O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. E, concretamente, no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.
A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece, no seu artigo 9, que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.
O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, dispón no seu artigo 15 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo que non terá carácter laboral.
O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, establece que todos os ciclos de formación profesional básica tamén incluirán un módulo de formación en centros de traballo.
O Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe, e se establecen as bases da formación profesional dual, pretende crear as bases para a implantación progresiva da formación profesional dual en España, entendida como o conxunto de accións e iniciativas formativas que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas, combinando os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación.
O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do sistema de formación profesional, establece un novo sistema único e integrado de formación profesional que estipula unha fase de formación en empresa ou organismo equiparado para todo o alumnado de ciclos formativos e cursos de especialización, en cada un dos anos de duración do ensino.
Por tanto, o sistema educativo de formación profesional ten como obxectivo fundamental preparar os estudantes para unha incorporación efectiva e sostible ao mercado laboral, implicando non só a adquisición de coñecementos técnicos, senón tamén o desenvolvemento de competencias prácticas, actitudes profesionais e capacidades adaptativas. Ao finalizar os seus estudos, o alumnado debe estar en condicións de integrarse con éxito na contorna produtiva, achegando valor ás empresas desde a súa incorporación a elas. Para logralo, é esencial unha estreita vinculación entre institucións educativas e o sector empresarial, ao que contribúe a formación práctica na empresa incluída na formación do alumnado.
Polo exposto, e considerando que a formación práctica tanto no módulo de formación en centros de traballo (FCT) como na FP dual, en réxime xeral ou intensivo, teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no cal vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.
A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. A realización, total ou parcial, en empresas doutros países do módulo profesional de formación en centros de traballo ou da FP dual contribúe á adquisición destas competencias.
No ámbito profesional, a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dunha maneira máis ampla, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.
Tendo en conta a importancia desta formación e coa finalidade de compensar parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das actividades que se desenvolven na empresa, correspondentes ao módulo de FCT ou á FP dual, considérase necesario convocar axudas económicas para este alumnado.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto da convocatoria
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas para a realización da formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).
Artigo 2. Modalidades das axudas
Establécense as seguintes modalidades de axudas:
1. Modalidade A: alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos, que realice a formación en empresa dentro do territorio español.
2. Modalidade B: alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos, que realice a formación en empresa fóra do territorio español.
Artigo 3. Requisitos
1. Estar matriculado ou ter estado matriculado nun centro público desta comunidade autónoma ou, no caso dos centros privados, nun ensino concertado coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, durante o ano 2026.
2. Realizar prácticas en empresas ou entidades colaboradoras, entre setembro de 2025 e decembro de 2026, no marco dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos.
3. Finalizar completamente o período de formación práctica en centros de traballo ou finalizar completamente o período de formación en empresas establecido para un curso académico en ensinos de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, antes do 31 de decembro de 2026.
4. Realizar como mínimo o 80 % das xornadas en empresa establecidas en cada ensino segundo o establecido no currículo ou no proxecto de FP dual intensiva para o curso académico correspondente.
5. No caso do alumnado de ensinos de FP dual en réxime intensivo, que o proxecto non inclúa axudas para desprazamento ou aloxamento.
6. No caso da modalidade A, que o concello do centro de traballo sexa distinto do concello do centro educativo e distinto do concello de residencia do/da alumno/a durante o período de realización da formación en empresa.
7. No caso da modalidade B, que o/a alumno/a non gozase dunha axuda Erasmus+ KA121, KA122 ou calquera outra axuda que financie totalmente o período de realización da formación en empresa.
8. Cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria consonte o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
– O primeiro prazo, desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xuño de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa ata o 31 de agosto de 2026.
Acollerase a este primeiro prazo o alumnado que realice a FCT nos períodos outubro 2025-marzo 2026 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2026.
O alumnado a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026 e que anticipe a súa realización non se acollerá a este primeiro prazo.
– O segundo prazo, comprendido entre o 13 de outubro e o 13 de novembro de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa no período setembro-decembro de 2026.
Acollerase a este segundo prazo o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026. Este alumnado deberá finalizar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2026.
1. As solicitudes, xunto co resto dos anexos requiridos, serán facilitados ao alumnado polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en empresa. Toda a documentación xerarase a través da aplicación informática www.edu.xunta.gal/fct. Os anexos asociados a este procedemento tamén estarán dispoñibles na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica.
2. As solicitudes presentaranse no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en empresa.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. A documentación complementaria que, de ser o caso, fose necesario presentar coa solicitude presentaraa o alumnado no centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en empresa.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
1. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indícalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
2. Así mesmo, as persoas interesadas deberán declarar responsablemente que están ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social, de conformidade co establecido nas letras g) e h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas interesadas deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados nos anexos.
Artigo 7. Orzamento
O importe total destinado a esta convocatoria será dun millón de euros (1.000.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.422M.480.0 (proxecto 2014 00401) da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dos orzamentos de 2026.
Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2026, consonte o establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Profesional para axustar proporcionalmente os importes solicitados por cada solicitante, de maneira que a suma total dos importes de todas as persoas solicitantes non supere a contía do crédito dispoñible.
Poderá empregarse ata o 85 % do orzamento para o pagamento das axudas correspondentes ao primeiro prazo, reservándose o 15 % restante para as axudas do segundo prazo. No caso de que existise un remanente no orzamento asignado para as axudas do primeiro prazo, este poderá acumularse ao orzamento do segundo período.
Estas axudas poderán ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no Marco financeiro plurianual 2021-27.
Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto e queda condicionada á existencia, no momento da resolución de concesión, de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 8. Contía das axudas
1. Para o cálculo das axudas terase en conta o número total de xornadas en que o alumnado solicitante realiza a formación en empresa. Para este cómputo consideraranse cinco xornadas semanais cunha duración de 8 horas cada unha. Cando o número de xornadas realizadas nunha semana sexa inferior a cinco, o importe da axuda ratearase proporcionalmente.
Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo 14, letra f) da Orde do 28 de febreiro de 2007, o número máximo de xornadas será o correspondente ás do ensino que se curse.
2. Modalidade A: cando o alumnado realice a formación en empresa dentro do territorio español, as contías calcularanse do seguinte modo:
– A.1. Dentro da Comunidade Autónoma: 12,50 euros por semana ata un máximo de 375 euros.
– A.2. Fóra da Comunidade Autónoma: 20,00 euros por semana ata un máximo de 375 euros.
1. Modalidade B: cando o alumnado realice a formación en empresa fóra do territorio español, o cálculo de asignación da axuda realizarase consonte os seguintes baremos, establecidos principalmente en función do custo de vida do país de destino:
|
País |
Contía por semana |
|
Grupo 1: países con custos da vida máis altos Países da UE e asociados ao programa Erasmus+: Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos e Suecia. Terceiros países non asociados ao programa Erasmus+ do grupo 1* |
175,00 euros |
|
Grupo 2: países con custos da vida medios. Países da UE e asociados ao programa Erasmus+: Chequia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Grecia, Letonia, Malta e Portugal. Terceiros países non asociados ao programa Erasmus+ do Grupo 2* |
140,00 euros |
|
Grupo 3: países con custos da vida máis baixos. Países da UE e asociados ao programa Erasmus+: Bulgaria, Croacia, Hungría, Lituania, Macedonia do Norte, Polonia, Romanía, Serbia e Turquía. Terceiros países non asociados ao programa Erasmus+ do grupo 3* |
100,00 euros |
*Países non asociados ao programa Erasmus+:
Países non asociados do grupo 1: Xapón, Israel, Corea do Sur, Xeorxia, Arxentina, Armenia, Angola, Arabia Saudita, Kuwait, Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Bahrein, Acerbaixán, Sudán, San Cristovo e Neves, San Vicente e As Granadinas, Emiratos Árabes Unidos, Hong Kong, Líbano, Vietnam, México, Taiwán, Moldavia, Malaisia, Tanzania, Canadá, Singapur, Australia, Tailandia, Illas Feroe, Mónaco, San Marino, Estado da Cidade do Vaticano, Andorra.
Países non asociados do grupo 2: India, Casaquistán, Brasil, República Democrática do Congo, Chile, Nixeria, Uganda, Liberia, Xibutí, República Popular Democrática de Corea, Usbequistán, Turcomenistán, República Dominicana, Xamaica, Libia, Siria, Cuba, Iemen, Quenia, Ruanda, Seychelles, Antiga e Barbuda, Brunei, Montenegro, Malaui, Barbados, Santa Lucía, Selecta, Dominica, Uruguai, Albania, China, Filipinas, Perú, Venezuela, Panamá, Ghana, Chad, Güiana, Exipto, Marrocos, Kiribati, Omán, Bosnia e Hercegovina, Irán, Mozambique, Senegal, Mauricio, Catar, Xordania, Indonesia, Laos, Sudáfrica, Etiopía, Bangladesh, Ecuador, Paraguai, Costa Rica, Costa do Marfil, Serra Leona, Gabón, Haití, Bahamas, Papúa Nova Guinea, Micronesia, Ucraína, Kirguizistán, Palestina.
Países non asociados do grupo 3: Nepal, Maldivas, Tadxiquistán, Nicaragua, Zambia, Guinea, Congo, Botsuana, Belice, Samoa, Illas Marshall, Palaos, Tuvalu, Nauru, Illas Cook, Niue, Nova Zelandia, Paquistán, Bután, O Salvador, Suriname, Guatemala, Honduras, Somalia, Trinidad e Tobago, Alxeria, Colombia, Gambia, Fiyi, Illas Salomón, Vanuatu, Camboxa, Zimbabue, Burundi, Mongolia, Camerún, Timor Oriental, Sri Lanka, Madagascar, Mali, Togo, San Tomé e Príncipe, Tonga, Bolivia, Benín, Lesoto, Macao, Tunes, Iraq, Burkina-Faso, Guinea Ecuatorial, República Centroafricana, Guinea-Bisáu, Namibia, Comoras, Eritrea, Myanmar/Birmania, Afganistán, Níger, Mauritania, Cabo Verde, Kósovo, Esuatini, Sudán do Sur.
Ao alumnado que realice a formación en empresa fóra do territorio español e gozase dunha axuda para a mesma finalidade, distinta das indicadas no artigo 3.7, concederáselle como axuda o 50 % do importe que resulte da aplicación dos baremos establecidos anteriormente; cun límite máximo de 1.500,00 € no caso de que a formación en empresa estea vinculada a proxectos de FP dual en réxime intensivo.
Artigo 9. Documentación que tramitarán os centros
1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas a aplicación informática que determine e subministre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da formación en empresa ou nas instrucións remitidas aos centros.
2. A Dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da cal obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase a axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumna ou alumno, asinada polo/a director/a ou director e polo/a secretario/a, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro ao día seguinte ao do final do prazo de presentación de solicitudes.
3. O centro abrirá un prazo de dez (10) días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte das persoas solicitantes.
4. Finalizado o prazo de reclamacións, a Dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de persoas solicitantes, asinada polo/a director/a e polo/a secretario/a, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.
5. O centro, a través da persoa coordinadora de FCT ou do xefe/a do Departamento de Relación con Empresas, unha vez finalizada a estadía do alumnado na empresa, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.
6. Posteriormente, o/a director/a e o/a secretario/a certificarán a relación do alumnado que realizou a formación en empresa, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. Esta certificación será xerada na aplicación informática www.edu.xunta.es/fct unha vez que finalicen todas as persoas solicitantes o período de formación en empresa.
Artigo 10. Arquivo da documentación
1. O centro arquivará a seguinte documentación en papel como mínimo por un período de cinco (5) anos.
a) Solicitude e declaración de residencia (anexo I).
b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, de ser o caso.
c) Declaracións responsables complementarias segundo se dispón no artigo 13.2 desta orde (anexo III), de ser o caso.
d) Certificación de realización das prácticas.
2. No caso de centros privados con ensinos concertados, a aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo II) deberase asinar dixitalmente con certificado dixital ou Chave 365 e remitirse por correo electrónico a fct@edu.xunta.gal, antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 11. Instrución do procedemento
1. O órgano instrutor deste procedemento é o Servizo de Coordinación co Sistema Produtivo, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No caso de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixese, darase por desistida da súa solicitude, despois de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, en relación co artigo 68, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. O órgano instrutor elevará un informe-proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional, que resolverá, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. Contra a resolución de adxudicación das axudas, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de catro meses, contado desde o día seguinte á data de fin do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen ditarse resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Artigo 12. Comunicación e publicación das axudas
1. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia.
2. Neste caso, a publicación das persoas beneficiarias producirá os mesmos efectos que a notificación segundo se establece no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Con todo, os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Artigo 13. Pagamento das axudas
1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria indicada para tal efecto.
2. A persoa beneficiaria presentará no centro, no momento da finalización da estadía no centro de traballo, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo III), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.
Artigo 14. Compatibilidade das axudas
Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.
Artigo 15. Perda das axudas
1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
1. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Os trámites posteriores ao comezo do procedemento deberán realizarse presencialmente no centro educativo onde estea matriculado o alumnado. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización destes trámites que poderán ser empregados por elas.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 19. Información sobre a xestión de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 20. Adaptación
Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Disposición adicional primeira. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións prevista para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional segunda. Impugnación da orde
Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
