Antecedentes.
1. O día 23 de xuño de 2025, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dita a resolución pola que se acorda o seguinte:
Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural as sete moedas históricas de Galicia denominadas Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia, Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia, Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia, Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui, 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña, 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña e 1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña, conforme o descrito no anexo I desta resolución e proceder cos trámites administrativos precisos para a súa declaración.
2. O día 24 de xuño de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural sete moedas históricas de Galicia.
3. O día 24 de xuño de 2025, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural notificoulle á casa de poxas Jesús Vico y Asociados a publicación da referida resolución de incoación.
4. O día 25 de xuño de 2025 realízase a poxa das moedas que integran a denominada Colección Orol na casa de poxas Jesús Vico, sita na cidade de Madrid, entre as que se atopan as sete moedas incluídas na resolución de incoación do procedemento de ben de interese cultural, xa referida.
5. O día 16 de xullo de 2025, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural notificoulle á casa de poxas Jesús Vico y Asociados a intención de exercer o dereito de tenteo e, de ser o caso, do exercicio dunha acción civil de retracto en relación coa adquisición das sete moedas, relacionadas na Resolución do 23 de xuño de 2025, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural sete moedas históricas de Galicia, en execución dos dereitos de adquisición preferente recoñecidos nos artigos 49 e 50 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia.
Neste escrito comunícase que, para poder exercer o dereito de adquisición preferente, é necesario que se traslade á Xunta de Galicia unha serie de información e documentación sobre varios aspectos, entre eles, o remate final da poxa dos bens.
Este escrito foi reiterado o día 22 de outubro de 2025.
6. O día 9 de outubro de 2025, o secretario xeral de Cultura do Ministerio de Cultura comunica á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que a moeda 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña foi adquirida na poxa mediante o exercicio do dereito de tenteo polo Ministerio de Cultura para destinala ao Museo Arqueolóxico Nacional e pasou a formar parte das coleccións do Estado que se custodian na dita institución.
7. O día 30 de outubro de 2025, a casa de poxas Jesús Vico y Asociados, S.L. envía á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha certificación dos lotes adxudicados, dos bens incluídos na resolución de incoación, na poxa nº 173, do día 25 de xuño de 2025, nas súas instalacións, na cal se consignan os seguintes importes:
• Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia: 16.200 €.
• Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia: 12.600 €.
• Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia: 63.000 €.
• Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui: 32.400 €.
• 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña: 33.600 €.
• 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña: 28.800 €.
• 1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña: 25.200 €.
Consideracións xurídicas.
1. Mediante a Resolución do 23 de xuño de 2025, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, incoouse o procedemento para declarar ben de interese cultural sete moedas históricas de Galicia (DOG núm. 119, do 24 de xuño), que son as seguintes: Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia, Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia, Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia, Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui, 1/4 de excelente dos Reis Católicos, Ceca A Coruña, 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña y 1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña.
2. A incoación do procedemento de declaración de interese cultural determina a aplicación provisional aos bens do mesmo réxime de protección previsto para os bens de interese cultural no título III da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia (LPCG), segundo o establecido no artigo 17.4 da citada lei.
De acordo con este réxime de protección, e segundo o establecido no artigo 49 da LPCG, calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberase notificar, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela, incluída a identidade da persoa adquirente, coa finalidade de que a Xunta de Galicia poida exercer o dereito de tenteo, para si ou para outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro.
3. A disposición adicional décimo sexta da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre dereitos de adquisición preferente en materia de patrimonio cultural, natural e forestal, establece que cando unha norma atribúa á Administración xeral da Comunidade Autónoma un dereito de adquisición preferente sobre un determinado tipo de bens e dereitos, a competencia para a adquisición onerosa corresponderá á persoa titular da consellería competente en razón da materia, logo do informe do órgano directivo competente en materia de patrimonio.
4. A Orde do 28 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección nos departamentos territoriais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no seu punto primeiro, sobre delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, na letra n) establece que se delega nesta o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
En vista dos antecedentes de feito e dos fundamentos xurídicos expostos e, segundo o establecido no artigo 49 da Lei do patrimonio cultural de Galicia,
RESOLVO:
Exercer o dereito de tenteo, en aplicación do artigo 49 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre as seis seguintes moedas: Tremissis Suevo de Honorio, Ceca Gallaecia, Tremissis Suevo de Valentiniano, Ceca Gallaecia, Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Ceca Gallaecia, Tremissis Visigodo de Wamba, Ceca Tui, 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, Ceca A Coruña e 1/2 real de Felipe II, Ceca A Coruña.
A Xunta de Galicia, en caso de concorrencia de intereses, ten preferencia sobre outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro interesadas, de acordo co citado artigo.
A Xunta de Galicia queda obrigada a pagar o prezo de remate da poxa das seis moedas, que alcanza un importe de 178.200 €.
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
