BDNS (Identif.): 880815.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880815
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarias autónomas ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante os anos 2019, 2021, 2022, 2023 e 2024, puxesen en marcha unha casa do maior.
Segundo. Obxecto e finalidade
Esta orde ten como obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións, para os anos 2026 e 2027, destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha nos anos 2019, 2021, 2022, 2023 e 2024.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 26 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para os anos 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).
Cuarto. Tipos de axudas e contías
A axuda polo mantemento da casa do maior consistirá nunha achega económica de 25.400 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora, que se liquidará nos termos previstos no artigo 20.
Adicionalmente, no caso de que as persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado promotoras, como beneficiarias das axudas desta orde, optasen por asumir o desprazamento das persoas usuarias, poderán percibir un máximo de 10 euros por persoa usuaria e día. Para estes efectos, a persoa beneficiaria da axuda deberá acreditar o número de persoas usuarias deste servizo mediante a formalización do anexo V.
Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada do desenvolvemento da actividade, aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante o período que dure a dita baixa.
Nos casos de baixa de longa duración da persoa encargada do desenvolvemento da actividade non incluídos no punto anterior, aboarase un complemento da prima de 150 € semanais a partir da terceira semana da baixa, cun límite de catro semanas. Este complemento poderase solicitar só unha vez ao ano por casa do maior.
Quinto. Financiamento
A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é de 10.323.000 euros, segundo a seguinte desagregación:
|
Aplicación orzamentaria |
2026 |
2027 |
Importe total |
|
08.05.312E.470.0 |
5.161.500 € |
5.161.500 € |
10.323.000 € |
A partida 08.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento destas axudas.
De acordo co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do 5º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
