DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2026 Páx. 6949

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434B).

BDNS (Identif.): 883035.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/883035

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Para ser beneficiaria das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude, os seguintes requisitos: a) Ser muller vítima de violencia de xénero segundo o disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro. Esta condición acreditarase con algún dos documentos establecidos no artigo 8.1.a); b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo; c) Non convivir co agresor; d) Ter especiais dificultades para obter un emprego; e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

Esta axuda poderá percibirse en máis dunha ocasión cando a vítima sufrira violencias diferenciadas acreditadas de forma separada, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

2. En relación coas axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, poderán ser beneficiarias as mulleres vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia; b) Non convivir co agresor; c) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.

Segundo. Obxecto

As axudas do artigo 27 concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero. En relación coas axudas de indemnización do artigo 43, concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434B).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe e nas aplicacións seguintes:

a) Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro: 2.678.283,00 € na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0, código de proxecto: 2015 00180.

b) Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo: 55.000,00 € na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.1, código de proxecto: 2015 00150.

2. No caso das axudas do artigo 27, o importe xeral desta axuda será o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente, e que pode chegar a ser o equivalente a doce, dezaoito ou vinte e catro meses do subsidio por desemprego vixente en función das rendas e ingresos, das responsabilidades familiares, ou do grao de discapacidade da solicitante e/ou familiares ou menores acollidos/as a cargo.

3. No caso das axudas do artigo 43, a contía destas axudas de indemnización será a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento tras a declaración de insolvencia do obrigado a esta, excluídos os xuros de mora.

A contía máxima da indemnización establécese en 6.000,00 € por cada persoa beneficiaria, excluídos os xuros de mora.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará transcorridos cinco días hábiles desde da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de novembro de 2026.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade