DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 2025 Páx. 66453

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

De conformidade co establecido no Decreto 220/2022, do 29 de decembro, no Decreto 156/2023, do 14 de decembro, e no Decreto 199/2024, do 27 de decembro, polos que se aproban as ofertas de emprego público para os anos 2022, 2023 e 2024, respectivamente, do persoal sanitario funcionario ao servizo da comunidade autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, este centro directivo, logo de negociación coa representación sindical no seo da Mesa Xeral de Negociación dos Empregados Públicos e no uso das competencias que lle atribúen o artigo 19 do Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 27 de maio) e o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril),

RESOLVE:

Convocar concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, de acordo coas seguintes bases:

I. Normas xerais.

1.1. Prazas.

1.1.1. Convócase concurso-oposición para o ingreso nas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), que se especifican no anexo I desta resolución.

1.1.2. O número de prazas que se convocan neste proceso selectivo é o que se especifica para cada unha das clases no citado anexo I, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso.

1.2. Sistemas de acceso.

As persoas interesadas poderán participar neste proceso selectivo por algún dos seguintes sistemas de aceso: acceso libre, acceso de persoas con discapacidade ou promoción interna, segundo se detalla no anexo I.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Logo de finalizado o prazo de inscrición, non se permitirá ningún cambio na modalidade de acceso.

Como excepción, os/as aspirantes que soliciten participar pola quenda de discapacidade e non dispoñan no momento de presentar a inscrición, malia telo solicitado, do certificado de recoñecemento do grao de discapacidade emitido polo órgano competente, deberán sinalar no formulario electrónico de inscrición a dita circunstancia no espazo habilitado para o efecto, efectuar o pagamento da taxa correspondente e achegar a solicitude de recoñecemento de discapacidade presentada.

Neste suposto resultará admitido/a pola quenda de discapacidade e poderá solicitar o reintegro da taxa aboada sempre que acredite documentalmente ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % nos termos exixidos na convocatoria, o último día do prazo de presentación de reclamacións contra o listado provisional de persoas admitidas e excluídas. Noutro suposto resultará admitido/a polo sistema de acceso libre.

1.3. Persoas con discapacidade.

1.3.1. De conformidade co establecido na lexislación do emprego público de Galicia, os artigos 5 do Decreto 220/2022, do 29 de decembro, do Decreto 156/2023, do 14 de decembro, e do Decreto 199/2024, do 27 de decembro, polos que se aproban as ofertas de emprego público para os anos 2022, 2023 e 2024, reservan o número de prazas que se concreta no anexo I para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

1.3.2. No suposto de que algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outros/as aspirantes da quenda de acceso libre, será incluído/a pola súa orde de puntuación na quenda de acceso libre.

1.3.3. Os/as aspirantes con discapacidade, opten ou non opten por participar na quenda reservada a persoas con discapacidade, poderán solicitar unha adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios. Os/as interesados/as, agás causas sobrevidas, deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación en que deberán reflectir con claridade as necesidades específicas que ten o/a candidato/a para acceder ao proceso de selección en condicións de igualdade, debendo achegar o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade competente, acreditando, de forma fidedigna, a/as deficiencia/s permanente/s que deron orixe ao grao de discapacidade recoñecido.

As solicitudes de adaptación serán resoltas polo órgano de selección. Para tal efecto, o tribunal poderá requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos demais órganos competentes. A adaptación non se outorgará de forma automática senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vai realizar.

1.3.4. Co fin de garantir a protección da saúde dos/das aspirantes que superen definitivamente o proceso selectivo pola quenda de reserva de persoas con discapacidade, efectuarase unha avaliación inicial da súa saúde, que permita adoptar as medidas preventivas e de protección necesarias para evitar que se poidan ver afectados/as de xeito singular por algún risco laboral identificado no seu posto de traballo.

1.3.5. Segundo o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, se as prazas reservadas, e que as persoas con discapacidade cubrisen, non acadan a porcentaxe do 3 % das prazas convocadas na correspondente oferta de emprego público, as prazas non cubertas do número total das reservadas acumularanse á porcentaxe do 7 % da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 %. Noutro caso, as prazas reservadas á quenda de discapacidade, non cubertas, acumularanse a acceso libre.

1.4. Promoción interna.

1.4.1. De conformidade co establecido nos artigos 80 e 81 da Lei 2/2015, do 29 de abril, resérvase un 25 % das prazas convocadas nas clases do subgrupo A1 para o seu acceso por persoal funcionario pertencente a corpos ou escalas do mesmo subgrupo ou subgrupo A2 que reúna os seguintes requisitos:

a) Posuír a titulación e demais requisitos xerais exixidos.

b) Ter prestado servizos efectivos na condición de persoal funcionario, como mínimo, durante dous anos no subgrupo ou grupo de clasificación profesional desde o cal se pretenda promocionar.

c) Non superar a idade de xubilación forzosa.

1.4.2. Así mesmo, o persoal funcionario dos corpos ou escalas do subgrupo de clasificación profesional C1 e A2 poderá participar pola quenda de promoción interna para o acceso ás clases do subgrupo A2, sempre que reúna os requisitos establecidos no punto anterior.

1.4.3. As prazas reservadas para promoción interna que non sexan cubertas acumularanse ás da quenda de acceso libre.

II. Requisitos.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e no momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira da Consellería de Sanidade os seguintes requisitos:

2.1. Requisitos comúns para todas as quendas de acceso.

2.1.1. Nacionalidade:

Posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España nos cales sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

2.1.2. Idade: ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa legalmente vixente.

2.1.3. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do correspondente nomeamento.

2.1.4. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No suposto de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público.

2.1.5. Titulación: estar en posesión da titulación que se especifica no anexo I desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais, respectivamente.

2.1.6. Aboar as taxas por dereito de exame, de ser o caso.

Non poderán formalizar a súa inscrición no proceso selectivo as persoas que reunisen na dita data a condición de persoal funcionario de carreira da mesma clase.

2.2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos anteriores, os/as aspirantes que se presenten pola quenda de persoas con discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Para os efectos de acceso ao proceso selectivo, os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou grande invalidez, considéranse afectados por unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

2.3. Taxas.

2.3.1. Formalización do pagamento das taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, como requisito necesario para participar no proceso selectivo, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe da taxa que se indica a continuación e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Categoría

Taxa

Farmacéutico/a inspector de Saúde Pública

44,17 €

Inspector/a médico/a

44,17 €

Licenciado/a en Ciencias Biolóxicas

44,17 €

Licenciado/a en Ciencias Químicas

44,17 €

Licenciado/a en Farmacia

44,17 €

Licenciado/a en Psicoloxía

44,17 €

ATS/DUE

38,02 €

Subinspector/a sanitario/a

38,02 €

Para o ingreso da taxa empregarase un impreso de autoliquidación como o sinalado no anexo VII. Tal impreso, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no punto de Emprego público. A non presentación deste impreso de autoliquidación –en que deberá figurar a data e o selo da entidade bancaria– xunto co formulario de inscrición no proceso, determinará a exclusión da persoa aspirante.

Poderase tamén realizar o pagamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina virtual tributaria da Axencia Tributaria de Galicia, a través do seguinte enderezo: OV Tributaria-Atriga, e premer no apartado de cidadáns (cor azul) e a continuación acceder no punto de Pagamento de taxas e prezos ao trámite de «iniciar taxa». Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa (modelo 730), que será o que se presente xunto coa solicitude.

Así mesmo, o/a solicitante poderá facer efectivo o pagamento da taxa a través de
Fides/expedient-e. Unha vez confirmada a solicitude de inscrición, na pestana de procesos, xerarase ao seu carón a icona dunha tarxeta (un enlace directo ao sistema de pagamento electrónico de taxas da Consellería de Facenda e Administración Pública). Ao clicar nela cargaranse de forma automática os códigos da taxa e o importe, segundo a categoría de inscrición e, ao completar o pagamento, xerarase o xustificante de ter aboado a taxa (modelo 730), que xa quedará indexado ao carón da solicitude. Neste suposto, non será necesaria a presentación do xustificante de ter aboada a correspondente taxa xunto coa solicitude.

En todos os supostos anteriores, a presentación do xustificante de aboamento non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

2.3.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereito de inscrición:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada:

– Polas persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

– Polas persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– Polas vítimas do terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o/a seu/súa cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o/a cónxuxe do/da falecido/a e os/as fillos/as das persoas feridas e falecidas.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso a seguinte documentación:

– Copia compulsada da cualificación de discapacidade ou da resolución pola que se lle recoñece a incapacidade permanente.

– Copia compulsada do título oficial de familia numerosa, de carácter ordinario ou especial.

– Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

– Copia compulsada ou electrónica auténtica da sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñece a condición de vítima do terrorismo.

2.3.3. Devolución de taxas.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, aos/ás aspirantes excluídos/as que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

2.4. Rexistro electrónico dos requisitos de participación.

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán declarar no formulario electrónico de inscrición que reúnen todos os requisitos de participación exixidos nesta convocatoria segundo a quenda de acceso pola que opten. Ao formulario electrónico de inscrición accederase a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde
(www.sergas.es) no punto Fides/expedient-e/Sección de Procesos/OPE.

2.5. Prazo e procedemento de acreditación dos requisitos de participación.

2.5.1. As persoas aspirantes, excepto no suposto e respecto da documentación que se sinala na base 2.6, deberán presentar xunto coa solicitude de participación, e dentro do prazo de presentación de instancias, a seguinte documentación:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou número de identidade estranxeiro en vigor.

Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar neste proceso selectivo segundo o disposto na base 2.1.1.b) deberán presentar copia compulsada da tarxeta de residencia de familiar de cidadán/á da Unión Europea en vigor.

2. Xustificante de ter aboado os dereitos de exame. As persoas exentas ou con bonificación no pagamento das taxas deberán presentar unha copia cotexada da documentación que acredite este dereito nos termos exixidos na base 2.3.2.

3. Fotocopia compulsada do título exixido para o ingreso na correspondente clase ou a documentación acreditativa de estar en condicións de obtelo, nos termos previstos nos anexos I e V desta resolución.

Deberá presentarse unha tradución xurada ou un equivalente segundo o disposto no anexo V daqueles títulos que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberase presentar, ademais, o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou recoñecemento, respectivamente.

O/a aspirante non terá a obriga de achegar a documentación acreditativa da titulación cando esta conste como validada (V) en Fides/expedient-e.

2.5.2. As persoas que accedan pola quenda de discapacidade deberán presentar ademais da documentación anterior unha copia compulsada do documento que lle acredite ter recoñecida a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a resolución pola que se lle recoñece a incapacidade permanente.

2.5.3. As persoas que accedan pola quenda de promoción interna non terán que presentar a documentación acreditativa da súa identidade.

2.5.4. A falta de acreditación pola persoa interesada dos requisitos de participación determinará a súa exclusión do proceso de selección.

2.5.5. En todo caso, a autoridade convocante reservarase o dereito a exixir que se acredite convenientemente a existencia ou non dos requisitos de participación e idoneidade dos/das aspirantes, en calquera momento anterior á resolución definitiva do concurso-oposición.

2.6. Verificación dos requisitos de participación a través da plataforma de intermediación.

2.6.1. Excepto no suposto de oposición expresa do/da aspirante manifestada no espazo habilitado para o efecto no formulario electrónico de inscrición no proceso
(Fides/expedient-e), o órgano convocante procederá a verificar na plataforma de intermediación (PasaXe!) a seguinte documentación acreditativa dos requisitos de participación:

– DNI/NIE.

– Certificado de discapacidade expedido por un órgano da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Condición de demandante de emprego no territorio nacional e de non ser perceptor de prestación ou subsidio por desemprego.

– Título de familia numerosa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Fóra destes supostos ou cando conste a oposición expresa á súa consulta, os/as aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa de todos os requisitos nos termos que se indican na base 2.5.

2.6.2. Se unha incidencia técnica debidamente acreditada imposibilitase o funcionamento ordinario dos sistemas, o órgano convocante poderá requirir o/a aspirante a acreditación en papel de todos os requisitos de participación.

2.7. Solicitude de medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual.

As aspirantes que acrediten ser vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual poderán solicitar a protección e a pseudonimización dos seus datos identificativos no proceso selectivo.

III. Méritos.

3.1. Méritos que se van valorar.

Os méritos que se van ter en conta na fase de concurso deste proceso serán os recollidos no anexo IV e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Tales méritos deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático
Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada na forma e nos prazos que se indican nesta convocatoria.

3.2. Rexistro electrónico e acreditación de méritos.

3.2.1. Para o rexistro electrónico dos méritos, os/as aspirantes deberán proceder da seguinte forma:

As persoas interesadas accederán a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e) segundo se indica no anexo VI destas bases e comprobarán os datos do seu currículo baremables no proceso de selección que constan rexistrados na aplicación informática, así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou está incompleta, a persoa aspirante, ata o último día do prazo de presentación de solicitudes, deberá rexistrar no sistema Fides/expediente-e os méritos que posúe para os efectos da súa valoración na fase de concurso. Logo do seu rexistro electrónico, deberá imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «Informe».

A solicitude de validación para este proceso dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e poderá presentarse ata o último día do prazo de presentación de instancias en rexistro administrativo, electrónico ou presencial, ou a través de calquera dos procedementos que se indican na base 5.2.

Para o rexistro electrónico da solicitude requirirase dun certificado dixital válido: FNMT, DNI electrónico ou Camerfirma.

3.2.2. Xunto coa solicitude de validación, o/a aspirante deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que figuren pendentes de validación nos termos que se indican no anexo V. Só se admitirá como medio de acreditación válido o que se indica para cada un dos méritos no indicado anexo.

A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un dos méritos na solicitude de validación.

3.2.3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha documentación acreditativa de novos méritos aínda que consten rexistrados no expediente electrónico, agás aquela documentación que, exixida no anexo V e constando documentalmente ter sido solicitada polo/a interesado/a ao organismo ou entidade competente no prazo de presentación de solicitudes ou nun momento anterior, esta non fose recibida polo/a interesado/a no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación no prazo de reclamación contra a lista provisional de persoas admitidas e excluídas.

Fóra deste suposto e prazo, non se admitirá a presentación de ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

3.2.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se atope validado ou pendente de catalogar pola Administración, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

É responsabilidade da persoa aspirante a actualización dos méritos consonte a data de referencia deste proceso mediante a presentación de novos certificados. No suposto de que non se produza tal actualización, só se terán en conta os achegados inicialmente.

3.2.5. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia solicitasen, mediante a presentación da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se atope pendente de validar, deberán presentar, de ser o caso, dentro do prazo de presentación de solicitudes, a documentación complementaria para acreditar debidamente o mérito nos termos do anexo V.

3.2.6. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, rexistrasen no sistema informático os seus méritos, que figuran como pendentes de validar sen que presentasen ningunha documentación acreditativa deles, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión nos termos do anexo V dentro do prazo de presentación de instancias para que poidan ser, se é o caso, valorados no dito procedemento.

3.2.7. Non será necesaria a acreditación documental do cumprimento dos seguintes méritos:

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento e Saúde.

As persoas aspirantes deberán rexistrar en Fides/expedient-e a experiencia profesional en postos de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria no punto de «outra experiencia» e proceder á acreditación documental de tal mérito.

3.2.8. A Administración poderá requirir, en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

3.2.9. Para os efectos deste proceso, e sen prexuízo da súa validación e catalogación nun momento posterior, poderán deixarse sen validar e catalogar no expediente electrónico persoal do/da aspirante aqueles méritos que non teñan incidencia na puntuación que se vai asignar na fase de concurso por ter acadado o/a aspirante, cos méritos xa validados e catalogados, a puntuación máxima na respectiva epígrafe do baremo.

3.2.10. Os méritos que na data de publicación desta convocatoria figuren como validados en Fides/expedient-e permanecerán no dito estado, agás nos supostos en que se aprecie un erro de validación que obrigue a súa modificación.

Os méritos que non consten rexistrados no sistema informático na data de finalización do prazo de presentación de instancias non serán obxecto de valoración.

IV. Acreditación do coñecemento da lingua galega.

Para os efectos de resultar exento/a da realización do exercicio de lingua galega, aqueles/as aspirantes de calquera quenda de acceso, que estean en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, deberán rexistrar este na epígrafe «idiomas» do expedient-e e achegar copia compulsada do mesmo dentro do prazo de presentación da solicitude de participación, salvo que xa conste este título como validado no expedient-e.

Admitirase a súa acreditación ata o último día do prazo de presentación de reclamacións contra a lista provisional de persoas admitidas e excluídas.

As persoas aspirantes que non acheguen a documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega nos termos establecidos nesta base deberán realizar o exercicio de lingua galega.

V. Solicitude.

5.1. Formulario de inscrición.

5.1.1. As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos/OPE), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo VI, e que, logo de formalizada electronicamente, deberán imprimir, asinar e presentar nos lugares e prazo indicados nos puntos 5.2 e 5.3, respectivamente.

O/a aspirante deberá seleccionar no formulario electrónico de inscrición o idioma, galego ou castelán, no cal desexa que se lle facilite, na data de exame, o cuestionario de preguntas da parte común e da específica da fase de oposición.

5.1.2. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de participación ou en calquera dos documentos acreditativos dos requisitos de participación.

As modificacións que, con carácter excepcional, resulte necesario que efectúe o/a aspirante nalgún dos datos contidos na solicitude de participación impresa efectuaranse mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á cal se dirixa a instancia de participación e no cal se indicará con claridade a modificación que se pretende.

Tal solicitude de modificación deberá presentarse, xunto coa instancia que modifica ou copia desta, a través do procedemento e do prazo previstos na cláusula 5.2 e 5.3 desta convocatoria.

Transcorrido o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirán as modificacións das solicitudes previamente presentadas.

5.1.3. Os/as aspirantes con discapacidade que o precisen deberán sinalar na solicitude as adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios, de conformidade co establecido na base 1.3.

5.1.4. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

5.1.5. O domicilio que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/da aspirante tanto o erro na súa consignación como a comunicación ao Servizo Galego de Saúde de calquera cambio deste. O mesmo será aplicable aos outros medios de comunicación posibles, como os teléfonos de contacto e o correo electrónico.

A Administración convocante poderá comunicar a través de Fides/expedient-e, de forma xeral ou individualizadamente, calquera nova que se produza no desenvolvemento do proceso.

5.1.6. Xunto coa solicitude de participación, a persoa aspirante deberá achegar a documentación exixida na base 2.5, a xustificación documental de todos os méritos previamente rexistrados no expediente electrónico que non acreditase nos termos da base 3.2 e, se é o caso, a documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega.

5.2. Lugar de presentación.

As solicitudes de participación no concurso-oposición dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e poderán presentarse por rexistro electrónico, de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar, no prazo expresado no número tres desta base, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ao organismo competente.

5.3. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación das solicitudes de participación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

VI. Admisión de aspirantes.

6.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión, así como os aspirantes exentos e non exentos da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

6.2. Os/as aspirantes excluídos/as e os/as declarados/as non exentos/as da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión ou a non exención do exercicio de lingua galega.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

6.3. Non se poderá emendar a presentación da solicitude fóra do prazo habilitado para este efecto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se aprobe o listado definitivo de admitidos/as e excluídos/as, así como o listado definitivo de exentos e non exentos do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Contra tal resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se recoñeza aos/ás interesados/as a posesión de todos os requisitos exixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprendese que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación no procedemento.

VII. Tribunais.

7.1. A composición dos tribunais de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público.

7.2. Os tribunais cualificadores do concurso-oposición, para cada unha das clases que se convocan, serán nomeados pola autoridade convocante cunha antelación mínima dun mes ao da data de realización das probas, publicándose para este efecto a oportuna resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias do órgano convocante, corresponden aos tribunais as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación dos/das aspirantes, a emisión de cantos informes sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento das probas selectivas e a resolución de incidencias.

7.3. Os tribunais terán a súa sede, para os efectos de comunicacións, envío de documentación ou incidencias, na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, situada en San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

7.4. Os tribunais estarán compostos por un número de membros non inferior a cinco, e deberán designarse o mesmo número de membros suplentes.

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

O persoal de elección ou de designación política, o persoal funcionario interino e o persoal temporal non poderá formar parte do órgano de selección nin incorporarse aos traballos deste como persoal asesor ou de apoio.

Os membros dos tribunais terán a condición de persoal funcionario de carreira, persoal laboral fixo ou estatutario fixo das administracións públicas ou dos servizos de saúde, pertencentes a un corpo, escala ou categoría para cuxo acceso se exixa posuír titulación de nivel académico igual ou superior á exixida para o ingreso.

Os tribunais poderán propoñer ao órgano convocante a incorporación aos seus traballos dos/das asesores/as especialistas ou de apoio que considere oportunos. Os/as ditos/as asesores/as limitaranse a prestar a súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

7.5. Os/as membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándollo á autoridade convocante, cando concorra neles/as algunha circunstancia das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010 ou realicen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas da correspondente clase nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a deberá solicitar dos/das membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos/as nas circunstancias previstas no citado artigo 23 nin nas demais causas de abstención previstas nesta base. Esta declaración deberá ser tamén realizada polos/as asesores/as especialistas e polo persoal de apoio que o tribunal incorpore aos seus traballos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal e demais persoal colaborador cando concorra neles algunha das circunstancias previstas nesta base, conforme o artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

7.6. A autoridade convocante publicará, se é o caso, no Diario Oficial de Galicia, resolución pola que se nomeen os/as novos/as membros que teñan que substituír os/as que perderon a súa condición por algunha das causas previstas.

7.7. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes, coa presenza en todo caso do/da presidente/a e do/da secretario/a. Na dita sesión, o tribunal adoptará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a asistencia da maioría dos seus membros, con presenza, en todo caso, do/da presidente/a e do/da secretario/a.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións celebradas polo tribunal redactarase a correspondente acta, que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

Resultarán de aplicación á constitución e ao funcionamento dos órganos de selección as disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro.

7.8. Os acordos dos tribunais que supoñan para o/a interesado/a a imposibilidade de continuar o procedemento poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

7.9. Os tribunais que actúen no proceso selectivo terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, actualizado pola Resolución do 20 de xuño de 2008 (Diario Oficial de Galicia núm. 138, do 17 de xullo), segundo o acorde o órgano competente na materia.

VIII. Procedemento de selección.

Procedemento de selección.

O sistema de selección será o de concurso-oposición.

8.1. Fase de oposición.

8.1.1. A fase de oposición consistirá na realización dos exercicios que se enumeran no anexo III desta resolución e coa forma e o sistema de cualificación nel descritos.

O exercicio sobre o contido da parte común do programa (temas un a quince, ambos os dous incluídos) terá carácter obrigatorio e non eliminatorio para todos/as os/as aspirantes, coa excepción daqueles/as que participen pola quenda de promoción interna, que estarán exentos/as da súa realización.

O exercicio da parte específica do programa terá carácter obrigatorio e eliminatorio.

O exercicio que acredita o coñecemento da lingua galega terá carácter obrigatorio non eliminatorio para todos/as os/as aspirantes, coa excepción dos/das que acreditasen posuír o Celga 4, curso de perfeccionamento ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

As respostas incorrectas, nos exercicios de tipo test, penalizaranse coa puntuación negativa que resulte de aplicar un 25 % da puntuación asignada á resposta correcta.

No suposto en que deba anularse un número de preguntas dun exercicio superior ao de reserva, o valor de cada resposta correcta será o que resulte de dividir a puntuación máxima acadable no respectivo exercicio entre o número de preguntas válidas que finalmente resulten.

8.1.2. Os/as aspirantes que non superen ou non obteñan o 50 % da puntuación fixada como máxima no anexo correspondente a cada un dos exercicios de carácter eliminatorio resultarán eliminados/as.

8.1.3. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios tipo test da fase de oposición sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/das aspirantes. Cando finalicen os exercicios tipo test entregaráselle a cada aspirante a folla autocopiativa do seu exame. O modelo coas respostas correctas publicarase con posterioridade na páxina web www.sergas.es

Facilitaráselle aos/ás aspirantes o acceso ao cuestionario de preguntas logo da finalización dos exercicios.

8.1.4. Os exercicios da fase de oposición realizaranse no lugar e á hora que se fixe nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles, ademais de poder ser anticipada para os efectos informativos na web www.sergas.es

Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios, non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria, quedando prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles.

8.1.5. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as coa finalidade de acreditar a súa identidade.

8.1.6. Os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nun único chamamento, sendo excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. En todo caso, para garantir a unidade de acto, non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

8.1.7. No marco das previsións do Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitiralles ás mulleres embarazadas ou que desen a luz días antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán realizar, así mesmo, os exercicios no centro hospitalario aquelas embarazadas en situación de incapacidade temporal ou parto recente (unha semana) que por razón desas situacións non poidan desprazarse ao lugar de realización das probas.

Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes ou puérperas que puxesen en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame a súa situación e a vontade de realizar a proba no centro sanitario para os supostos indicados no parágrafo anterior e se recibise na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación correspondente con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para os efectos do disposto nesta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

8.1.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún/algunha dos/das aspirantes non cumpre un ou varios dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo de audiencia do/da interesado/a, deberá propoñer a súa exclusión á autoridade convocante. Do mesmo xeito, o tribunal deberá dar conta das inexactitudes ou falsidades en que puidesen incorrer os/as aspirantes, para os efectos procedentes.

8.1.9. Establécese un prazo único de cinco días hábiles seguintes á publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, modifica a opción de resposta válida ou anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste último caso serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

8.1.10. Tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da dita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida. A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, apreciase algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante poderá proceder á súa corrección.

8.1.11. Poderán superar a fase de oposición un número de aspirantes superior ao das prazas convocadas na correspondente clase.

8.1.12. Finalizada na súa totalidade a fase de oposición, publicarase no Diario Oficial de Galicia o acordo de finalización desta fase do proceso.

8.2. Fase de concurso.

8.2.1. De acordo co establecido no artigo 56.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, a valoración da fase de concurso non poderá exceder o 40 % da puntuación máxima atinxible no proceso selectivo.

8.2.2. O tribunal poderá requirir, de oficio, dos/das aspirantes ou de calquera Administración pública, a documentación complementaria ou as aclaracións precisas coa finalidade de asegurar a máxima obxectividade na adxudicación da puntuación nesta fase de concurso.

8.2.3. Realizada polo tribunal a baremación correspondente, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nos distintos puntos, así como a valoración total da fase de concurso.

Contra os resultados da baremación provisional, os/as aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8.2.4. Á vista das reclamacións presentadas ou apreciado de oficio polo órgano de selección algún erro material na baremación provisional asignada aos/ás aspirantes, o tribunal practicará as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas da fase de concurso e a relación de aspirantes seleccionados/as, pola orde de puntuación alcanzada nas diferentes quendas de acceso, elevando esta relación á autoridade convocante para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8.2.5. O sistema de desempate efectuarase a favor dos/das aspirantes que tivesen a maior puntuación na fase de oposición no seu conxunto e, de persistir o empate, pola maior puntuación nos exercicios da parte específica e común do programa, por esta orde. De persistir aínda o empate, dirimirase a favor do/da aspirante con maior puntuación na fase de concurso e, de ser necesario, sucesivamente por cada apartado da fase de concurso e pola súa orde. De seguir existindo méritos iguais entre dúas ou máis persoas candidatas, dirimirase o desempate a favor da persoa aspirante do xénero infrarrepresentado na clase á que opta. Para rematar, decidirá a maior idade do/da aspirante.

Enténdese, para estes efectos, a existencia de infrarrepresentación cando na clase obxecto de convocatoria exista unha diferenza porcentual de, polo menos, 20 puntos entre o número de mulleres e o número de homes.

8.2.6. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá ser aplicada para superar a fase de oposición.

IX. Relación de aspirantes seleccionados/as e elección de destino.

9.1. Os/as aspirantes definitivamente seleccionados/as disporán do prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución prevista no punto 8.2.4 para a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No suposto de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público.

b) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o/a imposibiliten para o exercicio das funcións propias da clase.

c) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter a condición de persoal funcionario de carreira da mesma clase á que opta.

d) Os/as participantes que accedan pola quenda de persoas con discapacidade deberán achegar neste momento, ademais da documentación anterior, orixinal ou certificación compulsada acreditativa do mantemento dos requisitos para acceder pola correspondente quenda, de non ter carácter definitivo a resolución pola que se lle recoñeceu a discapacidade, e que foi achegada ao inicio do proceso selectivo.

9.2. Os/as que dentro do prazo fixado non presenten a documentación, ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar neste proceso selectivo, non poderán ser nomeados/as persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

No suposto de aspirantes que non poidan acreditar a capacidade funcional por encontrarse en situación de incapacidade permanente total para a profesión habitual (na clase a que opta), incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez en virtude dunha resolución que prevé a revisión por melloría, ou que ten sido recorrida, o/a aspirante poderá achegar a documentación que acredite a recuperación da capacidade funcional ata o momento en que remate o prazo fixado para a revisión ou se dite a correspondente resolución, continuando a súa participación no proceso desde ese momento, logo de acreditación da recuperación da capacidade funcional.

Quedará en suspenso a participación no proceso daqueles/as aspirantes que tendo participado pola quenda de discapacidade teñan perdido esa condición, sempre que acrediten ter recorrido a correspondente resolución pola que deixan de ter tal condición. Unha vez ditada resolución ou sentenza firme pola que recupere a condición de persoa discapacitada, deberá poñelo en coñecemento do órgano convocante, continuando a súa participación no proceso desde ese momento.

9.3. Comprobada a documentación de todos/as os/as aspirantes aprobados/as, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a relación definitiva de aspirantes seleccionados/as.

En ningún caso se poderá declarar que superaron o concurso-oposición un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Tal declaración será nula de pleno dereito.

9.4. Nesta mesma resolución aprobarase a relación de destinos que se oferten aos/ás aspirantes seleccionados/as e o procedemento e o prazo para que estes manifesten a súa opción polos destinos ofertados.

9.5. As prazas adxudicaranse entre os/as aspirantes pola orde de puntuación obtida no concurso-oposición, con preferencia a favor dos/das aspirantes que accederon pola quenda de promoción interna e segundo a prelación de destino/s que efectuasen, que terá carácter vinculante e irrenunciable salvo a alteración que resulte da aplicación da base 9.6.

9.6. Só para os efectos de elección de destino, de conformidade co artigo 9 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, os/as aspirantes que superen o concurso-oposición pola quenda reservada a persoas con discapacidade, poderán solicitar á autoridade convocante, no prazo previsto na base 9.1, a alteración da orde de prelación para a elección das prazas por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a dita alteración cando se atope debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

9.7. O/a aspirante que, no prazo e conforme o procedemento que se estableza, non tivese seleccionado todos os destinos que se oferten pola orde de prelación que considere, e non resultase adxudicatario/a de ningún polos que optase, non poderá ser nomeado/a, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións. Neste suposto, a autoridade convocante procederá ao chamamento de novos/as aspirantes, no número que se corresponda coas prazas ofertadas e non elixidas, coa finalidade de que manifesten a súa opción por estas, logo de acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos. Esta opción realizarase pola orde de prelación que resulte da lista definitiva con independencia da quenda de acceso do/da aspirante que non resultou adxudicatario/a.

X. Nomeamento e toma de posesión.

10.1. Unha vez adxudicados os destinos, publicarase no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declare finalizado o proceso selectivo, co nomeamento como persoal funcionario de carreira da clase que corresponda e asignación de destino a aqueles/as aspirantes seleccionados/as que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos.

Non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira as persoas aspirantes seleccionadas que no momento de expedir o correspondente nomeamento se encontren en situación de incapacidade permanente total para a profesión habitual (na clase a que opta), incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez. Neste suposto, se a resolución que recoñece a incapacidade prevé a revisión por melloría, ou ten sido recorrida, a participación do/da aspirante neste proceso quedará en suspenso ata o momento en que remate o prazo de revisión ou se dite a correspondente resolución, procedendo nese momento e logo de acreditación da recuperación da capacidade funcional á realización do correspondente nomeamento.

10.2. Os/as nomeados/as disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada. O cómputo deste prazo iniciarase ao día seguinte ao da publicación a que se refire o punto anterior. A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao/á interesado/a e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal funcionario de carreira como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non entanto, en casos de forza maior, e por instancia do/da interesado/a, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

10.3. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, as persoas aspirantes seleccionadas deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal funcionario de carreira no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro.

Non terán que realizar esta actividade formativa os/as aspirantes seleccionado/as que a realizasen con anterioridade, conste rexistrada en Fides/expedient-e e teña sido debidamente validada.

XI. Norma derradeira.

11.1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan á Administración, ao tribunal encargado de xulgar o concurso-oposición e aos/ás que participen nel.

11.2. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión, poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

11.3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I
Prazas e titulación

Clase

Grupo

Subgrupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva

discapacidade

Total

Titulación

Farmacéutico/a inspector/a de Saúde Pública

A

A1

8

3

1

12

Título oficial de grao/licenciatura universitaria en Farmacia

Inspector/a médico/a

A

A1

6

3

1

10

Título oficial de grao/licenciatura universitaria en Medicina

Licenciado/a en Ciencias Biolóxicas

A

A1

1

1

2

Título oficial de grao/licenciatura universitaria en Bioloxía

Licenciado/a en Ciencias Químicas

A

A1

2

1

3

Título oficial de grao/licenciatura universitaria en Química

Licenciado/a en Farmacia

A

A1

5

2

1

8

Título oficial de grao/licenciatura universitaria en Farmacia

Licenciado/a en Psicoloxía

A

A1

2

1

1

4

Título oficial de grao/licenciatura universitaria en Psicoloxía

ATS/DUE

A

A2

4

2

1

7

Título oficial de grao/diplomatura universitaria en Enfermaría ou equivalente

Subinspector/a sanitario/a

A

A2

5

2

1

8

Título oficial de grao/diplomatura universitaria en Enfermaría ou equivalente

ANEXO II
Programa das probas selectivas

Parte común.

Tema 1. A Constitución española de 1978: título preliminar, título I, artigos 10, 14 e 23, capítulo IV e capítulo V e título VIII.

Tema 2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia: título preliminar, título I, título II e título III.

Tema 3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título III, título IV, capítulo I e capítulo IV e título V.

Tema 4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia: título preliminar, título I, capítulo I.

Tema 5. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar, capítulos III e IV.

Tema 6. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico: título preliminar, título I.

Tema 7. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar e título I.

Tema 8. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III, título VI, capítulos III e IV e título VIII.

Tema 9. Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Tema 10. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: título I, título II, título III e título VIII.

Tema 11. O principio de igualdade entre mulleres e homes. Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar e título I.

Tema 12. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar e título I.

Tema 13. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I, II, III e V.

Tema 14. A Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tema 15. O exercicio das profesións sanitarias: a Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias.

Os textos legais serán os vixentes á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento dos tribunais de cualificación.

Parte específica.

– A parte específica do programa de cada unha das clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, que son obxecto desta convocatoria contense no anexo II da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 24 de novembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro).

Por mandato da Lei 7/2023, do 30 de novembro, engádese para todas as clases o seguinte tema:

Perspectiva de xénero. Saúde pública e xénero. Violencia de xénero: prevención, detección e actuación por parte dos/das profesionais das administracións sanitarias.

Os textos legais, guías e normas técnicas serán os vixentes á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento dos tribunais de cualificación.

ANEXO III
Exercicios

1º exercicio (eliminatorio):

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test con 4 respostas alternativas, máis 10 preguntas de reserva, de contido teórico e práctico sobre a parte específica do programa, nun prazo máximo de 150 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 50 puntos.

As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente serán penalizadas co cuarto do valor asignado á contestación correcta.

Para superar este exercicio deberá alcanzarse unha puntuación do 50 % do seu valor (25 puntos).

2º exercicio (obrigatorio non eliminatorio):

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 20 preguntas tipo test con 4 respostas alternativas, máis 2 preguntas de reserva, sobre o contido da parte común do programa, nun prazo máximo de 40 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 5 puntos.

As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente serán penalizadas co cuarto do valor asignado á contestación correcta.

Estarán exentos/as da realización deste exercicio os/as aspirantes que participen pola quenda de promoción interna. Nas listaxes de puntuación da fase de oposición asignaráselles ás persoas aspirantes que participen por esta quenda 5 puntos neste punto.

3º exercicio (obrigatorio non eliminatorio):

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test con 4 respostas alternativas, máis 2 preguntas de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte dos/das aspirantes da lingua galega, nun prazo máximo de 15 minutos.

Este exercicio será valorado de 0 a 5 puntos.

As respostas correctas puntuarán positivamente, as non contestadas non terán valoración ningunha e as contestadas erroneamente serán penalizadas co cuarto do valor asignado á contestación correcta.

Estarán exentos/as da realización deste exercicio os/as aspirantes que acrediten posuír o Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego), de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega), aos/ás cales se lles asignarán 5 puntos.

No suposto en que deba anularse un número de preguntas dun exercicio superior ao de reserva, o valor de cada resposta correcta será o que resulte de dividir a puntuación máxima acadable no respectivo exercicio entre o número de preguntas válidas que finalmente resulten.

ANEXO IV
Baremo

1. Experiencia profesional: (máximo 27 puntos).

1.a) Baremo xeral:

– Por cada mes completo de servizos prestados en postos da mesma clase á que opta, da escala de saúde pública e administración sanitaria ou equivalentes doutras administracións públicas de España/Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,20 puntos/mes.

– Por cada mes completo de servizos prestados en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de calquera Administración pública, en distinto corpo, grupo, escala ou clase/categoría: 0,10 puntos/mes.

Para a clase de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública, tendo en conta o disposto pola disposición transitoria sexta, parágrafo segundo, do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública, valoraranse ademais os servizos prestados como persoal interino da clase de farmacéuticos titulares, e os prestados na clase de licenciados/as en Farmacia que ocuparon postos de traballo de inspector/a farmacéutico/a de Saúde Pública na relación de postos de traballo referente a corpos e escalas da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

Para as clases de inspector/a médico/a e subinspector/a sanitario/a valoraranse ademais os servizos desempeñados en postos de inspección sanitaria na Administración estatal, Instituto Social da Mariña ou Insalud. Igualmente, valoraranse os servizos prestados como persoal laboral temporal desempeñando funcións propias da correspondente clase.

1.b) Puntuación específica polo exercicio de dereitos de conciliación:

Polo exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o máximo de 0,5 puntos:

– Permiso por nacemento e coidado do/da menor (o nacemento, a adopción ou o acollemento): 0,01 puntos/semana (7 días).

– Permiso do/da outro/a proxenitor/a por nacemento e coidado do/da menor (o nacemento, adopción ou o acollemento): 0,01 puntos/semana (7 días).

– Redución de xornada por motivos familiares: 0,02 puntos/mes completo.

– Excedencia por coidado de fillos/as e familiares: 0,02 puntos/mes completo.

A acreditación de cada unha destas circunstancias deberá efectuarse polo/a aspirante na forma prevista no anexo V.

Coa valoración dos puntos 1.a) e 1.b) non se poderá superar a puntuación máxima prevista para o punto de experiencia profesional.

• Normas xerais de valoración.

Primeira.

Os meses serán computados por días naturais.

Para iso calcularase en cada punto do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará en cada punto será o cociente enteiro, despreciándose os decimais.

En ningún caso, un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintos puntos do baremo.

Segunda.

Os servizos prestados durante o período en que se goce dunha redución de xornada por algunha das causas legalmente previstas serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

Os servizos prestados polo persoal especificamente nomeado a tempo parcial serán valorados coa conseguinte redución. Cando nun mesmo período, o/a interesado/a acredite distintos nomeamentos a tempo parcial, realizarase unha acumulación, sen que poida resultar, en ningún caso, unha xornada acumulada superior á xornada completa.

O período de formación para a obtención do título de especialista non poderá ser valorado como tempo de servizos prestados.

Os períodos de permiso sen soldo, así como a permanencia en situación de servizos especiais, valoraranse como tempo de servizos efectivamente prestados na clase para os efectos deste baremo. Así mesmo, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares e de excedencia por razón de violencia de xénero.

