De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que o fan aconsellable, e por non ser posible a notificación aos herdeiros de Argentino González Rodríguez no domicilio que consta no expediente, faise pública, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a Resolución do 5 de decembro de 2025, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que declara en situación de abandono o vehículo marca Dacia, modelo Sandero, con placas de matrícula 2401HXL, depositado nunha nave almacén do porto de Tragove, en Cambados.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
O vehículo en cuestión foi trasladado ao porto de Tragove desde o porto da Guarda onde estaba abandonado no ano 2017, téndose incumprido ordes previas de retirada notificadas tanto ao propietario e aos seus herdeiros, como á mercantil RCI Banque, S.A. sucursal en España, que asinou un contrato de financiamento ao comprador con reserva de dominio do vehículo.
Esta resolución emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, unha vez que, iniciado o procedemento e dentro do trámite de audiencia, ningún dos interesados formula alegacións.
A Presidencia de Portos de Galicia emite esta resolución en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.
De acordo coa normativa antes exposta, o vehículo queda incautado por Portos de Galicia que, en aplicación do establecido na normativa reguladora de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia (artigos 6 e ss. da Lei 6/2023, do 2 de novembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia), e sempre que o seu estado o permita, declara o vehículo afectado ao uso e servizo público propio da entidade pública Portos de Galicia.
Se isto non for posible, e xa que sobre o vehículo en cuestión se realizou a tramitación prevista no Real decreto lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria para tratamento residual, trasladaríase a un centro de tratamento autorizado para a súa baixa definitiva, destrución e descontaminación.
Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda de Santiago de Compostela nun prazo de dous meses contado desde a publicación, ou recurso potestativo de reposición ante esta Presidencia nun prazo dun mes contado desde a mesma data.
O expediente atópase, para o seu exame, nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia
