DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2026 Páx. 8863

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2026 pola que se acorda a desistencia dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 18 de xullo de 2025 polas que se convocan os procesos selectivos, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, e nas categorías 14 (bombeiro/a forestal) e 14A (bombeiro/a forestal condutor/a) do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Mediante a Resolución do 18 de xullo de 2025 convocouse o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (DOG número 162, do 26 de agosto).

Mediante a Resolución do 18 de xullo de 2025 convocouse o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías 14 (bombeiro/a forestal) e 14A (bombeiro/a forestal condutor/a) do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG número 162, do 26 de agosto).

A disposición adicional terceira da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG número 252, do 31 de decembro), no seu punto 9, dispón que «a Administración autonómica desistirá das convocatorias de prazas correspondentes ás categorías citadas nel efectuadas mediante as seguintes resolucións:

a) Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

b) Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías 14 (bombeiro/a forestal) e 14A (bombeiro/a forestal condutor/a) do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia».

Engade, ademais, que se arquivará a referida convocatoria e se devolverán «de oficio as cantidades aboadas polas persoas aspirantes en concepto de taxas por dereitos de exame».

O artigo 93 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dispón que nos procedementos iniciados de oficio a Administración poderá desistir, motivadamente, nos supostos e cos requisitos previstos nas leis.

Respecto das convocatorias realizadas para as anteditas resolucións do 18 de xullo de 2025, produciuse unha alteración sobrevida nas condicións dos procesos selectivos coa entrada en vigor da Lei 5/2025, do 23 de decembro, e imponse unha desistencia que deriva das motivacións, supostos e requisitos establecidos na disposición adicional terceira desta lei.

Estas motivacións son:

a) A necesidade de dotar o sistema público de prevención e defensa contra incendios forestais dunha capacidade de resposta reforzada, inmediata e altamente profesionalizada.

b) A incompleta execución da oferta de emprego público extraordinaria correspondente ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia prevista no Decreto 79/2022, do 25 de maio, ao non se teren incluído nas convocatorias extraordinarias realizadas todas as prazas previstas nel.

c) O necesario cumprimento das resolucións xudiciais ditadas sobre as convocatorias realizadas.

d) O obxectivo da redución da temporalidade no emprego público.

e) As previsións da disposición adicional terceira do Decreto 79/2022, do 25 de maio, que establece que as prazas incluídas nesa oferta poden ser obxecto dunha redistribución entre os diferentes corpos, escalas e especialidades en función da súa clasificación definitiva na relación de postos de traballo ou en función da realidade das tarefas desenvolvidas e, de ser o caso, das sentenzas xudiciais.

Nos referidos procesos selectivos non se chegou a aprobar ningunha listaxe de admitidos e excluídos.

Por todo o anterior, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro. Desistir do procedemento selectivo convocado pola Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

Segundo. Desistir do procedemento selectivo convocado pola Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías 14 (bombeiro/a forestal) e 14A (bombeiro/a forestal condutor/a) do grupo V do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Terceiro. Aprobar a devolución de oficio das cantidades aboadas polas persoas aspirantes en concepto de taxas por dereitos de exame.

Para tal fin, as persoas interesadas deberán introducir o seu número de conta bancaria completo na aplicación Fides, na epígrafe de expediente, datos persoais, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal