DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2026 Páx. 7022

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 132/2025, do 29 de decembro, polo que se aproba a modificación puntual número 1 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Vilanova de Arousa I (Pontevedra).

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o correspondente proxecto de urbanización do parque empresarial de Vilanova de Arousa I mediante o Acordo do 22.2.2007. Mediante a Resolución do 26.2.2007, do Instituto Galego da Vivenda e Solo, fíxose pública a devandita aprobación (DOG núm. 46, do 6 de marzo).

O Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (en diante, PSOAEG), aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta do 30.4.2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio), recolle este ámbito como unha actuación empresarial en funcionamento (código da área 36061011).

O Concello de Vilanova de Arousa insta a realizar unha primeira modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal co obxecto de cambiar algunhas determinacións concretas da normativa do proxecto sectorial, coa finalidade de mellorar as condicións da ordenación e acomodar as ordenanzas reguladoras do proxecto sectorial á demanda existente e ás modificacións normativas que tiveron lugar en diversas materias neste tempo. Segundo o manifestado, a modificación proposta inclúe:

– Cambios de usos nas áreas M1 e M2, permitindo o uso industrial, xunto co terciario xa previsto;

– Aumento de altura da edificación a 12 metros nas áreas M1 e M2 e a 15 metros no resto (M3 a M6) e do número de plantas a catro;

– Admitir o emprego de instalacións produtoras de enerxías renovables para o autoconsumo;

– Permitir nas zonas de recuamento de edificación das parcelas lucrativas a implantación en superficie (na actualidade só se autorizan soterrados) de elementos de infraestruturas e servizos urbanos;

– Autorizar o uso deportivo para deportes organizados nas zonas destinadas a espazos libres con superficie neta superior a 5.000 m2 e nunha porcentaxe que non supere o 15 % da zona.

A modificación puntual conta coa conformidade de Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., como promotor da actuación.

De acordo co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, a modificación dos proxectos sectoriais rexerase polo réxime xurídico anteriormente aplicable.

En consecuencia, a tramitación desta modificación puntual rexeuse polo previsto nos artigos 56 e 57 e na disposición transitoria terceira da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Así, o 13.5.2022, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu un informe en que se resolve que a modificación proposta é de carácter non substancial. En consecuencia, séguese o procedemento de modificación de instrumentos de ordenación do territorio previsto no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

O 30.8.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu o informe ambiental estratéxico. Infórmase de que non se prevé que a modificación puntual núm. 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I teña efectos adversos significativos sobre o ambiente, e que se deberán atender as condicións que se indican no citado informe.

Mediante o Anuncio do 2.9.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dáselle publicidade no DOG núm. 176, do 15.9.2022, ao informe ambiental estratéxico relativo á modificación puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I (expediente 2022AAE2688).

De acordo co artigo 57.5 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial aprobou inicialmente, mediante a Resolución do 19.11.2024, a modificación núm. 1 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Vilanova de Arousa I, someténdoo a información pública polo prazo dun mes, segundo o anuncio publicado no DOG núm. 238, do 11.12.2024.

Deuse audiencia ao Concello de Vilanova de Arousa e solicitáronse informes sectoriais dos seguintes organismos:

– Informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

– Informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

– Informe do Instituto de Estudos do Territorio.

– Informe de Augas de Galicia.

– Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Natural.

– Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

– Informe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Á vista dos informes emitidos, preséntase no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a modificación núm. 1 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque empresarial de Vilanova de Arousa I para a súa aprobación provisional.

O 9.12.2025, a directora xeral de Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación provisional da modificación puntual primeira do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I.

Unha vez cumpridos os preceptivos trámites de audiencia, notificacións e recadación de informes e incorporadas as pertinentes modificacións, con data 18.12.2025, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial emitiu un informe favorable sobre o documento e propón aprobar provisionalmente a modificación puntual primeira do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I.

En cumprimento do previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o 29.12.2025 a conselleira de Economía e Industria aprobou provisionalmente a modificación puntual primeira do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I.

Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e nove de decembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación da modificación puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I

1. Apróbase definitivamente a modificación puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I na provincia de Pontevedra.

2. Modifícase o documento núm. 6, Regulamentación para a execución do proxecto sectorial. Ordenanzas reguladoras, do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I, que queda substituída pola normativa recollida na modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I.

3. A normativa modificada incorpórase como anexo a este decreto.

4. O contido íntegro da modificación está dispoñible no seguinte enderezo electrónico: https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo

5. De conformidade co previsto no artigo 57 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que, mediante a Resolución do 2.9.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade (DOG núm. 176, do 15.9.2022), se fixo público o informe ambiental estratéxico relativo á modificación puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I, que se pode consultar, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada, no seguinte enderezo electrónico: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave introducindo o código 2517/2022.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto e a modificación puntual 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Vilanova de Arousa I entrarán en vigor de conformidade co previsto nos artigos 60 e 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria

ANEXO

Normativa da modificación puntual número 1 do proxecto sectorial

do parque empresarial de Vilanova de Arousa I

1. Réxime normativo do proxecto sectorial.

1.1. Xeneralidades e terminoloxía de conceptos.

1.1.1. Xeneralidades.

O proxecto sectorial da área empresarial de Vilanova de Arousa I desenvolve as determinacións do Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o ámbito delimitado polo dito plan para o parque empresarial de Vilanova de Arousa.

Estas ordenanzas teñen por obxecto a regulamentación do uso dos terreos e do réxime normativo ao que deben adaptarse as edificacións de calquera natureza, no ámbito do proxecto sectorial, todo iso de acordo coas especificacións contidas na Lei de ordenación do territorio de Galicia e nas determinacións concordantes do Regulamento da Lei do solo de Galicia.

Polo que se refire á terminoloxía de conceptos, establécense, a continuación, as seguintes definicións:

1.1.2. Terminoloxía de conceptos.

– Unidade de planeamento ou sector.

Comprende o conxunto de terreos obxecto deste proxecto sectorial, e interiores á delimitación gráfica representada nos planos do proxecto.

– Áreas de repartición.

Son ámbitos onde se reparten as cargas e os beneficios derivados da execución do planeamento.

– Aproveitamento tipo.

No solo urbanizable, o aproveitamento tipo de cada área de repartición determinarase dividindo o aproveitamento lucrativo total das zonas incluídas nestas, expresados en metros cadrados construíbles do uso característico, pola superficie total da área, incluíndo os sistemas xerais pertencentes ou adscritos a esta.

– Coeficientes de ponderación.

Serán os fixados no proxecto sectorial, tomando o uso e a tipoloxía característicos como valor a unidade, e ao resto valores superiores ou inferiores, en función das circunstancias concretas do municipio e área de repartición. Os coeficientes de ponderación no proxecto sectorial adoptan o valor 1 (un).

– Polígono.

É o ámbito territorial que comporta a execución integral do planeamento e foi delimitado de forma que permite o cumprimento do conxunto dos deberes de cesión, urbanización e da xusta distribución de cargas e beneficios na totalidade da súa superficie.

– Etapa.

É a unidade mínima de realización das obras de urbanización coordinada coas restantes determinacións do proxecto, en especial co desenvolvemento no tempo da edificación.

– Rasante.

É a liña que determina a inclinación dun terreo ou pavimento respecto do plano horizontal.

Distínguense dous tipos de rasantes:

Rasante de vías (calzadas e beirarrúas): é o perfil lonxitudinal das vías, segundo o proxecto de urbanización.

Rasante do terreo: é a que se corresponde co perfil do terreo natural (cando non experimentase ningunha transformación) ou artificial (despois das obras de explanación, desmonte ou recheo que supoñan unha alteración da rasante natural).

– Aliñación.

Son as liñas definidas polo proxecto sectorial e materializadas polo proxecto de urbanización que o desenvolva, que delimitan os espazos libres de dominio público dos terreos de uso privado e dos servizos de interese público e social.

Defínense dous tipos de aliñacións:

Aliñacións a vías: o espazo libre delimitado é unha vía de circulación (rede viaria).

Aliñacións a espazos públicos: o espazo libre delimitado é distinto a unha vía de circulación (xardíns, servizos e equipamento).

– Quinteiro.

Superficie de solo de uso industrial, terciario ou de equipamento público, delimitado por aliñacións.

– Lindes.

Son as liñas perimetrais que delimitan as parcelas de solo de uso industrial, terciario ou de equipamento público.

Con respecto á súa posición, os lindes clasifícanse en:

Linde frontal: o que delimita a parcela coa vía pública de acceso. É coincidente coa aliñación da vía.

Linde de fondo: o que separa a parcela pola súa parte oposta ao frontal. Pode ser ou non coincidente coa aliñación ao espazo público.

linde lateral: os restantes lindes distintos do frontal e o de fondo. Pode ser ou non coincidente coa aliñación á vía ou espazo público.

– Parcela edificable.

Superficie de solo de uso industrial, terciario ou de equipamentos públicos comprendida entre lindes, sobre a cal se pode edificar.

– Parcela mínima.

É a superficie mínima de parcela edificable, establecida pola correspondente ordenanza.

– Fronte de parcela.

Linde frontal coincidente coa aliñación á vía que lle dá acceso.

– Liña de fachada.

É a intersección do plano vertical da fachada co plano de xeratrices horizontais que conteñen a rasante oficial.

– Recuamento.

Distancia comprendida entre as aliñacións e/ou linde e a liña de fachada.

Defínense dous tipos de recuamento:

Recuamento á aliñación: distancia comprendida entre unha aliñación e a liña de fachada. Os recuamentos ás aliñacións gráfanse no plano de aliñacións, rasantes e recuamentos do proxecto sectorial.

Recuamento a linde de parcela: distancia comprendida entre o linde de parcela e a liña de fachada. Os recuamentos a lindes de parcela gráfanse no plano de aliñacións, rasantes e recuamentos do proxecto sectorial.

Medición do recuamento.

O valor do recuamento, sexa frontal, lateral ou de fondo, medirase perpendicularmente á aliñación e/ou linde de referencia, en todos os puntos deste.

– Superficie ocupada.

É a superficie delimitada polas liñas de fachada da edificación. Para o cómputo da superficie ocupada, non se terán en consideración beirados ou marquesiñas.

– Coeficiente de ocupación.

É a porcentaxe que representa a superficie ocupada con relación á superficie da parcela.

– Fondo edificable.

Distancia máxima comprendida entre a aliñación exterior e o paramento vertical oposto a esta (paramentos das edificacións máis afastados daquela).

– Superficie edificable.

É a superficie construída máxima que se poderá materializar, para cuxo efecto se computarán as superficies de todas as plantas edificadas dentro da superficie ocupada, tanto as construídas sobre rasante coma os semisotos, onde a cara inferior do seu forxado de teito se atope en calquera punto sobreelevado máis de 1 metro respecto da rasante do terreo exterior en contacto coa edificación.

Non se computarán como superficies construídas as que non se atopen cubertas, as que estean cubertas pero abertas por 3 ou máis lados, as pechadas baixo cuberta de altura libre inferior a 1,5 metros e as construcións e elementos accesorios.

Non se computará a superficie de semisotos, sotos e entreplantas que satisfagan as condicións que as definen.

A superficie edificable vén determinada polas condicións de edificación que se establecen nas diferentes ordenanzas deste proxecto sectorial.

– Edificabilidade.

É o cociente resultante de dividir a superficie edificable máxima pola superficie de parcela. A edificabilidade exprésase en m2/m2.

– Sotos e semisotos.

Enténdese por soto a totalidade ou a parte da planta cuxo teito se atopa, en todos os puntos, por debaixo da rasante da beirarrúa ou do terreo en contacto coa edificación.

Enténdese por semisoto a planta da edificación que ten parte da súa altura por debaixo da rasante da beirarrúa ou do terreo en contacto coa edificación e cuxo paramento inferior do forxado de teito se atopa a unha altura igual ou inferior a 1,00 metro en calquera punto sobre a rasante da beirarrúa ou do terreo en contacto coa edificación.

Tanto os sotos coma os semisotos non contarán como superficie construída para o cómputo da edificabilidade máxima.

– Entreplantas.

Enténdese por entreplanta a superficie construída nas edificacións dunha soa planta destinadas a uso administrativo, comercial ou industrial con superficie inferior ao 20 % da superficie de planta considerada, sempre e cando o seu uso estea asociado ao da planta e se acceda a través desta.

– Altura da edificación.

É a comprendida entre a rasante escollida para o proxecto e a cara inferior do forxado da cuberta ou tirante da nave, segundo o caso de que se trate, medida sobre os planos de fachada no punto medio desta. A dita rasante non poderá superar, en máis ou menos, unha diferenza de 1,5 metros con respecto ao nivel da beirarrúa, medido no punto medio do linde frontal.

– Altura de planta.

É a comprendida en cada planta entre caras superiores do forxado ou entre o nivel de piso ou tirante de nave, segundo os casos.

– Altura libre de planta.

É a comprendida entre dous forxados consecutivos. Cando se trate de naves, a altura de planta e a altura libre de planta consideraranse equivalentes.

– Naves.

Edificios destinados a albergar os procesos de fabricación e/ou almacenaxe.

– Bloques representativos.

Edificios destinados a despachos, oficinas, salas de recepción e conferencias, exposicións, laboratorios de investigación e, en xeral, todos os que, dependendo administrativamente da industria ou do comercio, non se dediquen a procesos de fabricación ou almacenaxe.

– Construcións e elementos accesorios.

Son as construcións e instalacións con entidade propia, necesarias para o axeitado funcionamento dos almacéns e industrias, tales como depósitos elevados, silos, torres de refrixeración, chemineas, caldeiras, básculas de pesar, etc.

– Chafrán.

Parámetro vertical que intersecta dúas aliñacións de fachada concorrentes formando con elas ángulos interiores non menores de 90 graos.

– Edificación illada.

É a situada na parcela independente, con obriga de recuamento en todos os lindes.

– Edificación acaroada.

Considerarase que dúas edificacións están acaroadas a un lado cando as súas fachadas cegas orientadas ao linde lateral que corresponda se atopan unidas unha á outra ou formando unha única parede medianeira.

Dúas variantes deste concepto son:

Acaroada apareada: é a agrupación unicamente de dous edificios en parcelas independentes.

Acaroada entre medianeiras: é a situación en parcelas independentes de edificación acaroada a ambos os lados formando fila con outras edificacións.

1.2. Réxime urbanístico do solo.

1.2.1. Cualificación do solo

Dentro do ámbito de planeamento, distínguense as seguintes zonas:

a) Zona de uso industrial, terciario e dotacional.

b) Equipamento público.

c) Sistema de espazos libres de dominio público.

d) Rede viaria, reserva viaria e aparcadoiros asociados á rede viaria.

e) Parcela para aparcadoiro de vehículos.

f) Parcela de servizos.

Uso industrial:

Correspóndese co solo destinado aos establecementos dedicados á obtención e venda de materias primas de carácter mineral ou as súas instalacións anexas, así como aos destinados á transformación de primeiras materias ou produtos de todas as clases, con emprego de calquera forma de enerxía, ben polo consumo inmediato ou ben como preparación para ulteriores transformacións, incluso envasado e transporte. Inclúense as actividades de estudo, investigación e desenvolvemento, ademais das orientadas á produción de enerxía eléctrica solar fotovoltaica.

Así mesmo, comprende todos os almacéns e instalacións anexas de primeiras materias de calquera orixe, incluso materias alimentarias que requiran para oseu uso transformacións ulteriores; de produtos finais que constitúan elementos precisos para o traballo de casas ou empresas instaladoras e construtoras; de produtos prefabricados e de maquinaria; funcións que complementan a actividade industrial propiamente dita, tales como funcionamento de carga, distribución, servizos ao vehículo, e de investigación e desenvolvemento (I+D), etc.

As actividades clasificadas como molestas, insalubres, nocivas e perigosas, de acordo co nomenclátor anexo ao regulamento aprobado polo Decreto 2414/1961 ou normativa vixente para o efecto que o substitúa, tramitaranse segundo o previsto na normativa municipal ou, se é o caso, normativa estatal ou autonómica que o substitúa ou complete, así como a derivada da lexislación industrial.

Usos compatibles co industrial:

Considéranse usos compatibles dentro dunha parcela de uso principal industrial as actividades non especificamente industriais, como son as oficinas, laboratorios, centros de investigación e desenvolvemento (I+D), produción de enerxía eléctrica solar fotovoltaica, centros informáticos, servizos administrativos, instalacións destinadas á xeración e/ou almacenaxe de enerxía, garaxes-aparcadoiros públicos ou privados, estacións de servizo, talleres de mantemento e limpeza de automóbiles, restaurantes, bares, así como a venda e distribución dos produtos correspondentes.

Outras actividades deste tipo, non previstas anteriormente, requirirán a aprobación municipal.

Uso terciario e dotacional privado.

O uso terciario é o uso que ten por finalidade a prestación de servizos de calquera clase ás empresas ou organismos, tales como os servizos de aloxamento temporal, comercio en calquera das súas categorías e distintas formas, administrativo, xestión, actividade bancaria e de intermediación financeira, seguros, oficinas, centros informáticos, hoteis, restaurantes, bares, uso comercial, calquera dotacional privado, etc.

O dotacional privado correspóndese co desagregado que se establece nesta normativa para o dotacional público, pero de iniciativa particular.

Equipamento público.

Comprende todos os centros ao servizo de toda a poboación destinados a usos sociais e deportivos, así como calquera outro uso necesario para o mellor desenvolvemento dos intereses comunitarios.

O uso social inclúe os locais destinados ao público para a vida de sociedade, tales como servizos administrativos, culturais e docentes, sanitarios, asistenciais, relixiosos, de corpos de seguridade, de reunión e análogos.

O uso deportivo inclúe os locais ou edificios destinados á práctica, exhibición ou ensino de exercicios de cultura física e deportes.

Espazos libres públicos.

Son os lugares non edificables destinados a parques, xardíns, áreas de ocio, expansión e recreo da poboación. Abarcan as zonas verdes computables e non computables.

Destinaranse a xardíns e zonas verdes acondicionadas para o desfrute da poboación, e dotaranse de arboredo, xardinaría e elementos urbanos ou excepcionalmente edificados para os usos autorizables nesta normativa.

No interior dos espazos libres e das zonas verdes públicas poderán permitirse usos que resulten compatibles e complementarios coa finalidade ao servizo da colectividade, sen que poidan admitirse utilizacións que exclúan ou limiten o uso público. Neste senso, só se permitirán instalacións para o uso recreativo, deportivo, de hostalaría e quioscos.

Rede viaria, reserva viaria e aparcadoiro asociado á rede viaria.

A rede viaria e o aparcadoiro asociado quedan conformados pola calzada, que é a superficie destinada ao tráfico rodado; as beirarrúas, que é a superficie destinada ao tránsito peonil; e o aparcadoiro, que é a superficie destinada á detención e/ou parada de vehículos.

Aparcadoiro.

Como parte do sistema viario, defínense igualmente os ámbitos de uso específico reservado para o estacionamento público de vehículos.

Parcelas de servizos.

Son os solos adscritos ás infraestruturas dos servizos técnicos. Terán carácter público ou privado dependendo do recollido nos documentos da xestión urbanística. Poderanse situar todas as instalacións que o proxecto de urbanización considere necesarias para optimizar o funcionamento das infraestruturas do sector ou as instalacións ao servizo da comunidade, como puntos limpos e elementos análogos.

1.2.2. Estudo de detalle.

En desenvolvemento dos plans xerais, plans parciais e plans especiais, poderán redactarse estudos de detalle cos seguintes obxectivos: a) Completar ou axustar as aliñacións e as rasantes. b) Ordenar os volumes edificables. c) Concretar as condicións estéticas e de composición das edificacións complementarias do planeamento. En calquera caso, os estudos de detalle axustaranse á Lei 2/2016, do solo de Galicia, e ao seu regulamento.

1.2.3. Parcelacións.

Xeneralidades: enténdese por parcelación a subdivisión simultánea ou sucesiva de terreos en dous ou máis lotes.

Segregación de parcelas: poderanse dividir as parcelas noutras de menor tamaño sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

– As parcelas resultantes terán unha superficie mínima de 500 m2.

– A suma das superficies das parcelas resultantes coincidirá coa superficie da parcela matriz.

– As parcelas resultantes disporán de acceso rodado á rede viaria.

– A suma da edificabilidade das parcelas resultantes coincidirá coa edificabilidade da parcela matriz.

– As parcelas resultantes terán acceso rodado á rede viaria e respectarán os elementos que serven de pauta da parcelación desde o viario: arboredo, luminarias, prazas de aparcadoiro, etc.

– As parcelas resultantes disporán de acometidas independentes a cada un dos servizos.

Agrupación de parcelas: permítese agrupar parcelas para formar outras de maiores dimensións.

– A parcela resultante da agrupación de parcelas de tipoloxía acaroada manterá os recuamentos frontais, a ocupación e a edificabilidade das parcelas de orixe.

– Ao agrupar parcelas, os recuamentos laterais serán a unión dos recuamentos que se indican no plano de aliñacións e recuamentos, tendo desta forma a mesma ocupación de superficie en planta.

– Nos demais casos, a parcela resultante estará suxeita ás prescricións que estas ordenanzas sinalen para o novo tamaño obtido.

Agregación e segregación posterior de parcelas: poderanse agregar parcelas e máis tarde segregalas en parcelas nun número diferente ás que se agregaron inicialmente sempre que se cumpran os requisitos de parcelación establecidos nestas normas e nas normas particulares de cada zona e que as edificacións poidan respectar as normas de recuamentos e de alturas máximas.

1.2.4. Proxecto de urbanización.

Rede viaria.

– As calzadas realizaranse con firme flexible.

– Todos os encontros de rúas serán deseñados conforme as recomendacións para o proxecto de interseccións do Ministerio de Fomento.

– No proxecto de urbanización determinaranse os materiais que cómpre empregar, adaptándose ás normas municipais e ás características do terreo.

Accesibilidade.

– A ordenación do proxecto sectorial, en especial no relativo á rede viaria e peonil, foi deseñada tratando de evitar calquera restrición para a accesibilidade das persoas con limitacións motrices e sensoriais; correspóndelle ao proxecto de urbanización, en última instancia, conter as especificacións necesarias para que os espazos de uso público, vías e zonas verdes resulten plenamente accesibles ás ditas persoas. Os proxectos de edificación que se xunten á solicitude de licenza garantirán a correcta accesibilidade das ditas persoas dentro das edificacións.

En calquera caso, os proxectos de urbanización, no que atinxe á accesibilidade tanto no ámbito dos espazos públicos como na accesibilidade a toda clase de edificios, axustaranse ao disposto nas prescricións da Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados, na Lei 1/2013, do 29 de novembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, e na Lei 10/2014, de accesibilidade.

Aparcadoiros públicos: o proxecto de urbanización sinalará as prazas de aparcadoiro previstas na rede viaria.

-Reservarase o número legal suficiente de prazas de aparcadoiro para persoas de mobilidade reducida.

– En calquera caso, os aparcadoiros públicos cumprirán as determinacións da regulación arriba enunciada.

– As prazas de aparcadoiro asociadas á rede viaria dispóñense en liña cunhas dimensións de 5,00 metros x 2,50 metros, e en batería de 5,00 metros x 2,50 metros.

En batería dispóñense no inicio da beirarrúa a 4,50 metros do aparcadoiro, servindo de tope as rodas do vehículo, deixando 0,50 metros para que o vehículo invada o espazo da beirarrúa e deixando 2,50 metros do ámbito libre de circulación, para peóns.

Redes de servizos.

A seguir defínense as características que deben reunir as redes de servizos, aínda que se terán en conta as exixencias das diferentes normativas técnicas, as municipais ao respecto, así como a adaptación aos novos materiais, usos e técnicas construtivas.

No proxecto de urbanización poderanse realizar cambios que, sen diminución da calidade e/ou cantidade, se adapten ás normas municipais e ás características do terreo.

a) Abastecemento:

Características de deseño:

A rede disporase mallada con válvulas de corte nos cruzamentos, de tal forma que permita obter treitos independentes e facilite a subministración ao resto dos treitos.

Disporanse acometidas individuais para cada parcela.

As conducións de abastecemento de auga estarán separadas dos condutos doutras instalacións por unhas distancias mínimas en cm, dadas na táboa seguinte e medidas entre xeratrices interiores en ambas as conducións, quedando sempre sobre as conducións do saneamento:

Instalación

Separación horizontal
(cm)

Separación vertical
(cm)

Saneamento

60

100

Gas

50

50

Electricidade alta

30

30

Electricidade baixa

20

20

Telefonía

30

-

b) Contra incendios:

Características de deseño:

A rede disporase mallada con válvulas de corte nos cruzamentos, de tal forma que permita obter treitos independentes e facilite a subministración ao resto dos treitos.

Disporanse bocas de incendios situadas entre si a unha distancia non superior aos 200 metros.

As conducións da rede contra incendios estarán separadas das outras instalacións unha distancia mínima similar ás recollidas para iso na epígrafe correspondente á rede de abastecemento.

c) Saneamento:

Xeneralidades:

A rede de saneamento de augas residuais proxectada conduce as augas xeradas no parque empresarial ata a rede de saneamento municipal. O punto da acometida atópase baixo a estrada provincial PO-9701, na proximidade do Centro de Saúde de Baión.

Trazado:

Disporase dunha rede de saneamento en sistema separativo.

A rede de recollida de residuais estará situada baixo a calzada a ambas as marxes e, da mesma maneira que a de pluviais, constará de colectores dispostos baixo as vías segundo o detalle recollido nos planos de seccións.

O trazado discorrerá paralelo ás vías.

Características de deseño:

O material que se empregará será PVC compacto para a rede de saneamento de augas residuais e de formigón para a rede de saneamento de augas pluviais.

A pendente da canalización será inferior ao 6 % e disporanse resaltes para evitar o perigo de erosións, en cambios de cota de altura superior a 80 centímetros.

As tapas de rexistro serán as axeitadas para soportar tráfico pesado (40 t) e a distancia máxima entre os pozos de rexistro será de 50 metros.

Disporanse sumidoiros nos puntos baixos, cambios de dirección e cruzamentos, sen exceder os 50 metros a separación entre eles.

As acometidas serán independentes para pluviais e residuais, e disporanse directas aos pozos de cada unha das redes proxectadas.

d) Enerxía eléctrica:

– Xeneralidades.

A subministración eléctrica ao ámbito de actuación tomarase desde a liña de media tensión existente que une o centro de transformación de Altamira co centro de transformación do Hospital do Salnés e o de Fundicións Rei. O trazado desta acometida discorrerá por un camiño de dominio público e por unha pista de camiño forestal, tal e como se reflicte no plano correspondente.

– Trazado.

A rede de distribución en media tensión disporase soterrada baixo as beirarrúas ou as zonas verdes.

A rede de distribución en baixa tensión disporase soterrada baixo as beirarrúas ou as zonas verdes.

O trazado da rede discorrerá paralelo ás vías, con cruzamentos cando sexa necesario.

– Condicións de cálculo.

O consumo mínimo que se considera para o cálculo de instalación en uso industrial será de 20 W/m2 de parcela, cun mínimo de 15 kW por parcela. Para os edificios de equipamentos consideraranse 125 W/m2 de superficie construída de edificación. Se algunha das naves necesita unha subministración de potencia maior de 50 kW, terá que prever a instalación do seu propio centro de transformación.

Empregaranse os coeficientes regulamentados ou os sinalados pola compañía distribuidora.

– Características de deseño.

A rede soterrada de media tensión executarase segundo as normas da compañía subministradora.

A rede de distribución de baixa tensión executarase segundo as normas da compañía distribuidora.

e) Iluminación pública:

– Trazado.

Disposición triangular.

O trazado da rede será paralelo ás vías.

– Condicións de cálculo.

O nivel de iluminación medio será de, polo menos, 20 lux en vías.

– Características de deseño.

As lámpadas serán de vapor de sodio de 150 e de 250 W, con brazo ou sen brazo, tal e como se reflicte nos planos correspondentes.

f) Telefonía:

– Trazado.

O trazado da rede discorrerá preferentemente baixo a beirarrúa.

– Condicións de cálculo.

Efectuarase segundo as normas da compañía subministradora.

– Características de deseño.

Tubos PVC de 63 mm e 100 mm de diámetro.

Arqueta de distribución tipo D con pedestal para armario de distribución. Arqueta de cruzamento, paso ou derivación.

Arquetas de acometida tipo M.

A distribución destes elementos indícase nos planos correspondentes.

g) Outros servizos:

Baixo a beirarrúa poderanse establecer aqueloutras redes de servizos tales como gas, telecomunicacións... que poidan existir no futuro.

1.3. Normas da edificación.

1.3.1. Condicións técnicas das obras en relación coas vías públicas.

Licenzas e comunicación previa:

Estarán suxeitos a licenza ou comunicación previas todos os actos previstos no artigo 142 da Lei do solo de Galicia.

Cada parcela disporá dun único acceso rodado cuxo largo non deberá superar os 5,00 metros, salvo que, polas dimensións da parcela, o uso industrial que se lle outorgue xustifique un largo maior ou varios accesos.

O propietario da parcela estará obrigado a reparar os danos que puidesen ocasionarse na vía pública debido á construción dos accesos.

O Concello fixará os avais que garantan a reparación destes danos.

1.3.2. Condicións da edificación (comúns a todas as zonas)

Normativa xeral:

Os edificios axustaranse ás rasantes e aliñacións definidas nos planos de ordenación.

No que respecta ás aliñacións exteriores, serán obrigatorias as definidas nos planos de ordenación, mentres que nas aliñacións laterais e nas traseiras se fixan nos planos de ordenación as máximas permitidas, que poderán variar ao producirse a agrupación de parcelas.

Permítese que as construcións e os elementos accesorios necesarios para o axeitado funcionamento dos almacéns e das industrias, tales como depósitos elevados, silos, torres de refrixeración, chemineas..., superen a altura máxima permitida nas edificacións.

No caso de abandono dalgunha das instalacións que se implanten no parque, procederase, con carácter xeral, desmontarase e retirarase calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, que será entregado a un xestor autorizado para unha correcta eliminación.

Peche de parcela:

O límite da parcela nas aliñacións a vías formalizarase coa edificación e o peche en liña coa edificación, e no espazo que queda entre o recuamento frontal e as aliñacións a vías non se permitirá ningún tipo de peche. O espazo privado que queda entre a fachada frontal e a vía deberá acondicionarse para aparcadoiro privado ou con tratamento de xardín-espazo libre, que se urbanizará simultaneamente coa construción que defina no correspondente proxecto de edificación.

Os cerramentos das aliñacións a espazos públicos e a outros privados realizaranse cun peche, preferiblemente de tea metálica, cunha altura máxima de 2,50 metros.

A construción do peche común a dúas parcelas correrá a cargo da industria que primeiro se estableza, ben que a segunda deberá aboarlle o custo que correspondería á metade do peche tipo antes citado, e realizar este aboamento antes do comezo da construción.

No suposto de parcelas estremeiras no seu linde lateral en que existan diferenzas entre as cotas do terreo, poderanse construír muros seguindo o límite da parcela, para a contención de terras, cunha altura máxima da rasante da plataforma superior.

Nos fondos das parcelas deixarase o noiro definido nos planos ou poderase dispor un muro de contención ou noiro natural con maior pendente.

Condicións de uso:

Dentro da parcela edificable, distínguense dúas zonas para os usos establecidos:

a) Zona de recuamento:

É a superficie da parcela comprendida entre a aliñación ou linde e a liña de fachada.

Non poderá ser ocupada pola edificación ou elementos auxiliares.

Poderá destinarse a aparcadoiro, espazos de carga e descarga e/ou zona axardinada.

Poderán establecerse servidumes de paso de instalacións dos servizos necesarios para o funcionamento do sector industrial, tales como centros de transformación e canalizacións de servizos.

Os alxibes, depósitos de auga e centros de transformación de enerxía eléctrica, centros de seccionamento ou calquera outro elemento singular das instalacións que sexa preciso para o enlace das redes da parcela coa rede xeral poderán situarse nesa zona, tanto soterrados como en superficie, sempre que se presente un proxecto técnico xunto ao de edificación que acredite a idoneidade ambiental e estética das instalacións que se situarán na localización escollida, e se acheguen, xunto á xustificación da dita necesidade, as medidas suficientes de adecuación para a mellora estética da zona, empregando materiais de revestimento axeitados e mellorando o axardinamento ou arboredo da contorna, que debe obter o informe favorable específico dos servizos técnicos municipais. Os elementos contedores non excederán unitariamente unha superficie en planta de 25,00 m² nin unha altura de 3,00 metros, medidos desde a rasante da vía.

b) Zona de superficie ocupada:

É a superficie da parcela comprendida entre as liñas de fachada.

Permítense as edificacións e os elementos auxiliares segundo os usos establecidos polas normas particulares de cada zona.

1.3.3. Regulación de emisións contaminantes.

Xeneralidades:

Seguirase o disposto no documento núm. 7: estudo de impacto ambiental do proxecto sectorial.

Non se poderá instalar, ampliar ou modificar ningunha actividade potencialmente contaminante da atmosfera sen a correspondente autorización municipal, sen prexuízo do que dispoñan os demais organismos competentes na materia e conforme a lexislación vixente.

As actividades clasificadas de acordo co Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, ou documento que o substitúa, e aqueloutras cuxa autorización exixa un trámite de avaliación ambiental, deberán incluír no documento ambiental que sexa necesario un estudo específico de emisións que conteña:

– Un inventario de fontes ou focos contaminantes eventualmente presentes nos procesos produtivos, especificando as características das emisións producidas por cada unha destas fontes (cantidades, natureza, periodicidade...).

– A identificación específica para cada foco dos principais requisitos legais aplicables ás actividades e instalacións que produzan emisións.

– A descrición das metodoloxías de prevención da contaminación atmosférica que serán adoptadas para o cumprimento da lexislación, analizando, desde o punto de vista da eficacia e dos custos económicos, a viabilidade da súa aplicación.

– Toda actividade instalada no parque empresarial que xere ou poida xerarlle molestias á poboación a causa dos cheiros, emisións gasosas ou partículas deberá incorporar as medidas correctoras necesarias para garantir a ausencia destas molestias.

– Os límites de emisión e inmisión, así como a determinación do nivel destes, axustaranse ao disposto nas normas específicas vixentes.

– No caso de que na contorna do parque se puidesen integrar industrias con potenciais efectos acumulativos na atmosfera que precisen dun seguimento ambiental, establecerán normas que permitan realizar o seguimento dos niveis de inmisión dun xeito coordinado entre estas empresas, de modo que exista unha única rede de mostra.

Establecemento de limitacións relativas ás emisións á atmosfera:

As emisións gasosas producidas por calquera actividade que se instale axustaranse aos valores permitidos pola Lei 38/1972, do 22 de decembro (BOE do 26 de decembro), de protección do ambiente atmosférico, e polo seu regulamento, aprobado polo Real decreto 833/1975, do 6 de febreiro (BOE do 22 de abril), para a contaminación atmosférica producida polas industrias, ademais de ao disposto no estudo de impacto ambiental que acompaña este proxecto sectorial.

Así mesmo, adaptarase ao disposto na Lei 8/2002, de protección atmosférica de Galicia.

Establecemento de limitacións relativas a verteduras de augas residuais:

Os límites das composicións cualitativas ou cuantitativas das augas residuais cumprirán os parámetros fixados no Real decreto 849/1986, Regulamento de dominio público hidráulico, ou na normativa vixente no seu momento, así como as limitacións que poida establecer a compañía concesionaria ou Augas de Galicia.

Establecemento de limitacións relativas ás emisións de ruídos:

O nivel de ruídos non poderá ser superior ao límite establecido na Lei 7/1997 de contaminación acústica, e ao disposto no documento núm. 7: estudo de impacto ambiental deste proxecto sectorial.

Como se comentaba anteriormente, os niveis de emisión acústica permitidos son os que se mostran a seguir:

Nivel sonoro dB (A)

Zona

Día

Noite

A

60

50

B

65

55

C

70

60

D

75

65

Onde:

Zona A: zonas de alta sensibilidade acústica, entendendo por tales os sectores do territorio que admiten unha percepción alta contra o ruído, como áreas sanitarias, docentes, culturais ou espazos protexidos.

Zona B: zonas de moderada sensibilidade acústica, que comprende todos os sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro medio, como vivendas, hoteis ou zonas de especial protección, como centros históricos.

Zona C: zonas de baixa sensibilidade acústica, que comprenden todos os sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro elevado, como restaurantes, bares, locais ou centros comerciais.

Zona D: zonas de servidume, onde se engloban os sectores do territorio afectados polas servidumes sonoras a favor dos sistemas xerais de infraestruturas viarias, ferroviarias ou outros equipamentos públicos que as reclamen.

Medidas correctoras sobre o consumo de auga:

Á hora de establecerse as instalacións no parque empresarial, primarán as empresas que empreguen estratexias de xestión encamiñadas á minimización do consumo de auga.

Calquera sistema de redución do consumo de auga é específico para cada empresa, polo que deberá realizarse un estudo de minimización dos consumos de auga.

As empresas que se implanten no parque empresarial contarán cun manual de boas prácticas ambientais onde se recollerá a necesidade de reducir o consumo de auga a través do establecemento de determinadas pautas de comportamento que serán coñecidas por todos os operarios.

Levarase a cabo un control do consumo e vixiaranse as perdas de auga.

Medidas correctoras sobre o consumo enerxético:

Á hora de establecerse as instalacións no parque empresarial, primarán as empresas que empreguen estratexias de xestión encamiñadas á minimización do consumo de enerxía.

A través de estudos enerxéticos, valorarase o uso eficiente da enerxía e, no caso contrario, proporanse alternativas economicamente viables para reducir o consumo.

As empresas que se implanten no parque empresarial contarán cun manual de boas prácticas ambientais onde se recollerá a necesidade de reducir o consumo enerxético a través do establecemento de determinadas pautas de comportamento que serán coñecidas por todos os operarios.

1.3.4. Establecemento de limitacións relativas ás condicións estéticas e de integración paisaxística

Para procurar a integración paisaxística, fíxanse as seguintes ordenanzas:

– O perímetro do ámbito de actuación revexetarase de forma que se cree unha pantalla vexetal.

– O tratamento de todas as fachadas será o do edificio ben terminado.

– Reporase o arboredo que sexa necesario eliminar do lugar actual debido aos condicionantes da ordenación. Plantaranse especies arbóreas da zona nos xardíns e beirarrúas.

– Permítense as revocaduras sempre que estean ben terminadas. As empresas que as promovan quedarán obrigadas ao seu bo mantemento e conservación.

– Tanto as paredes medianeiras como os paramentos susceptibles dunha posterior ampliación deberán tratarse como unha fachada e ofrecer calidade de obra terminada.

– Os rótulos empregados axustaranse ás normas municipais, se existisen, e realizaranse a base de materiais inalterables aos axentes atmosféricos. A empresa beneficiaria é a responsable, en todo momento, do seu bo estado de mantemento e conservación.

– As edificacións en parcelas con fronte a máis dunha rúa e, en xeral, a calquera sistema de espazos libres de dominio e uso público (xardíns, vías, aparcadoiros), quedarán obrigadas a que todos seus paramentos de fachada teñan a mesma calidade de deseño e acabamento.

– Terán consideración de fachada os paramentos que, aínda que non teñan fronte a unha rúa ou espazo público, sexan visibles por cuestións de topografía ou criterios de medición de rasantes.

– As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán ofrecer un nivel de acabado digno, e que non desmereza da estética do conxunto; para iso, os ditos elementos deberán tratarse con idéntico nivel de calidade que os que cubran a edificación principal.

– As canles de auga existentes no ámbito trataranse segundo as especificacións indicadas no estudo de impacto ambiental.

– As condicións de edificación nas parcelas existentes están orientadas a lograr certa homoxeneidade ou composición harmónica, en canto á volumetría xeral, á distancia ao eixe da rúa, ás tipoloxías, ás alturas e á organización das fachadas e cubertas, sen prexuízo da necesaria flexibilidade para edificacións ou instalacións especiais.

– Limítanse as condicións para situar as superficies metálicas brillantes, que aumentan a visibilidade do conxunto a longas distancias. Para evitar tal efecto, establécese que os materiais e as cores deben suavizar o contraste coa contorna, sen desprender brillos indesexables, para o cal pode empregarse como referencia a guía de cor e materiais para esta área paisaxística.

– As condicións de deseño para os peches das parcelas, cando deban existir por se deseñaren recuamentos das edificacións, deben procurar unha imaxe homoxénea, coherente coas edificacións e adaptable ás diferentes parcelas. Salvo que por exixencias da actividade se requiran cerramentos opacos, estes serán abertos, mediante redes metálicas ou reixas, e poderá integrarse vexetación no seu deseño.

– Regúlanse os criterios para os elementos e rótulos publicitarios, paneis e sinalética, en canto á súa localización, tamaño e forma, co obxecto de asegurar certa homoxeneidade e mellorar a calidade do conxunto, compatible co emprego das imaxes corporativas dos titulares das actividades, circunstancia que se debe acreditar integrando esa xustificación no proxecto de edificación.

– Existen zonas verdes no perímetro do solo industrial e das parcelas industriais que exercen de barreiras vexetais para a ocultación de zonas de acumulación ou depósito permanente de materiais que poidan producir un impacto visual na contorna. Empregaranse preferentemente especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo especies de maior porte nas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

– A implantación de masas forestais no interior do propio polígono, nos espazos libres ou nas parcelas, que segundo o estudo de visibilidade se prevé nalgúns casos para mitigar a incidencia visual da capela de San Simón ou da quinta do pazo Baión, realizarase con especies e condicións botánicas e vexetais que, sen superaren as densidades máximas nas zonas afectadas polas franxas de protección contra incendios, empregarán especies vexetais permitidas, sempre que se acredite que non supoña minoración do obxectivo de mitigar a visibilidade.

– Cómpre, asemade, considerar o reforzo do obxectivo de mitigar a visibilidade desde os puntos con protección patrimonial, empregando para iso elementos integrados no propio ámbito do PS.

– Iso debe ser así porque, aínda que no estudo de visibilidade tamén se teñen en conta como elementos mitigadores do impacto varios elementos situados fóra do ámbito do polígono empresarial (a masa arbórea ao oeste do ámbito ou a ringleira de árbores a carón do muro da quinta do Pazo Baión...), nalgúns casos, como no da Finca do Valado, as masas forestais poden estar afectadas polas franxas de protección contra incendios, sen que as parcelas queden obrigadas a ningún tipo de replantación que mitigue a visibilidade.

– Por outra banda, a masa forestal que mitiga a visibilidade do polígono desde o castro de San Xoán está practicamente na súa totalidade dentro do contorno de protección delimitado do castro, clasificado como solo rústico de protección patrimonial; polo tanto, esas masas forestais tamén están sometidas ás medidas que se poidan adoptar para a posta en valor do xacemento, que poden requirir a eliminación ou redución desa masa forestal, aspecto que tamén convén considerar na definición das medidas mitigadoras do impacto de visibilidade do parque empresarial.

– Conforme todo o anterior, a entidade propietaria das zonas públicas axardinadas da urbanización do polígono deberá realizar a plantación de especies vexetais e arbóreas que, ademais de acreditar a súa compatibilidade no que atinxe aos tipos de especies e densidade máxima de plantación nas franxas de protección contra lumes, teñan a capacidade de mitigar impactos visuais nos bordos verdes que se atopan ao sueste e suroeste das zona M1 e M2 (cara ao castro de San Xoán) e nas zonas máis elevadas dos parques previstos no polígono e nas zonas máis elevadas dos espazos libres que están ao norte das zonas M3, M4, M5 e M6 (cara á capela de San Simón e pazo de Fonsín), e no espazo libre lineal que se atopa ao carón do límite coa quinta do Pazo Baión, que axudará a mitigar a incidencia visual que poida afectar a igrexa de San Xoán, o pazo de Baión e o pazo do Cabido.

1.4. Normas particulares de cada zona.

1.4.1. Solo de uso mixto industrial, terciario e dotacional privado. Zona 1.

Comprende os quinteiros delimitados no plano II.1. Ordenación proposta. Zonificación.

Quinteiros ou bloques para industria, terciario e dotacional privado (M3, M4, M5, M6).

A súa localización vén definida e grafada no plano II.1. Ordenación proposta. Zonificación.

Condicións de parcelación:

Proponse unha parcelación básica que paute o ritmo das edificacións e que posibilite a aparición de parcelas de diferente tamaño. As parcelacións deben adaptarse, en todo caso, ao ritmo do deseño do espazo público, sen que a división de parcelas supoña trabas á implantación física dos elementos urbanos, tales como puntos de iluminación, nos lugares en que se planifiquen no proxecto de urbanización.

Condicións de edificación.

– Tipoloxía: acaroada. Defínese a fronte nos planos de ordenación.

– Altura máxima de edificación: 15,00 metros.

– Altura mínima libre de planta: 3,50 metros en uso industrial, 2,50 metros en uso administrativo, servizos.

– Número máximo de plantas: catro (4).

– Recuamento mínimo a lindes: os definidos no plano II.2 de aliñacións, rasantes e recuamentos. No quinteiro M6 e nas parcelas grafadas no plano II.2 como 1, 2, 3, 4, a colocación da nave na parcela será libre, sen que poida ocupar a edificación máis do especificado no plano II.2; será obrigatorio que, se se fan naves acaroadas, se manteñan os mesmos recuamentos tanto a vías como posterior en ambas as naves, sempre que a ocupación de solo non sexa superior ao espazo especificado no plano II.2.

No quinteiro M5 e nas parcelas 1 e 2 manteranse os recuamentos posteriores e ás vías C e B(II) respectivamente, e poderán ser variables os recuamentos á vía A(II), sen ocupar en ningún caso máis do especificado no plano II.2.

– Ocupación máxima de parcela: dedúcese dos recuamentos obrigatorios.

– Edificabilidade máxima: 1,00 m2/m2.

– Aparcadoiro: 1 praza/140 m2 edificables.

Condicións de uso:

Uso industrial.

a) Produtivo PR.

b) Almacenaxe AL.

Uso terciario.

a) Comercial CM.

b) Oficinas OF.

c) Recreativo RE.

d) Hoteleiro HO.

Uso dotacional.

a) Servizos urbanos SU.

b) EQ sanitario-asistencial SA.

c) EQ educativo ED.

d) EQ social-cultural SC.

e) EQ deportivo DE.

f) EQ administrativo-institucional AD.

g) Dotacional múltiple DM.

2. Cando se propoñan usos pormenorizados non previstos especificamente, procederase á súa asimilación aos previamente definidos, e autorizaranse sempre que sexan compatibles cos relacionados anteriormente.

Os usos relacionados poderanse desenvolver como uso principal en parcela independente.

3. Protección da paisaxe.

a) Na zona M3 e zona M6, no caso de que nalgunha parcela específica se desexe superar unha altura de cornixa de 12 metros, establécese como determinación vinculante para desenvolver xunto ao proxecto de edificación a obriga de que na dita parcela deba plantarse arboredo de alto porte nunha franxa de 5 metros, con unidade arbórea cada 7 metros ao carón de toda a fronte da aliñación pública e sebe arbustiva alta continua ao carón do peche.

b) En todos os bordos cara ao exterior do polígono das parcelas da zona M6 que aínda non estean edificadas, debe plantarse arboredo de alto porte nunha franxa de 5 metros con unidade arbórea cada 7 metros ao carón do linde sueste.

1.4.2. Solo de uso mixto industrial, terciario e dotacional privado. Zona 2.

Quinteiros ou bloques para uso industrial-terciario-dotacional privado (M1, M2).

A súa localización vén definida e grafada no plano II.1. Ordenación proposta. Zonificación.

Condicións de parcelación:

Proponse unha parcelación básica que paute o ritmo das edificacións e que posibilite a aparición de parcelas de diferente tamaño. As parcelacións deben adaptarse, en todo caso, ao ritmo do deseño do espazo público, sen que a división de parcelas supoña trabas á implantación física dos elementos urbanos, tales como puntos de iluminación, nos lugares en que se proxecten no proxecto de urbanización.

Condicións de edificación:

– Tipoloxía: acaroada.

– Altura máxima de edificación: 12,00 metros.

Defínese a fronte de edificación nos planos de ordenación.

– Numero máximo de plantas: catro (4,00).

– Recuamentos mínimos a lindes: os definidos no plano II.2 de aliñacións, rasantes e recuamentos. No quinteiro M1, nas parcelas 1, 2, 3, 4, 5 poderase modificar o recuamento posterior, sen que poida ser superior ao fixado no plano II.2 de aliñacións, rasantes e recuamentos.

– Ocupación máxima da parcela: dedúcese dos recuamentos obrigatorios.

– Edificabilidade máxima: 1,25 m2/m2.

– Aparcadoiro: 1 praza/100 m2 edificables.

Condicións de uso:

Uso industrial.

a) Produtivo PR.

b) Almacenaxe AL.

Uso terciario.

a) Comercial CM.

b) Oficinas OF.

c) Recreativo RE.

d) Hoteleiro HO.

Uso dotacional.

a) Servizos urbanos SU.

b) EQ sanitario-asistencial SA.

c) EQ educativo ED.

d) EQ social-cultural SC.

e) EQ deportivo DE.

f) EQ administrativo-institucional AD.

g) Dotacional múltiple DM.

Os usos relacionados poderán desenvolverse como uso principal en parcela independente. Nos bordos exteriores das parcelas, nas zonas opostas á vía de acceso e nas zonas libres de edificación deberán plantarse especies vexetais de gran porte.

1.4.3. Equipamento público.

Ámbito de aplicación:

Comprende as parcelas definidas no plano II.1. Ordenación proposta. Zonificación.

Condicións de edificación:

– Tipoloxía: illada.

– Altura máxima da edificación: 10,00 metros.

– Altura mínima libre de planta: 3 metros.

– Número máximo de plantas: 3 plantas.

– Recuamentos mínimos a lindes: os edificios separaranse a unha distancia igual á altura da edificación que se proxecte.

– Edificabilidade: 1,00 m2/m2.

– Aparcadoiros: unha praza por cada 50 m2 de edificación.

Condicións de uso:

Inclúense os locais ou edificios destinados á prestación de servizos sociais ou deportivos, segundo se definen no punto 6.2.1, que sexan necesarios para o desenvolvemento dos intereses comunitarios.

1.4.4. Sistema de espazos libres de dominio e uso público.

A) Zonas verdes computables.

Ámbito de aplicación.

Comprende as áreas delimitadas e grafadas como tales no plano II.1. Ordenación proposta. Zonificación.

Condicións de edificación.

Non son edificables, aínda que se poderán realizar construcións auxiliares para almacén de útiles de xardinaría ou limpeza, casetas de instalacións, quioscos, escenarios provisionais, etc., cunha ocupación máxima do 5 % da superficie da zona e unha altura máxima de 1 planta (3,00 metros).

A superficie máxima por instalación será de 200 m2, cunha ocupación máxima sobre rasante para a totalidade de usos admitidos compatibles co espazo libre, que non poderá superar o 5 % preceptivo.

Non estarán sometidas a estas limitacións as pistas deportivas ao aire libre que non teñan edificación asociada e sexan de titularidade e uso público, que poderán formar parte dos espazos libres e zonas verdes, de conformidade co que se sinala no artigo 70 do regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro. Os parques e áreas recreativas poderán admitir instalacións deportivas ou culturais descubertas ou prazas de aparcadoiro cando a súa superficie sexa superior a 5.000 m2. Neste caso, a superficie ocupada de solo non excederá o 15 % da superficie total do espazo libre.

Condicións de uso.

Destinaranse fundamentalmente a xardíns públicos.

B) Zonas verdes non computables.

Ámbito de aplicación.

Comprende as áreas delimitadas e grafadas como tales no plano II.1 de zonificación.

Condicións de uso.

Poderanse pavimentar na medida necesaria para facilitar o acceso ás parcelas ou instalacións a cargo do usuario beneficiado.

Prohíbese empregar estes espazos como depósito de materiais, vertedura de refugallos ou para elaborar formigóns ou morteiros das obras que se realicen no interior das parcelas. O propietario da parcela será o responsable dos danos que se ocasionen neses espazos como consecuencia das obras citadas.

Poderanse instalar centros de transformación, desareadores e tanques de tormentas, integrados na ordenación.

O proxecto de urbanización determinará os necesarios; prevese a súa localización nos ámbitos destinados a zona verde estremeira co viario, sen menoscabo do seu uso como tal, e sempre que a superficie da zona verde non sexa inferior á establecida polo proxecto.

Condicións de adaptación á paisaxe:

1. No cordón verde que existe nese bordo do polígono no linde coa parcela do pazo Baión e no que se atopa ao longo da vía ao oeste da M3, plantarase arboredo de fuste extensivo en paralelo á plantación do bordo xa executada no terreo do pazo e ao longo da parcela de viñedo.

2. Nas zonas de espazos libres que se localizan ao carón da estrada PO-531, na pequena depresión onde se executou o novo acceso cara ao polígono empresarial e á capela de San Simón, deberase executar a plantación de arboredo de alto porte, tanto nas computables como nas non computables.

3. Os noiros do noroeste, sueste e suroeste, ao carón das zonas M1 e M2, deberanse axardinar e cubrir con especies de tipo tapizante e arbustivo, así como con arboredo que matice a visión do castro.

4. Nos noiros do sueste do polígono deberá executarse a plantación de arboredo nas zonas libres existentes nese bordo, tanto nas zonas computables como nas non computables.

5. No caso de que se realice a instalación de zonas deportivas nos espazos libres conforme autoriza esta normativa, deberanse redactar, previamente ao proxecto de instalación, un estudo de detalle e un estudo de visibilidade específico que acredite que as ditas instalacións, xa sexan abertas ou pechadas, resultan compatibles coa función de amortecemento visual e sonoro do polígono en relación coas áreas exteriores, e incluirán medidas atenuantes para que non sexan visibles desde a capela de San Simón e as zonas próximas da estrada PO-531. As instalacións rodearanse con sebes e arboredo, e as plataformas das zonas deportivas adaptaranse ao terreo existente. Non se autorizan muros de altura superior a 2,50 metros e, no caso de seren precisos, deberán ir revestidos de cachotaría de granito. As transicións entre explanacións realizaranse preferentemente con noiros axardinados de suave pendente, menor do 30 %.

1.4.5. Rede viaria, aparcadoiros asociados a esta e parcela de aparcadoiro.

Ámbito de aplicación:

Comprende as áreas delimitadas e grafadas como tal no plano II.1. Ordenación proposta. Zonificación.

Condicións de edificación:

Non estará permitido ningún tipo de actividade edificatoria aparente nin a instalación exenta, salvo as que correspondan aos servizos propios da circulación de vehículos e peonís: iluminación pública, xardinaría, sinalización, rotulación de rúas, papeleiras, etc. Están permitidas as construcións propias do mobiliario urbano e as asociadas á rede de infraestruturas e servizos.

Condicións de uso:

Calzadas: a superficie destinada ao tránsito rodado.

Beirarrúas: a superficie destinada ao tránsito peonil.

Aparcadoiros: a superficie destinada á detención e/ou parada de vehículos.

Prohíbese empregar estes espazos como depósito de materiais, vertedura de refugallos ou para elaborar formigóns e morteiros das obras que se realicen no interior das parcelas. O propietario da parcela será o responsable dos danos que se ocasionen na vía pública como consecuencia das obras citadas.

Condicións de adaptación á paisaxe:

A explanada de aparcadoiros ao carón do CEIP Baión dotarase de arboredo autóctono, instalado en escavas dispostas de forma regular na plataforma.

1.4.6. Parcela de servizos.

Ámbito de aplicación:

Comprende as áreas delimitadas e grafadas como tales no plano II.1: Ordenación proposta. Zonificación.

Condicións de edificación e uso:

Responderán ás necesidades das instalacións ou servizos que, se é o caso, deban situarse.

1.4.7. Aplicación xeral das normas de cada zona.

Cando existan contradicións na interpretación da normativa ou diferentes criterios para a aplicación dun precepto específico nunha parcela determinada, prevalecerá o que teña a regulación cun criterio máis restritivo.

1.4.8. Limitacións de uso derivadas do ruído no contorno da estrada autonómica.

Para a execución de obras e instalacións no contorno das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal a realización dos estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, en caso de superarse os límites recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Fóra das áreas urbanizadas existentes antes da data de entrada en vigor do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, nos sectores do territorio gravados polas servidumes acústicas das estradas autonómicas aprobadas e reflectidas nos planos de información do documento, conforme a normativa en materia de ruído, as inmisións producidas polas estradas autonómicas poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas. Os niveis de ruído esperables vinculados ás estradas autonómicas serán os reflectidos nos mapas estratéxicos de ruído das estradas autonómicas, que se inclúen como parte dos planos de información do documento.