DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 2025 Páx. 67438

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de decembro de 2025 pola que se autoriza a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur para conceder subvencións de carácter intramural destinadas á investigación e á formación no seu ámbito fundacional e se aproban as súas bases reguladoras (código de procedemento SA202I).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a dita disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

No artigo 45 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, estableceuse a previsión da incorporación das fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan os centros e institutos de investigación sanitaria do ámbito do Sistema público de saúde de Galicia no sector público autonómico, para os efectos do establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e, para facela efectiva, a necesidade de promover as modificacións dos seus estatutos que sexan precisas.

Por acordo do Consello da Xunta do 28 de decembro de 2023, aprobouse a modificación dos Estatutos da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, para facer efectiva a dita incorporación ao sector público autonómico de Galicia.

A Fundación ten a consideración de medio propio instrumental e servizo técnico da Xunta de Galicia, o que implica a súa vinculación ao réxime dos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e está adscrita á consellería competente en materia de sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, exercendo aquela o seu Protectorado.

A Fundación ten entre os seus fins os de promover a investigación científica, poñendo á disposición dos/das investigadores/as os medios e/ou recursos da Fundación para o desenvolvemento dunha máis alta calidade na prestación dos seus servizos á Comunidade Galega e propoñer e levar a cabo accións de promoción e dinamización da investigación. Así mesmo, o artigo 10 dos seus estatutos recolle entre as actividades fundacionais a da concesión de axudas económicas e de bolsas, de recursos e de medios materiais e de servizos, a institucións e a persoas.

Por outra banda, o artigo 18.2.y) dos Estatutos atribúe ao Padroado da Fundación a facultade de «acordar a convocatoria e concesión de axudas á investigación ou á formación no ámbito fundacional. De conformidade co previsto no artigo 120 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, nas convocatorias serán de aplicación os principios previstos na lexislación xeral sobre subvencións».

Así pois, resulta de interese para a Fundación poder levar a cabo convocatorias de axudas e subvencións con cargo aos seus recursos como accións de fomento e desenvolvemento dos seus fins, entre os que destaca o de promover e dinamizar a investigación, a formación e a innovación no seu ámbito de actuación.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización

Autorizar a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur para poder conceder subvencións de carácter intramural destinadas á investigación e á formación no seu ámbito fundacional, con cargo aos seus propios recursos (código de procedemento SA202I).

Artigo 2. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións de carácter intramural dirixidas á investigación e á formación no seu ámbito fundacional.

Artigo 3. Publicidade

Cada convocatoria destas axudas publicarase na páxina web da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, logo de seu anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento das bases reguladoras aprobadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión pola Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, de subvencións de carácter intramural,
en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á investigación e á
formación no seu ámbito fundacional (código de procedemento SA202I)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión pola Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións de carácter intramural destinadas á investigación e á formación no seu ámbito fundacional (código de procedemento SA202I).

Artigo 2. Condicións xerais das subvencións

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia, previa convocatoria efectuada pola Fundación.

2. O obxectivo destas subvencións é facilitar ao persoal investigador que forme parte de grupos de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (en diante, IISGS) a realización de estadías en centros de investigación especializados e de recoñecido prestixio, diferentes aos que constitúen o IISGS, permitindo o seu acceso a novos coñecementos e formación complementaria en técnicas ou procedementos novos, ademais de fomentar a creación de sinerxías e colaboracións futuras con outros grupos e centros.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas que, no momento de presentación da solicitude, teñan a condición de persoas investigadoras adscritas ao IISGS, a través dunha das seguintes modalidades de vinculación:

a) Persoal que preste servizos na Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur.

b) Persoal contratado polo Servizo Galego de Saúde, pertencente ás áreas sanitarias de Vigo ou de Pontevedra e O Salnés.

c) Persoal contratado pola Universidade de Vigo.

2. Nos supostos das alíneas b) e c) a concesión da subvención non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e a Fundación, manténdose a súa vinculación de orixe.

3. As persoas beneficiarias non poderán estar incursas nas prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Financiamento

1. O importe da subvención determinarase con base no importe anual reflectido nos orzamentos de gastos da Fundación para o correspondente exercicio, conforme o seu plan de actuación.

As convocatorias anuais da Fundación quedarán condicionadas á existencia da dotación orzamentaria correspondente, e indicarán o número de axudas que se van conceder, así como o seu importe total.

O financiamento por parte da Fundación establecerase nas correspondentes convocatorias anuais.

2. A asignación máxima por estadía, destinada a cubrir os custos de desprazamento e axudas de custo de aloxamento e manutención, será a seguinte:

• 1.000 € para estadías en centros situados en territorio nacional.

• 2.000 € para estadías en centros situados en países da Unión Europea.

• 2.500 € para estadías en centros situados no resto de países.

Estes importes poderanse revisar de conformidade co IPC e coas dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio.

Así mesmo, o importe total de cada axuda terá en conta o custo dun seguro adicional de cobertura sanitaria en países que non formen parte da Unión Europea.

Pola súa banda, a axuda de desprazamento que se conceda terá a consideración de pagamento anticipado, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este anticipo non exixe a constitución de garantías.

3. Ás persoas beneficiarias desta axuda, seralles de aplicación, de ser o caso, o disposto na Lei e Regulamento do IRPF.

Artigo 5. Duración das estadías obxecto das axudas

1. Con carácter xeral, as estadías obxecto das axudas terán unha duración mínima de 2 meses.

2. No caso de que a persoa investigadora decida aumentar a duración da estadía solicitada, deberá comunicalo á Dirección Científica do Instituto e da Fundación. A entidade non se fará responsable dos gastos derivados da devandita prolongación.

Artigo 6. Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de 10 días, e indicaralle que, de non facelo así, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Na solicitude, que constará como anexo da correspondente resolución de convocatoria, incluiranse as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Carta de aceptación do centro receptor.

b) Autorización da Dirección/Xerencia do centro con que a persoa candidata teña vinculación laboral no momento da estadía. No caso de persoal residente en formación, este documento substituirase pola autorización da Comisión de Docencia do hospital. No caso do persoal contratado pola Fundación, coa presentación da solicitude debidamente asinada polo seu responsable funcional, enténdese autorizado.

c) Curriculum vitae do/da candidato/a no modelo CVA da FECYT.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Avaliación das solicitudes

1. Dentro dos 15 días naturais seguintes ao peche do prazo de solicitude, a persoa titular da dirección da Fundación aprobará a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web do IISGS.

As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web do Instituto.

2. A continuación, o órgano instrutor remitirá á Dirección Científica do IISGS a relación das solicitudes admitidas xunto coa documentación complementaria correspondente, será enviada aos membros do Comité Científico Interno (CCI) do IISGS para a súa avaliación e autorización, se procede. O órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes procurará atender ao principio de participación equilibrada de mulleres e homes na súa composición.

O CCI será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 10, así como de elevar ao órgano instrutor o informe en que se concrete o resultado provisional da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas, que será comunicado ao órgano instrutor a través da Dirección Científica do IISGS.

3. Contra este acordo, as persoas interesadas poderán presentar reclamación no prazo de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

4. Logo da análise das reclamacións presentadas polo CCI do IISGS, a Dirección Científica do IISGS elevará ao órgano instrutor o resultado definitivo da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas solicitantes.

Artigo 10. Criterios de avaliación

1. As solicitudes avaliaranse cun máximo de 100 puntos, conforme os seguintes criterios de valoración:

a) Avaliación da candidatura (ata 30 puntos): valorarase o CV da persoa candidata nos últimos 5 anos, tendo en conta o seu perfil e grupo de adscrición, coa seguinte distribución:

• Compromiso co Instituto (citación da súa filiación nas publicacións, proxectos de investigación xestionados pola Fundación): ata 10 puntos.

• Participación en proxectos de investigación financiados en convocatoria pública competitiva e activos no período indicado: 3 puntos por cada proxecto en que participe como IP, e 1 punto se participa como colaborador/a, ata un máximo de 8 puntos.

• Número de orixinais e revisións publicados en revistas científicas indexadas no Journal Citation Report (JCR): 3 puntos por cada publicación en que sexa autor/a principal (primeira ou última posición) ou de correspondencia, e 1 punto se participa como colaborador/a, ata un máximo de 8 puntos. Non se valorarán publicacións en que se asine como grupo ou consorcio.

• Pertenza a un grupo emerxente e/ou do ámbito da atención primaria ou da investigación en coidados do Instituto: ata 4 puntos.

b) Avaliación da estadía proposta (ata 70 puntos): nesta epígrafe valorarase a calidade do centro de acollida e prestixio da persoa responsable da práctica, as técnicas ou actividades que se van realizar e o retorno que pode ofrecer a súa actividade no IISGS, coa seguinte distribución:

• Relevancia das actividades que se van realizar durante a estadía: ata 35 puntos.

• Calidade do centro e grupo receptor: ata 15 puntos.

• Retorno esperado da formación recibida: ata 20 puntos.

2. Naqueles casos en que, para a valoración dos méritos recollidos, se estableza un período de avaliación definido no tempo, na contabilización do prazo correspondente ampliarase o período proporcional ás interrupcións debidas aos seguintes motivos:

a) Permisos derivados de maternidade ou paternidade, adopción, ou garda con fins de adopción ou acollemento gozados conforme as situacións protexidas que se recollen no réxime xeral da Seguridade Social. Aplicarase unha ampliación en semanas resultante do produto de 4 polo número de semanas de baixa/permiso gozadas por cada fillo/a.

b) Incapacidade temporal por enfermidade ou accidente graves da persoa solicitante, con baixa médica igual ou superior a tres meses. Aplicarase unha ampliación dun ano.

c) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el. Aplicarase unha ampliación en semanas resultante do produto de 4 polo número de semanas de baixa que se acumulará, de ser o caso, á ampliación recollida por permisos derivados de maternidade ou paternidade.

d) Atención a persoas en situación de dependencia, conforme a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. Aplicarase unha ampliación en semanas resultante do produto de 4 polo número de semanas de actividade como persoa coidadora non profesional.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Resolución

1. O órgano competente para resolver a concesión das axudas é a dirección da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, que outorgará as axudas por orde de puntuación obtida, ata o esgotamento do crédito anual establecido.

2. O prazo máximo para a tramitación e resolución do procedemento será de 3 meses, desde a data límite de presentación das solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A convocatoria pódese declarar deserta se non se cumpren as condicións exixidas.

4. A resolución ditada non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 66.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro. Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuarase só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Procedemento de cobramento e xustificación

1. O aboamento da subvención efectuarase en dous prazos:

• O 50 % da axuda, previamente ao inicio da estadía, presentando o formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia debidamente cuberto e asinado.

• O 50 % restante da axuda, logo da realización da estadía, no prazo máximo dun mes desde a finalización desta, presentando a persoa beneficiaria, ademais do citado formulario cuberto e asinado, a seguinte documentación xustificativa:

– Memoria das actividades desenvolvidas, asinada pola persoa responsable do grupo ao que pertenza.

– Informe do centro receptor en que se indique o período de estadía realizado e o seu aproveitamento.

2. As subvencións que reciban as persoas beneficiarias son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre e cando o total das axudas recibidas para o mesmo fin non supere o importe dos gastos realizados, tendo en conta o establecido no artigo 14.3.

3. En ningún caso a cantidade concedida poderá financiar gastos que fosen xa financiados por outras subvencións ou fondos. No caso de que a persoa beneficiaria reciba financiamento público ou privado que complemente a cantidade concedida, deberá comunicalo á Dirección da Fundación.

Artigo 15. Renuncia

1. A renuncia da persoa beneficiaria a unha axuda concedida pola Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur deberá comunicarse por escrito dirixido á dirección desta, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. A renuncia durante o goce da axuda inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación dunha solicitude co mesmo obxecto, na seguinte convocatoria, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola dirección da Fundación.

3. Así mesmo, no caso de percibir a persoa adxudicataria unha axuda doutra entidade que cubra a totalidade dos gastos da estadía solicitada, a persoa beneficiaria deberá renunciar por escrito á axuda concedida pola Fundación, no prazo de quince (15) días naturais desde que sexa pública dita resolución.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da axuda a:

a) Aceptar en todos os seus termos a resolución ditada. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

b) Reintegrar, total ou parcialmente, a axuda percibida no supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola dirección da Fundación, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

Artigo 17. Incidencias

1. Se durante o desenvolvemento das estadías se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, cubrirase esta seguindo a orde establecida nas correspondentes listaxes de suplentes en función da puntuación obtida.

2. En calquera momento a persoa responsable do seguimento do programa poderá proporlle á dirección da Fundación a cancelación da axuda por falta de rendemento ou desatención da formación na estancia da persoa beneficiaria. Neste caso, o órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria, logo de trámite de audiencia á persoa interesada.

3. A renuncia ou a revogación da axuda durante o desenvolvemento do obxecto desta inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Fundación.

4. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo con estas bases reguladoras dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das contías xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

5. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola consellería de adscrición da fundación.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A elaboración de estatísticas a partir dos datos resultantes da convocatoria deberán permitir coñecer se os criterios de avaliación das axudas ao persoal investigador a que se dirixen son ou non igualitarias.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.