Terceira.

A experiencia profesional en postos da mesma clase a que se opta valorarase a partir da data de superación do período formativo conducente á obtención do título exixido para o acceso.

Os servizos prestados en virtude dun título expedido por países extracomunitarios valoraranse desde a data de homologación do título polo ministerio competente.

O período de formación para a obtención dunha titulación académica, así como calquera actividade laboral desenvolvida durante o período de formación para a obtención dun título académico, non poderán ser valorados como tempo de servizos prestados.

2. Permanencia na clase (máximo 8 puntos):

Por cada cinco anos de prestación de servizos continuados e ininterrompidos na mesma clase á que opta: 2 puntos.

3. Formación: (máximo 5 puntos).

a) Pola asistencia, debidamente xustificada, a actividades formativas acreditadas por algún dos órganos acreditadores que integran o Sistema acreditador da formación continuada do Sistema nacional de saúde, polo Consello Internacional de Enfermaría (CIE), polo Consello Europeo de Acreditación da Educación Médica Continuada (EACCME) ou a Asociación Médica Americana (AMA), impartidos por calquera entidade ou organismo público ou privado, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da clase a que opta.

b) Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou por calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da clase á que opta.

c) Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Academia Galega de Seguridade Pública, o Instituto Nacional de Administración Pública e as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos impartidos en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da clase á que se opta.

Valoración:

– Por crédito, calquera que sexa a tipoloxía deste: 0,1 puntos.

– Por hora: 0,01 puntos.

A puntuación que se outorgará aos/ás aspirantes que impartisen os anteditos cursos de formación continuada será de 0,02 puntos por hora de docencia impartida. Valorarase a formación impartida que teña un contido relacionado coas funcións propias da clase a que se opta.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren neste.

Os cursos de seguridade e saúde laboral, informática, xestión clínica, bioestatística e metodoloxía da investigación valoraranse en todas as clases e con independencia da data de obtención do título exixido para o acceso á clase correspondente.

Así mesmo, valorarase en todo caso a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero. Para os efectos de puntuación desta epígrafe estimaranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola Escola Galega de Administración Pública e Axencia Galega de Coñecemento en Saúde ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública.

Non serán obxecto de valoración os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, talleres ou similares, agás que estean debidamente acreditados polos órganos acreditadores que forman o sistema acreditador da formación continuada do Sistema nacional de saúde.

Tampouco se valorarán as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica, os cursos de doutoramento, así como os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

ANEXO V
Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

As titulacións académicas oficiais acreditaranse, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo ministerio competente ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e a data en que foron causados.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase xunto coa copia compulsada do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo ministerio competente español.

* Supostos específicos:

a) A acreditación da formación máster, especialista e experto/a universitario/a efectuarase mediante o orixinal ou unha copia compulsada do título ou certificación da universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECT asignados á dita actividade formativa.

Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditado a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

b) Formación continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante unha copia compulsada do certificado de asistencia ao curso en que deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou as horas asignados. Poderá requirírselle a persoa aspirante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión Nacional ou Autonómica de Formación Continuada deberá constar o logotipo da respectiva comisión e ademais o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

* Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que conste o número de créditos, o número de expediente e o logotipo da Comisión de Formación Continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos ademais aqueles diplomas asinados dixitalmente por Digital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección a través dun código QR ou CSV (código seguro de verificación). Noutro suposto deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección resérvase o dereito de poder exixirlle ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Experiencia profesional

A experiencia profesional acreditarase mediante unha certificación emitida pola Secretaría Xeral e os departamentos territoriais da Consellería de Sanidade ou órgano correspondente das administracións públicas en que se fará constar a seguinte información: clase/categoría/especialidade, tipo de vínculo (de carreira, fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

As persoas aspirantes deberán rexistrar en Fides/expedient-e a experiencia profesional en postos de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria no punto de «outra experiencia» e proceder a acreditar documentalmente tal mérito, mediante unha certificación orixinal ou unha copia compulsada ou auténtica.

* Puntuación específica por conciliación:

As situacións de permiso por parto, adopción ou acollemento, permiso do/da outro/a proxenitor/a por nacemento, acollemento ou adopción de fillo/a, redución de xornada por motivos familiares e excedencia por coidado de fillos/as e familiares acreditaranse mediante certificación da súa concesión, expedida pola dirección do centro ou órgano equivalente, na cal deberán constar as datas de inicio e fin.

O persoal fixo ou temporal que nos últimos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria viñese prestando os seus servizos no Servizo Galego de Saúde non terá que presentar ningunha documentación acreditativa de tales situacións.

Este mérito deberá rexistrarse polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no punto de «outra experiencia», no espazo habilitado para tal efecto, dentro de cada vínculo a que se asocie tal motivo de conciliación.

d) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas/autenticadas polo/a responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas polo/a notario/a ou funcionario/a público/a acreditado/a para a realización de tales funcións.

Todas as referencias contidas nestas bases á exixencia de copia compulsada dun documento fanse extensivas, nos mesmos termos, á copia electrónica auténtica.

Os documentos en formato dixital teñen que contar con sinatura dixital e/ou CSV (código seguro de verificación) ou código QR, que remitan á URL, onde se lle permita ao órgano de selección verificar o respectivo documento.

e) Tradución de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuar:

– A persoa tradutora xurada, debidamente autorizada ou inscrita en España.

– Calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

– A representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar unha copia traducida.

ANEXO VI
Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Poderase acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Facenda).

Se a persoa usuaria xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (Punto de Acreditación Electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención hospitalaria e atención primaria do organismo.

A primeira vez que un/unha profesional acceda con certificado dixital a Fides, solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que lles permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Neste suposto, o acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e o contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e de funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e o funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que se vai achegar.

4. Caixa de correo electrónico.

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación con este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

ANEXO VII
Modelo de autoliquidación de taxas

missing image file