BDNS (Identif.): 880341.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880341
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880735 (minimis pesca)
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880736 (minimis agrícola)
Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.
Primeiro. Persoas beneficiarias
As empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo, emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013.
d) Que dispoñan dunha páxina web que conte cunha versión nun idioma adicional a calquera das linguas oficiais en España.
e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiarias da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
f) As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis segundo o recollido no artigo 3.4 destas bases.
g) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.
h) As persoas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.
Segundo. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto regular as condicións para a concesión das axudas Foexga, destinadas a incentivar e reforzar o comercio exterior e a internacionalización das pemes galegas, así como establecer o procedemento para a selección das entidades colaboradoras encargadas da súa xestión.
O obxectivo fundamental destas axudas é apoiar a internacionalización efectiva das pemes de Galicia, facilitando a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Foexga (fomento das exportacións galegas), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG422B), así como o procedemento de selección de entidades colaboradoras para a súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027, en réxime de concorrencia non competitiva.
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700, por un importe de 1.900.000 € con cargo ao exercicio 2026 e 480.000 € con cargo ao exercicio 2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda (código de procedemento IG422B) iniciarase o día seguinte hábil ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras, contado desde as 9.00 horas do día do inicio do prazo, e finalizará ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2026, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de adhesión das entidades colaboradoras (código de procedemento IG422A) será de 5 días hábiles computados a partir do día seguinte hábil ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
