O 5 de decembro de 2025, na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Estatutario, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT ratificaron determinados compromisos e melloras retributivas e de traballo, de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.
Entre as ditas melloras figuran algunhas que, polo seu contido, requiren da súa aprobación polo Consello da Xunta.
Unha vez que esa aprobación foi formalizada polo Consello da Xunta no seu Acordo do día 19 de xaneiro de 2026, procede a súa publicación.
De conformidade co que antecede,
DISPOÑO:
Artigo único
Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo con determinadas melloras retributivas e de traballo para o persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta, do 19 de xaneiro de 2026, sobre determinadas melloras das condicións retributivas e de traballo do persoal
das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde
O pasado mes de novembro foron convocadas varias folgas no ámbito da atención primaria. Tras diversos acordos de desconvocatoria asinados cos comités de folga e a preceptiva negociación na Mesa Sectorial, esa mesa acordou o 5 de decembro diversas melloras que deben ser aprobadas polo Consello da Xunta para a súa efectividade.
En consecuencia, este Consello acorda aprobar as seguintes melloras acordadas na reunión da Mesa Sectorial do 5 de decembro de 2025:
1. Persoal dos puntos de atención continuada (PAC):
a) O valor/hora da xornada complementaria do persoal de enfermaría dos PAC equipararase ao valor/hora previsto para a «presenza física de enfermeiro/a en días laborables» (atención continuada do persoal das unidades).
b) A noite do venres-sábado do persoal médico do PAC terá o mesmo tratamento retributivo que a súa noite do sábado-domingo.
c) A participación no réxime de prolongación da xornada nas unidades e servizos (centros de saúde) contará coa mesma retribución prevista para a correspondente modalidade de prolongación.
d) Incrementarase en 5 € o valor da indemnización por manutención (nova contía: 15 €).
Estes incrementos serán aplicados a partir do 1 de xaneiro de 2026.
2. Persoal das categorías de persoal estatutario (atención primaria e hospitais) que perciben o complemento de produtividade por cumprimento de obxectivos (CPV por obxectivos).
a) Incrementarase nun 2,5 % a contía asignada ao complemento de produtividade variable por cumprimento de obxectivos (CPV por obxectivos) no ano 2025.
b) Garantirase o seu incremento futuro ‒xa desde xaneiro de 2026‒ co incremento xeral de retribucións que estableza a normativa orzamentaria.
c) Esas contías asignadas ao complemento de produtividade por cumprimento de obxectivos (CPV por obxectivos) figurarán publicadas nas futuras ordes da Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
3. Compensación por festividades que coincidan en sábado para o colectivo de persoal estatutario que acada unha xornada ordinaria de 35 horas semanais en aplicación da redución progresiva de xornada acordada polo Consello da Xunta no punto VI do seu Acordo do 29 de xuño de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 124, do 30 de xuño).
Trátase de todo o persoal incluído no ámbito de aplicación do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria ‒agás aquel ao cal se lle aplique o réxime de xornada anual do Acordo de concertación social do 22 de febreiro de 2001 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 19 de marzo)‒ e no ámbito hospitalario, do persoal da categoría de facultativo especialista de área (FEA) e outras similares en canto á súa xornada ordinaria (persoal das categorías de médico/a de admisión e documentación clínica e médico/a de hospitalización a domicilio-HADO).
Desde o ano 2026, o Servizo Galego de Saúde aplicará a este colectivo os mesmos días de compensación que a Consellería de Facenda e Administración Pública estableza cada ano, por festividades que coincidan en sábado, para o persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
