DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Venres, 23 de xaneiro de 2026 Páx. 6447

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (código de procedemento MT975Z).

O artigo 148.1.3 da Constitución española recoñécelles ás comunidades autónomas a posibilidade de asumir a competencia sobre ordenación do territorio, urbanismo e vivenda. Galicia exerceu esta facultade, recoñecéndoa expresamente e engadindo, ademais, a ordenación do litoral no artigo 27.3 do Estatuto de autonomía (en diante, EAG).

Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. Esta lei fundaméntase, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o medio mariño, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG). Inclúe tamén a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), así como a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes en augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débese engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, perfiladas progresivamente polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección». Estas competencias complétanse coa asunción estatutaria recollida no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, que recoñece a competencia exclusiva sobre «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».

A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, persegue a protección, conservación e mellora do patrimonio cultural do litoral. Así o establece o artigo 3, que recolle entre os fins da lei «a protección, a conservación e a mellora do patrimonio cultural do litoral a través de accións orientadas á súa posta en valor, á súa recuperación e á súa rehabilitación».

A exposición de motivos da Lei 4/2023, do 6 de xullo destaca que «singularizar o litoral de Galicia e recoñecer as súas particularidades significa identificar os usos e as actividades que se veñen realizando e os que necesariamente deben desenvolverse nel, non só sen prexudicar, senón poñéndoo en valor e significándoo como unha fonte de riqueza, benestar e cohesión social. Algúns deses usos constitúen unha riqueza propia de Galicia e resultan estratéxicos para o desenvolvemento sustentable do litoral. Por iso, o título IV da lei identifícaos como «actuacións estratéxicas» e establece as medidas legais necesarias para que se poidan levar a cabo co máximo respecto ao ambiente e á paisaxe, e na mesma medida con eficacia e seguridade xurídica».

Así, o artigo 54 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, declara como actuación estratéxica a creación dunha rede de establecementos turísticos do litoral. Neste senso, preténdese unificar a estética dos establecementos hostaleiros de tempada –coñecidos como «chiringuitos»– co obxectivo de garantir un desenvolvemento sustentable da costa galega e integrar este tipo de instalacións coa contorna. A medida, ademais, encaixa na tripla perspectiva (ambiental, económica e social) coa que se elaborou a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia

En consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático fai públicas por primeira vez, por medio desta orde, as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para o ano 2026, destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, coa finalidade de que os «chiringuitos» do litoral evolucionen a instalacións sustentables e adaptadas ás contornas naturais en que desenvolven a súa actividade.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Por iso, a eficacia desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2026, no momento da resolución de concesión.

No anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2017), así como no uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública, para o ano 2026, da concesión de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas vinculados ao servizo do uso e desfrute do dominio público marítimo terrestre, e debidamente autorizados no litoral de Galicia (código de procedemento MT975Z).

A súa finalidade é colaborar para que os ditos establecementos evolucionen a instalacións sustentables e adaptadas ás contornas naturais en que desenvolven a súa actividade.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou nunha mutualidade de colexio profesional.

b) As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e as comunidades de bens.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Só caberá presentar unha solicitude por establecemento. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.

b) A persoa solicitante debe ter a plena dispoñibilidade de explotación dun establecemento expendedor de comidas e bebidas debidamente autorizado no litoral de Galicia (dominio público marítimo terrestre ou a súa servidume de protección).

De seren necesarias para levar a cabo o proxecto para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas.

3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa excepción do requisito previsto na letra b do punto anterior, que se acreditará na fase de xustificación da subvención, constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos que se inclúan nas seguintes actuacións:

Liña 1. Axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas (chiringuitos).

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Instalación de cerramentos compatibles coa lexislación sectorial de costas, solos, paneis e estruturas realizadas con materiais de baixo impacto ambiental, reutilizables ou con certificación ecolóxica.

b) Adquisición de mobiliario sustentable: adquisición de mesas, cadeiras, barras e demais elementos fabricados con materiais reciclados, reciclables, biodegradables ou procedentes de madeira certificada de xestión forestal sustentable.

c) Instalación de elementos de sombreado e protección solar compatibles coa lexislación sectorial de costas: toldos, pérgolas, antucas ou outros sistemas de sombreado que utilicen tecidos reciclados, naturais ou con tratamentos de eficiencia enerxética que reduzan a radiación e o consumo eléctrico asociado á climatización.

d) Instalación de Iluminación eficiente: incorporación de sistemas de iluminación LED ou de baixo consumo, así como dispositivos de control automático que optimicen o uso enerxético.

e) Xestión de residuos: adquisición de contedores diferenciados para a recollida selectiva de residuos, sistemas de compostaxe ou dispositivos que faciliten a redución de plásticos dun só uso.

f) Equipamento de aforro de auga e enerxía: instalación de billas con temporizador, sistemas de reutilización de augas grises, placas solares ou outros dispositivos que contribúan á eficiencia hídrica e enerxética do establecemento.

g) Accesibilidade e adaptación sustentable: actuacións que melloren a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e que favorezan a integración paisaxística do establecemento.

Liña 2. Proxecto de investimento integral para a adaptación do prototipo dalgún dos tres chiringuitos biosostibles premiados no concurso de ideas da Xunta de Galicia.

Para esta actuación será necesario presentar un proxecto de obra que adapte o establecemento ás características dalgún dos tres proxectos premiados no concurso de ideas, con intervención de xurado, no nivel de anteproxecto, para o deseño dun prototipo de chiringuito biosustentable situado na contorna das praias da Comunidade Autónoma de Galicia (referencia IET-2025-0007), que se pode descargar nas seguintes ligazóns:

https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=826227&OR=225&ID=801&S=C&lang=gl#consulta-resolucion

Artigo 4. Contía da subvención e gastos subvencionables

1. O importe máximo da subvención será o seguinte, ata o esgotamento do correspondente crédito consignado:

a) Para os proxectos da liña 1: o 50 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 10.000 euros por proxecto,

b) Para os proxectos da liña 2: o 70 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 20.000 euros por proxecto.

En ambos os dous casos o investimento subvencionable de acordo co disposto nesta orde deberá ser superior a 1.500 euros.

2. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día da publicación desta orde. En ningún caso o custo de adquisición e execución dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os investimentos en materiais, equipamentos, subministracións e a man de obra.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) A adquisición de terreos.

c) Os gastos correntes en bens e servizos.

d) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 3 deste artigo .

e) Os gastos financeiros derivados do investimento.

f) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

g) Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos dos procedementos xudiciais.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos realizados con anterioridade á data de publicación desta orde no DOG nin posteriores á data de finalización do prazo de execución.

Artigo 5. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, co carácter xeral, o comprendido entre o día de publicación da presente convocatoria no DOG e o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con data límite do 31 de outubro de 2026.

Artigo 6. Axudas de estado

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante calquera período de tres anos.

Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola persoa beneficiaria, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

2. As persoas solicitantes das axudas están obrigadas a declarar as axudas percibidas baixo o réxime de minimis, segundo o recollido no anexo I de solicitude.

3. Informarase por escrito a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro).

Artigo 7. Financiamento e compatibilidade

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse cun crédito total de 1.000.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.541E.770.0. código de proxecto 2025 174, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Estes créditos poderán aumentarse nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2026, no momento da resolución de concesión. No anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa da execución do servizo.

O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Z).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2, letra g), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a dita incidencia (presentación presencial da solicitude) fose detectada unha vez rematado o prazo fixado nas bases reguladoras para a presentación das solicitudes, o órgano competente para a instrución do procedemento ditará directamente unha resolución desestimatoria por atoparse esta presentación fóra de prazo.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que contará a partir das 12.00 horas no 7º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e consten nel a solicitude e toda a documentación complementaria exixida na presente orde.

Manterán a condición de validamente presentadas aquelas solicitudes respecto das cales a Administración requira unha mera aclaración en relación coa documentación presentada, sempre que, inicialmente, se achegase toda a exixida nas bases reguladoras.

Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste artigo , poderán seguirse rexistrando solicitudes para a súa incorporación, por rigorosa orde de entrada e de acordo cos criterios fixados no parágrafo anterior, nunha lista de reserva, para os efectos previstos no artigo 23.

O órgano concedente anunciará o esgotamento do crédito no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta do que se establece nesta orde.

5. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

6. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante, incluída no anexo I desta orde, na cal se deberá facer constar:

a) O conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan nas bases reguladoras.

g) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

h) Que, no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

7. Para a resolución de dúbidas sobre esta convocatoria a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: litoral.medioambiente@xunta.gal

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do proxecto (anexo II), en que se deberá acreditar o encaixe das actuacións propostas nalgunha das liñas establecidas no artigo 3 desta orde. Deberá ter o detalle suficiente para describir adecuadamente as súas características, a súa medición e o seu orzamento, que coincidirá co orzamento consignado por actuación no anexo I de solicitude,

b) Reportaxe fotográfica explicativa das actuacións propostas.

c) Nas solicitudes de subvención para obras, ademais, deberá achegarse un documento co nivel de proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria explicativa que defina co detalle suficiente as características e o alcance das actuacións obxecto da subvención. A memoria non poderá superar as 10 páxinas.

2º. Medicións e orzamento das actuacións, que inclúa unha relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, coas medicións das unidades que se van executar e os prezos unitarios. Incluirase tamén un resumo do orzamento de execución material por capítulos, con aplicación das porcentaxes de gastos xerais, beneficio industrial e impostos que proceda en cada caso. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global (partidas alzadas ou similares).

3º. Planos a escala e detalle suficientes para definir adecuadamente as actuacións.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, segundo o indicado no artigo 7 para a presentación das solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. NIF da entidade solicitante.

3. DNI/NIE da persoa representante.

4. NIF da entidade representante

5. Certificado de estar ao día no pagamento das abrigas tributarias coa AEAT.

6. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

7. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

8. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

9. Consulta de concesións ampliado

10. Consulta de axudas do Estado

11. Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Órganos competentes

A Subdirección Xeral do Litoral será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ditar a resolución de concesión, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en virtude do recollido na disposición derradeira primeira.

Artigo 14. Procedemento de concesión

1. O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva recollido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Estas subvencións serán tramitadas polo procedemento abreviado regulado no artigo 22 da dita norma, sen que sexa necesaria a intervención dun órgano avaliador.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria en concorrencia non competitiva, as solicitudes de subvención tramitaranse por orde de entrada.

3. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación requirida é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado nas correspondentes partidas orzamentarias.

Sen prexuízo dos límites dispostos no artigo 4.1, a subvención asignada poderá ser inferior á solicitada cando o crédito dispoñible non sexa suficiente para cubrir a totalidade do importe do último proxecto que cumpra os requisitos para a concesión. Neste caso, asignaráselle o remanente dispoñible da convocatoria.

4. Na fase de instrución realizaranse de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21.2 da Lei 9/2007. En particular, o instrutor terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, propoñendo, segundo proceda, a inadmisión da solicitude ou a concesión ou denegación da subvención solicitada.

5. No caso de estaren incompletas, ter erros ou non presentarse toda a documentación necesaria, o defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas, e de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se se lles requirise aos solicitantes a emenda ou achega da documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estivese correctamente atendido. O sinalado anteriormente non aplicará cando se trate de solicitudes de aclaración sobre a documentación achegada, tal e como se sinala no artigo 8 das presentes bases reguladoras.

O requirimento de emenda, previsto no artigo 20.5 da Lei de subvencións de Galicia, tamén se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda; nestes casos, o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria e das bases reguladoras, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 15. Resolución da convocatoria

1. Unha vez concluída a instrución, o órgano instrutor elevará as correspondentes propostas de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

2. De acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.

En todo caso, o procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 3 meses desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007.

4. Nas resolucións figurarán os seguintes datos:

a) O nome da persoa beneficiaria.

b) Liña de axuda da que é beneficiara.

c) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía.

d) A porcentaxe de axuda concedida á persoa beneficiaria con respecto ao custo total do proxecto.

e) A contía da axuda.

g) O prazo para a execución do proxecto.

h) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou medio electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnalas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións autorizadas na resolución de concesión e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas, e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da axuda concedida.

3. Para a modificación da resolución non se poderán ter en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que dr ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación (non superior a 10 páxinas), orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano competente, logo da instrución do correspondente expediente.

6. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

7. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia e nos números 2 e 3 deste artigo 17, tras se omitir o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que lle poidan corresponder conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer, en calquera momento anterior ao do remate do prazo para a realización da actividade, axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste caso, a persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías renovables e Cambio Climático ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción de comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

7. Comunicar ao órgano concedente a solicitude ou obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga de manter a documentación soporte.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

10. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

11. Adoptar as medidas de difusión adecuadas para darlle publicidade ao carácter público do financiamento do proxecto subvencionado, de acordo co artigo 20.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En toda actividade, investimento ou material que se realice (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais), debe incluírse a imaxe institucional da Xunta de Galicia e lendas relativas ao financiamento público do proxecto.

A persoa beneficiaria seguirá, en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, as normas que se indican na Guía de identidade corporativa da Xunta de Galicia, dispoñible na ligazón web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa

Cando o proxecto gozase doutras fontes de financiamento e o beneficiario estivese obrigado a dar publicidade desta circunstancia, os medios de difusión da subvención concedida, así como a súa relevancia, deberán ser análogos aos empregados respecto das outras fontes de financiamento.

Unha vez rematada a actuación, elaborarase unha placa publicitaria que deberá figurar, por un período mínimo de cinco anos, no lugar onde tiveron lugar as actuacións obxecto de subvención. Esta deberá axustarse ás características establecidas para a liña correspondente a que se lle aplique, o que se comunicará a cada persoa beneficiaria destas axudas.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

14. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

15. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as correctas e necesarias medidas de conservación do investimento.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. A data límite para a xustificación da subvención será o 6 de novembro de 2026.

2. Para o cobramento da subvención outorgada deberá presentarse, segundo o modelo do anexo IV, a declaración responsable e solicitude de pagamento asinada electronicamente pola persoa beneficiaria ou pola persoa representante, na que se fará constar:

1º. O conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis; e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

2º. Que a persoa beneficiaria non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

3º. Que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

3. A documentación xustificativa é a seguinte:

a) Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos. Esta memoria non debe superar as 10 páxinas.

b) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e documentación acreditativa do pagamento. No caso de obras, a relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, debe axustarse, en canto á definición das unidades de obra executadas e aos seus prezos unitarios, ao xa detallado na documentación achegada coa solicitude de subvención.

Nesta relación recollerase a medición das unidades efectivamente executadas de cada partida e no resumo de orzamento aplicarase, se procede, o coeficiente de baixa correspondente á oferta da empresa finalmente contratada.

En ningún caso serán computables, para os efectos do cálculo do orzamento subvencionable aceptado, os importes correspondentes a unidades de obra non incluídas na relación valorada inicial.

c) Fotografías do lugar onde se efectuasen as actuacións, así como dos inmobles obxecto de intervención, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan. A documentación fotográfica debe recoller o estado inicial e o estado posterior ás actuacións subvencionadas co detalle axeitado para comprobar a efectiva execución destas.

d) Xustificación das medidas de publicidade adoptadas ao abeiro do artigo 20.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o previsto no artigo 19.11 destas bases reguladoras.

4. Os gastos xustificados deberán corresponderse coas actuacións para as que concedeu a axuda.

Se a xustificación non alcanza o 100 % do investimento subvencionable, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do orzamento aceptado pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

5. O órgano instrutor poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

7. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, no prazo máximo a que se refire este artigo , a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Artigo 22. Incumprimento, perda do dereito ao cobramento, reintegros e sancións

1. Ademais das causas indicadas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo co establecido no artigo 14.1.n), dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas e, concretamente:

a) Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos polos artigos 5 e 20.

b) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión o seguinte:

1º. Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. Para estes efectos, considerarase execución incompleta a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables.

Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que produzan rebaixas posteriores de prezo dos custos subvencionables.

2º. Calquera outra causa que poña de manifesto que a persoa solicitante non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

2. Incorrerase en causa de reintegro parcial das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases, de conformidade coa gradación seguinte:

– Non comunicarlle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención, unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

– Non darlle publicidade ao financiamento da actuación, de acordo co establecido no artigo 19.11 destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria deba acreditar na fase de xustificación, estas deberán xustificarse en todo caso para poder realizar o pagamento da subvención, polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os apartados anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia, desestimacións das solicitudes de axuda previa ou por incremento do crédito nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderán dedicarse, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvencionar as persoas incluídas na lista de reserva do artigo 8.4, que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta resolución, e que reúnan todos os requisitos para poder ser beneficiarias da axuda.

Artigo 24. Control

1. O órgano instrutor poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 26. Normativa reguladora

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, supletoriamente, as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira primeira

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático as competencias que corresponden á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file