O Consello de Dirección do Igape (en diante, Igape), na súa xuntanza do 24 de novembro de 2025, acordou, por unanimidade dos seus membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas Foexga (fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas Foexga (IG422B), así como o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (IG422A), e convocar para os exercicios 2026-2027 as ditas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva.
Segundo. A convocatoria de axudas ten unha dotación de 2.380.000 €, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, e compútase como cofinanciamento nacional, polo 40 % restante, o cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible das persoas beneficiarias.
En particular, esta convocatoria enmárcase nos seguintes obxectivos e prioridades:
Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade P1A Transición dixital e intelixente.
Obxectivo específico 1.3: reforzar o crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.
Tipo de acción 1.3.03: axudas á internacionalización de empresas galegas.
Subtipo de acción 1.3.3.1: axudas ao programa de misións comerciais de pemes.
Tipo de intervención 021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de realización RCO01. Empresas apoiadas (das cales, microempresas, pequenas, medianas, grandes).
– Indicador de realización RCO02. Empresas apoiadas a través de subvencións.
– Indicador de resultado RCR02. Investimentos privados que acompañan o apoio público.
Terceiro. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e a concesión destas axudas condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Cuarto. As entidades colaboradoras serán as encargadas da tramitación das solicitudes de axuda, que inclúe a reserva do crédito, a presentación da solicitude e a achega da documentación xustificativa da actuación.
O prazo de adhesión das entidades colaboradoras (código de procedemento IG422A) será de 5 días hábiles computados a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. O prazo de presentación de solicitudes de axuda (código de procedemento IG422B) iniciarase o día seguinte hábil ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras, contado desde as 9.00 horas do día do inicio do prazo, e finalizará ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2026, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e do Diario Oficial de Galicia.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses computados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude.
O prazo de execución das actuacións iniciarase o 1 de xaneiro de 2026 e será ata o 30 de novembro de 2026 para as solicitudes con accións previstas ata esa data, e ata o 31 de marzo de 2027 para aquelas con actuacións que se executen ata ese momento. Estas dúas datas terán a consideración de últimas admisibles de facturación e pagamento, e serán tamén as de xustificación. As actuacións realizadas entre o 1 e o 31 de decembro de 2026 poderán imputarse ao exercicio 2027.
En ningún caso a totalidade das accións para as cales se solicita a axuda (data da última factura) poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda.
Sexto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:
|
Partida orzamentaria |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Total |
|
09 A1 741A 7700 |
1.900.000 € |
480.000 € |
2.380.000 € |
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito no caso de que o actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.
Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sétimo. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto nos artigo 54 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns, relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (en diante, Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
Oitavo. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.
Noveno. Os requisitos das alíneas c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.
Décimo. Publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio para a xestión das axudas Foexga a que se deben adherir as entidades colaboradoras.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas Foexga (fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión
Nun contexto económico global marcado pola crecente interdependencia dos mercados, a aparición de novas barreiras comerciais e regulatorias, e a aceleración das transformacións dixital e verde, a internacionalización constitúe un factor decisivo para a competitividade das empresas galegas. A apertura ao exterior non só permite diversificar riscos fronte a incertezas como a imposición de aranceis en mercados estratéxicos, as tensións xeopolíticas ou a fragmentación das cadeas de subministración globais, senón que tamén abre oportunidades para acceder a novos recursos, ampliar dimensións, mellorar a notoriedade das marcas e reforzar a capacidade de innovación.
A internacionalización achega ás empresas galegas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguir economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.
A internacionalización do tecido empresarial galego foi e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.
A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.
A convocatoria de axudas ten unha dotación de 2.380.000 €, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, e computarase como cofinanciamento nacional, polo 40 % restante, o cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible das persoas beneficiarias.
Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder avaliación ningunha das solicitudes, senón a simple comprobación dos requisitos das persoas beneficiarias, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos axeitados.
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto regular as condicións para a concesión das axudas Foexga, destinadas a incentivar e reforzar o comercio exterior e a internacionalización das pemes galegas, así como establecer o procedemento para a selección das entidades colaboradoras encargadas da súa xestión.
O obxectivo fundamental destas axudas é apoiar a internacionalización efectiva das pemes de Galicia, facilitando a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
As actuacións financiadas perseguen, en particular:
a) Ampliar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza estable de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Promover unha maior diversificación sectorial e xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos.
d) Difundir a cultura da internacionalización como instrumento de progreso e competitividade.
Artigo 2. Definicións
Feiras comerciais: manifestacións comerciais de duración limitada destinadas á exposición de bens e a oferta de servizos co fin de favorecer o seu coñecemento e difusión, promover contactos e intercambios comerciais, lograr maior transparencia no mercado e achegar a oferta á demanda.
Feiras comerciais internacionais: as feiras comerciais organizadas por terceiros de carácter internacional e tipo presencial, que se leven a cabo no estranxeiro. Inclúese tamén a participación noutros eventos promocionais ou formativos realizados no marco da feira de referencia tales como congresos, conferencias ou simposios que, sen ter un compoñente expositivo, permitan a promoción da empresa a nivel internacional.
Misións comerciais directas: viaxes de carácter comercial a un país estranxeiro organizadas cunha axenda concertada de reunións co fin de establecer contactos, promocionar produtos ou servizos e crear oportunidades de negocio con potenciais socios, distribuidores, clientes ou aliados estratéxicos.
Outros eventos expositivos internacionais: actividades como xornadas técnicas e demostracións, pases de produtos audiovisuais (screenings), participación en concursos ou certames, catas, degustacións, encontros b2b e outras de similar natureza. A presenza como expositor deberá responder a un obxectivo comercial preestablecido ou a unha oportunidade de negocio previamente identificada, relacionada directamente cos bens ou servizos que producen ou prestan as empresas.
Están excluídos deste punto:
Os mercados de época, os mercados festivos e as feiras artesás.
Os espazos expositivos ou promocionais que se utilicen como puntos de venda directa.
As xiras, festivais, concertos e outros eventos de similar natureza.
Participación agrupada: participación conxunta de, polo menos, dúas empresas nunha actividade específica das mencionadas nos parágrafos anteriores organizada e executada por unha entidade colaboradora adherida.
Misión institucional: calquera das actuacións anteriormente mencionadas e que coincidan cunha viaxe institucional da Xunta de Galicia organizada polo Igape.
Artigo 3. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que, no seu artigo 19.2, establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.
2. As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que hai que ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude completa. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
3. Non se poderán conceder subvencións por un importe superior ao establecido nesta convocatoria, agás que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de crédito derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
4. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os modifiquen.
5. A convocatoria de axudas ten unha dotación de 2.380.000 €, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, e computarase como cofinanciamento nacional, polo 40 % restante, o cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible das persoas beneficiarias.
En particular, procúrase acadar os seguintes obxectivos e prioridades:
Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade P1A Transición dixital e intelixente.
Obxectivo específico 1.3: reforzar o crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.
Tipo de acción 1.3.03: axudas á internacionalización de empresas galegas.
Subtipo de acción 1.3.3.1: axudas ao programa de misións comerciais de pemes.
Tipo de intervención 021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de realización RCOO1. Empresas apoiadas (das cales, microempresas, pequenas, medianas, grandes).
– Indicador de realización RCOO2. Empresas apoiadas a través de subvencións.
– Indicador de resultado RCRO2. Investimentos privados que acompañan o apoio público.
6. A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
7. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).
Artigo 4. Concorrencia con outras axudas
1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgarase con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda. En todo caso, a concesión queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
2. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.
3. Ao estar estas de axudas suxeitas ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e a acuicultura o límite redúcese a 40.000 euros e para as empresas do sector agrícola o límite é de 50.000 euros.
4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, recadarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Artigo 5. Notificacións
As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
Artigo 6. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 7. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na seguinte normativa:
a) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).
b) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).
c) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.
d) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
e) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro); Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura; Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.
f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
j) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
k) No resto da normativa que resulte de aplicación.
Artigo 8. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento destas bases reguladoras.
CAPÍTULO II
Entidades colaboradoras (código de procedemento IG422A)
Artigo 9. Entidades colaboradoras
As cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia poderán actuar como entidades colaboradoras na xestión destas axudas, dado que son corporacións de dereito público que exercen funcións de colaboración coa Administración autonómica; para iso deberán acreditar a súa solvencia técnica e económica e presentar a correspondente solicitude dentro do prazo establecido na convocatoria, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.
As entidades colaboradoras serán as encargadas de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as persoas beneficiarias.
Para acreditar a solvencia técnica e económica, deberán dispoñer dos medios tecnolóxicos necesarios que aseguren o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión da selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como empregar medios electrónicos nas comunicacións co Igape.
Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas cámaras en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, así como aquelas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, de medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, cando se trate de subvencións de importe superior a 30.000 euros e os solicitantes sexan exclusivamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da devandita lei.
De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio co Igape, no cal se establezan as condicións e obrigas que asumen, conforme o modelo recollido no anexo V destas bases. O dito convenio deberá conter, como mínimo, o previsto no artigo 13 da citada lei.
As entidades colaboradoras están eximidas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 72.2 do Decreto 11/2009.
O Igape publicará na súa páxina web (https://www.igape.gal/gl/pemes-e-autonomos/internacionalizacion) a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras adheridas ao programa.
Artigo 10. Obrigas das entidades colaboradoras
Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica e coa Seguridade Social.
b) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o Igape, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, ás verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC) que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade colaboradora, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC). Así mesmo, deberán reintegrar as cantidades percibidas cando concorra causa legal de reintegro.
c) Subministrar ao Igape, cando así se lles requira, un informe cos resultados obtidos grazas ao proxecto financiado. Este deber manterase durante un período de tres anos, contado a partir do 31 de decembro de 2026, co fin de facilitar as avaliacións oportunas sobre os efectos das actuacións financiadas.
d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e comunicar ás persoas beneficiarias esta obriga.
e) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.
f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e a Unión Europea segundo o establecido no anexo VII destas bases e comunicar ás persoas beneficiarias esta obriga.
Artigo 11. Compromisos das entidades colaboradoras
As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:
a) Programar, organizar, convocar e realizar as accións nos termos previstos nestas bases, xestionar a súa execución, así como custos e pagamentos correspondentes. Asumir a xestión económica e a dirección técnica, e realizar a asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios para este fin.
b) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda, a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.
c) Enviarlle ao Igape a convocatoria das accións subvencionadas.
d) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar nas accións subvencionadas, de conformidade cun procedemento que garanta os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia, igualdade e non discriminación, de acordo co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Comprobar que cumpran os requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiarias das axudas.
e) Comunicar ao Igape o peche da convocatoria e a relación de empresas seleccionadas para cada acción por medio dunha acta.
f) Remitir ao Igape a información e documentación que se vaia facilitar ás persoas participantes na acción, incluíndo, entre outros, o informe país/sectorial en que se recollan as oportunidades de negocio para as empresas galegas, así como as relacións bilaterais do país con Galicia.
g) Prestar ás persoas beneficiarias o servizo de acompañamento na acción en calidade de apoio técnico en destino.
h) Notificar ás persoas participantes a axuda concedida emitindo o correspondente documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Esta comunicación deberá realizarse no prazo máximo de dez días desde a finalización do proceso de selección das empresas participantes na acción e en consonancia coa resolución da actuación en que participe a empresa. No caso de producirse modificacións nesta resolución, a entidade colaboradora deberá elaborar e remitir á persoa beneficiaria un novo DECA que recolla os datos actualizados da resolución modificada, no prazo dun mes contado desde a notificación da devandita modificación.
i) Xustificar a axuda ante o Igape conforme o procedemento establecido nestas bases.
j) As entidades colaboradoras deberán aboar ás persoas beneficiarias os importes íntegros das subvencións recibidas do Igape, sen deducir nin compensar gastos non elixibles, no prazo máximo de dez días desde a recepción da transferencia. Unha vez efectuados os pagamentos, deberán remitir ao Igape un escrito informativo acompañado dunha copia simple das transferencias realizadas.
k) Poñer todos os medios para recadar das persoas beneficiarias a documentación necesaria para a debida xustificación da subvención.
l) Facilitar canta información e documentación sexa necesaria para verificar a correcta aplicación das subvencións.
m) Promover e difundir este programa, así como, informar o Igape doutras actividades e programas de apoio á internacionalización empresarial que leven a cabo.
n) Reintegrar, nos casos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a totalidade ou parte das cantidades percibidas máis os correspondentes xuros de demora. Esta obriga será independente das sancións que, se é o caso, resulten exixibles.
o) Aplicar o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
Artigo 12. Adhesión de entidades colaboradoras
1. Forma e lugar de presentación da solicitude de adhesión (procedemento IG422A).
As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder obrigatoriamente á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape (https://spiga-sede.igape.es) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para cubrir a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo V).
Nesta aplicación deberán relacionarse as persoas da organización autorizadas pola entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda. Para realizar estas funcións, as persoas designadas deberán dispoñer dun certificado dixital X509v3 emitido por algunha das entidades certificadoras admitidas pola Consellería de Facenda e Administración Pública (consultable en https://spiga-sede.igape.es).
O usuario e contrasinal empregados para o acceso á oficina virtual do Igape serán, unha vez asinado o convenio, os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, cubrir as solicitudes de axuda, e comprobar a súa tramitación.
Unha vez xerada, a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica mediante o formulario normalizado (anexo I), tamén accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o disposto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
2. Documentación complementaria.
As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, a escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, os estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, as modificacións posteriores, e a acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
b) Certificado de situación censual emitido pola AEAT, no caso de estar exento do imposto de actividades económicas (IAE).
c) Convenio de colaboración (anexo V) asinado dixitalmente pola entidade colaboradora.
d) Declaración de cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, segundo o anexo VI a estas bases.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar documentos que xa foron presentados anteriormente ante calquera Administración. Nestes casos, a persoa interesada deberá indicar cando e ante que órgano administrativo os presentou, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou doutros sistemas electrónicos habilitados, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da propia persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas, para o que poderá requirir a exhibición da documentación ou da información orixinal.
3. Consulta de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
h) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 12.2.a) das bases.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deberán realizarse unicamente por vía electrónica, a través da oficina virtual do Igape, dispoñible en https://spiga-sede.igape.es
5. Prazo de presentación das solicitudes.
O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión será o establecido na convocatoria.
6. Emenda da solicitude.
De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, a entidade colaboradora será requirida para que, nun prazo de dez días hábiles, emende as deficiencias ou presente a documentación preceptiva. No requirimento farase constar que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.
O Igape formulará igual requirimento no caso de que o resultado das consultas aos seguintes organismos sexa negativo: Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Consellería de Facenda e Administración Pública, así como nas verificacións relativas ao NIF e o IAE.
Os requirimentos practicaranse unicamente por medios electrónicos, de acordo co previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A persoa interesada recibirá no enderezo de correo electrónico indicado na súa adhesión un aviso informativo da posta á disposición do requirimento, que poderá consultar no taboleiro da aplicación empregando o seu usuario e contrasinal.
7. Trámite de audiencia.
Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.
8. Competencia.
A competencia para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras correspóndelle á Área de Internacionalización do Igape e a competencia para resolver á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.
Artigo 13. Resolución das solicitudes de adhesión
O prazo máximo para resolver as solicitudes de adhesión é de dez días hábiles, contados desde a súa presentación. Unha vez transcorrido este prazo sen resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.
As resolucións ditaranse individualmente e notificaranse respectando estritamente a orde de presentación, salvo nos casos en que sexa necesaria unha emenda, nos cales se terá en conta a data de presentación desta.
Tendo en conta estes prazos, as solicitudes de adhesión que, na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes de axuda das empresas, non estivesen resoltas positivamente, serán arquivadas por resultar materialmente imposible executar o obxecto da colaboración unha vez rematado o período correspondente.
Sen prexuízo do anterior, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos.
O convenio de colaboración asinado polo Igape será remitido á entidade colaboradora unha vez que estea resolta a súa solicitude de adhesión.
CAPÍTULO III
Procedemento de subvención Foexga (IG422B)
Artigo 14. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os autónomos, en que concorran os seguintes requisitos:
Que cumpran cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as cales se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo, emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013.
As persoas beneficiarias deberán dispoñer dunha páxina web que conte cunha versión nun idioma adicional a calquera das linguas oficiais en España.
As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis segundo o recollido no artigo 3.4 destas bases.
Estar ao día de pagamentos debidos ás cámaras.
As persoas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.
2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, as persoas beneficiarias aceptan que a súa tramitación se realice a través da entidade colaboradora, que será a encargada de informar puntualmente a persoa interesada sobre o estado da súa petición, así como sobre os dereitos, obrigas e notificacións correspondentes, de acordo co establecido no artigo 11 destas bases.
Para este fin, o Igape porá á disposición unha aplicación informática, accesible en https://spiga-sede.igape.es, a través da cal se deberá cubrir electronicamente a solicitude de participación.
Unha vez realizada a solicitude de participación na acción, e para confirmar a inscrición, as persoas beneficiarias deberan aboar ás entidades colaboradoras o importe correspondente á cota de participación, así como achegar, de ser necesario, a documentación que permita comprobar o cumprimento dos requisitos para ter a condición de persoa beneficiaria.
Artigo 15. Condicións dos proxectos
Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo no momento de publicar estas bases), a entidade colaboradora deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán estar vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, a criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.
Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas pola entidade colaboradora, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, e exixirase á entidade colaboradora o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade colaboradora ou a peme beneficiaria ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable da persoa solicitante, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.
No caso de que a entidade colaboradora teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 316 a 320 da devandita Lei de contratos do sector público. Así mesmo, deberán aportar un certificado do secretario ou responsable de control da legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública. Será responsabilidade da entidade colaboradora o cumprimento da citada normativa, e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.
Conforme o artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas, fundacións públicas ou mutuas colaboradoras coa Seguridade Social que fosen creados especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese número 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.
Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Artigo 16. Actividades e gastos subvencionables
1. Será subvencionable a participación agrupada nas seguintes actuacións de internacionalización organizadas e executadas por unha entidade colaboradora adherida en que participen un mínimo de dúas empresas, aínda que só unha teña dereito a subvención por estas bases:
a) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos internacionais.
b) Visitas a feiras internacionais.
c) Misións institucionais.
d) Misións comerciais directas: só será subvencionable esta actividade se as empresas participantes coinciden plenamente tanto no país ou países de destino como no período de realización da misión. Isto significa que as actividades deben desenvolverse de forma simultánea, garantindo unha agrupación efectiva. Non serán consideradas válidas aquelas misións en que as empresas participen de maneira illada ou en momentos distintos dentro da mesma misión, xa que o obxectivo é fomentar unha colaboración real e coordinada entre as empresas participantes.
Estas actividades deberán executarse preferentemente nos países que se recollen no anexo III.
2. Gastos subvencionables, límites de subvención e contía da axuda.
Serán subvencionables aqueles gastos que correspondan de xeito indubidable á natureza da actuación subvencionada, resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos e sexan facturados polas entidades colaboradoras. Os gastos clasifícanse en:
a) Custos directos:
1º. Entradas e cotas de inscrición en feiras e outros eventos expositivos de carácter internacional incluídos no programa de actuacións.
2º. Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para a organización da acción.
Polo que respecta á asistencia externa para a realización de axendas en destino, as empresas subcontratadas polas entidades colaboradoras para prestar este tipo de servizos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Esta é unha base de expertos en comercio exterior con experiencia contrastada en servizos de apoio á internacionalización e con amplos coñecementos do mercado do país de situación. Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por oficinas comerciais de España no estranxeiro, cámaras de comercio españolas no exterior, ou por cámaras de comercio estranxeiras. En definitiva, unicamente se requirirá no caso de que este servizo sexa prestado por empresas privadas para os efectos de avaliar a súa capacidade e para enriquecer a base de datos de axentes comerciais mediadores de utilidade para todas as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.
3º. Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas.
4º. Aluguer do espazo, posto e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, aluguer de mobiliario, gastos de subministracións básicas no posto (luz, auga, limpeza), inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes á feira ou evento expositivo.
5º. Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente.
6º. Gastos de viaxe:
– É subvencionable a viaxe dunha persoa por peme participante, ou de dúas persoas no caso de participación en feiras ou outros eventos expositivos de carácter internacional. Deberá ser persoal propio da empresa ou membros do seu consello de administración.
– Son subvencionables os billetes de avión, tren, autobús, barco e viaxes internas que sexan necesarias para o desenvolvemento da acción, incluídas as viaxes internas dentro do país. Tamén son subvencionables os gastos de facturación de equipaxe e elección de asentos, as taxas de viaxe, seguros de viaxe, probas PCR ou similares, visados e gastos de xestión da axencia de viaxe. Exclúense os gastos de transporte en vehículo particular, en taxi e en VTC.
– Serán subvencionables unicamente as viaxes realizadas entre a data de publicación da convocatoria e a data límite establecida para a presentación da solicitude de cobramento.
7º. Gastos de aloxamento:
– É subvencionable o aloxamento dunha persoa por peme participante, ou de dúas persoas no caso de participación en feiras ou outros eventos expositivos de carácter internacional. Deberá ser persoal propio da empresa ou membros do seu consello de administración.
– Subvenciónase a estadía, en réxime de aloxamento e almorzo, na cidade de realización da feira ou evento expositivo ou da misión comercial, ou nos seus arredores, cun máximo de cinco pernoctacións.
No caso de participación en feiras ou outros eventos expositivos de carácter internacional, subvenciónanse ata sete pernoctacións.
Un máximo de dúas pernoctacións poden realizarse in itinere.
No caso de accións en máis dun país, poderanse engadir un máximo de 3 pernoctacións máis por país cun máximo total de doce.
8º. Traslados grupais:
– Serán subvencionables aqueles traslados contratados e facturados directamente á cámara como entidade organizadora. Inclúense todos os desprazamentos en grupo realizados no marco da acción, tales como os traslados desde e ata o aeroporto, así como aqueles efectuados cara a ou desde os lugares onde se realicen reunións ou eventos previstos no programa conxunto da acción.
– Non son subvencionables os traslados individuais.
9º. Son subvencionables os seguintes servizos prestados directamente pola entidade colaboradora:
– Gastos de organización da acción, información e asesoramento á peme: incluirán o dossier de mercado, asesorías telefónicas, reunións previas, seguimento da axenda de entrevistas, elaboración de listaxes, informes e todas aquelas actuacións de natureza similar que resulten necesarias para a eficiente organización da acción e a xestión da subvención.
– Parte proporcional do servizo de apoio técnico en destino: a súa prestación por parte da entidade colaboradora será obrigatoria en actuacións agrupadas cunha participación igual ou superior a catro empresas, agás que, polas características da actuación, se autorice a excepción por considerarse que o servizo non achega valor engadido.
– Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento correspondentes ás persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo, nos mesmos termos previstos nos números 6 e 7.
b) Custos indirectos:
Virán determinados mediante un método de custo simplificado consistente nun tipo fixo do 7 % dos custos directos subvencionables de conformidade co establecido na alínea a) do artigo 54 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).
Serán aqueles custos distintos dos custos directos subvencionables, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada, pero resultan necesarios para a súa realización, en que se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), subministracións (comunicacións, auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, mantemento ou limpeza.
3. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución da actuación e abarcará desde o 1 de xaneiro de 2026 –ben que a totalidade das accións para as cales se solicita a axuda non poderán estar executadas integramente no momento de presentar a solicitude de axuda (data da última factura)– ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.
4. Excepcionalmente, serán considerados subvencionables os gastos relacionados coas reservas de espazos, viaxes e aloxamentos realizados antes do inicio do período de execución ordinario, sempre que se xustifique que estes gastos son imprescindibles para garantir a participación na actuación prevista.
5. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.
6. En consonancia coa Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, queda expresamente excluído do ámbito de aplicación destas bases o imposto sobre o valor engadido (IVE), a non ser que se acredite que non é recuperable.
Artigo 17. Contía das axudas e límites máximos de gasto subvencionable
A contía da axuda será dunha subvención do 70 % dos custos directos subvencionables relacionados no artigo 16.2.a). Ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo do 7 % sobre os custos directos subvencionables ao abeiro do disposto no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), o que resulta nunha intensidade de axuda do 71,96 %.
Os límites máximos de gasto subvencionable (custos indirectos incluídos) para as pemes serán os seguintes:
– 32.000 € por participación en feiras e outros eventos expositivos de carácter internacional.
– 8.000 € por participación en misións comerciais, misións institucionais e visitas a feiras. O límite será de 10.000 € cando as anteriores accións se realicen en máis dun país.
Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) As recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As descritas no artigo 10, alíneas a), b), c), d) e f), e no 11, letras l), n), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.
c) Cubrir o cuestionario de participación no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es
d) Confirmar a inscrición na actuación mediante o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora na data correspondente a cada convocatoria e, en todo caso, antes da data en que deban ser presentadas ante o Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 25 destas bases.
e) Proporcionar á entidade colaboradora, no prazo establecido na resolución de convocatoria, toda a documentación necesaria para a tramitación das axudas previstas nestas bases e para acreditar o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinen a súa concesión, entre a cal se inclúe a seguinte:
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante.
– Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
– Declaración de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Declaración de concesións de subvencións e axudas.
– Declaración de axudas e subvencións de minimis ampliado.
– Consulta do Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.
f) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención. A axuda aboarase a través da entidade colaboradora unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.
g) Comunicarlle á entidade colaboradora a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o ultimo pagamento á entidade colaboradora.
i) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Consentir ao Igape a comprobación de datos necesaria para a determinación da concesión da axuda.
l) Aceptar de maneira expresa a resolución de concesión (DECA), segundo o indicado no artigo 21.3 destas bases reguladoras.
Artigo 19. Solicitude (procedemento IG422B)
1. As persoas solicitantes unicamente poderán ser as entidades colaboradoras adheridas ao programa.
Dentro do prazo establecido no resolvo da convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o cal solicitan a subvención e o orzamento de gastos.
No formulario electrónico, a entidade colaboradora realizará as seguintes declaracións:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.
c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o ultimo pagamento á entidade colaboradora.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape, https://spiga-sede.igape.es
3. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:
Convocatoria da acción para a cal se solicita a axuda, segundo o modelo do anexo IV.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realice a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición da documentación ou da información orixinal.
Artigo 20. Órganos competentes e instrución do procedemento de concesión das axudas
1. Órganos competentes.
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape.
A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
2. Emenda.
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.
Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Enviaráselle ao interesado, ao enderezo de correo electrónico que facilite na adhesión, un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.
A documentación requirida deberase presentar, así mesmo, por medios electrónicos a través da mesma aplicación informática.
3. Concesión.
As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data que hai que ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro electrónico xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quede libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas. Para este efecto, se un solicitante renuncia ao crédito reservado para a súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante en que comunique este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.
Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Audiencia.
Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.
Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.
5. Prazo máximo de resolución.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución da convocatoria, transcorrido o cal poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Artigo 21. Resolución
1. Unha vez comprobada a documentación, a Dirección da Área de Internacionalización do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
2. A resolución de concesión da subvención, comprenderá a identificación da entidade colaboradora, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade colaboradora, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o DECA, no caso de axudas ás pemes.
Na resolución constará a información sobre o cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e as correspondentes porcentaxes, con indicación do obxectivo político, obxectivo específico, actuación e ámbito de intervención.
Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na listaxe de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis; Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou as normas que os modifiquen.
3. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificárllelas ás persoas beneficiarias das axudas, emitindo o correspondente documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Este documento deberá conter toda a información da resolución de concesión e pola parte proporcional resultante e correspondente a cada empresa que participe na actuación agrupada correspondente á resolución. Esta comunicación farase ás persoas beneficiarias no prazo de dez días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución de concesión correspondente a esta. De se produciren modificacións a esta resolución, a entidade colaboradora deberá confeccionar e enviar un novo DECA á persoa beneficiaria que conteña os datos das citadas resolucións de modificación.
A aceptación da resolución de concesión da axuda (DECA) polas persoas beneficiarias deberá facerse de maneira expresa a través da sinatura do documento que para tal fin o Igape porá á disposición da persoa beneficiaria na sala de sinaturas da Xunta (https://saladesinaturas.xunta.gal). O dito documento deberá ser asinado polo representante legal nun prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da posta á disposición para a súa sinatura. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito á obtención da axuda.
Artigo 22. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O prazo para interpoñer o recurso será de un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 23. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da entidade colaboradora, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.
b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.
c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.
d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.
3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente.
4. Só se poderá presentar unha solicitude de modificación por expediente.
Artigo 24. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 25. Xustificación da subvención
1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria destas axudas.
2. A entidade colaboradora deberá presentar a solicitude de cobramento a través da aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o interesado das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Igape é a seguinte:
a) Acta coas persoas beneficiarias seleccionadas participantes na acción subvencionada, así como os DECA emitidos a favor das empresas participantes.
b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, que conterá como mínimo a seguinte información:
1) Detalle dos traballos realizados para a organización da acción por parte da entidade colaboradora.
2) Identificación da persoa ou persoas mediante as cales se prestou o servizo de acompañamento técnico na acción.
3) Valoración da acción cun informe detallado que inclúa datos concretos dos resultados e beneficios obtidos coa acción subvencionada.
4) Informe asinado polo representante legal da empresa que recolla opinión sobre o resultado obtido coa acción e valoración da axuda na estratexia de internacionalización da empresa. Este informe deberá incluír expresamente no caso de visitas a feiras ou participación en encontros empresariais, a motivación do interese da asistencia para a empresa.
5) No caso das actividades tipo visitas a feiras: entrada á feira, ou proba de participación no evento encontro empresarial (invitacións, programas etc.). Copia da axenda facilitada pola asistencia externa no caso de misións con axenda.
6) No caso das actividades tipo misións: copia de axenda empresarial, programa de reunións.
7) No caso de actividades tipo participación en feiras:
7.1) Fotografía/s do posto da empresa solicitante na feira comercial: deberá identificarse claramente o nome da empresa e/ou da marca comercial ou dos produtos ou servizos expostos pola empresa solicitante.
7.2) Fotografía/s ou ligazóns do catálogo expositor: (parte que mostre o ano e o título da feira comercial e o nome da empresa solicitante da axuda como expositora) ou acreditación (credencial/badge) de participación da empresa como expositor (identificando o nome da empresa), ou certificado expedido polo organizador de que a empresa participou como expositor na feira comercial internacional, ou acreditacións (credencial/badge) persoais do/dos participante/s na feira por parte da empresa solicitante.
c) Un arquivo Excel co detalle de facturas e pagamentos en que se cubran, ademais, os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida de contabilidade separada: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da entidade colaboradora de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.
d) Detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.
e) Facturas emitidas polas entidades colaboradoras ás persoas beneficiarias, que deben reflectir os seguintes datos:
– Data de emisión.
– NIF da empresa beneficiaria.
– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.
– Enumeración dos servizos prestados e o seu importe, especialmente aqueles prestados pola propia entidade colaboradora, como os de organización da actuación e acompañamento á acción para apoio técnico en destino, persoa que viaxa, datas, cidade/s de orixe e destino...
f) Documentación acreditativa do pagamento realizado pola persoa beneficiaria, por algún dos seguintes medios:
– Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
– Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.
g) Facturas dos provedores ás entidades colaboradoras que deben reflectir os seguintes datos e estar emitidas entre a data de solicitude de axuda e o prazo máximo de xustificación establecido na resolución de concesión.
1º. Data de emisión.
2º. NIF da empresa beneficiaria.
3º. Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.
4º. Detalle dos servizos prestados e o seu importe.
h) Documentación acreditativa do pagamento a provedores terceiros realizado pola entidade colaboradora, por algún dos seguintes medios:
– Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
– Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.
i) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe presentar a entidade colaboradora, de acordo co establecido no artigo 15 das bases reguladoras.
j) Calquera soporte dos establecidos no anexo VII das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
k) Declaración sobre calquera outra axuda recibida e/ou solicitada durante os tres anos anteriores ao da concesión da axuda.
En todos os casos, os beneficiarios e as entidades colaboradoras deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
5. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.
Artigo 27. Pagamento ás entidades colaboradoras
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.
2. O Igape aboará as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás persoas beneficiarias os importes de subvención referidos correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 10 días tras recibir a transferencia do Igape. Unha vez feitas as transferencias ás persoas beneficiarias, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.
3. As entidades colaboradoras deberán informar as persoas beneficiarias da axuda recibida polo Igape en réxime de minimis.
Artigo 28. Perda do dereito á subvención, reintegro e sancións
1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O procedemento para declarar a perda do dereito a cobramento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento, para cuxa resolución será competente a persoa titular da Dirección Xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.
2. As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.
4. Se no procedemento de reintegro queda acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta das persoas beneficiarias. A exixencia de reintegro ás persoas beneficiarias procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o Igape, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, ás verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC) que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Se no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.
6. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora.
d) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, as comprobacións e verificacións que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo ou outras instancias de control, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC), as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).
e) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.
f) Cando non acrediten que se están ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
g) En relación con outras subvencións e axudas, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida:
– A non comunicación ao Igape da súa obtención, cando estas financien as actividades subvencionadas.
– A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nestas bases reguladoras.
h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
i) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo VII destas bases.
7. Perda parcial do dereito ao cobramento: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá declarar a perda parcial do dereito ao cobramento e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro.
Serán causas de perda de dereito parcial:
a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto por empresa participante, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.
b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o que suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.
8. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
9. Devolución voluntaria da subvención. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 29. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o Igape, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, ás verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC) que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión, e no seu caso, os órganos de control da Comisión e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx



