DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Xoves, 29 de xaneiro de 2026 Páx. 8212

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases e se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).

BDNS (Identif.): 882238.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882238

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que realice prácticas en empresas ou entidades colaboradoras, entre setembro de 2025 e decembro de 2026, no marco dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas para a realización da formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases e se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional (código de procedemento ED202A).

Cuarto. Importe

O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 07.04.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, ata un importe máximo de 1.000.000,00 € (un millón de euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. O primeiro prazo será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xuño de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa ata o 31 de agosto de 2026.

Acollerase a este primeiro prazo o alumnado que realice a FCT nos períodos outubro 2025-marzo 2026 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2026.

O alumnado ao que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026 e que anticipe a súa realización, non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 13 de outubro e o 13 de novembro de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa no período setembro-decembro de 2026.

Acollerase a este segundo prazo o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026. Este alumnado deberá finalizar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2026.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional