
O 12 de setembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 setembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia, ao abeiro da segunda convocatoria do mecanismo de financiamento interrexional VInnovate, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025.
A dita resolución foi modificada pola Resolución da directora da Axencia Galega de Innovación do 10 de setembro de 2025 (DOG número 181, do 19 de setembro), pola que se corrixen os prazos de execución da convocatoria.
Esta é a segunda convocatoria deste tipo de apoios da Axencia Galega de Innovación no marco da RIS3. O mecanismo Interrexional VInnovate, posto en marcha pola rede europea Vanguard Initiative, é un instrumento conxunto de financiamento que facilita a creación de consorcios, entre os axentes dos ecosistemas das rexións europeas da Vanguard participantes neste novo mecanismo, para impulsar a xeración de proxectos estratéxicos interrexionais. A través de VInnovate facilítanse os recursos para o financiamento e execución destes proxectos a través das achegas das distintas administracións rexionais participantes, e financia cada unha os seus axentes.
O artigo 29 das bases reguladoras establece que o procedemento de avaliación terá dúas fases: fase rexional e fase interrexional. Dentro da fase interrexional, dispón que «Cada axencia rexional financiadora da convocatoria VInnovate avaliará individualmente cada proposta que conte con participantes da súa rexión no consorcio.
Unha vez rematadas todas as avaliacións rexionais, poranse en común as avaliacións realizadas por cada rexión e, atendendo ás limitacións orzamentarias da contribución de cada axencia rexional á convocatoria VInnovate, sinalaranse os proxectos que poderán ser financiados.
O proxecto galego só poderá ser financiado pola Axencia Galega de Innovación se todas as rexións financiadoras do proxecto interrexional o avalían favorablemente».
Despois de que as rexións presenten ao Secretariado de VInnovate os proxectos seleccionados para o seu posible financiamento, o 16 de decembro de 2025 terá lugar unha reunión de «consenso», na cal deberá participar, polo menos, un representante por rexión, co obxectivo de seleccionar os proxectos que se van financiar. Un proxecto será financiado se todas as rexións involucradas seleccionan o proxecto para o seu financiamento.
Así mesmo, o artigo 35.2 das bases reguladoras, relativo á xustificación da subvención, establece os seguintes prazos para ter dereito ao pagamento da axuda: o prazo de execución da primeira anualidade, isto é, o prazo de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados é desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de decembro de 2025, e o prazo de xustificación da primeira anualidade, isto é, o prazo para a presentación da documentación é o 31 de xaneiro de 2026.
A data prevista para a realización da reunión de consenso (16 de decembro de 2025) e a publicación da Orde do 9 de decembro de 2025, pola que se regulan as operacións de peche do exercicio 2025 e de apertura do exercicio 2026 (DOG número 239, do 11 de decembro), imposibilitan resolver a convocatoria antes do prazo de execución da primeira anualidade e antes da data de resolución que establecen as bases reguladoras.
Polo tanto, procede modificar os prazos de execución e xustificación das anualidades, así como anular os créditos correspondentes á anualidade 2025 e transferilos á anualidade 2026.
Consecuentemente co anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
RESOLVE:
Primeiro. Modificar a Resolución do 10 setembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia, ao abeiro da segunda convocatoria do mecanismo de financiamento interrexional VInnovate, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento IN848G) nos seguintes termos:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 7, Financiamento, que queda redactado nos seguintes termos:
«1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación nas aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo.
|
Aplicación |
2026 |
2027 |
2028 |
Total |
|
|
07.A2.561A.770.0 (CP: 2023-00007) |
400.000 € |
400.000 € |
200.000 € |
1.000.000 € |
|
|
Total |
400.000 € |
400.000 € |
200.000 € |
1.000.000 € |
». |
Dous. Modifícase o número 3 do artigo 10, Gastos subvencionables, que queda redactado nos seguintes termos:
«3. Para a anualidade 2026 só se admitirán aqueles custos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención, e que non sexan anteriores ao último trimestre do ano 2025, e a data límite de execución de gasto establecida no artigo 35 desta resolución. Para estes efectos, considérase como data de presentación a que corresponde á solicitude do líder da parte galega do consorcio.
Para o resto de anualidades, admitiranse os custos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de execución de gasto da anualidade anterior e a data límite de execución de gasto da anualidade corrente».
Tres. Modifícase o número 5 do artigo 31.
Resolución e notificación, que queda redactado nos seguintes termos:
«5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será o 31 de marzo de 2026».
Catro. Modifícase o número 2 do artigo 35.
Xustificación da subvención, que queda redactado nos seguintes termos:
«2. Prazos de execución e de xustificación:
Prazos de execución:
Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:
|
Primeira anualidade |
Desde |
Data da presentación da solicitude e que non sexan anteriores ao último trimestre do ano 2025 |
|
Ata |
31 de outubro de 2026 |
|
|
Segunda anualidade |
Desde |
1 de novembro de 2026 |
|
Ata |
31 de outubro de 2027 |
|
|
Terceira anualidade |
Desde |
1 de novembro de 2027 |
|
Ata |
30 de setembro de 2028 |
En todo caso, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de execución. Exceptúanse desta regra xeral os gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de execución. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á entidade beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.
Non serán subvencionables aqueles custos que non se correspondan cos conceptos indicados no DECA, salvo que se solicitase e aprobase por parte da Axencia Galega de Innovación a modificación oportuna da resolución de concesión.
b) Prazos de xustificación (presentación da documentación):
|
Presentación da documentación xustificativa |
|||
|
Primeira anualidade |
Ata |
O 30 de novembro de 2026 |
|
|
Segunda anualidade |
Ata |
O 30 de novembro de 2027 |
|
|
Terceira anualidade |
Ata |
O 15 de outubro de 2028 |
». |
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
