BDNS (Identif.): 882995.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882995
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións e, en particular, os seguintes:
a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).
b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.
c) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.
Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste procedemento as comunidades de bens, as sociedades civís, as entidades que se rexan polas disposicións relativas ao contrato de sociedade, as cooperativas, as mutualidades, así como as unións temporais de empresas e as agrupacións de interese económico.
Segundo. Obxecto
A orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional primeira da dita orde.
Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:
a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.
b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional primeira da orde.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI427A).
Cuarto. Importe
Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase crédito por un importe total dun millón oitocentos cincuenta mil euros (1.850.000,00€), con cargo á aplicación orzamentaria 08.07.313B.481.2, código de proxecto 2023 00096.
Esta convocatoria estará cofinanciada nun 60 %, pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico 4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos; medida 2.H.03 - Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 40.000,00€.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
