Mediante a Resolución desta dirección xeral, do 26 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional.
Posteriormente, mediante as resolucións do 26 de setembro de 2025 (DOG núm. 192, do 6 de outubro) e do 2 de decembro de 2025 (DOG núm. 239, do 11 de decembro) publícanse os nomeamentos e as adxudicacións de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional.
A base 10.4 da resolución de convocatoria prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso, se cubrirá a baixa coa/s persoa/s aspirante/s incluída/s inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulten da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.
Realizados os procesos de elección de destino nas categorías en que resultaron prazas vacantes, logo da finalización do prazo de toma de posesión establecido nas resolucións de nomeamento do 26 de setembro e do 2 de decembro de 2025, e ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2022 de convocatoria, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas no proceso extraordinario de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e segundo o que establece a base 10.4 da resolución de convocatoria, realizouse a oferta das prazas que resultaron vacantes nas categorías de técnico/a superior en dietética e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico ás novas persoas aspirantes incluídas inmediatamente a continuación pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.
Segundo se recolle na base novena da convocatoria do proceso selectivo, as persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, non presenten a documentación, ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar neste proceso selectivo, non poderán ser nomeadas persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
Segundo. Nomear persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, nas categorías de técnico/a superior en dietética e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, as persoas aspirantes que se inclúen no anexo I desta resolución, logo de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos e de realizar a elección de destino segundo o previsto nas bases 9 e 10 da convocatoria do proceso selectivo.
Adxudicarlles ás persoas aspirantes, con carácter de destino definitivo, as prazas que figuran no anexo indicado.
Terceiro. Declarar finalizado o proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de técnico/a superior en dietética e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022, sen prexuízo do previsto na base 10.4 da resolución de convocatoria para o suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso.
Cuarto. As persoas aspirantes nomeadas disporán do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión ao cal pertenza esta.
A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento no seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo.
No entanto, nos casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación á praza adxudicada comportará o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, a ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.
Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, a aspirante seleccionada deberá realizar, con carácter obrigatorio e nun prazo non superior aos seis meses, contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Non terán que realizar esta actividade formativa as persoas aspirantes seleccionadas que a realizasen con anterioridade, se consta rexistrada en Fides/expediente-e e foi debidamente validada.
Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
