Mediante a Resolución do 9 de decembro de 2024 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro) publicáronse as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
As ditas bases establecen no seu artigo 13.5 que o anuncio da publicación do texto completo da resolución definitiva no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.
Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 29 de decembro de 2025 de concesión das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, nos enderezos https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas e https://spiga-sede.igape.es
O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que as persoas interesadas accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo https://spiga-sede.igape.es/publicaciones, utilizando o seu NIF, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.
Estas axudas son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:
Obxectivo político 1. Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.2. Aproveitar as vantaxes que ofrece a dixitalización á cidadanía, ás empresas, ás organizacións de investigación e ás administracións públicas.
Liña de actuación 1.2.01. Axudas á dixitalización avanzada das empresas galegas, incluídas as entidades do terceiro sector.
Ámbito de intervención 013. Dixitalización de pemes (incluídos o negocio e o comercio electrónicos e os procesos empresariais na rede, os polos de innovación dixital, os laboratorios viventes, os ciberemprendedores, as empresas emerxentes baseadas nas TIC, o comercio electrónico entre empresas...).
O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e o Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
A concesión desta axuda implica a aceptación da persoa beneficiaria a ser incluída na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Así mesmo, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez (10) días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
