DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 2025 Páx. 67382

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 124/2025, do 22 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Soutomaior do treito final da estrada PO-264 (p.q. 2+270-p.q. 3+570), xunto co seu dominio público viario.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos cales forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O día 15 de decembro de 2025, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Soutomaior asinaron un acordo para o cambio de titularidade, a prol do Concello, dun treito situado entre os pp.qq. 2+270 e 3+570 da estrada autonómica PO-264 (Paredes-N-540)-Arcade (N-550).

A estrada PO-264 atravesa o núcleo urbano de Arcade (principal núcleo de poboación do termo municipal de Soutomaior) e constitúe un treito antigo da estrada que conectaba A Coruña coa fronteira con Portugal, e que actualmente constitúe a estrada N-550, da Coruña a Tui, de titularidade da Administración xeral do Estado.

O treito da estrada PO-264 situado entre os pp.qq. 2+270 e 3+570 presenta categoría funcional de rede local, non forma parte de ningún itinerario entre núcleos ou centros de actividade relevantes, cuxa continuidade se poida ver interrompida ao transferir a súa titularidade ao Concello de Soutomaior, dado que a súa funcionalidade principal, na conexión entre o norte e o sur de Galicia, cruzando o fondo da ría de Vigo, é asumida polo trazado actual da estrada N-550 e carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Soutomaior, do treito final da estrada PO-264, xunto co seu dominio público viario, conforme os seguintes datos:

Transferencia

Inicio

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Final

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

1

Treito final da PO-264

p.q. 2+270 da PO-264

X= 532.339

Y= 4.688.089

p.q. 3+570 da PO-264

X= 532.403

Y= 4.686.842

1.301

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, suprimindo este treito da estrada PO-264, que queda recollido do seguinte xeito:

Clave

Denominación

Treito

p.q.i

p.q.f

Lonxitude treito (km)

Lonxitude total (km)

Categoría funcional

Clase de estrada

Provincia

PO-264

Paredes (N-550) – Arcade (N-550)

Paredes (N-550) – Ponte Sampaio

(rúa Fonte do Conde)

0+000

2+270

2,27

2,27

Local

Estrada convencional

Pontevedra

O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Soutomaior deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Soutomaior, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco

O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro
da Xunta e a súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas