U. achegou o proxecto de execución refundido. Posteriormente, o 13.9.2024, o 4.10.2024 e o 21.10.2024, en resposta aos requirimentos desta dirección xeral do 29.8.2024, do 20.9.2024 e do 7.10.2024, a promotora achegou as respectivas emendas, así como documentación complementaria.

Este proxecto refundido recolle a modificación do modelo de aeroxerador, en liña co indicado no punto 1.3.1 da DIA, en que se recollía que a promotora estaba analizando co tecnólogo a viabilidade de implantar este modelo (GW 136-4,2 MW). Con esta modificación redúcese o diámetro do rotor de 155 a 136,8 metros e aumenta a altura da buxa, que pasa de 95 a 100 m. Así, a altura máxima en punta de pa redúcese de 172,5 a 168,4 m.

Décimo terceiro. O 21.10.2024, esta dirección xeral remitiulle ao Departamento Territorial de Pontevedra, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, o proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Setembro 2024, asinado dixitalmente o 2.10.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, achegado pola promotora o 4.10.2024.

Coa mesma data, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a documentación ambiental achegada pola promotora en relación con esta modificación, para os efectos do previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Décimo cuarto. O 21.11.2024, en resposta ao requirimento do 5.11.2024 do Departamento Territorial de Pontevedra, a promotora achegou documentación complementaria.

Décimo quinto. O 3.12.2024, o Departamento Territorial de Pontevedra emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido recollido no antecedente de feito décimo terceiro, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O 13.3.2025, a promotora achegou a autorización emitida o 13.2.2025 pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea para o parque eólico. Asemade, e debido á redución da altura de torre do aeroxerador 1, motivada polos condicionados do dito organismo, a promotora achegou documentación ambiental en que se avalía esta modificación.

Décimo sétimo. Con data do 25.9.2025, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a documentación ambiental achegada pola promotora o 13.3.2025, para os efectos da emisión do previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Décimo oitavo. O 30.9.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu un informe, en relación coa documentación achegada pola promotora o 13.3.2025, mencionada no antecedente de feito décimo sexto, en que conclúe que «Á vista do exposto, considérase que non existen obxeccións á modificación proposta, sempre que se cumpra, sen prexuízo do cumprimento das restantes condicións que figuran na DIA, o recollido na documentación achegada pola promotora. Teranse en conta, ademais, as seguintes consideracións:».

Décimo noveno. O 28.10.2025, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 2.10.2025, Eólica Santa Teresa, S.L.U. achegou o proxecto de execución refundido, no cal se incorporan os cambios propostos na documentación achegada o 13.3.2025. O 29.10.2025, achegou documentación complementaria.

Vixésimo. O 18.11.2025, o 20.11.2025 e o 22.11.2025, en resposta ao requirimento do 14.11.2025 desta dirección xeral, a promotora achegou emenda de documentación. A versión definitiva do proxecto refundido, denomínase Proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Novembro 2025, e está asinada o 20.11.2025 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado núm. 1.648 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

Vixésimo primeiro. O 25.11.2025, en resposta á solicitude do 24.11.2025 desta dirección xeral, o Departamento Territorial de Pontevedra remitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, sobre o proxecto recollido no antecedente de feito vixésimo. Remitiu, ademais, o documento anexo ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Novembro 2024, asinado o 21.11.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, achegado pola promotora por requirimento do departamento territorial, e que complementa o proxecto de execución.

Vixésimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 8,4 MW, segundo os informes do xestor da rede do 22.1.2021 e do 25.10.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, pola disposición derradeira segunda da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e polo artigo 30 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, e vistas as respostas efectuadas pola promotora, maniféstase o seguinte:

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 24.5.2024, na cal se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas preventivas, correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Ponte Caldelas e Concello de Pontevedra.

No referente a aquelas alegacións en que se manifesta a ausencia de xustificación da necesidade do proxecto eólico Serra da Fracha e das infraestruturas asociadas de evacuación e conexión, cómpre indicar que a Comunidade Autónoma de Galicia se atopa vinculada polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2023-2030 (PNIEC), co que se busca acadar unha maior subministración a partir de fontes de enerxía renovables, diminuíndo a dependencia enerxética de combustibles fósiles que supoñen un detrimento para o desenvolvemento da economía para as familias e as empresas.

Por isto, dentro da execución do (PNIEC) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, búscase transformar o sistema enerxético cara a unha maior autosuficiencia enerxética sobre a base de aproveitar dunha maneira eficiente o potencial renovable existente no noso país, particularmente o solar e o eólico. Esta transformación incidirá de maneira positiva na seguridade enerxética nacional ao diminuír de maneira significativa a dependencia dunhas importacións de combustibles fósiles que supoñen unha elevada factura económica e que está sometida a factores xeopolíticos e a unha volatilidade elevada nos prezos.

Segundo un informe da Axencia Internacional das Enerxías Renovables, publicado en xuño de 2023, o mundo necesita triplicar a capacidade mundial de enerxía renovable ata algo máis de 11.000GW en 2030 para manter a posibilidade de limitar o quecemento global a 1,5 °C. Este foi un dos temas tratados no 18ª Cume de Xefes do Estado e Goberno do G20 en Nova Deli, onde se acordou, entre outras cousas; «Perseguiranse e fomentaranse os esforzos para triplicar a capacidade de enerxía renovable a nivel mundial mediante obxectivos e políticas existentes, así como demostrar unha ambición similar con respecto a outras tecnoloxías cero e de baixas emisións, incluíndo a redución e tecnoloxías de eliminación, en consonancia coas circunstancias nacionais para 2030. Tamén observamos o Plan de acción voluntaria para o fomento das enerxías renovables para acelerar o universal acceso á enerxía (G20 New Delhi Leaders’ Declaration, 9-10 de setembro de 2023).

Neste sentido, o 12 de setembro de 2023 aprobouse a Directiva sobre fontes de enerxía renovables do Parlamento Europeo, na cal se poden atopar diferentes puntos en favor das enerxías renovables:

Os Estados membros deberán adiantar o obxectivo da cota de enerxías renovables na combinación enerxética. O obxectivo global da Unión en materia de enerxía é que o 42,5 % desta sexa de orixe renovable no ano 2030, ata alcanzar a neutralidade climática como máis tarde no ano 2050, descarbonizando a industria da Unión.

Necesítase unha maior racionalización dos procedementos administrativos de concesión de autorizacións co obxecto de eliminar a carga administrativa innecesaria para os efectos de establecer proxectos de enerxías renovables e de infraestrutura de rede relacionados.

Nesta liña, o capítulo IX, sección primeira, da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece nunha norma de carácter legal o papel esencial da enerxía renovable e a necesidade de seguir fomentando o despregamento deste tipo de proxectos, co fin de cumprir os obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea; contribuír coa enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade; e fomentar os beneficios socioeconómicos das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo, o fomento das industrias locais, e a súa contribución á redución dos prezos da enerxía e á consecución dun prezo xusto e accesible para os cidadáns e as empresas. Deste modo, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.

En relación coa ausencia de avaliación das infraestruturas de evacuación, o que implicaría, segundo o recollido en diversas alegacións, a fragmentación de proxectos, así como coa imposibilidade de acceder á súa documentación ambiental, cómpre indicar que o proxecto do parque eólico Serra da Fracha inclúe todas as instalacións necesarias ata o punto de conexión á rede de distribución existente. Tal e como se describe no proxecto, o parque eólico conéctase á dita rede no apoio 23 da liña eléctrica de distribución existente nas proximidades (LAT Taboadelo-subestación A Reigosa).

Así mesmo, en relación coa existencia de proxectos eólicos próximos, hai que indicar que o estudo de impacto ambiental do parque eólico contén un estudo de sinerxias e efectos acumulativos, cun ámbito de estudo de 10 km arredor do proxecto, no que se inclúen os parques eólicos Coto Aguado, Monte do Pé e Dos Cotos, así como as liñas eléctricas existentes. Cómpre aclarar que tanto o parque eólico Coto Aguado coma os parques eólicos Cotos II e Chan dos Meniños, mencionados nalgunhas das alegacións recibidas, foron arquivados.

No que respecta ás posibles afeccións do proxecto a mananciais, captacións de auga, depósitos de almacenamento, etc., hai que indicar que no informe emitido por Augas de Galicia, en relación co estudo de impacto ambiental e coa separata do proxecto de execución, se tiveron en conta os aproveitamentos hídricos que constan na contorna do proxecto do parque eólico. Neste informe conclúese que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no propio informe.

Polo que atinxe á inexistencia da avaliación ambiental estratéxica do sector eólico en Galicia, cómpre manifestar que o Plan sectorial eólico foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, se concreta o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de: actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

En relación coa existencia dunha polvoreira nas proximidades do parque eólico, a que se fai referencia nunha das alegacións, e aínda que non se concreta a súa identificación, enténdese que se está a referir ás instalacións titularidade de Orica Explosivos Industriales, S.A. Tal e como se recolle no antecedente de feito sétimo, durante a tramitación do procedemento remitíuselle a esta mercantil unha separata do proxecto de execución, para os efectos da emisión do correspondente condicionado técnico, sen que se recibise resposta. Polo tanto, e de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, enténdese a conformidade da mencionada mercantil co proxecto do parque eólico.

Sobre as afeccións á mobilidade nas infraestruturas viarias das poboacións próximas polo tránsito de vehículos pesados durante a execución das obras de construción do parque eólico, hai que indicar que no estudo de impacto ambiental, en concreto no seu punto 14.1.13 Medidas sobre o medio socioeconómico, a poboación e a saúde humana, se prevén medidas para mitigar estas afeccións.

No relativo á omisión do trámite de posta ao dispor das administracións públicas afectadas e das persoas interesadas de todos os informes preceptivos que resultan relevantes para os efectos da decisión sobre a execución do proxecto, cómpre indicar que, de acordo co artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental «1. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano substantivo consultará as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas sobre os posibles efectos significativos do proxecto...»; neste mesmo sentido, o artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, expón:

«12. De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas,…».

Respecto da imposibilidade de acceso aos informes sectoriais ditados no expediente, cabe indicar que o exercicio do dereito de acceso á información pública se pode realizar, de acordo coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, mediante a presentación da correspondente solicitude, que deberá dirixirse ao titular do órgano administrativo ou entidade que posúa a información.

En todo caso, se durante a análise técnica do expediente realizada polo órgano ambiental e de acordo co artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, «considera necesario que as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas se pronuncien sobre a nova información recibida en virtude dos puntos 3 e 4, requirirá o órgano substantivo para que realice unha nova consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas,…».

O ditame do Tribunal Supremo, do 21 de decembro de 2023 (recurso de casación 3303/2022) casa e anula a Sentenza 18/2022, do 21 de xaneiro, ditada pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desestimando o recurso contencioso-administrativo e confirmando a resolución administrativa que constituía o seu obxecto. O Tribunal Supremo fixa como criterio interpretativo que «a Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE, e a Lei 21/2019, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non impoñen que no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos, antes da información pública, deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades...».

O Tribunal Supremo analiza se tanto a regulación comunitaria como a regulación interna sobre a avaliación ambiental de proxectos, e máis precisamente sobre a avaliación de impacto ambiental ordinaria, impoñen a necesidade de que os informes sectoriais deban acadarse antes do trámite de información pública, por ser condición necesaria para que a participación do público nesa fase temperá do procedemento de toma de decisións ambientais, cando están abertas todas as opcións, poida considerarse real e efectiva, como exixe a normativa indicada.

En relación coa regulación comunitaria, salienta que a Directiva 2011/92/UE non impón exactamente o momento en que debe realizarse a información pública nin que deba forzosamente realizarse despois das consultas ás autoridades. Establece unicamente principios e disposicións fundamentais dos procedementos de avaliación ambiental de proxectos, sen impor ao detalle os trámites concretos para permitir distintos desenvolvementos por parte dos Estados membros.

No que se refire á regulación interna, da análise dos artigos 33 e seguintes da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (LAA), o Tribunal conclúe que tampouco se indica exactamente «en que momento debe realizarse este trámite de información pública, sempre que sexa nunha fase temperá, pois teñen que estar abertas todas as opcións». E en relación co seu contido, salienta que o artigo 36 «se limita a mencionar que deben someterse a información pública o proxecto, o estudo e os datos informativos que se mencionan no punto 2, sen que se faga referencia expresa aos informes emitidos no trámite de consultas ás autoridades». Engade que o artigo 37 se refire precisamente a este trámite de consultas ás administracións públicas afectadas nos seguintes termos: «Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano substantivo consultará as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas sobre os posibles efectos significativos do proxecto...». Indica o Tribunal que «a expresión simultánea alude a un trámite que se realiza ao mesmo tempo que o de información pública sen que se impoña, pois, tampouco, necesariamente, a súa realización nun momento anterior a esta». Cabe subliñar que o Alto Tribunal sinala respecto da LAA que se trata dunha norma estatal de carácter básico, na maioría do seus preceptos, que deseña un esquema de procedemento común ao cal deben adaptarse as autonomías pero deixándolles unha marxe de decisión sobre a forma concreta de deseñar o procedemento ambiental e a súa articulación.

Neste mesmo sentido se pronunciou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) na súa recente Sentenza do 1 de agosto de 2025, no asunto C-461/24, que ten por obxecto unha petición de decisión prexudicial, conforme o artigo 267 TFUE, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mediante o Auto do 21 de xuño de 2024. Nas conclusións da sentenza o TXUE maniféstase nos seguintes termos:

«(...) 49. Así pois, dos termos da Directiva EIA non se desprende nin que a consulta, con arranxo ao artigo 6, apartado 1, de dicha directiva, ás autoridades que poidan estar interesadas no proxecto, debido ás súas responsabilidades ambientais específicas ou ás súas competencias locais ou rexionais, deba ter lugar antes da consulta ao público interesado nin que, en calquera circunstancia, este último deba ter dereito a formular, ante a autoridade ou as autoridades competentes para autorizar o proxecto, observacións e opinións sobre os ditames emitidos, con arranxo ao artigo 6, apartado 1, da citada directiva, polas autoridades ás que se refire dita disposición.

50. Por tanto, os Estados membros poden optar por que a consulta ás autoridades que poidan estar interesadas no proxecto debido ás súas responsabilidades ambientais específicas ou ás súas competencias locais ou rexionais, por unha banda, e ao público interesado, por outra, realícese simultaneamente, sen que este último teña dereito a formular posteriormente, ante a autoridade ou as autoridades competentes para autorizar o devandito proxecto, as súas observacións e opinións sobre os ditames emitidos neste contexto polas autoridades consultadas, como ocorreu no caso de autos.

(…)

57. Tendo en conta das consideracións anteriores, procede responder as cuestións prexudicial que a Directiva EIA non se opón a unha normativa dun Estado membro segundo a cal, no marco dun procedemento de avaliación de impacto ambiental dun proxecto suxeito a dita directiva, as autoridades que poidan estar interesadas nese proxecto debido ás súas responsabilidades ambientais específicas ou ás súas competencias locais ou rexionais son consultadas ao mesmo tempo que o público interesado, sen que este último teña dereito a formular posteriormente, ante a autoridade ou as autoridades competentes para autorizar o referido proxecto, as súas observacións e opinións sobre os ditames emitidos nese contexto polas autoridades consultadas».

En relación coas alegacións sobre o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), cómpre ter en conta a redacción actual do artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro: «1. Conforme o establecido no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os proxectos de parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación poderán implantarse en calquera categoría de solo rústico, ao non implicar a urbanización ou transformación urbanística dos terreos, sen que sexa necesaria a aprobación dun proxecto de interese autonómico regulado pola lexislación de ordenación do territorio».

Así mesmo, a disposición transitoria décima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece o seguinte: «Atendendo ao recollido no artigo 40, a dirección xeral con competencias en materia de enerxía arquivará de oficio os procedementos asociados aos proxectos sectoriais ou aos proxectos de interese autonómico relativos a parques eólicos e ás súas infraestruturas de evacuación que estean en tramitación no momento da entrada en vigor da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Este arquivamento será comunicado tanto á promotora como aos concellos afectados e á dirección xeral da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo».

No que respecta ás distancias do proxecto aos núcleos de poboación, hai que indicar que ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha lle resulta de aplicación a disposición transitoria sétima, punto 2, da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

«2. Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos solicitadas a partir da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que, por supoñer en efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental, e sempre que estas modificacións non veñan impostas por un informe sectorial que motive esta modificación nin por modificacións derivadas do uso compartido de infraestruturas de conexión comúns que non supoñan cambios nas posicións dos aeroxeradores. No resto dos casos, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 metros».

A solicitude do parque eólico Serra da Fracha foi admitida a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, tal e como se recolle no antecedente de feito segundo, polo que a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 metros.

Así mesmo, cómpre indicar que o proxecto autorizado conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 2.3.2023, tal e como se recolle no antecedente de feito cuarto desta resolución.

Sobre o aumento do risco de incendios derivado da instalación do parque eólico, cómpre indicar que o proxecto do parque eólico conta co informe favorable da Dirección Xeral de Defensa do Monte, no que se establecen, ademais, as condicións para o mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas.

No que respecta á localización das instalacións en zonas de sensibilidade ambiental alta e moderada, cabe indicar que a clasificación de sensibilidade ambiental desenvolvida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é un recurso para axudar na toma de decisións estratéxicas sobre a localización das infraestruturas de produción de enerxía a partir de fontes renovables, que implican un importante uso de territorio e poden xerar impactos ambientais significativos. Como tal recurso ou ferramenta, segundo recolle o resumo executivo elaborado polo ministerio, na súa epígrafe de obxectivos, o modelo de zonificación «non exime do pertinente procedemento de avaliación ambiental a que se deberá someter cada instalación de ser o caso, pois é unha aproximación metodolóxica orientativa que pretende servir de instrumento para que, desde un enfoque estratéxico e a unha escala xeral e integradora, se coñezan desde fases temperás os condicionantes ambientais asociados ás localizacións dos proxectos. Así mesmo, esta ferramenta sempre se deberá complementar coas regulacións establecidas naqueles instrumentos de planificación e ordenación aprobados polas comunidades autónomas no ámbito das súas competencias».

A memoria da Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica, no punto 3.2, Definición de indicadores, describe o proceso mediante o cal se establece a zonificación: «Por outro lado, analizouse a planificación enerxética das comunidades autónomas, xa que en moitas delas se levaron a cabo estudos de zonificación para orientar o desenvolvemento das enerxías renovables nos seus respectivos territorios. A dita planificación non foi integrada neste modelo debido a que a heteroxeneidade de criterios empregada nas diferentes comunidades autónomas dificulta a súa presentación e operación de xeito conxunto a nivel estatal.

Porén, esta planificación enerxética supón un complemento determinante a este modelo de zonificación estatal, que permite considerar as restricións establecidas a nivel autonómico e serviu de referencia á hora de seleccionar e valorar os indicadores do presente modelo.

Por outra banda, débese ter en conta que nas avaliacións de impacto ambiental que se efectúen para cada proxecto en concreto se realizarán procedementos de consulta e participación das administracións autonómicas e estatais con competencias en ambiente, avaliación ambiental, medio natural, enerxía, patrimonio cultural, etc., que asegurarán a integración destes criterios a maior nivel de detalle».

Se temos en consideración que a zonificación de sensibilidade ambiental proposta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é unha ferramenta, un recurso para axudar na toma das decisións relativas á avaliación ambiental dos proxectos de implantación de parques eólicos, recurso que, como se describiu antes, é orientativo; que a definición dos indicadores que establecen a zonificación teñen en conta, sen integralas plenamente, as regulacións de zonificación establecidas nas comunidades autónomas; que a súa definición é posterior ou coetánea coa elaboración da documentación ambiental dos proxectos e que estes contaron cunha tramitación de avaliación ambiental que considerou todos os factores que esta ferramenta emprega para a súa elaboración, enténdese que a avaliación realizada polo órgano ambiental, de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, é máis precisa na aplicación de criterios de sensibilidade ambiental que unha ferramenta xeral creada no ámbito de todo o territorio nacional.

Polo tanto, en canto á idoneidade da localización do parque eólico, debemos remitirnos ao ditame do órgano ambiental na formulación da declaración de impacto ambiental.

No que respecta á perda da rendibilidade económica das explotacións forestais desenvolvidas na zona de implantación do proxecto, especialmente en terreos das comunidades de montes veciñais en man común, cabe indicar que estas cuestións se terán en conta no procedemento de declaración de utilidade pública do proxecto, o cal non é obxecto da presente resolución. Polo tanto, as compensacións polas ocupacións e servidumes que se impoñan sobre os bens e dereitos afectados polo proxecto, e sempre que non se acaden acordos amigables entre a promotora e as persoas titulares, determinaranse no marco do eventual procedemento expropiatorio, logo da declaración de utilidade pública do proxecto.

Sobre as afeccións ás explotacións agrogandeiras existentes na contorna do proxecto, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas e instalacións definidas no proxecto de execución. Respecto das zonas afectadas por estas infraestruturas e instalacións, reitérase o indicado anteriormente en relación coas compensacións que poidan derivar das ocupacións e servidumes impostas sobre os bens e dereitos afectados.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Serra da Fracha, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 24.5.2024, e recollida no antecedente de feito noveno desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Serra da Fracha, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo desta resolución».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Serra da Fracha.

No anexo, Condicións ambientais da DIA, recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

1. Condicións particulares.

2. Condicións xerais.

2.1. Protección da atmosfera.

2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

2.3. Protección do solo e infraestruturas.

2.4. Xestión de residuos.

2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

2.6. Integración paisaxística e restauración.

3. Outras condicións.

4. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

1º. Aspectos xerais.

2º. Aspectos específicos.

3º. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra da Fracha, sito nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra) e promovido por Eólica Santa Teresa, S.L.U., cunha potencia de 8,4 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra da Fracha, composto polos documentos Proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Novembro 2025 e polo anexo ao Proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Novembro 2024, asinados o 20.11.2025 e o 21.11.2024, respectivamente, polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado núm. 1.648 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eólica Santa Teresa, S.L.U.

Enderezo social: avenida de Pontevedra, 14, baixo. 36820 Ponte Caldelas (Pontevedra).

Denominación: parque eólico Serra da Fracha.

Potencia instalada: 8,4 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 8,4 MW.

Produción neta: 27.824 MWh/ano.

Concellos afectados: Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra).

Orzamento de execución material (sen IVE): 7.218.502,54 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

533.828,54

4.694.164,51

B

534.693,03

4.693.717,03

C

535.261,32

4.691.574,89

D

534.767,04

4.691.418,32

E

534.368,33

4.691.684,25

F

534.024,80

4.692.154,92

G

533.300,23

4.693.553,77

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Altura de buxa (m)

Potencia (MW)

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE-1

533.947,14

4.693.462,96

80

4,2

AE-2

534.036,70

4.692.963,14

100

4,2

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

MM-1

534.207,00

4.693.164,00

Coordenadas do centro de seccionamento e control:

Centro de seccionamento

(vértices)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

CS V-1

534.144,28

4.693.755,27

CS V-2

534.148,20

4.693.758,39

CS V-3

534.153,63

4.693.743,54

CS V-4

534.157,54

4.693.746,65

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores modelo Goldwind GW136-4.2 ou similar, de 4,2 MW de potencia nominal unitaria, 136,8 m de diámetro de rotor e cunha altura da buxa de 80 m, para a posición AE-1, e de 100 m para a posición AE-2. Cada aeroxerador está equipado cun centro de transformación, instalado no seu interior, de relación de transformación 0,69/20 kV e potencia aparente 5.150 kVA.

– Rede eléctrica subterránea de 20 kV, formada por dúas liñas colectoras independentes, de 576 m e 1.035 m, que conectan, en paralelo, cada un dos aeroxeradores co centro de seccionamento. Estas liñas están constituídas por ternas de condutores unipolares tipo RH5Z1-OL 18/30 kV Al H16/25, de sección 240 mm², tendidas dentro de tubo de polietileno PEAD. Na gabia das liñas colectoras tamén se instalan o cable de terra (un condutor de cobre nu de sección 50 mm²) e os cables de fibra óptica para comunicacións.

– Centro de seccionamento de tecnoloxía convencional de 20 kV. Situado nun edificio de planta baixa, de 15×5 m², de nova construción, que tamén alberga o centro de control do parque eólico. Dispón dunha sala de celas metálicas prefabricadas con illamento en hexafluoruro de xofre (SF6) e dun transformador de servizos auxiliares. A sala ten dúas celas de chegada de liña para a conexión das liñas colectoras do parque, unha cela de medida, unha cela de servizos auxiliares e unha cela de saída de liña para evacuar a enerxía.

– Liña subterránea de 20 kV de evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico, entre o centro de seccionamento e o entroncamento no apoio existente da liña aérea LAT Taboadelo-subestación A Reigosa. A liña soterrada, de 35 m, está formada por unha terna de condutores unipolares tipo RH5Z1-OL 18/30 kV Al H16/25, de sección 240 mm², tendida dentro do tubo.

– Unha torre meteorolóxica de 107 metros de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólica Santa Teresa, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 1.5 do anexo, Condicións ambientais, da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións.».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 126.324 euros, dos cales 54.139 corresponden á fase de obras e 72.185 á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 1.5 do anexo, Condicións ambientais, da DIA, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 24.5.2024, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo coas condicións establecidas na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto de Estudos do Territorio, de acordo cos puntos 1.2, 1.3 e 1.4 do anexo, Condicións ambientais, da DIA, así como recoller nunha addenda ao EIA os cambios requiridos nos informes dos organismos consultados, de acordo ao punto 1.4 do mencionado anexo da DIA.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar, ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4 do anexo, Condicións ambientais, da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

Este prazo quedará suspendido no caso de que exista un pronunciamento por parte dun órgano administrativo ou xudicial que suspenda a eficacia da resolución de autorización administrativa previa e de construción. Así mesmo, a Administración, logo de petición do titular da autorización, suspenderá o prazo no caso de que existisen recursos xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización acade firmeza.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do/da interesado/a.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático