A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 68.2 que corresponde ás administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizar periodicamente probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no número 8 da disposición adicional cuarta que a consellería con competencias en materia de educación, no ámbito das súas competencias, organizará periodicamente probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria.
A Orde do 2 de outubro de 2024 pola que se regula a educación básica para persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia dispón no artigo 34.2 que anualmente se convocarán polo menos dúas probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria.
De acordo co exposto,
RESOLVO:
Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación
Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos correspondentes ao ano 2026 na Comunidade Autónoma de Galicia, con código de procedemento administrativo ED540A, conforme se dispón nas epígrafes seguintes.
Segunda. Finalidade da proba
A proba ten por finalidade verificar se se alcanzaron os obxectivos da etapa establecidos na Orde do 2 de outubro de 2024 pola que se regula a educación básica para persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceira. Convocatorias
1. Convocatoria de marzo: a proba terá lugar o día 27 de marzo de 2026.
2. Convocatoria de xuño: a proba terá lugar o día 5 de xuño de 2026.
Cuarta. Lugares de realización das probas
1. Constituiranse sedes para a realización da proba nas seguintes localidades: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
2. A relación dos centros educativos que actúen como sedes dos diferentes tribunais publicarase xunto coa listaxe de persoas admitidas e excluídas.
Quinta. Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes
1. Poderán participar as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de dezaoito anos ou cumprir esa idade no ano 2026.
b) Non estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar nin ter estado matriculadas nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ordinaria nin de formación profesional básica no curso 2025/26, agás as persoas matriculadas durante este curso na educación secundaria para persoas adultas, que poderán inscribirse nas probas se previamente cumpren as seguintes condicións:
• Ter solicitado a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre.
• Así mesmo, para acudir á primeira convocatoria, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
2. O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria da proba e dos posibles resultados académicos obtidos nela.
Sexta. Persoas con necesidades educativas especiais
1. As persoas con necesidades educativas especiais que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver (anexo I).
2. O tribunal determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais para cada caso e informará a persoa interesada da súa decisión.
3. O tribunal adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen para permitir que estas persoas poidan realizar a proba. Cando sexa necesario, poñerá esta circunstancia en coñecemento do departamento territorial correspondente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para que facilite os recursos necesarios.
Sétima. Recoñecemento de estudos previos
1. De acordo coas especificacións do anexo III.2, as persoas aspirantes poderán solicitar a exención da realización da proba dos ámbitos correspondentes cando acrediten ter superado:
a) Algún ámbito nas probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos en convocatorias anteriores.
b) Algún módulo catro dos ámbitos de educación secundaria para persoas adultas.
c) Algún dos ámbitos do segundo curso dos ciclos formativos de grao básico.
d) Algún módulo voluntario dos programas de cualificación profesional inicial.
A cualificación deses ámbitos consignarase nas actas de avaliación da proba nos termos de suficiente (5), ben (6), notable (7-8) e sobresaliente (9-10) e coincidirá coa cualificación obtida nos módulos ou ámbitos superados con anterioridade.
2. Así mesmo, as persoas aspirantes poderán solicitar a exención da realización da proba dos ámbitos correspondentes de acordo coas especificacións do anexo III.1 cando acrediten ter superado:
a) As materias correspondentes do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria.
b) Os ámbitos e materias correspondentes dos programas de diversificación curricular de cuarto curso.
c) As materias correspondentes de segundo curso de bacharelato unificado polivalente.
Neste caso, as cualificacións dos correspondentes ámbitos consignaranse co resultado da media aritmética das cualificacións das materias e/ou ámbitos superados con anterioridade, arredondada ao número natural máis próximo e, en caso de equidistancia, ao superior.
Oitava. Exención de Lingua Galega e Literatura
1. Consonte o establecido no artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, as persoas aspirantes procedentes doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro poderán solicitar a exención da realización da parte da proba correspondente a Lingua Galega e Literatura.
2. A solicitude de exención consignarase no formulario de inscrición na proba (anexo I).
Novena. Prazo, forma e lugar de presentación de solicitudes de inscrición
1. O prazo de presentación de solicitudes de inscrición na proba será:
a) Para a convocatoria de marzo: do 26 de xaneiro ao 6 de febreiro de 2026, ambos os dous incluídos.
b) Para a convocatoria de xuño: do 7 ao 17 de abril de 2026, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria que non superen a totalidade dos ámbitos da proba consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. Debido á imposibilidade funcional para a presentación electrónica das solicitudes nos centros educativos, as solicitudes de inscrición (anexo I) deberán presentarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dirixido á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
3. A identidade dos solicitantes quedará acreditada mediante DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.
4. Poderanse presentar solicitudes de inscrición nos seguintes centros educativos:
a) A Coruña: EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, nº 3, 2º andar, 15011 A Coruña.
b) Ferrol: EPAPU Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.
c) Santiago de Compostela: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
d) Lugo: EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
e) Ourense: EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, nº 4, 32002 Ourense.
f) Pontevedra: EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, nº 26, 36002 Pontevedra.
g) Vigo: EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, nº 8, 1º andar, 36202 Vigo.
Décima. Documentación complementaria
1. Cando proceda, xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación complementaria, que se presentará presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 da epígrafe novena ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común:
a) Pasaporte ou documento acreditativo da identidade recoñecido en dereito.
b) Certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias, de acordo co establecido no número 1.a) da epígrafe sétima desta resolución, só no caso de aspirantes que os superasen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas na epígrafe sétima desta resolución.
d) Certificación do ditame de discapacidade, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia, só no caso de solicitar a adaptación da proba.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Décimo primeira. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI/NIE da persoa solicitante.
• DNI/NIE da persoa representante.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
• Certificado do grao de discapacidade, recoñecida pola Xunta de Galicia, só no caso de solicitar a adaptación da proba.
• Certificado de ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
• Historial académico dos estudos cursados en centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inscrición (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 da epígrafe novena desta resolución ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites que poderán ser empregados por elas.
Décimo terceira. Listaxes de persoas admitidas e excluídas e prazos de reclamacións
1. Os días 20 de febreiro (para a convocatoria de marzo) e 30 de abril (para a convocatoria de xuño) de 2026 publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e nos taboleiros dos centros educativos relacionados no número 4 da epígrafe novena as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, diferenciadas para cada centro de realización da proba, con expresión das causas que motivaron a exclusión.
2. Xunto coa listaxe de persoas admitidas e excluídas indicaranse para cada persoa aspirante o centro en que debe realizar a proba, os ámbitos recoñecidos, con indicación da cualificación correspondente, e a concesión ou denegación da exención de realización da parte da proba correspondente a Lingua Galega e Literatura.
3. Unha vez publicadas as listaxes, as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles para formular escrito de reclamación contra estas dirixido á presidencia do tribunal, presentando, se é o caso, a documentación que consideren oportuna.
4. Os días 3 de marzo (para a convocatoria de marzo) e 12 de maio (para a convocatoria de xuño) de 2026 publicarase a listaxe definitiva das persoas admitidas e excluídas nos lugares indicados no número 1 desta epígrafe.
5. As reclamacións e emendas á listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas entenderanse resoltas e notificadas coa publicación da listaxe definitiva.
Décimo cuarta. Tribunais
1. Para avaliar e supervisar a proba, a persoa titular da Dirección Xeral Formación Profesional designará tribunais para cada un dos centros de realización das probas, compostos por un presidente ou unha presidenta e catro vogais. Para cada tribunal designarase un tribunal suplente.
2. Á vista das persoas aspirantes inscritas, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá establecer outros tribunais, de seren necesarios para a realización da proba.
Décimo quinta. Normas para a realización da proba
1. Para a realización da proba, as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, NIE, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. Non se permitirá o acceso ás persoas que non estean correctamente identificadas.
2. Na proba do ámbito Científico-Tecnolóxico, as persoas aspirantes poderán utilizar unha calculadora científica, agás as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos alfanuméricos. Os membros do tribunal poderán comprobar se a calculadora cumpre os requisitos; de non ser así, será retirada e non poderá ser substituída por outra.
3. As persoas aspirantes non poderán acceder á proba con auriculares, teléfonos móbiles, reloxos intelixentes nin calquera outro dispositivo de almacenamento ou de transmisión de datos. Os membros do tribunal poderán comprobar en calquera momento o cumprimento desta norma.
4. Non respectar estas instrucións, copiar, valerse de información subministrada por terceiros, utilizar material non autorizado ou calquera tipo de actuación fraudulenta detectada durante a realización dos exercicios comportará a non superación da proba na súa totalidade.
Décimo sexta. Estrutura da proba
A proba organizarase en tres sesións, correspondentes a cada un dos seguintes ámbitos de coñecemento:
a) Ámbito Científico-Tecnolóxico, no cal se integran os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de Física e Química, de Bioloxía e Xeoloxía, de Matemáticas e de Tecnoloxía e Dixitalización.
b) Ámbito Social, no cal se integran os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de Xeografía e Historia e de Educación en Valores Cívicos e Éticos.
c) Ámbito de Comunicación, no cal se integran os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de Lingua Galega e Literatura, de Lingua Castelá e Literatura e de Lingua Estranxeira (inglés ou francés).
Os contidos das probas terán como referente curricular os criterios de avaliación establecidos para cada un dos ámbitos de coñecemento no anexo IB da Orde do 2 de outubro de 2024 pola que se regula a educación básica para persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Décimo sétima. Desenvolvemento da proba
• Das 9.00 ás 9.30 horas: chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.
• Das 9.30 ás 12.00 horas: realización da proba correspondente ao ámbito Científico-Tecnolóxico.
• Das 12.15 ás 13.15 horas: realización da proba correspondente ao ámbito Social.
• Das 16.00 á 19.00 horas: realización da proba correspondente ao ámbito de Comunicación.
Décimo oitava. Expresión dos resultados da avaliación. Cualificacións
Os resultados da avaliación de cada un dos ámbitos de que consta a proba expresaranse nos termos de insuficiente (IN) para as cualificacións negativas e suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) ou sobresaliente (SB) para as cualificacións positivas. A estes termos achegaráselles, con carácter informativo, unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un a dez, coas seguintes correspondencias: insuficiente (1, 2, 3 ou 4), suficiente (5), ben (6), notable (7 ou 8) e sobresaliente (9 ou 10).
A cualificación de cada ámbito levarase a cabo de acordo coas especificacións establecidas no anexo II desta resolución.
Décimo novena. Cualificacións provisionais e reclamacións
1. Os días 17 de abril (para a convocatoria de marzo) e 17 de xuño (para a convocatoria de xuño) de 2026, as persoas aspirantes poderán consultar as cualificacións provisionais de maneira presencial no centro de inscrición na proba ou no espazoAbalar, ao cal se poderá acceder no enderezo web https://espazoabalar.edu.xunta.gal/ con certificado dixital ou Chave365, ou a través da aplicación abalarMóbil. O acceso á aplicación móbil tras a súa descarga farase mediante o número de teléfono móbil que se facilite no formulario de inscrición na proba (anexo I), en que recibirá un código de acceso.
2. Contra estas cualificacións poderase presentar reclamación mediante escrito motivado dirixido á presidencia do tribunal nos tres días hábiles posteriores á publicación das cualificacións.
3. As reclamacións presentaranse na secretaría do centro de inscrición na proba ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésima. Resolución
1. Resoltas as reclamacións, os días 28 de abril (para a convocatoria de marzo) e 26 de xuño (para a convocatoria de xuño) de 2026, as persoas aspirantes poderán consultar as cualificacións definitivas seguindo o procedemento indicado no número 1 da epígrafe décimo novena.
2. As reclamacións contra as cualificacións provisionais entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.
3. Contra as cualificacións definitivas poderase interpoñer no prazo dun mes recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.
Vixésimo primeira. Superación da proba
A proba considerarase superada cando se obteña unha cualificación igual ou superior a cinco puntos en cada un dos tres ámbitos que a compoñen.
Vixésimo segunda. Superación parcial da proba
As persoas que non superen a proba na súa totalidade manterán a cualificación obtida no ámbito ou ámbitos superados para sucesivas convocatorias.
Vixésimo terceira. Titulación
A superación da proba dará dereito á obtención do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria.
Vixésimo cuarta. Certificacións
1. A acta de avaliación recollerá os resultados da avaliación de cada un dos ámbitos e, se é o caso, das cualificacións dos ámbitos recoñecidos.
2. As persoas participantes con ámbitos superados poderán solicitar a certificación dos resultados obtidos na proba, que o tribunal expedirá conforme o modelo do anexo IV desta resolución.
3. Os centros en que se constitúan os tribunais conservarán toda a documentación relativa á proba para a súa tramitación e custodia.
4. As certificacións que se soliciten con posterioridade ao proceso de avaliación serán asinadas pola directora ou director e pola secretaria ou secretario do centro onde se realizou a proba.
Vixésimo quinta. Publicación e información
1. A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e nos taboleiros de anuncios dos centros de inscrición na proba.
2. As cualificacións provisionais e definitivas poderán ser consultadas seguindo o procedemento establecido no número 1 da epígrafe décimo novena desta resolución.
Disposición adicional única. Efectos económicos do tribunal
Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, os tribunais ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional
