DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2026 Páx. 2223

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural e se procede a súa convocatoria para o ano 2026, con carácter plurianual, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI435E).

BDNS (Identif.): 880582.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880582

Primeiro . Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural (código de procedemento VI435E).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas coa resolución da convocatoria.

Terceiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias dos referidos inmobles situados, de conformidade co disposto no ordinal oitavo desta resolución, en concellos de menos de 5.000 habitantes e que acrediten ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM. No suposto de que as vivendas se vaian a destinar ao alugueiro non será de aplicación o citado límite de ingresos.

Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

2. No suposto de que os inmobles se vaian a destinar ao alugueiro só se poderán conceder un máximo de tres axudas por persoa solicitante.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 3.000.000,00 euros para a anualidade 2026 e por importe de 2.000.000,00 euros para a anualidade 2027.

Anualidade

Aplicación

Importe

2026

11.81.451A.780.4

3.000.000,00 euros

2027

11.81.451A.780.4

2.000.000,00 euros

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles dende o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de setembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 1 de setembro de 2026.

4. As solicitudes presentadas fora do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo