1. O 25.11.2025, a conselleira de Medio Rural resolveu a declaración da situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Parada, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) San Mamede de Parada, ordenando a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) como medio de notificación da dita resolución ás posibles persoas interesadas, conforme o previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. A inexistencia de comunidade e, polo tanto, de persoas interesadas coñecidas, obriga á publicación conforme o citado artigo 45 da Lei 39/2015, que dispón:
«Artigo 45. Publicación
1. Os actos administrativos serán obxecto de publicación cando así o establezan as normas reguladoras de cada procedemento ou cando o aconsellen razóns de interese público apreciadas polo órgano competente.
En todo caso, os actos administrativos serán obxecto de publicación, fornecendo esta os efectos da notificación, nos seguintes casos:
a) Cando o acto teña por destinatario unha pluralidade indeterminada de persoas ou cando a Administración considere que a notificación efectuada a un só interesado é insuficiente para garantir a notificación a todos, sendo, neste último caso, adicional á individualmente realizada.
b) Cando se trate de actos integrantes dun procedemento selectivo ou de concorrencia competitiva de calquera tipo. Neste caso, a convocatoria do procedemento deberá indicar o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións e carecerán de validez as que leven a cabo en lugares distintos.
2. A publicación dun acto deberá conter os mesmos elementos que o artigo 40.2 exixe respecto das notificacións. Será tamén aplicable á publicación o establecido no punto 3 do mesmo artigo.
Nos supostos de publicacións de actos que conteñan elementos comúns, poderanse publicar de forma conxunta os aspectos coincidentes, especificándose soamente os aspectos individuais de cada acto.
3. A publicación dos actos realizarase no diario oficial que corresponda, segundo cal sexa a Administración da que proceda o acto para notificar.
4. Sen prexuízo do disposto no artigo 44, a publicación de actos e comunicacións que, por disposición legal ou regulamentaria, deba practicarse no taboleiro de anuncios ou edictos, entenderase cumprida pola súa publicación no diario oficial correspondente».
Polo anteriormente exposto, resolvo facer pública a resolución que se reproduce a continuación:
«Antecedentes.
1. O 8.2.1979, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou clasificar o monte San Mamede de Parada, no lugar de Parada, parroquia de San Pedro de Maus, concello de Vilar de Barrio, con extensión de 161 ha, formado por dúas parcelas independentes, separadas por predios particulares do val do Arnoia e pola mesmo vila, sendo os seus lindeiros os que se sinalan na carpeta-ficha elaborada pola Administración forestal, como monte veciñal en mano común pertencente en copropiedade xermánica aos veciños de Parada.
2. O 28.6.2024 recibiuse no Servizo de Montes de Ourense un escrito do Concello de Vilar de Barrio, asinado polo alcalde (núm. 103/RX 2063766 do Rexistro da Dirección Territorial do Medio Rural de Ourense, minuta núm. 2024-S-RC-217 da Oficina de Rexistro de Vilar de Barrio), polo que esta entidade local solicita a xestión cautelar do monte comunal de Parada con base no acordo plenario adoptado na sesión ordinaria do 4.6.2024.
Co escrito de solicitude achegan un certificado do dito acordo plenario e un certificado de empadroamento negativo referente á localidade ou lugar de Parada, en que consta que non hai ninguén empadroado no dito lugar.
3. O 12.11.2024, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe en que caracteriza o estado forestal do monte e informa do seguinte:
3.1. Que, segundo os datos existentes na sección provincial do Rexistro de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), a CMVMC de Parada carece de representación legal desde o 12.6.2019, en concreto, o último órgano reitor de que dispuxo consistiu nunha asemblea xeral unipersoal, manténdose esta tipoloxía directiva (asemblea xeral constituída por 1 ou 2 persoas) desde o momento en que constan datos no aplicativo REXMON para esa comunidade (24.10.2007).
3.2. Que se trata dunha comunidade severamente afectada por un problema de despoboamento crónico e que, tendo en conta os datos que constan no rexistro, así como tamén a certificación municipal de empadroamento negativa, encaixa dentro da situación xurídica de pendencia estipulada na lei, en concreto, por desaparición da comunidade de veciños.
3.3. Que, segundo os datos que constan neste servizo, o MVMC San Mamede de Parada dispuxo dun proxecto de ordenación vixente entre 2010 e 2018, feito que revela a existencia dun esforzo pasado en materia de xestión forestal que nas actuais circunstancias non pode ter continuidade.
3.4. Que, logo de comprobar in situ o estado do monte, se constata unha falta de xestión que comeza a revelar efectos negativos, moi particularmente no caso da parcela principal do monte, situada ao NE (ou marxe dereita) do río Arnoia. Os efectos negativos son:
– Carencia ou abandono de tratamentos silvícolas prescritos que aseguren uns mínimos estándares de calidade no momento da corta final (podas altas, cortas de mellora).
– Falta de mantemento da pista forestal no treito correspondente ao monte, con presenza de abundante maleza e incluso rexenerado, non só nas faixas auxiliares de pista, senón tamén na propia plataforma do camiño, que dificultan o tránsito. Neste sentido, o monte alberga nunha das súas valgadas, a carón da pista, un depósito de auga do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), cuxa operatividade en caso de emerxencia se pode ver comprometida.
– Falta de mantemento das dúas áreas devasa que atravesan o monte, con igual presenza de abundante maleza e incluso rexenerado, de modo que as principais infraestruturas lineais de defensa (incluíndo a pista) con que conta o monte non cumpren coa súa función de interrupción da continuidade do combustible, deixando o piñeiral nunha situación moi vulnerable ante un posible incendio.
Finalmente, o Servizo de Montes de Ourense emite informe favorable sobre a solicitude de xestión cautelar efectuada polo Concello de Vilar de Barrio.
4. Nas bases de datos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (DXPOF) fixéronse as seguintes comprobacións:
– Na aplicación REIMON, operativa desde 2018, non consta a presentación de ningunha comunicación anual de reinvestimentos por parte da comunidade de Parada.
– Consta a sinatura, o 30.9.2008, dun contrato para a conversión a convenio de 112,30 ha procedentes do consorcio Serra de San Mamede 25 (OR-2017), que pertence aos veciños de Parada, concello de Vilar de Barrio, Ourense.
5. O 19.5.2025, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal acordou o inicio do expediente para a declaración de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da CMVMC de Parada. Seguidamente, trasladouse este acordo ao Servizo de Montes de Ourense para que se efectuasen as notificacións e publicación de avisos indicados no propio acordo, para os efectos da práctica de alegacións por parte das posibles persoas interesadas.
6. O Servizo de Montes de Ourense emitiu un novo informe, do 23.6.2025, en que completaba a información sobre a situación do monte en cuestión:
– Advirte da existencia dun convenio coa Administración forestal sobre 112,30 ha do MVMC San Mamede de Parada, elenco núm. 32155275, cuxas contas revelan un saldo de cero euros a favor da Xunta de Galicia, é dicir, non existe débeda.
– O estado de execución do proxecto de ordenación vixente no período 2010-2018 resúmese mediante a táboa de actuacións seguinte:
|
Unidade actuación |
Actuación |
Prioridade |
Ano inicio |
Ano fin |
Execución |
|
00101 |
Corta de rexeneración |
1 |
2010 |
2010 |
Lote 153/12 |
|
00102 |
Corta de rexeneración |
1 |
2011 |
2011 |
Lote 128/10 |
|
00103 |
Reforestación (roza, preparación terreo, plantación) |
3 |
2012 |
2012 |
Non se executou porque o rodal rexenerou de forma natural |
|
00201 |
Clara |
1 |
2015 |
2015 |
Lotes 128/10, 144/12 e 191/14 |
|
00201 |
Poda alta |
2 |
2016 |
2016 |
Non se considerou necesaria |
|
00202 |
Clara |
1 |
2015 |
2015 |
Pendente de executar |
|
00202 |
Poda alta |
2 |
2016 |
2016 |
Non se considerou necesaria |
– No ano 2018, e fóra do ámbito do proxecto de ordenación, construíuse o depósito de auga do SPDCIF (expediente 32M08/17) mencionado no informe do 12.11.2024 deste mesmo servizo.
7. O 26.6.2025, o Servizo de Montes de Ourense remitiu ao Concello de Vilar de Barrio o acordo de inicio do expediente para a declaración de pendencia xunto cos dous informes propios sobre os estados legal e forestal do MVMC San Mamede de Parada, para os efectos da súa valoración e práctica da publicidade pertinente.
8. O 24.6.2025, o Servizo de Montes de Ourense notificou o acordo de inicio do expediente para a declaración de pendencia a José Antonio Rodríguez Gómez, único comuneiro censado no último dos rexistros do REXMON, o 16.6.2015, e que figura como único membro da xunta reitora vixente ata o 12.6.2019. Esta notificación no domicilio resultou infrutuosa, polo que o Departamento Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural efectuou a publicación no BOE (8.9.2025) e no DOG (4.9.2025).
9. Por comunicación do 26.9.2025, este mesmo servizo faille saber ao Servizo da Propiedade Forestal da DXPOF que non se recibiron alegacións en contra do acordo.
Consideracións legais e técnicas.
1. A condición de comuneiro está caracterizada pola residencia habitual nas entidades de poboación para as que foi declarado o MVMC. Así vén recollido no artigo 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e, máis concretamente, no artigo 61 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia:
Terán a condición de veciños comuneiros aquelas persoas titulares de unidades económicas, produtivas ou de consumo, con casa aberta e residencia habitual independente dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social a que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte.
Os estatutos da comunidade veciñal poderán establecer un prazo mínimo de residencia para adquirir a condición de comuneiro, a cal, en ningún caso, poderá ser superior a un ano.
Non poderá eximirse o cumprimento do requisito de residencia habitual, salvo causas xustificadas, e sen que a exención poida superar os dous meses en cada ano natural.
2. Tendo en conta os informes recibidos, resulta acreditada a falta de comuneiros na área xeográfica formada polo lugar de Parada.
3. O artigo 20, Inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, da Lei 13/1989 establece:
“1. En situacións xurídicas de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños titular do monte e ata que, de ser o caso, se reconstitúa a comunidade, a defensa dos seus intereses e a xestión cautelar do monte corresponderán á consellería competente en materia de montes, que actuará como titular provisional do aproveitamento do monte en beneficio da comunidade e ofrecerá esa titularidade provisional ao Concello onde se atope o monte.
(...)
3. Considérase que unha comunidade de veciños se atopa en situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños cando concorra algún incumprimento das exixencias de organización das comunidades previstas no título IV do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, ou normativa que o substitúa.
Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de montes a competencia para declarar a situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, por proposta da persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións na mesma materia, quen terá a competencia para a iniciación do procedemento.
4. A xestión cautelar efectuarase segundo o desenvolvemento regulamentario e implicará, no caso de que sexa efectuada polo órgano forestal, a obriga de aprobar un instrumento de ordenación e, no caso de que sexa efectuada polo Concello, a subscrición dun contrato de xestión pública co órgano forestal ou ben a elaboración dun instrumento de ordenación ou xestión forestal”.
4. O feito de que ningunha persoa reúna na actualidade a condición de comuneira fai imposible o mantemento dun censo de comuneiros actualizado, ou a constitución dunha xunta reitora, polo que se dan os incumprimentos previstos no número 3 do artigo 20 para a declaración de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños.
5. O artigo 27 da Lei 13/1989 prevé a xestión cautelar dos montes veciñais nos casos de inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños:
“1. Nos casos de inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, a dirección xeral competente en materia de montes comunicará a citada inexistencia, extinción ou desaparición ao Concello onde radique o monte, ou, se o monte se atopa situado no territorio de máis dun concello, comunicaralla ao Concello en que se sitúe a maior superficie do monte. Nesta comunicación a dirección xeral ofrecerá a súa xestión cautelar ao devandito concello e concederalle un prazo de 3 meses para aceptala ou renunciar a ela. Se o Concello renuncia á xestión cautelar ou non contesta dentro do prazo concedido, o monte será xestionado preventivamente pola consellería competente en materia de montes ata que se reconstitúa a comunidade e se cumpran os requisitos para o reinicio da actividade previstos no punto 4 deste artigo.
(...)”.
6. Tendo en conta os antecedentes e consideracións legais e técnicas anteriores, o 6.11.2025 o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal formulou a seguinte proposta de resolución:
Unha vez acreditada a falta de comuneiros na área xeográfica formada polo lugar de Parada, esta dirección xeral propón a declaración da situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Parada, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) San Mamede de Parada, co fin de iniciar o procedemento de xestión cautelar do MVMC San Mamede de Parada, conforme o previsto nos artigos 20 e 27 da Lei 13/1989.
Vista a anterior proposta formulada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, este centro directivo acorda darlle a súa aprobación nos seus propios termos e,
RESOLVO:
Declarar a situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Parada, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) San Mamede de Parada.
Contra o dito acordo poderá interpoñerse recurso de reposición con carácter potestativo, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Notifíquese esta resolución ás posibles persoas interesadas mediante a súa publicación no DOG, conforme o previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».
O que se publica para os efectos de que as posibles persoas interesadas poidan interpor recurso de reposición con carácter potestativo, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, de acordo co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025
José Luis Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal
