DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 2026 Páx. 4448

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Carballedo (expediente IN407A 156/2025 AT).

Visto o expediente para autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:

Peticionario: Hidroeléctrica José Matanza García, S.L.

Domicilio social: lugar de Casares, 11, 27520 Carballedo.

Denominación: renovación e ampliación de apoios baixo o trazado existente, renovación de seccionadores-fusibles XS e aumento de sección de condutor no treito LMTA 20 kV liña principal Casares-Besteiriños.

Situación: concello de Carballedo.

Características técnicas principais:

– Renovación da liña aérea de alta tensión a 20 kV Casares-Besteiriños (expediente 1.365-AT), con orixe no apoio proxectado número 48 e final no apoio proxectado número 57 en condutor novo tipo LA-56, cunha lonxitude de 923 metros; instálanse 12 apoios novos de formigón e 2 seccionadores fusibles XS.

Finalidade da instalación: mellora das instalacións.

Orzamento: 54.219,00 euros.

Documentación que se xunta:

– Separata para o Concello de Carballedo.

– Separata para a CHMS.

Esta dirección territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVE:

En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.

Lugo, 22 de decembro de 2025

Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo