DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2026 Páx. 6952

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI427A).

missing image file

A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias, a normativa de aplicación está recollida actualmente na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. No seu artigo 20 recóllese o principio da transversalidade da dimensión de xénero e establece como un dos criterios de actuación o fomento da comprensión da maternidade como unha función social, para evitar os efectos negativos sobre os dereitos da muller. Deste modo, a Administración autonómica promoverá o apoio directo para facer fronte ás cargas e aos coidados que supoñen o embarazo, o parto, a crianza e a socialización dos fillos e das fillas, co fin de que non constitúan discriminación para as mulleres. Así mesmo, desenvolverá as súas competencias para que se materialice na práctica esa comprensión da maternidade como unha función social e deixe de ser unha carga exclusiva das nais e motivo de discriminación para as mulleres.

Así mesmo, no artigo 74 establécese que se garantirán o dereito á igualdade de trato das mulleres e das nenas con discapacidade. Ademais diso, fomentarán a igualdade de oportunidades en relación coas demais mulleres e cos homes, con ou sen discapacidade. Serán obxecto de especial tratamento as situacións de discriminación múltiple e interseccional por mor do sexo e da discapacidade, ou por mor do sexo, da discapacidade e doutros factores de discriminación, ao considerar que a confluencia de dous ou máis factores de discriminación ten un efecto exponencial na situación de desigualdade. Terase en conta, así mesmo, a consideración específica das situacións de discriminación múltiple ou interseccional por razón de sexo, de discapacidade e de calquera outra causa de discriminación, ou das situacións de vulnerabilidade particular de mulleres maiores con discapacidade, cabezas de familias monoparentais ou en risco de exclusión social.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario das políticas autonómicas, que ten o seu reflexo nas ditas normas, na planificación estratéxica, así como na sucesiva elaboración de plans no eido da igualdade.

Neste sentido, no VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, inclúese o ámbito 6. Apoderamento, sororidade e participación social, no cal se recolle a participación das entidades de iniciativa social no seu desenvolvemento, en particular na súa prioridade de actuación 6.1. Apoiar o apoderamento individual e colectivo das mulleres, na cal se inclúe unha liña de acción 6.1.2. Continuidade do impulso á realización de actividades para promover o apoderamento e a autonomía individual das mulleres, con especial atención ás necesidades daquelas en situación de vulnerabilidade, das mulleres maiores, e á redución da fenda dixital, na cal se enmarca esta convocatoria de axudas.

A Consellería de Política Social e Igualdade é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, entre outras competencias, lle corresponde promover e adoptar medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade correspóndenlle, entre outras, a función de propoñer medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

As bases reguladoras e a nova convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, polo que tamén é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027. Ademais, nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados, conforme o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro), e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2025.

Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2026 das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional primeira.

Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional primeira.

2. Non serán subvencionables ao abeiro desta orde os programas de atención integral dirixidos en exclusiva a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, por contaren cunha convocatoria de axudas específica.

3. A denominación e o código de procedemento correspondentes a estas axudas son os seguintes: Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade (SI427A).

4. Cada entidade só poderá solicitar subvención para o desenvolvemento dun dos programas previstos no número 1.

5. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total dun millón oitocentos cincuenta mil euros (1.850.000,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 08.07.313B.481.2, código de proxecto 2023 00096.

Esta convocatoria estará cofinanciada nun 60 %, pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico 4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos; medida 2.H.03-Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionada, á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda logo do informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. As subvencións para as actuacións e actividades recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública para a mesma actuación ou actividade.

2. Se a actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de achegas das participantes, taxas de inscrición, matrículas ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable despois de aplicar o tipo fixo no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados, obtidos ou previstos na solicitude de axuda. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou fosen superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, as condicións e as obrigas previstas nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións e, en particular, os seguintes:

a) Estar inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

c) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación da presente convocatoria as comunidades de bens, as sociedades civís, as entidades que se rexan polas disposicións relativas ao contrato de sociedade, as cooperativas, as mutualidades, así como as unións temporais de empresas e as agrupacións de interese económico.

3. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables e contía da subvención

1. Serán subvencionables, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde, as actuacións relacionadas no número 3 no marco dalgún dos seguintes programas:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade, con fillas ou fillos menores de tres anos.

O programa, para que poida ser obxecto de subvención, debe incluír unha atención integral e especializada a mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade a través de accións dirixidas a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva, co fin de evitar que unha situación desexable se poida converter nun factor de exclusión.

Neste senso, debe conter algunha das actuacións previstas no número 3, entre elas, a de información sobre recursos integrais específicos para elas e as súas fillas e fillos; de acompañamento social e de apoio psicolóxico para a superación de cargas emocionais provocadas pola dita situación; de adquisición de competencias e habilidades persoais e sociais, e para a mellora da empregabilidade, así como servizos ou medidas de apoio na busca ou para o mantemento do emprego.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional primeira.

O programa debe incluír unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais en que se plasmen intervencións específicas a través dunha ou varias das actuacións previstas no número 3. O programa debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos a que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade. Tanto as actuacións como a cartelaría e documentación que dea soporte ás actuacións subvencionables incorporarán unha linguaxe inclusiva e imaxes non sexistas e estereotipadas.

2. Os programas, para poderen ser obxecto de subvención, deben estar dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ben a mulleres pertencentes a un colectivo específico para a súa atención especializada e personalizada, ben a mulleres pertencentes a varios colectivos, preferentemente con características similares respecto das súas necesidades sociais de intervención, así como responder no seu contido e metodoloxía a un enfoque de atención integral e de xénero, de forma que dea resposta ás singularidades e dificultades que atopan as mulleres pertencentes ao colectivo que atende.

3. As actuacións desenvolvidas no correspondente programa deberán encadrarse nalgún dos seguintes tipos:

a) Servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.

b) Servizo de atención psicolóxica, prestado por profesionais con titulación de licenciatura ou grao en Psicoloxía.

c) Servizo de asesoramento xurídico, prestado por profesionais con titulación de licenciatura ou grao en Dereito.

d) Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.

e) Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.

f) Servizos ou medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Para as actuacións relacionadas nas letras anteriores, a atención personalizada a través destes servizos comprenderá tanto as actuacións presenciais e/ou por medios electrónicos coa persoa participante, de forma individual ou grupal, como aqueloutras actuacións que sexan necesarias, que non requiran a presenza da persoa, para dar resposta ás exixencias e singularidades do seu plan personalizado de integración, co obxectivo de incidir na mellora da súa situación persoal, social e laboral, e que consistan no acompañamento, seguimento e derivación activa a outros servizos no marco da coordinación, colaboración e cooperación con administracións públicas, profesionais ou con outras institucións, públicas ou privadas, dos diferentes ámbitos tales como servizos sociais comunitarios, centros de información á muller (CIM), sanidade, vivenda, educación, formación e emprego.

Non serán obxecto de subvención as actividades de mero lecer, recreo, deportivas, lúdicas ou culturais.

4. O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026, ambos os dous incluídos.

5. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados no artigo 6 e segundo os termos establecidos no dito artigo.

6. Para a determinación do importe da subvención empregarase un método de custos simplificados, consonte o disposto nos artigos 53.1.b), 55.2.a), 53.3.a).i), 53.1.d) e 56.1 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060, conforme o cal se establece un custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás persoas usuarias.

7. Segundo a actividade profesional que se desenvolva, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:

a) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 1 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 21,56 euros/hora de traballo efectivo, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 25,87 euros/hora).

b) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 2 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 19,20 euros/hora de traballo efectivo, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 23,04 euros/hora).

c) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 3 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 16,75 euros/hora de traballo efectivo, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 20,10 euros/hora).

O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 55.2.a) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 mulleres atendidas, das cales o 60 % (24) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións das recollidas no número 3. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

No caso de programas desenvolvidos en centros ou pisos de acollida para mulleres que precisan dunha especial protección por concorreren nelas diversos factores de especial vulnerabilidade que agravan a situación de exclusión social e laboral, e para as que resulta imprescindible un recurso de acollemento, exixirase para unha dedicación dun ou dunha profesional a xornada completa (1.720 horas) a atención de 15 mulleres que deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no número 3. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

8. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención que se concederá ás entidades beneficiarias calcularase en función da puntuación obtida por estas (conforme o sinalado no artigo 14.1), aplicando sobre as horas de traballo efectivo (que computen conforme o establecido no número 7) a porcentaxe de intensidade de axuda que corresponda:

– Entre 95 e 100 puntos: 100 % das horas concedidas.

– Entre 85 e 94 puntos: 90 % das horas concedidas.

– Entre 75 e 84 puntos: 80 % das horas concedidas.

– Entre 65 e 74 puntos: 70 % das horas concedidas.

– Entre 55 e 64 puntos: 60 % das horas concedidas.

– Entre 45 e 54 puntos: 50 % das horas concedidas.

9. En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 40.000,00 €.

10. Non poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden unha puntuación mínima de 45 puntos segundo os criterios establecidos no artigo 14.

11. As entidades beneficiarias deberán xustificar a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade de cada grupo profesional tidas en conta para a asignación da subvención, sen que sexa posible a redistribución de horas entre os distintos grupos profesionais. En caso contrario, a subvención será minorada nos termos establecidos no artigo 22.2.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións previstas no artigo 5 no marco dun programa de recursos integrais, correspondentes ás seguintes categorías e conceptos:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes á execución do programa para a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade. En relación cos gastos relativos ás cotizacións sociais, para o cálculo do importe elixible descontarase o importe correspondente ás bonificacións ou reducións que poidan estar asociadas ao pagamento desa cotización, polo que as entidades deberán identificar claramente o período e o número de horas a que se aplica a bonificación.

A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo da asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.3. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación, polo que no contrato que formalice esta asignación de funcións deberán figurar: a denominación do programa, as actuacións obxecto da prestación do servizo segundo as recollidas no artigo 5.3, duración e prezo do contrato, a identificación da/das persoa/s profesionais e do/dos seus posto/s de traballo, a súa titulación académica, o número total de horas dedicadas ao programa, así como o número de horas semanais e días da semana en que se vai prestar o servizo.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade no desenvolvemento do programa.

b) Outros gastos directos: serán subvencionables os seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas directamente da actuación subvencionada; as axudas de custo e gastos de locomoción do persoal dedicado á execución do programa necesarios para a atención ás participantes e vinculados ao seu desenvolvemento.

2. Gastos indirectos: gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por teren carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares); gastos en bens consumibles e en material funxible; gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; e no Regulamento (UE) núm. 2021/1057, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013; e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

4. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido, non susceptible de recuperación ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

5. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante, non se considerarán gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou programa subvencionado, tales como contratación de persoal, alugueiro de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, no caso de persoas vinculadas coa entidade nos termos establecidos no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xullo, o número total de horas imputadas non poderá exceder as 100.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar con cada solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación expedida pola Secretaría da entidade, en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta orde.

b) Anexo III: memoria descritiva do programa para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

c) Anexo IV: asignación previa de funcións directas da/do profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, asinada pola persoa responsable da entidade e polo/a profesional.

Achegarase un anexo IV por cada profesional que desenvolva ou vaia desenvolver o programa, e deberá numerarse co mesmo ordinal con que figure na epígrafe da memoria referente á relación e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa.

d) Copia do/dos título/s académico/s de cada profesional que acredite a pertenza ao grupo profesional indicado na súa asignación previa de funcións directas, no caso de estaren xa contratadas/os.

e) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade, cando se atribúa a unha persoa distinta da designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

f) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación), certificación da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, especificando, respecto de cada unha delas, a denominación e o NIF.

g) Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, no caso de persoal propio da entidade, será preciso acreditar, mediante un informe ou documento equivalente, que as persoas traballadoras que prestan servizo nesta operación non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. No caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo unitario por hora a parte proporcional correspondente ás bonificacións ou reducións que poidan estar asociadas ao pagamento das cotizacións sociais, polo que as entidades deberán identificar claramente o período e o número de horas a que se aplica a bonificación.

h) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os 3 folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 13. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa que a substitúa.

– Secretaría: exercerá a Secretaría unha das persoas que actúan como vogais da Comisión.

– Vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación e a do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, esta será substituída pola persoa funcionaria designada pola Presidencia da Comisión.

3. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Valoración, poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e as pautas de baremación establecidos no artigo 14, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou desestimación da subvención solicitada, e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por se ter esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade ao remate do prazo de xustificación das axudas.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que lles corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

5. Sen prexuízo do disposto no número anterior, para o caso de que concorran solicitudes similares e confluentes de entidades integradas noutras de segundo nivel, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o cal o órgano instrutor propoñerá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación das outras.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

a) Pola especialización do programa respecto do colectivo de mulleres a que vai dirixido, ata 10 puntos, segundo o seguinte:

a.1) Programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a un único colectivo específico dos relacionados na disposición adicional primeira: 10 puntos.

a.2) Programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a varios colectivos dos relacionados na disposición adicional primeira: 6 puntos.

b) Polo período en que se desenvolve o programa de xeito ininterrompido dentro do período subvencionable (do 1 de setembro de 2025 ao 31 de agosto de 2026), ata 15 puntos, segundo o seguinte:

b.1) Durante máis de 10 meses: 15 puntos.

b.2) Durante máis de 8 e ata 10 meses: 13 puntos.

b.3) Durante máis de 6 e ata 8 meses: 10 puntos.

b.4) Durante máis de 4 e ata 6 meses: 7 puntos.

b.5) Duración igual ou inferior a catro meses: ata 4 puntos, 1 punto por cada mes completo de realización ininterrompida.

Para estes efectos, só se terá en conta o período en que exista unha adscrición de persoal ao programa.

c) Polo lugar de desenvolvemento do programa ou pola súa localización, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

c.1) Programa desenvolvido en centros ou pisos de acollida, centros penitenciarios, centros de recuperación ou rehabilitación: 15 puntos.

c.2) Programa desenvolvido en concellos cualificados como zonas pouco poboadas (ZPP), zonas intermedias (ZIP) e zonas densamente poboadas (ZDP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

c.2.1º) Programa desenvolvido en concellos ZPP: 15 puntos.

c.2.2º) Programa desenvolvido en concellos ZIP: 10 puntos.

c.2.3º) Programa desenvolvido en concellos ZDP: 5 puntos.

No caso de que o programa se desenvolva en varios concellos e a súa cualificación sexa distinta segundo os datos publicados polo IGE, para os efectos da aplicación deste criterio terase en conta a cualificación da maioría dos concellos en que se desenvolve o programa.

d) Polo interese, calidade, necesidade e polo seu contido e carácter integral, ata 54 puntos, segundo o seguinte:

d.1) Descrición detallada e pormenorizada do programa, segundo a memoria presentada no anexo III: 6 puntos.

d.2) Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.3, ata 30 puntos, segundo o seguinte:

d.2.1º) Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cada unha das seis epígrafes recollidas no artigo 5.3, 30 puntos.

d.2.2º) Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cinco das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 25 puntos.

d.2.3º) Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en catro das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 20 puntos.

d.2.4º) Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en tres das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 15 puntos.

d.2.5º) Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en dúas das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 10 puntos.

d.2.6º) Polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación nunha das epígrafes recollidas no artigo 5.3, 5 puntos.

Para estes efectos, só se terán en conta as actuacións levadas a cabo polo persoal adscrito ao programa e que conte coa titulación académica correspondente para levar a cabo o dito servizo.

d.3) Por levar a cabo actuacións de adquisición de competencias dixitais: 9 puntos.

d.4) Por poñer á disposición das usuarias do programa un servizo de conciliación durante o desenvolvemento das actuacións: 9 puntos.

e) Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o mesmo programa polo que se solicita a subvención deste ano ao amparo da convocatoria destas mesmas axudas do ano 2025 (Orde do 3 de xaneiro de 2025, DOG núm. 25, do 6 de febreiro):

e.1) Se a xustificación acadou o 100 %, 6 puntos.

e.2) Se a entidade non foi beneficiaria desta subvención no ano 2025, 6 puntos.

2. No caso de empate na puntuación, para o caso de que algunha delas poida quedar en lista de espera, para o desempate, en primeiro lugar terá preferencia a solicitude que obteña maior puntuación no criterio d) do número 1 anterior; en segundo lugar, pola obtida no criterio a). De seguir o empate, pola data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da proposta do órgano instrutor e, no caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, tras a súa fiscalización pola Intervención delegada.

2. O prazo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a resolución destas subvencións será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

4. Na resolución de concesión informarase a entidade beneficiaria sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con expresión do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa europea para a selección de operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA). Tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

5. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintos aos previstos no número 3 e no artigo 12.1 efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

9. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

10. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización do programa subvencionado con data límite do 11 de setembro de 2026.

2. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados, segundo o previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 e, concretamente, conforme o disposto nos artigos 53.1.b), 55.2.a), 53.3.a).i), 53.1.d) e 56.1 do devandito regulamento.

3. Dentro do prazo sinalado no número 1 deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade (anexo V), na que tamén se inclúe a declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación ou actividade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; a declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e a declaración de que a entidade mantén un rexistro contable independente ou emprega un código de contabilidade apropiado que permite seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027, permitindo a comprobación do ingreso da axuda percibida.

b) Anexo VI: memoria xustificativa do programa subvencionado, debidamente asinada pola persoa representante da entidade.

A memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos, onde deberán figurar os logos da Unión Europea (FSE+) e a imaxe corporativa da Consellería de Política Social e Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación recollidas no artigo 20.

c) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade no programa subvencionado, do persoal dedicado ao programa, con indicación das tarefas realizadas, asinadas pola profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto de subvención. Debe utilizarse obrigatoriamente o modelo publicado para esta convocatoria de 2026 no portal web da Consellería de Política Social e Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/).

d) Copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao programa. Para o caso de persoal externo, copia do contrato mercantil.

e) Anexo IV e copia do/dos título/s académico/s de cada profesional que acredite a pertenza ao grupo profesional indicado na súa asignación previa de funcións directas, no caso de non telo/s presentado con anterioridade porque no momento da solicitude aínda non estaba realizada a contratación.

f) Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidade no/nos cal/cales estea incluído o persoal adscrito ao programa correspondente ao período subvencionable.

g) Relación numerada das mulleres en situación de especial vulnerabilidade atendidas no período subvencionable, asinada pola persoa responsable do programa. Está relación terá que presentarse no modelo que figura no portal web da Consellería de Política Social e Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/).

h) Folla individualizada de seguimento de cada unha das mulleres participantes, onde consten cronoloxicamente a intervención ou intervencións realizadas coa usuaria (data da intervención, profesional que a realiza, tipo de intervención e duración), no modelo publicado para esta convocatoria de 2026 no portal web da Consellería de Política Social e Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/).

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola usuaria e polo profesional que realiza a/as intervención/s, e numerada co mesmo ordinal co cal figure na relación indicada na letra g) anterior.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de realización e de resultados na aplicación informática Participa 2127, e das cales non teñan debidamente cubertas as fichas individualizadas de seguimento.

i) Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, no caso de persoal propio da entidade, é preciso que presenten un informe ou declaración responsable sobre se as persoas traballadoras da entidade que prestaron servizo no programa teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. En caso afirmativo, deberán indicar cales son esas persoas traballadoras, o período e o número de horas a que se aplica a bonificación e achegar o documento que reflicta as ditas bonificacións.

j) Información e indicadores sobre actividades de comunicación en redes sociais e medios de comunicación: para facilitar esta información, empregaranse os modelos dispoñibles no portal web da Consellería de Política Social e Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/).

k) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para un mellor detalle na xustificación da realización do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo VI e cuxa extensión non poderá exceder os 3 folios.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas letras c), g), h) e j) do número 3, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos publicados no portal web da Consellería de Política Social e Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/).

Respecto dos cuestionarios de indicadores de realización e de resultados, empregaranse os modelos dispoñibles na aplicación Participa 2127, que tamén están dispoñibles no devandito portal web da Consellería de Política Social e Igualdade.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. Realizarase un primeiro pagamento do 90 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión. Ao abeiro do establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.

2. O 10 % restante, ou a parte que corresponda, librarase unha vez comprobada a xustificación presentada pola entidade beneficiaria e o cumprimento dos demais requisitos fixados nesta orde.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos nos artigos 5.11 e 22.2 desta orde, así como nos demais supostos previstos na normativa de aplicación.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e cas obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación e, en particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas responden a unha actividade desta convocatoria.

b) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

En particular, por tratarse de axudas cofinanciadas pola Unión Europea, as entidades beneficiarias deberán manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

En particular, no caso de que durante o desenvolvemento do programa se produzan cambios no persoal inicialmente adscrito a el, as entidades beneficiarias están obrigadas a comunicalos, para o cal deberán presentar unha explicación dos cambios producidos, así como o anexo IV e copia do/dos título/s académico/s de cada profesional que acredite a pertenza ao grupo profesional indicado na súa asignación previa de funcións directas.

d) Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén deberán cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou dunha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

No portal web da Consellería de Política Social e Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/) están dispoñibles a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade) e pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas participantes.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Consellería de Política Social e Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

En particular, por tratarse de axudas cofinanciadas pola Unión Europea, as entidades beneficiarias deberán someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección e ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais; en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna, as persoas destinatarias finais, do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

g) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao do inicio da vinculación da dita participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Para estes efectos, facilitaránselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa 2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na devandita aplicación. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento e os cuestionarios de indicadores de realización e de resultados de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante, segundo o modelo dispoñible na aplicación Participa 2127.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e a materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Minoración, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. A subvención será minorada cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade de cada grupo profesional tidas en conta para a asignación da subvención, segundo o establecido no artigo 5.7. Para estes efectos, realizarase un novo cálculo da contía da subvención aplicando sobre as horas de traballo efectivo xustificadas a porcentaxe de axuda que corresponde en función da puntuación obtida na valoración da solicitude. A contía da minoración será a diferenza entre o importe inicialmente concedido e o importe do novo cálculo realizado.

Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de persoas atendidas ou o número mínimo de usuarias con seis intervencións sexan inferiores aos que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

No caso de concorrer máis dunha destas causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

3. Procederá a minoración do 2 % sobre a contía total da axuda concedida nos seguintes supostos: cando a temporalización do programa sexa inferior ao tramo tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 14.1.b); cando o número de actuacións desenvolvidas sexa inferior ao tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 14.1.d.2); e cando a entidade non acredite que puxo á disposición das usuarias do programa o servizo de conciliación durante o desenvolvemento das actuacións, no suposto de que esta posta á disposición fose valorada segundo o previsto no artigo 14.1.d.4).

4. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas nas letras b) e d) do artigo 20.

5. Procederá o reintegro total da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación dun expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Control

1. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación e control previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou ás que correspondan a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx. Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 25. Marco normativo

1. As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e ao disposto nesta orde.

2. Dado que esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, tamén é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta orde, que ten o código SI427A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade https://igualdade.xunta.gal/ e nos teléfonos da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade 981 54 53 56 e 981 54 53 69.

Disposición adicional primeira. Mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade aquelas nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou exreclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Persoas trans.

– Persoas con discapacidade ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Maiores ou viúvas.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

– Desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos.

– Inactivas ou desempregadas de longa duración.

– Con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, e que se poden consultar no portal web da Consellería de Política Social e Igualdade.

– Calquera outra situación non prevista expresamente que implique factores de risco ou vulnerabilidade no ámbito familiar, social ou laboral, sempre que sexa ponderada e aceptada polos servizos sociais do concello en que se desenvolva o programa.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, que serán publicadas no portal de Igualdade.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
missing image file
missing image file
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
SI427Agl Anexo I y III.pdf
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file