O artigo 90 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, sinala que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.
Pola súa parte, o artigo 91 do mesmo texto legal establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. Neste senso, o artigo 94 dispón que as actuacións de rehabilitación de carácter illado teñen por obxecto a conservación e rehabilitación dos edificios e das vivendas construídas para mellorar as condicións de vida das persoas que os ocupan.
Por outra banda, o proceso de despoboamento das zonas rurais fai necesaria unha política encamiñada a fixar poboación nestas zonas, e a vivenda é unha necesidade básica para este obxectivo.
Tendo en conta o marco exposto, coa aprobación deste programa trátase de fomentar a vida nos concellos de menos de 5.000 habitantes, mediante o outorgamento de axudas dirixidas á rehabilitación, terminación e/ou ampliación das vivendas situadas nos mesmos, así como a promover o cambio de uso de locais e entreplantas para destinalos á residencia habitual e permanente das persoas propietarias e/ou usufrutuarias ou a alugueiro.
Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.
De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
I. Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural (código de procedemento VI435E).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Recursos contra esta resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Terceiro. Remisión normativa
En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Cuarto. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.
II. Bases reguladoras
Quinto. Obxecto das axudas
Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio ao financiamento ás obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación que se realicen en vivendas sitas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes, así como ás actuacións dirixidas ao cambio de uso de locais e entreplantas situados nos mesmos, para destinalos a residencia habitual e permanente das persoas propietarias e/ou usufrutuarias ou a alugueiro.
Sexto. Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables ao abeiro deste programa a execución de obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas así como as actuacións dirixidas ao cambio de uso de locais e entreplantas para destinalos a vivenda.
Dentro das actuacións de rehabilitación, enténdense incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas, así como as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
2. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, o custo da redacción dos proxectos, no seu caso, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Así mesmo, no custo total das actuacións poderanse incluír os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, debidamente xustificados.
Sétimo. Requisitos das actuacións
1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:
– Que todas as actuacións a realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor.
– Que as actuacións subvencionables non estean iniciadas na data de publicación da correspondente convocatoria de axudas.
2. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de dezaoito meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.
3. Para o caso de actuacións plurianuais, será necesario que o inicio das actuacións teña lugar no exercicio que se determine na correspondente convocatoria.
Oitavo. Requisitos dos inmobles
1. Os inmobles obxecto das actuacións deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar situados nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación inferior a 5.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística á data da publicación da correspondente convocatoria.
b) Dedicarse a residencia habitual e permanente das persoas propietarias e/ou usufrutuarias ou a alugueiro durante un prazo, como mínimo, de cinco anos. Este prazo computarase desde a data de finalización das obras, acreditada de conformidade co disposto na letra b, do apartado primeiro do ordinal vixésimo terceiro desta resolución.
c) No suposto de que as vivendas se destinen ao alugueiro, non poderán estar afectadas por ningunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
2. No suposto de que as vivendas se destinen ao alugueiro, a obtención da condición de persoa beneficiaria deste programa determinará a incorporación da vivenda ao programa Fogar Vivo da Comunidade Autónoma de Galicia.
Noveno. Requisitos dos contratos de alugamento
No suposto de que as vivendas se destinen ao alugueiro, os contratos de alugamento deberán cumprir os seguintes requisitos derivados da incorporación das vivendas no programa Fogar Vivo:
a) Que se sometan á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda habitual e permanente durante todo o tempo do contrato.
b) Que a/as persoa/s arrendataria/s non teña/n vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora.
c) Que teña unha renda mensual durante o primeiro ano de alugamento que non supere os importes previstos para o programa Fogar Vivo, en función do concello en que estea situada a vivenda.
Décimo. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias dos referidos inmobles situados, de conformidade co disposto no ordinal oitavo desta resolución, en concellos de menos de 5.000 habitantes e que acrediten ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM. No suposto de que as vivendas se vaian a destinar ao alugueiro non será de aplicación o citado límite de ingresos.
Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.
2. No suposto de que os inmobles se vaian a destinar ao alugueiro só se poderán conceder un máximo de tres axudas por persoa solicitante.
3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Décimo primeiro. Cómputo de ingresos
Para os efectos da determinación dos ingresos a que se refire o ordinal anterior, partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente aos datos fiscais da/das persoa/s solicitante/s relativos ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.
Décimo segundo. Contía da axuda
As axudas serán do 75 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 30.000 euros por vivenda.
Décimo terceiro. Solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria prevista na mesma, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
2. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, e deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situado o inmoble.
3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. No suposto de que a propiedade ou usufruto do inmoble corresponda a máis dunha persoa, só se admitirá unha solicitude por inmoble.
6. Non se poderán solicitar axudas para os inmobles xa subvencionados en convocatorias anteriores por este programa.
7. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que sexa propietaria e/ou usufrutuaria do inmoble, de ser o caso, solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade e inmoble. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa solicitante ou por calquera das persoas propietarias e/ou usufrutuarias, de ser o caso, para a mesma finalidade.
c) Que a vivenda non está afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento, no suposto de que as vivendas se destinen o alugueiro.
d) Que a vivenda estará vinculada ao programa Fogar Vivo durante un período mínimo de cinco anos, no suposto de que as vivendas se destinen ao alugueiro.
f) Declaración responsable de que a/as persoa/s solicitante/s está/n ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
g) Declaración responsable de que a/as persoa/s solicitante/s non está/n incursa/s nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
h) Declaración responsable de que que a/as persoa/s solicitante/s coñece/n e acepta/n os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.
i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Décimo cuarto. Documentación complementaria
1. As solicitudes de subvención deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a persoa solicitante non conste como titular catastral.
c) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas propietarias ou usufrutuarias do inmoble, de ser o caso, así como da súa conformidade coa solicitude da subvención. Neste suposto deben figurar todas as persoas propietarias ou usufrutuarias ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
d) Anexo III, de declaración responsable da/das persoa/s propietarias e/ou usufrutuarias para o suposto de destinar a vivenda a súa residencia habitual e permanente, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañado, no seu caso, da seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en adiante, INSS).
– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.
e) Reportaxe fotográfica do estado actual do inmoble, preferentemente en cor, respecto das actuacións para as que se solicita a axuda.
f) Memoria-programa da actuación, con indicación do orzamento detallado da actuación para a que se solicita a subvención e a programación temporal e pormenorizada da actuación.
g) Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar. No suposto de non contar aínda con ela, achegarase a correspondente solicitude de licenza.
h) Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza. No caso de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da presentación da comunicación previa ao concello, esta deberá vir acompañada dunha declaración responsable de non ter sido requirido para a súa emenda.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle á persoa interesada a súa achega.
Décimo quinto. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial nos termos sinalados no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo sexto. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a/as persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias.
b) DNI ou NIE da persoa física representante.
c) Número de identificación fiscal da entidade representante.
d) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), de obrigas coa Seguridade Social e/ou coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante e solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias.
e) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria, salvo no suposto de que a vivenda obxecto da subvención se destine ao alugamento.
f) Consulta de subvencións ampliado.
g) Consulta de axudas do Estado.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a persoa solicitante e, de ser o caso, as demais persoas propietarias ou usufrutuarias teñen en propiedade e/ou usufruto o inmoble.
j) Consulta de datos de residencia, con data da última variación padroal da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias e/ou usufrutuarias, para os efectos do pagamento da axuda, salvo no suposto de que a vivenda obxecto da subvención se destine ao alugamento.
2. No caso de que a/as persoa/s interesada/s se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no correspondente formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da/das persoa/s interesada/s para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo oitavo. Órganos competentes
1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado o inmoble no que se vaian a realizar as actuacións.
2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.
Décimo noveno. Procedemento de concesión
1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. O procedemento iniciarase de oficio, mediante a correspondente publicación no DOG, da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.
3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente resolución de convocatoria, requirirase á persoa solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Vixésimo. Resolución e recursos
1. O prazo para resolver a concesión da axuda será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na correspondente resolución de convocatoria.
3. A resolución estimatoria indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización.
Para o caso de que a subvención se configurara con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada no ordinal vixésimo terceiro desta resolución.
4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
5. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.
Vixésimo primeiro. Causas de denegación
1. Será causa de denegación da axuda o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe este programa.
2. Así mesmo, serán denegadas as solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará será o da orde cronolóxica de entrada da solicitude completa en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.
Vixésimo segundo. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.
2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Vixésimo terceiro. Xustificación e pagamento da subvención
A xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme ao seguinte procedemento:
1. A persoa beneficiaria deberá comunicar á correspondente Área Provincial do IGVS as actuacións relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. Estas comunicacións realizaranse mediante a presentación do anexo IV desta resolución.
Xunto co citado anexo deberá achegarse, segundo os casos, a seguinte documentación:
A. Para o caso de xustificar a comunicación parcial das obras:
– Certificación de inicio das obras, emitido pola persoa técnica competente.
– Memoria explicativa das obras realizadas asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente.
– Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, na que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Esta memoria conterá a relación clasificada dos gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá acreditarse mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas correspondentes a actuación subvencionada.
– Fotografías que mostren as obras executadas, preferentemente en cor, que permitan apreciar o estado da vivenda e nas que se mostre, ademais, o cartel publicitario de tamaño suficiente para que sexa perfectamente visible e lexible, no que conste a denominación do programa, o importe da axuda concedida e a marca da Xunta de Galicia.
– Licenzas e/ou autorizacións preceptivas, no caso de non telas achegado con anterioridade.
– Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros, cando se trate de obras, e/ou 15.000 euros, cando se trate de servizos ou subministracións. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
B. Para o caso de xustificar a comunicación final das obras, deberá presentarse, ademais da documentación sinalada no punto anterior, actualizada, de ser o caso, coas novas actuacións, a seguinte documentación:
– Certificación da finalización das obras, emitida pola persoa técnica competente.
2. Esta documentación presentarase, nos termos previstos no ordinal décimo sétimo nun prazo de quince días hábiles, contados desde a realización das actuacións subvencionadas.
3. Transcorrido o prazo indicado sen que a/as persoas beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.
4. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade á data que se determine na correspondente convocatoria.
5. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo da solicitude da persoa beneficiaria, conforme ao procedemento establecido no ordinal décimo sétimo destas bases reguladoras, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.
6. No caso de non terse presentado a documentación xustificativa nos prazos indicados, perderase o dereito ao cobramento das subvencións concedidas, o que será notificado á persoa beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
7. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Vixésimo cuarto. Pagamento da subvención. Anticipos. Pagamento a conta
1. O pagamento parcial ou total da subvención requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria na/nas conta/s sinalada/s para o efecto pola/s persoa/s beneficiaria/s, en función da súa porcentaxe de participación na propiedade e/ou usufruto da vivenda.
2. Poderanse dar anticipos ás persoas beneficiarias que así o soliciten con posterioridade á notificación da resolución de concesión, mediante o anexo V, sempre e cando, ao abeiro do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, se cumpran as seguintes condicións:
a) Que non superen o 50 % do importe total da axuda concedida á persoa beneficiaria, nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
b) Que se destinen exclusivamente a cubrir gastos da actuación obxecto da subvención e se xustifiquen adecuadamente.
3. De conformidade co artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderán realizarse pagamentos a conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos que hai que xustificar, que non poderán exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
4. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a constituír garantías, de acordo co artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta ou das cantidades anticipadas. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito, que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria. Xunto coa solicitude anticipo deberase achegar o documento acreditativo da constitución das garantías.
De conformidade co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, quedan exentos da constitución de garantías as persoas beneficiarias das subvencións das que os pagamentos non superen os 18.000 euros. Para o caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos a conta, o importe anterior se entende referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.
Vixésimo quinto. Obrigas das persoas beneficiarias
Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias terán as seguintes obrigas:
1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados na resolución de concesión.
2. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través do IGVS, de conformidade co ordinal vixésimo terceiro desta resolución e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Xustificar a execución da actuación presentando os documentos sinalados nestas bases reguladoras.
4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación.
5. Achegar ao Área Provincial do IGVS na que estea situada a vivenda, nun prazo de dez días desde a súa sinatura o contrato de alugamento, formalizado cumprindo as especificacións do programa Fogar Vivo da Comunidade Autónoma de Galicia, no suposto de que a vivenda se destine ao alugueiro.
6. Comunicar ao IGVS a alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas deste programa.
7. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.
8. Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.
9. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
10. As demais obrigas que derivan desta resolución e da correspondente convocatoria.
Vixésimo sexto. Perda e reintegro da subvención
1. Poderán ser causa de perda e reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:
a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.
b) A falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido na correspondente resolución de convocatoria.
c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.
2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Vixésimo sétimo. Compatibilidade e incompatibilidade das subvencións
1. Estas axudas serán compatibles con calquera outra que para a mesma finalidade, convoquen outras administracións ou entidades públicas ou privadas, sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións. Así mesmo, serán compatibles coas axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar do programa Fogar Vivo, e coas axudas do programa de adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As subvencións previstas nesta resolución non se poderán compatibilizar coas axudas para a adecuación e reparación das vivendas do programa Fogar Vivo nin con calquera outra axuda de rehabilitación de vivendas xestionadas polo IGVS.
Vixésimo oitavo. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación, electrónica ou en papel, no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, esta realizarase segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido; entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo noveno. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a/as persoa/s beneficiaria/s de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Trixésimo. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no apartado oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (en diante, BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a BDNS e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Trixésimo primeiro. Datos de carácter persoal
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RGPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
III. Convocatoria
Trixésimo segundo. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles dende o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de setembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes poderán presentarse dende as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 1 de setembro de 2026.
4. As solicitudes presentadas fora do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Trixésimo terceiro. Actuacións plurianuais
Para o caso de actuacións plurianuais, será necesario que o inicio das actuacións teña lugar no exercicio 2026.
Trixésimo cuarto. Crédito orzamentario
1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 3.000.000,00 euros para a anualidade 2026 e por importe de 2.000.000,00 euros para a anualidade 2027.
2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.
3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Trixésimo quinto. Concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes
De conformidade co ordinal oitavo das bases reguladoras, os concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes serán os relacionados no anexo VI desta resolución.
Trixésimo sexto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas
1. Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2024.
2. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2024.
Trixésimo sétimo. Xustificación da subvención
En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao último día hábil do mes de novembro da correspondente anualidade, salvo que o requirimento sinalado no apartado 3 do ordinal vixésimo terceiro se fixera dentro dos dez días anteriores a esa data.
IV. Eficacia
Trixésimo oitavo. Eficacia
Esta resolución producirá efectos ao día seguinte da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
