Para unha adecuada aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 30 de xuño de 1992 pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de poderes e documentos acreditativos de lexitimación, procedeu a codificar no seu anexo VI as diferentes tarifas das taxas e recolle no seu anexo VII a relación de entidades financeiras colaboradoras na recadación de taxas e prezos.
Como consecuencia da Lei de medidas fiscais e administrativas para 2026, que crea, modifica ou elimina determinadas tarifas, e da Resolución do 16 de decembro de 2025 pola que se cancela a autorización como entidade colaboradora para a recadación dos tributos e doutros ingresos de dereito público da Xunta de Galicia de Evo Banco, cómpre modificar as codificacións e as entidades financeiras colaboradoras recollidas na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, mediante esta resolución, consonte coa autorización contida no parágrafo segundo da disposición adicional da orde citada.
Ademais, a Lei de medidas fiscais e administrativas para 2026 modifica o número 3 da disposición derradeira terceira da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e establecendo que se exceptúa do previsto no número 1 o disposto nos artigos 11.bis, 14, 15 e 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2027. Desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2026 manterase en vigor e aplicarase a regulación recollida nos artigos 14, 15 e 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na redacción vixente inmediatamente anterior á data de entrada en vigor da presente lei. Como consecuencia desta modificación legal, cómpre modificar a Resolución do 1 de novembro de 2025 pola que se modifican os anexos da Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico.
Por todo iso, conforme o exposto e de acordo co establecido no parágrafo segundo da disposición adicional da Orde do 30 de xuño de 1992 e na disposición adicional sexta da Orde de 27 de xaneiro de 2014,
RESOLVO:
Primeiro. Actualizar o anexo VI da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, do xeito seguinte:
A) Engadindo os códigos relacionados a seguir, de maneira que se insiran no lugar que lles corresponda segundo a orde preestablecida:
|
31.54.00 |
Análises de residuos de medicamentos por cromatografía |
|
31.55.00 |
Análises de pesticidas por cromatografía |
|
32.18.01 |
Autorización de instalacións eléctricas e de gas |
|
32.18.02 |
Regularización de instalacións eléctricas |
|
32.19.82 |
No caso de regularización da inscrición nos rexistros de instalacións afectadas por regulamentos de seguridade industrial, as tarifas anteriores incrementaranse linealmente nun 35 % |
|
32.52.29 |
Autorización de persoas físicas ou xurídicas que realizan operacións de recollida e tratamento de residuos e as súas modificacións |
B) Modificando os códigos seguintes:
|
30.07.08 |
Homologación e inscrición de modelos de máquinas de xogo. No caso das máquinas tipo B ou B especial, a contía multiplicarase por cada xogo que insira a máquina |
|
30.07.15 |
Outras inscricións no Rexistro de Modelos de Máquinas: – Modificacións substanciais da inscrición, no caso das máquinas tipo B ou B especial, a contía multiplicarase polo número de xogos que se modifiquen – Cancelación da inscrición – Autorización da cesión da inscrición – Recoñecementos de modelos e certificacións de laboratorio |
|
30.07.16 |
Inscrición de modificacións non substanciais no Rexistro de Modelos de Máquinas |
|
30.07.19 |
Homologación e inscrición de sistemas de interconexión de máquinas |
|
30.07.20 |
Modificación da inscrición de sistemas de interconexión de máquinas de xogo |
|
30.23.00 |
Devolución de fianzas constituídas por actividades de xogo que non supoña modificación da inscrición |
|
30.39.09 |
Certificacións e expedición de copia da rendición anual de contas e doutros documentos |
|
30.39.10 |
Anotacións de calquera clase |
|
30.46.06 |
Inscrición da adquisición, alleamento e gravame de bens |
|
30.46.10 |
Presentación de contas e doutros actos sometidos á inscrición |
|
30.46.11 |
Certificacións e expedición de copia de contas anuais, plans de actuación e doutros documentos |
|
30.46.13 |
Plans de actuación e anotacións de calquera clase |
|
30.51.04 |
Homologación do material de apostas e inscrición no Rexistro de Apostas |
|
31.08.04 |
Actuacións extraordinarias do persoal veterinario oficial de Galicia, á demanda dos establecementos (considéranse actuacións extraordinarias as que teñan lugar fóra do horario habitual establecido e autorizado para cada matadoiro) |
|
31.12.11 |
Licenza de funcionamento das persoas fabricantes de produtos sanitarios á medida |
|
31.14.02 |
Autorización de funcionamento ou traslado |
|
31.14.06 |
Autorización de modificacións |
|
31.14.07 |
Autorización de funcionamento ou traslado |
|
31.14.08 |
Renovación da autorización |
|
31.18.03 |
Actividades de control de centros e servizos e establecementos sanitarios |
|
31.21.00 |
Títulos habilitantes en materia de litoral |
|
32.18.00 |
Instalacións eléctricas e de gas |
|
32.52.22 |
Autorización de produción de subproduto e as súas modificacións |
|
32.52.24 |
Comunicación de actividade como plataforma loxística |
C) Eliminando os códigos seguintes:
|
30.07.10 |
Inscrición provisional de proba de prototipos de modelos de máquinas recreativas ou de azar |
|
30.07.14 |
Comunicación da exhibición de prototipos de modelos en feiras e exposicións |
|
30.07.26 |
Inscrición no Rexistro de Modelos de cambio de xogo en máquinas de vídeo tipo B ou B especial |
|
30.07.27 |
Recoñecementos de modelos e certificacións de laboratorio |
|
30.07.28 |
Cesión de inscrición de modelos |
Segundo. Modificar o anexo VII da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, substituíndo o seu contido polo seguinte:
Banco Santander
Banco Sabadell
BBVA
Abanca
Ibercaja
Caixabank
Caja Rural Galega
Caja Rural Zamora
Terceiro. Modificar a Resolución do 1 de novembro de 2025 pola que se modifican os anexos da Orde do 27 de xaneiro de 2014, pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico nos puntos segundo e terceiro nos cales a mención «...para devindicacións a partir do 1.1.2026...» queda substituída pola mención «...para devindicacións a partir do 1.1.2027...».
No entanto, o modelo en formato electrónico de declaración de alta/modificación do Censo electrónico de parques eólicos (modelo 007), aprobado no punto segundo da Resolución do 1 de novembro de 2025, terá validez para as declaracións que debesen realizarse de acordo coa disposición adicional sétima da Orde do 31 de outubro de 2025 pola que se modifica a Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico.
Cuarto. Esta resolución entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2026.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
Sonia Lafont Sendino
Directora da Axencia Tributaria de Galicia
