DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2026 Páx. 9020

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución dunha infraestrutura gasística de distribución no termo municipal de Curtis (A Coruña) (expediente IN627A 2025/002-1)

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na avenida América, 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 16 de xullo de 2025, a mercantil Nedgia, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Ampliación de rede ao DN 4” e nova acometida ao DN 3” de gas natural á industria In Proteins For All, S.L., en MOP 16 bar, no termo municipal de Curtis (A Coruña), promovido por Nedgia, S.A.

Co fin de dotar de subministración de gas natural á nave que a empresa In Proteins For All, S.L. ten na rúa Cesuras, Polígono Industrial de Teixeiro, concello de Curtis, proxéctase unha nova antena da rede de gas existente denominada RAA-I016.03, instalando unha nova rede de aceiro de 4” de diámetro e unha acometida de 3”.

Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas, a empresa distribuidora Nedgia, S.A. presentou ante este departamento territorial, entre outra, a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico das instalacións denominado Ampliación de rede ao DN 4” e nova acometida ao DN 3” de gas natural á industria In Proteins For All, S.L., en MOP 16 bar, no termo municipal de Curtis (A Coruña), subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnico industrial (colexiada núm. 25.430 do COITIM).

b) Declaración responsable asinada o 8.8.2025 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 229, do 30 de novembro) sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía.

c) Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no dito proxecto.

Para a súa tramitación, á dita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2025/002-1.

Segundo. Mediante o Acordo do 27 de agosto de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, que foi publicada no DOG núm. 175, do 11 de setembro, no BOP da Coruña núm. 166, do 2 de setembro, e nos xornais La Voz de Galicia (11 de setembro) e La Opinión de A Coruña (11 de setembro).

Durante a fase de información pública non se presentaron alegacións. Unha vez rematada a tramitación do procedemento e consonte o artigo 82.3 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prescíndese do trámite de audiencia.

Terceiro. Tendo en conta que no proxecto se reflicten afeccións a bens e dereitos do Concello de Curtis, de Telefónica, S.A., de UFD Distribución Electricidad, S.A. e R-Cable, de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, con data do 1 de setembro de 2025 e reiterado o 1 de outubro de 2025, solicitouse o condicionado técnico destes organismos, remitíndose separata do proxecto.

Todos os organismos estableceron condicionados técnicos que foron aceptados pola empresa Nedgia, S.A.

Así mesmo, cómpre indicar que, de acordo co artigo 75 do R.D. 1434/2002, as autorizacións a que se refire o presente título serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Consideracións legais e técnicas.

1. O director territorial do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro) e Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. A normativa de aplicación a este expediente é:

– Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE núm. 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.

– Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG núm. 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas e, no seu artigo 2 en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, departamentos territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que fai referencia nesta orde.

– Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro).

– Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE núm. 211, do 4 de setembro) e, en particular:

• O disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización a que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.

3. As instalacións atópanse na rúa Cesuras, polígono industrial de Teixeiro, no concello de Curtis, e as súas características técnicas son as seguintes:

Nova antena de subministración de gas natural canalizado na rede RAA-I016.03 (MOP 16 bar, DN 6”) existente (expediente IN627A 2018/027-1), que se instalará na rúa Cesuras, polígono industrial de Teixeiro, consistente en:

– Rede DN 4”, MOP 16 bar, en aceiro, de 280 m. Instalación de 2 válvulas de seccionamento.

– Acometida DN 3”, MOP 16 bar, en aceiro, de 6 m. Instalación de 1 válvula de acometida.

De acordo con todo o indicado

RESOLVO:

a) Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes.

b) A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:

– A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia, S.A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

– Antes do inicio das obras Nedgia, S.A. poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo as respectivas afeccións que se xerasen coa execución das instalacións e poidan establecer os condicionados pertinentes. Así mesmo, deberán achegar a designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as actuacións e o director de obra responsable delas.

– Comunicar a este departamento territorial a data de inicio das obras, acompañada da documentación que acredite que dispoñen das autorizacións/licenzas/conformidades de todos os organismos ou empresas de servizos afectadas (no caso de que algunha empresa non conteste a súa solicitude, acreditarán o envío da información en tempo e forma), ou declaración responsable de ter realizado as solicitudes e dispor, de ser o caso, das citadas autorizacións/licenzas/conformidades.

– A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

– De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

– Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto e antes da súa execución, deberase dispoñer da autorización deste departamento territorial.

– Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto das instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado; superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.

– Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.

– Este departamento territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.

– O prazo de execución das instalacións é dun ano desde a publicación oficial desta resolución.

– En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia, S.A. deberá comunicar con antelación a este departamento territorial as datas previstas para a realización das probas regulamentarias.

– Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións, mediante dilixencia deste departamento territorial presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de finalización da obra.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 22 de decembro de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña