A Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía é unha entidade sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que ten afectado de xeito duradeiro o seu patrimonio á consecución de determinados obxectivos sanitario-asistenciais. O ámbito territorial no que desenvolve principalmente as súas actividades limítase á súa zona de influencia dentro da nosa comunidade autónoma, agás no cal se refire á súa actividade docente e investigadora nos eidos da sanidade e da saúde pública, que poderá alcanzar a toda España. O seu domicilio actual radica no Hospital Provincial de Conxo, situado en Santiago de Compostela.
A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 23.12.1994, co número de protocolo 3.406, e clasificada como científico-sanitaria pola Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 1.2.1995. A fundación foi adscrita ao Protectorado da Consellería de Sanidade, e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1995/1.
O Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, aprobou, entre outros, os estatutos da fundación. Neles determínase que o seu obxecto é a prestación de servizos especializados de consultoría, planificación, avaliación e prestación de servizos oftalmolóxicos de alta complexidade, docencia e investigación. O artigo 5 dos devanditos estatutos recolle, a título orientativo, que poderán constituír o seu obxecto as seguintes actividades:
1. Servizos especializados e integrais en prestacións oftalmolóxicas de alta complexidade.
2. A asesoría e a consultoría no desenvolvemento de novas prestacións diagnósticas e/ou terapéuticas.
3. O deseño e a implantación de sistemas de corrección ocular.
4. A docencia e a investigación en prestacións oftalmolóxicas e tecnolóxicas afíns.
5. O control de calidade en prestacións oftalmolóxicas.
6. O desenvolvemento de actividades de investigación, docencia e prestación de servizos de todo tipo de planificación e de avaliación na área de medicina molecular.
Así mesmo, dispón que a fundación poderá realizar cantas actividades conexas e consecuentes cos seus obxectivos considere necesarias.
Así pois, a fundación veu desempeñando, desde hai máis de 30 anos, un labor encomiable desde o punto de vista sanitario e asistencial, tendo contribuído significativamente ao grande impulso da oftalmoloxía en Galicia e o Estado. Trátase dunha institución pioneira en Galicia, a cal levou a oftalmoloxía pública galega a dar un salto cualitativo na prestación dos distintos tratamentos e servizos.
Non entanto, nos últimos anos as incorporacións tecnolóxicas e o desenvolvemento dos servizos asistenciais nas distintas áreas e distritos sanitarios de Galicia facilitaron a accesibilidade á poboación galega da maior parte da carteira de servizos que ata hoxe viña prestando a fundación de maneira especializada. No momento actual as áreas sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia están a ofrecer a totalidade das prestacións que se establecían como específicas da fundación, polo que a razón da súa subsistencia, cal era a de prestar servizos sanitarios públicos e actividades complementarias ou de apoio á atención sanitaria pública de carácter singular e exclusivo, ten desaparecido no día de hoxe. Así o considerou o Padroado da fundación, reunido o pasado 24 de marzo de 2025 en sesión extraordinaria, na cal se acordou aprobar a extinción da fundación, logo de propoñer tamén a integración das actividades asistenciais, docentes e investigadoras desenvoltas por aquela, na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, en concreto, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), o que permitirá aproveitar o extraordinario coñecemento e a experiencia acumulados ao longo da traxectoria da fundación de cara a mellorar a asistencia que se preste a partir de agora a todos/as eses/as pacientes desde a área sanitaria.
O anterior acordo foi ratificado polo Protectorado da consellería competente en materia de sanidade (en canto que departamento que exerce as competencias correspondentes ao fin da fundación) o 14 de maio de 2025, e tamén foi informado favorablemente polos centros directivos competentes en materia de emprego público e de simplificación administrativa e do patrimonio. A extinción acordada ten o seu fundamento no disposto nos artigos 44 a 46 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos artigos 47 a 50 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, así como no artigo 20 dos estatutos da fundación, que foi acordada por maioría cualificada dos membros do seu Padroado.
Xunto coa normativa anteriormente citada, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispón no seu artigo 114 que a extinción das fundacións do sector público autonómico debe ser autorizada por acordo do Consello da Xunta.
En consecuencia, este decreto culminará o proceso de extinción da devandita fundación pública, de conformidade coas previsións legais anteriormente citadas.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, segundo o disposto no artigo 37.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, no artigo 114.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 2 do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto autorizar, nas condicións que neste se establecen, a extinción da Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía.
Artigo 2. Integración dos bens e dereitos da Fundación
Os bens e os dereitos da fundación pasarán a integrarse na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, pertencente ao Servizo Galego de Saúde, sendo aquela a entidade receptora destes, unha vez que se produza a extinción.
Artigo 3. Integración do persoal da Fundación
O persoal empregado público da Fundación, con vínculo estatutario, integrarase no cadro de persoal da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza, centro de destino Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, co mesmo vínculo, tipo de nomeamento e categoría orzamentaria que ten.
Artigo 4. Efectos
De conformidade co previsto no artigo 50 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, a extinción da fundación porá fin ás actividades ordinarias desta e determinará o comezo das operacións de liquidación.
Asemade, a citada extinción dará lugar á integración efectiva e inmediata do seu persoal no cadro de persoal da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza, que se producirá con efectos do 1 de xaneiro de 2026.
Artigo 5. Comisión liquidadora
1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Sanidade, e oída a Consellería de Facenda, designará unha comisión liquidadora integrada por 3 peritos/as de recoñecida profesionalidade.
A designación non poderá recaer en candidatos/as que estivesen vinculados nos cinco anos anteriores á fundación.
2. A Comisión liquidadora designada elevaralle ao Consello da Xunta, a través da Consellería de Sanidade, unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución da fundación.
3. Aprobada a proposta, a Comisión liquidadora levará a efecto as operacións de liquidación no prazo máximo de 1 mes, tendo en conta o acordo de extinción adoptado polo Padroado e ratificado polo protectorado e as disposicións contidas neste decreto. O Padroado aprobará o balance de situación para os efectos da extinción, condicionado ao que resulte do informe da respectiva comisión liquidadora. O dito acordo será elevado a escritura pública e remitido ao Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
4. A actividade da Comisión liquidadora designada será supervisada polo Protectorado da Consellería de Sanidade, no exercicio das funcións que ten legalmente atribuídas.
5. Realizadas as operacións de liquidación, a comisión aprobará e remitirá as contas co seu informe ao Protectorado, para os efectos da súa constancia e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, logo de outorgamento da preceptiva escritura pública.
6. As operacións de liquidación e o resultado destas enténdese sen prexuízo da facultades de inspección e control atribuídas aos órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego
1. O protectorado promoverá a inscrición da extinción da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que se instará mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.
2. Ao Rexistro de Fundacións incorporarase o acordo de extinción, así como a documentación resultante do proceso de liquidación, que deberá incluír a escritura pública a que se refire o parágrafo quinto do artigo 4 deste decreto.
3. A inscrición da extinción da fundación no Rexistro de Fundacións implicará a extinción da personalidade xurídica daquela e suporá o cesamento dos membros do seu padroado.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
