DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 26 de decembro de 2025 Páx. 66254

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 25 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha, sito nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra) e promovido por Eólica Santa Teresa, S.L.U. (expediente IN408A 2020/148).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 25 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha, sito nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra) e promovido por Eólica Santa Teresa, S.L.U., cunha potencia de 8,4 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólica Santa Teresa, S.L.U., constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 1.5 do anexo, Condicións ambientais da declaración de impacto ambiental, sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 126.324 euros, dos cales 54.139 corresponden á fase de obras e 72.185 á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 1.5 do anexo Condicións ambientais da DIA, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 24.5.2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo coas condicións establecidas na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto de Estudos do Territorio, de acordo cos puntos 1.2, 1.3 e 1.4 do anexo Condicións ambientais da DIA, así como recoller nunha addenda ao EIA os cambios requiridos nos informes dos organismos consultados, de acordo co punto 1.4 do mencionado anexo da DIA.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4 do anexo Condicións ambientais da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres (3) anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

Este prazo quedará suspendido no caso de que exista un pronunciamento por parte dun órgano administrativo ou xudicial que suspenda a eficacia da resolución de autorización administrativa previa e de construción. Así mesmo, a Administración, logo de petición do titular da autorización, suspenderá o prazo no caso de que existisen recursos xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización acade firmeza.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do/da interesado/a.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 3.12.2020, a promotora, Eólica Santa Teresa, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Serra da Fracha, sito nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra (Pontevedra), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

2. O 24.2.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. O 20.4.2021, a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 27.1.2022, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio.

4. O 2.3.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que «comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento do Concello de Ponte Caldelas, aprobadas definitivamente o 12.2.1993) e as coordenadas dos 2 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

5. O 3.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Serra da Fracha á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

6. Mediante a Resolución do 13 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública do parque eólico Serra da Fracha, situado nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra, na provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2020/148).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.4.2023 así como no xornal Faro de Vigo, do 10.4.2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ponte Caldelas e Pontevedra), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Eléctrica Los Molinos, S.L.U., Orica Explosivos Industriales, S.A., Red Eléctrica de España, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Concello de Ponte Caldelas e Concello de Pontevedra.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 20.4.2023, Red Eléctrica de España, S.A. o 27.4.2023, Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) o 17.4.2023, Concello de Ponte Caldelas o 25.5.2023 e Concello de Pontevedra o 25.5.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Nos informes dos concellos de Ponte Caldelas e de Pontevedra formúlanse, ademais, diversas cuestións ou reparos de carácter ambiental, de desenvolvemento do modelo territorial e doutra índole (impacto sobre o medio hídrico, afeccións, perda de vexetación e diminución da masa forestal, destrución do patrimonio natural e cultural, contaminación acústica ou rexeitamento social, entre outros), ás que deu resposta a promotora e que se tiveron en conta na emisión da declaración de impacto ambiental, así como nas consideracións recollidas no fundamento de dereito terceiro da presente resolución.

Con respecto aos demais condicionados solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos, de non se recibiren estes en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

8. Con data do 8.4.2024, a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Con data d0 24.4.2024, a xefatura territorial remitiulle unha addenda do expediente á referida dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

9. Cumprida a tramitación ambiental, o 24.5.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 27 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 111, do 10 de xuño).

Posteriormente, o 23.9.2025, a mencionada dirección xeral emitiu a resolución pola que se declara a validación da DIA. De acordo co punto 2 da súa parte dispositiva, a esta resolución outórgaselle eficacia retroactiva desde a mencionada publicación da Resolución do 24.5.2024, pola que se formulou a DIA (10.6.2024).

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Ponte Caldelas e Concello de Pontevedra.

10. Con data do 5.6.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da dita declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente, así como declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.

11. Con data do 18.6.2024, Eólica Santa Teresa, S.L.U. achegou a declaración responsable a que se fai mención no punto anterior.

12. O 23.8.2024, Eólica Santa Teresa, S.L.U. achegou o proxecto de execución refundido. Posteriormente, o 13.9.2024, o 4.10.2024 e o 21.10.2024, en resposta aos requirimentos desta dirección xeral do 29.8.2024, do 20.9.2024 e do 7.10.2024, a promotora achegou as respectivas emendas, así como documentación complementaria.

Este proxecto refundido recolle a modificación do modelo de aeroxerador, en liña co indicado no punto 1.3.1 da DIA, en que se recollía que a promotora estaba analizando co tecnólogo a viabilidade de implantar este modelo (GW 136-4,2 MW). Con esta modificación redúcese o diámetro do rotor de 155 a 136,8 metros e aumenta a altura da buxa, que pasa de 95 a 100 m. Así, a altura máxima en punta de pa redúcese de 172,5 a 168,4 m.

13. O 21.10.2024, esta dirección xeral remitiulle ao Departamento Territorial de Pontevedra, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, o proxecto de parque eólico Serra da Fracha. Setembro 2024, asinado dixitalmente o 2.10.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, achegado pola promotora o 4.10.2024.

Coa mesma data, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a documentación ambiental achegada pola promotora en relación con esta modificación, para os efectos do previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

14. O 21.11.2024, en resposta ao requirimento do 5.11.2024 do Departamento Territorial de Pontevedra, a promotora achegou documentación complementaria.

15. O 3.12.2024, o Departamento Territorial de Pontevedra emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido recollido no antecedente de feito décimo terceiro, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

16. O 13.3.2025, a promotora achegou a autorización emitida o 13.2.2025 pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea para o parque eólico. Asemade, e debido a redución da altura de torre do aeroxerador 1, motivada polos condicionados do dito organismo, a promotora achega a documentación ambiental en que se avalía esta modificación.

17. Con data do 25.9.2025, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a documentación ambiental achegada pola promotora o 13.3.2025, para os efectos da emisión do previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

18. O 30.9.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu informe, en relación coa documentación achegada pola promotora o 13.3.2025, mencionada no antecedente de feito décimo sexto, en que conclúe que «Á vista do exposto, considérase que non existen obxeccións á modificación proposta, sempre que se cumpra, sen prexuízo do cumprimento das restantes condicións que figuran na DIA, o recollido na documentación achegada pola promotora. Teranse en conta, ademais, as seguintes consideracións:».

19. O 28.10.2025, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 2.10.2025, Eólica Santa Teresa, S.L.U. achegou o proxecto de execución refundido, no cal se incorporan os cambios propostos na documentación achegada o 13.3.2025. O 29.10.2025 achegou documentación complementaria.

20. O 18.11.2025, o 20.11.2025 e o 22.11.2025, en resposta ao requirimento do 14.11.2025 desta dirección xeral, a promotora achegou a emenda da documentación. A versión definitiva do proxecto refundido denomínase Proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Novembro 2025, e está asinada o 20.11.2025 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado núm. 1.648 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

21. O 25.11.2025, en resposta á solicitude do 24.11.2025 desta dirección xeral, o Departamento Territorial de Pontevedra remitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, sobre o proxecto recollido no antecedente de feito vixésimo. Remite, ademais, o documento Anexo ao proxecto do parque eólico Serra da Fracha. Novembro 2024, asinado o 21.11.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, achegado pola promotora por requirimento do departamento territorial, e que complementa o proxecto de execución.

22. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 8,4 MW, segundo os informes do xestor da rede do 22.1.2021 e do 25.10.2021.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático