BDNS (Identif.): 880599.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/880599
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias ou perceptoras finais das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 da Tratado UE (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realicen ou teñan previsto realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se vai financiar, localizada na provincia da Coruña.
b) Teñan previsto realizar un proxecto de investimento que responda a algunha das tipoloxías sinaladas no número 1 do artigo 1, cun investimento subvencionable mínimo de 60.000,00 € cumprindo os requisitos establecidos nestas bases, que supoña a creación neta de emprego no/s centro/s de traballo da persoa beneficiaria na provincia da Coruña. Enténdese por creación neta de emprego a creación de polo menos un posto de traballo con contrato indefinido a tempo completo e manter este posto de traballo xunto ao seu persoal con contrato indefinido no momento da solicitude, polo menos, durante 3 anos desde a acreditación do fito de creación de emprego.
As pequenas e medianas empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do parágrafo anterior.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a concesión de préstamos parcialmente reembolsables para o financiamento de proxectos de investimento das pemes, xeradores de emprego na provincia da Coruña, cofinanciado no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX).
As axudas reguladas nestas bases combinan un instrumento financeiro de préstamos directos cunha subvención nunha mesma operación, de forma que estes préstamos, destinados a financiar investimentos das pemes, poderán ser parcialmente reembolsables en función do cumprimento de determinados fitos de creación neta de postos de traballo e, se é o caso, doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión do instrumento financeiro de préstamo combinado con subvención nunha única operación, fomentando, ademais, que estes postos de traballo sexan ocupados por persoas pertencentes a colectivos de traballadores que perderon o seu emprego debido aos peches das centrais térmicas da provincia, e a colectivos que xa expoñen dificultades de empregabilidade na actualidade.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos parcialmente reembolsables para proxectos de investimento das pequenas e medianas empresas previstos no instrumento financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña. e se procede á súa convocatoria para os anos 2026-2027, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408J).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7700, por un importe de 22.000.000 €: 15.000.000 € no ano 2026 e 7.000.000 € no ano 2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar o sexto día hábil posterior ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de tres meses contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Ainhoa Mallo Martínez
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
