O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do 15 de decembro de 2025, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral do Igape para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos, a publicación no Diario Oficial de Galicia e a resolución da convocatoria.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras, prioritariamente nas comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña, e convocar para os anos 2026-2027-2028-2029 estas actuacións en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408N).
As axudas das bases reguladoras anexas á presente convocatoria están cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX) que ten unha taxa de cofinanciamento do 70 % do gasto elixible, proporcionándose o cofinanciamento nacional no nivel dos perceptores finais, como investimento elixible nestes. En particular:
Obxectivo político ou obxectivo específico do FTX (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.
Prioridade P2: A Coruña.
Obxectivo específico JSO8.1: facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.
Subprioridade (CPSO) SP1: Transformación ecolóxica da industria e fomento da mobilidade sustentable, a economía circular e a eficiencia enerxética.
Tipo de acción (CPSO): 1.01 Proxectos de descarbonización e renovación industrial das industrias tractoras da provincia.
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
a) Indicadores de realización:
RCO01-Empresas apoiadas.
RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.
b) Indicadores de resultado:
RCR01-Postos de traballo creados en entidades apoiadas.
RCR02-Investimentos privados que acompañan o apoio público (das cales: subvencións, instrumentos financeiros).
Estas bases enmárcanse nos seguintes tipos de intervención:
038 Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes e medidas de apoio.
040 Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes ou grandes empresas e medidas de apoio conformes cos criterios de eficiencia enerxética.
188 Investimentos produtivos en grandes empresas vinculadas principalmente a tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos.
189 Investimentos produtivos en pemes vinculadas principalmente a tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos.
Segundo. O prazo de presentación de solicitudes comezará a computar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de tres meses contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo.
Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes, distribución xeográfica do proxecto e distribución plurianual:
|
Área xeográfica |
Partida orzamentaria |
Orixe dos fondos |
2026 |
2027 |
2028 |
2029 |
Total |
|
Municipios de As Pontes e Cerceda |
09.A1.741A.7700 |
FTX |
14.411.194 |
8.500.000 |
8.500.000 |
8.588.806 |
40.000.000 |
|
Comarcas de Ordes (agás municipio de As Pontes), Eume (agás municipio de Cerceda) e Ferrol, e municipios de Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido ou Mañón |
14.411.193 |
8.500.000 |
8.500.000 |
8.588.807 |
40.000.000 |
||
|
TOTAL |
28.822.387 |
17.000.000 |
17.000.000 |
17.177.613 |
80.000.000 |
En función da localización do proxecto, a axuda poderase conceder con base á partida que corresponda, de acordo coa distribución anterior. No caso de esgotamento do crédito dunha das liñas, poderá incrementarse co remanente da outra, se o houber, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.
Cuarto. Prazos de duración do procedemento e prazos de execución e xustificación do proxecto.
O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes correspondente a esta convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.
O prazo para executar os proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de setembro de 2029.
O prazo para xustificar a realización e o pagamento do investimento subvencionable será de dous meses desde a finalización do prazo de execución indicado na resolución de concesión.
O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2026 abranguerá ata o 15 de novembro de 2026; en 2027, ata o 15 de novembro de 2027; en 2028, ata o 15 de novembro de 2028, e en 2029, ata o 30 de setembro de 2029. Os gastos realizados entre o 16 de novembro e o 31 de decembro de 2026, 2027 e 2028 poderán ser imputados ao ano seguinte.
Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións e á Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos para os efectos das funcións atribuídas no artigo 72.1.e), 73, 74 e 82 e anexos XIV e XVII do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.
Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas a proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027. Territorio P2 A Coruña
A Comisión Europea creou o Mecanismo de Transición Xusta como ferramenta clave para garantir que a transición cara a unha economía climaticamente neutral ocorra de maneira xusta. Este mecanismo proporcionará apoio financeiro e asistencia técnica aos Estados membro e investidores e asegurarase de que as comunidades afectadas, as autoridades locais, os interlocutores sociais e as organizacións non gobernamentais estean involucradas; incluíndo un marco de gobernanza centrado en plans territoriais de transición xusta.
O Regulamento (UE) 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta (FTX), é un dos piares do Mecanismo para unha Transición Xusta que se aplica no marco da política de cohesión. Os obxectivos do FTX son mitigar os efectos negativos da transición climática prestando apoio aos territorios máis prexudicados e aos traballadores afectados e promover unha transición socioeconómica equilibrada.
O ámbito xeográfico dos proxectos que opten ás axudas que se concedan ao abeiro das presentes bases é a provincia da Coruña, pola súa condición de zona afectada polo peche de explotacións mineiras e centrais térmicas de carbón, enmarcando esta axuda na prioridade P2 do Programa do Fondo de Transición Xusta de España para o período 2021-2027, subprioridade CO1. Transformación ecolóxica da industria e fomento da mobilidade sustentable, a economía circular e a eficiencia enerxética.
As presentes bases ampáranse:
No Regulamento (UE) 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta.
No Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (RDC).
Na Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
No Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 1. Obxecto
Constitúe o obxecto das presentes bases reguladoras a concesión de axudas a fondo perdido cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), para o financiamento de proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras nas comarcas de Ordes, Eume e Ferrol ou municipios da Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido ou Mañón, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 5 destas bases.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias ou perceptores finais das axudas reguladas nestas bases as empresas industriais, entendendo como tales aquelas sociedades mercantís ou agrupacións destas que exerzan unha actividade industrial ou de servizos de apoio industrial.
No caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente, a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
2. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:
a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axuda, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión.
c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei, ou do artigo 14.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) As empresas que propoñan un proxecto afectado a unha actividade pertencente a un sector excluído conforme o establecido no artigo 3 destas bases reguladoras e na normativa de aplicación.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias para seren consideradas empresa en crise, conforme a definición establecida no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión.
Artigo 3. Actividades económicas subvencionables e actividades e sectores excluídos
1. Poderán ser obxecto de axuda os proxectos pertencentes a todas as actividades industriais e os servizos de apoio industrial susceptibles de recibir axudas, de acordo coa normativa nacional e da Unión Europea aplicable, coas excepcións establecidas no punto 2 este artigo. En consecuencia, estas axudas non están dirixidas a un número limitado de sectores específicos de actividade económica.
2. Non poderán concederse axudas aos sectores e actividades que estean excluídos polo Regulamento (UE) 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta (FTX), nin aos excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión e, en particular, os recollidos na sección 1 (artigo 13) referida a axudas de finalidade rexional para os proxectos do punto 2.A) do artigo 5, e os que queden fóra do ámbito de aplicación da sección 7 (artigo 36), referida ás axudas para a protección do ambiente para os proxectos do punto 2.B) do artigo 5.
Así, quedarán excluídos:
a) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos de tabaco.
b) Investimentos e sectores relacionados coa produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
c) Sector da pesca e a acuicultura, incluídas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1379/2013.
d) Os proxectos de biogás e/ou biometano, quedando, polo tanto, excluídos os equipamentos e infraestruturas necesarios para o seu aproveitamento enerxético ou para a súa produción mediante dixestión anaerobia de materias primas residuais, subprodutos ou outras materias primas biodegradables de orixe agroindustrial, gandeira, forestal, urbana ou industrial.
e) Investimentos en equipamentos, maquinaria e instalacións de produción industrial que utilicen combustibles fósiles, incluíndo gas natural.
f) Axudas aos sectores do aceiro, do lignito e do carbón.
g) Axudas ao sector do transporte, así como á infraestrutura correspondente; axudas á produción, almacenamento, transporte, distribución e infraestrutura de enerxía.
Do mesmo xeito, de acordo co Acordo de asociación 2021-2027 e o documento de criterios e procedementos de selección de operacións (CPSO) do FTX, quedan excluídas de apoio aquelas actividades que afecten:
• As entulleiras e plantas de tratamento mecánico-biolóxico de residuos.
• As incineradoras.
• As desalinizadoras.
• As instalacións suxeitas ao réxime de comercio de dereitos de emisión (ETS).
Ademais, limitarase:
A coxeración de alta eficiencia, onde se concentrará o apoio na substitución de combustibles fósiles de plantas de coxeración actualmente en funcionamento, por enerxías renovables.
Os proxectos de biomasa apoiados deberán cumprir cos criterios de sustentabilidade impostos pola normativa comunitaria.
Todas as infraestruturas apoiadas deberán cumprir o principio de accesibilidade cando resulte de aplicación.
Artigo 4. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos subvencionables, sempre que, conxuntamente, se respecten os límites de intensidade de axuda e demais restricións previstas na normativa aplicable, en particular o previsto no parágrafo 9 do artigo 63 do Regulamento (UE) 2021/1060 e os límites derivados da normativa de axudas de Estado. Sen prexuízo do anterior, estas axudas serán incompatibles cos préstamos parcialmente reembolsables previstos no Instrumento Financeiro do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, Territorio P2 A Coruña, para os mesmos investimentos subvencionables.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse ao Igape tan pronto como se coñeza e, de ser o caso, no momento en que se presente a xustificación da creación de emprego, e no seu caso doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Artigo 5. Proxecto subvencionable
Poderán ser subvencionables os grandes proxectos de investimento que cumpran os seguintes requisitos:
1. Localizarse exclusivamente nun ou varios centros de traballo nas comarcas de Ordes, Eume e Ferrol ou os municipios da Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido ou Mañón.
2. Corresponder a investimento que poida encadrarse nalgunha das seguintes dúas categorías:
2.A) Proxecto rexional de investimento: cumprindo cos requisitos establecidos no artigo 14 do Regulamento 651/2014 da Comisión, deberá corresponderse con algunha das seguintes tipoloxías:
• Creación dun novo establecemento, derivado da creación dunha nova empresa ou que dea lugar á diversificación económica, modernización ou reconversión dunha empresa existente.
• Ampliación de capacidade dun establecemento existente, sempre que supoña unha modernización respecto á tecnoloxía previamente utilizada.
• Diversificación da produción dun establecemento para a fabricación de produtos que antes non se producían nel.
• Transformación fundamental do proceso global de produción do produto ou produtos ou da prestación global do servizo ou servizos afectados polo investimento no establecemento.
Para as empresas que non cumpran coa definición de peme, deberá corresponder a un investimento inicial en favor dunha nova actividade económica na zona de que se trate, entendendo como investimento inicial aquela materializada en activos fixos relacionada coa creación dun novo establecemento, ou a diversificación da actividade dun establecemento, a condición de que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento. Entenderase como a mesma ou similar actividade, para estes efectos, aquela que entra na mesma categoría (código numérico de catro díxitos) da nomenclatura estatística de actividades económicas (CNAE), de acordo co artigo 2, punto 50, do Regulamento 651/201 da Comisión.
2.B) Proxecto para a protección do ambiente, incluída a descarbonización, cumprindo os requisitos do artigo 36 do Regulamento 651/2014 da Comisión, en particular algún dos seguintes:
• Permitir a execución dun proxecto que redunde nun incremento da protección ambiental das actividades da entidade beneficiaria, superando as normas da Unión vixentes, con independencia da existencia de normas nacionais obrigatorias máis estritas ca as da Unión; ou
• Permitir a execución dun proxecto que redunde nun incremento da protección ambiental das actividades da entidade beneficiaria na ausencia de normas da Unión; ou
• Permitir a execución dun proxecto que redunde nun incremento da protección ambiental das actividades da entidade beneficiaria co fin de cumprir normas da Unión que fosen adoptadas pero que aínda non estean en vigor.
En caso de que se realicen investimentos en captura e transporte de CO2 deberanse cumprir as condicións acumulativas exixidas no artigo 36.2.bis) do Regulamento 651/2014. Cando o obxectivo da axuda sexa reducir ou evitar as emisións directas, a axuda non deberá limitarse a desprazar as emisións en cuestión dun sector a outro e deberá conseguir reducións globais das emisións obxectivo; en particular, cando o obxectivo da axuda sexa reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, a axuda non deberá limitarse a desprazar esas emisións dun sector a outro e deberá lograr reducilas de maneira global.
Non se concederán axudas aos investimentos que se realicen para que as empresas se limiten a cumprir as normas vixentes da Unión Europea.
3. O importe mínimo do investimento subvencionable será de 10.000.000 €.
4. No caso de proxectos 2.A), o investimento subvencionable máximo será de 110.000.000 € nos conceptos detallados no artigo 6 destas bases. Ademais, deberá achegarse para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
5. Establécese un límite máximo de subvención de 30.000.000 € por empresa e por proxecto.
6. Para o caso de que a beneficiaria cumpra coa definición de peme conforme o artigo 2, punto 2, do Regulamento (UE) 651/2014, os investimentos deberán dar lugar á diversificación económica, modernización e/ou reconversión.
7. Todos os proxectos deben cumprir co principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
8. Para o caso de investimentos produtivos en empresas distintas das pemes definidas conforme o punto anterior, os investimentos só serán admisibles cando contribúan á transición a unha economía da Unión climaticamente neutra para 2050 e a lograr obxectivos ambientais conexos, incorporando algunha actuación significativa en relación con algunha das tipoloxías seguintes:
• Descarbonización e/ou redución do consumo de enerxía primaria e/ou redución da contaminación.
• Produción de enerxías renovables (para autoconsumo ou comunidades enerxéticas) ou gases renovables ou de almacenamento enerxético.
• Fabricación de compoñentes para enerxías renovables, gases renovables, almacenamento enerxético, redes intelixentes ou tecnoloxías hipocarbónicas para o transporte.
• Economía circular e/ou minimización do uso de materias primas e/ou reciclaxe e valorización de residuos, en particular na reciclaxe de equipamentos de enerxías renovables.
• Actuación de conservación e/ou mellora do estado ecolóxico das masas de auga e/ou conservación da natureza e protección da biodiversidade.
9. Así mesmo, en relación cos requisitos ambientais/climáticos, para todos os proxectos, tipo 2.A) ou 2.B), promovidos por empresas distintas das pemes:
• Realizarase unha análise de pegada de carbono de todo o ciclo completo do proxecto.
• En todos os proxectos minimizarase o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso e realizarase un control das augas residuais resultantes del.
• As novas instalacións suxeitas a avaliación ambiental integrada estarán situadas preferentemente fóra da Rede Natura 2000.
• Minimizarase o impacto sobre elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se se produce algún impacto, avaliarase de acordo coa normativa vixente.
En relación con determinadas tipoloxías concretas de actuacións, deberase constatar o seguinte:
• En actuacións de biomasa, biocarburantes e biolíquidos, cumpriranse os criterios de sustentabilidade e redución de emisións de GEI establecidos no artigo 29 da Directiva (UE) 2018/2001, sobre fontes de enerxía renovables.
• En actuacións de sistemas de almacenamento enerxético con baterías, ou de fabricación destas, realizarase un estudo da potencial toxicidade das substancias empregadas e a súa afectación ao ambiente.
• En actuacións de fotovoltaica en cuberta, retirarase, con carácter previo, o amianto desta, no caso de que existise.
10. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de finalización do prazo establecido na resolución de concesión. Con carácter xeral, finalizará como data límite o 30.9.2029. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.
11. Non serán subvencionables os investimentos en activos incluídos en contratos de xestión de servizos públicos.
12. A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado.
Para ese efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá presentar a solicitude de axuda. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita a axuda con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.
Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade ou de proxectos técnicos, non se consideran inicio dos traballos.
Aqueles proxectos excluídos por non dispoñer de crédito orzamentario tras a aplicación dos criterios de priorización correspondentes, no suposto de presentación de idéntico proxecto a futuras convocatorias da axuda, tomarase en consideración a data de solicitude desta convocatoria en relación co efecto incentivador.
13. O proxecto deberá supoñer a creación neta de emprego:
a. No caso das pemes, deberá producirse creación neta de polo menos 1 posto de traballo con contrato indefinido a tempo completo e manter este posto de traballo, xunto ao seu persoal con contrato indefinido no momento da solicitude, polo menos, durante 3 anos desde a data límite de finalización do investimento.
b. No caso de empresas distintas das pemes, deberá producirse a creación neta de 5 postos de traballo con contrato indefinido a tempo completo e o mantemento destes postos de traballo xunto ao seu persoal medio previo de traballadores con contrato indefinido no momento da solicitude, durante, polo menos, 5 anos desde a data límite de finalización do investimento. Para calcular o persoal medio previo, tomaranse os doce meses anteriores.
Artigo 6. Investimento subvencionable
1. Só serán subvencionables os investimentos produtivos en activos materiais e inmateriais novos adquiridos en propiedade a terceiros non vinculados coa entidade beneficiaria.
2. Os investimentos produtivos subvencionables poderán ser:
a) Adquisición de terreos, limitados a un máximo do 10 % do investimento subvencionable.
b) Obra civil e outros conceptos inmobiliarios:
i) Nova construción, reforma ou rehabilitación de instalacións levadas a cabo en inmobles ou terreos propiedade da persoa solicitante ou sobre os que a persoa solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa cunha vixencia mínima de 6 anos a partir da data de presentación da solicitude de axuda. O dereito de superficie deberá estar outorgado en escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade.
ii) Reformas de instalacións levadas a cabo en inmobles alugados. O arrendamento deberá ter una vixencia mínima de 6 anos a partir da data de presentación da solicitude de axuda.
iii) Adquisición de edificacións ou construcións novas ou usadas. O prezo de adquisición non poderá superar o valor de mercado. O importe da construción que poderá considerarse subvencionable será o menor entre o importe indicado no informe de taxación e o valor de adquisición. No caso de adquisición de edificacións ou construcións usadas, ademais, estas non poderán ter sido obxecto de ningunha subvención autonómica, nacional ou comunitaria.
iv) Nos casos de construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, o custo subvencionable máximo será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade da persoa solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente.
Se, dentro do prazo de execución do proxecto ou do de mantemento dos investimentos establecidos na resolución ou acordo de concesión, fosen alleadas as instalacións da antiga localización da persoa solicitante, e o importe neto da venda resulta superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos do cálculo da subvención, deberá notificarse ao Igape tan pronto se produza a transmisión e procederase ao reaxuste do importe da subvención concedida.
A obra civil debe ser executada e facturada por terceiros. Non será subvencionable a adquisición de materiais de obra directamente pola persoa solicitante.
Na construción ou rehabilitación de edificios ou naves industriais deberán terse en conta criterios de eficiencia enerxética, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados.
c) A maquinaria e bens de equipamento, hardware, software e instalacións necesarias para a súa implantación deben entenderse como investimentos en capital fixo ou como o activo inmobilizado dunha empresa para producir bens e servizos, de maneira que se contribúa á formación bruta de capital e ao emprego.
d) Os proxectos non poderán consistir exclusivamente en construción e conceptos inmobiliarios, debendo incluír, obrigatoriamente, investimento nalgún outro concepto subvencionable.
e) Non serán elixibles a adquisición de terreos e bens inmobles que pertenzan ou tivesen pertencido durante o período de elixibilidade do Programa FTX ao organismo responsable da execución ou a outro organismo ou entidade directa ou indirectamente vinculada ou relacionada con el.
3. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
Enténdese que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
4. Para as solicitudes que se encadren no punto 2.A) do artigo 5 destas bases (Proxecto rexional de investimento) os custos dos activos inmateriais unicamente serán subvencionables ata un límite do 50 % do total dos custos de investimento subvencionables do proxecto, no caso de proxectos presentados por empresas distintas das pemes.
No caso de axudas concedidas a empresas que non sexan pemes para unha transformación fundamental no proceso de produción, os custos subvencionables deberán superar a amortización dos activos relativos a actividade que se vai modernizar nos tres exercicios fiscais anteriores. No caso de axudas concedidas a grandes empresas ou pemes para unha diversificación dun establecemento existente, os custos subvencionables deberán superar, como mínimo, o 200 % do valor contable dos activos reutilizados rexistrado no exercicio fiscal anterior ao inicio dos traballos.
Os activos inmateriais serán válidos para o cálculo dos custos do investimento sempre que cumpran coas seguintes condicións: a) utilizarse exclusivamente no establecemento do beneficiario da axuda, b) ser amortizables, c) adquirirse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador e d) formar parte dos activos da empresa beneficiaria e estar vinculados ao proxecto para o que se concede a axuda durante polo menos 5 anos, ou 3 no caso de pemes.
Todo o investimento inicial relacionado coa mesma actividade ou unha actividade similar emprendida polo mesma persoa beneficiaria (a nivel de grupo) nun período de tres anos contados a partir da data de inicio dos traballos noutro investimento que recibe axuda na mesma rexión considerarase parte dun proxecto de investimento único.
O beneficiario deberá confirmar que non se trasladou ao establecemento onde se realizará o investimento inicial para o que se solicita a axuda nos dous anos anteriores á solicitude da axuda e comprometerse a non facelo durante un período de dous anos a partir da finalización do investimento inicial para o que se solicita a axuda.
5. Para as solicitudes que se encadren no punto 2.B) do artigo 5 destas bases «Proxecto para a protección do ambiente, incluída a descarbonización» será obrigatorio presentar xunto co proxecto un informe de auditor independente ou entidade acreditada que acredite que o investimento contribúe á protección do ambiente, incluída a descarbonización, salientando no informe, de ser o caso, os custos que non estean directamente vinculados coa consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental, xa que estes non serán subvencionables. Conforme o disposto no artigo 36, apartado 11 do Regulamento 651/2014, para os efectos destas bases, os custos subvencionables serán determinados sen a identificación dunha hipótese de contraste.
6. En ningún caso se considerará o IVE como concepto subvencionable, nin o gasto en apoio á relocalización.
7. Quedan excluídos dos investimentos subvencionables:
a) Os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada ou polo seu incremento de rendemento manifesto, que estean vinculados coa tipoloxía do proxecto subvencionable.
b) Os custos de traslado de bens de equipamento que xa sexan propiedade da empresa.
c) Os custos de adaptacións á normativa vixente, salvo as directamente relacionadas cos elementos obxecto de investimento.
d) Os custos de formación no uso dos elementos obxecto de investimento.
8. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
9. As adquisicións de bens inscritibles nun rexistro público deberán utilizarse para os fins previstos durante un período mínimo de 5 anos, e o resto dos investimentos na localización prevista durante un mínimo de 5 anos, en ambos os casos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.
Artigo 7. Financiamento do investimento subvencionable
A entidade beneficiaria das axudas deberá achegar unha contribución financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, ben a través dos seus propios recursos ben mediante financiamento externo exento de calquera tipo de axuda pública, podendo computarse esta última como cofinanciamento nacional para os efectos do punto 2 anterior.
A taxa de confinanciamento do Fondo de Transición Xusta é do 70 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 30 % restante.
Artigo 8. Características das axudas
O importe da axuda será determinado en función da modalidade do proxecto e do tamaño de empresa, conforme as seguintes porcentaxes calculadas sobre o custo subvencionable:
• Para as solicitudes que se encadren no punto 2.A) do artigo 5 destas bases (Proxecto rexional de investimento),
° Para beneficiarias que cumpran coa definición de pequena empresa de acordo co punto 2) do artigo 2 do Regulamento 651/2014 será do 35 %; para as medianas empresas 25 %, e para as que non cumpran coa definición de peme, o 15 %.
° Para proxectos de investimento iguais ou superiores a 55 millóns de euros, calcularase o importe axustado da axuda, con arranxo á fórmula seguinte:
importe axustado da axuda = R × (A + 0,50 × B), sendo
R a intensidade máxima de axuda aplicable na zona en cuestión, excluída a intensidade de axuda incrementada para as pemes,
A a parte dos custos subvencionables igual a 55 millóns de euros,
B a parte dos custos subvencionables comprendida entre 55 e 110 millóns de euros.
• Para as solicitudes que se encadren no punto 2.B) do artigo 5 destas bases (Proxecto para a protección do ambiente, incluída a descarbonización): para beneficiarias que cumpran coa definición de pequena empresa de acordo co punto 2) do artigo 2 do Regulamento 651/2014, será do 32,5 %; para as medianas empresas, 27,5 %; e para as que non cumpran coa definición de peme, o 22,5 %.
Artigo 9. Criterios de priorización
Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:
1. Creación de emprego. Ata 30 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:
• Creación relativa: número de postos que se van crear con contratos de duración indefinida en relación co investimento subvencionable (ata 10 puntos).
• Creación bruta: número de postos que se van crear con contratos de duración indefinida (ata 10 puntos).
• Maiores de 45: número de traballadores maiores de 45 (ata 2 puntos).
• Postos de traballo para cubrir por mozos de entre 18 e 30 anos (ata 2 puntos).
• Postos de traballo para cubrir por mulleres (ata 2 puntos).
• Postos de traballo para cubrir por persoas con discapacidade (ata 2 puntos).
• Postos de traballo para cubrir con bolsas de emprego das zonas de transición xusta (ata 2 puntos).
2. Incorporación no proxecto dos seguintes obxectivos ambientais: promoción do desenvolvemento sustentable e respectuoso co ambiente, mitigación do cambio climático, promoción do ambiente, economía circular, promoción/protección da biodiversidade autóctona, os ecosistemas, hábitats e especies, así como a compatibilidade cos usos gandeiros, se estes xa existisen e os recursos naturais: ata 30 puntos:
• Ata 1 punto por cada un dos obxectivos ambientais de referencia (máx. 5 puntos).
• Rateo aforro emisións CO2 anual/importe investimento elixible. Ata 3 puntos.
• Proxectos que inclúan un contrato PPA (Power Purchase Agreement) de abastecemento a longo prazo de enerxía renovable: 2 puntos.
• Obter e presentar certificación DNSH ex-ante: 20 puntos.
3. Calidade e madurez do proxecto/operación. Ata 30 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes criterios:
• Achega de informes independentes respecto á oportunidade e viabilidade técnica, económica e ambiental (ata 9 puntos).
• Autorización administrativa que permita a execución do proxecto (9 puntos).
• Documento de apoio da corporación local (3 puntos).
• Achega de proxeccións económicas razoables que sustenten adecuadamente a viabilidade económico-financeira da actuación (ata 9 puntos).
4. Participación de pemes: ata 3 puntos, que se outorgarán do seguinte xeito:
• Proxecto integramente realizado por unha peme ou agrupación de pemes: 3 puntos.
• Proxecto con participación de pemes, con polo menos o 20 % do orzamento: 1 punto.
5. Existencia de plans de formación. Ata 4 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:
Dispoñer dun plan de formación relacionado con empregos verdes para a recualificación de persoas traballadoras e inserción laboral de persoas desempregadas para a poboación local/potenciais traballadores para contratar.
6. Localización do proxecto. 3 puntos, que se outorgarán a aqueles proxectos que inclúan algunha actuación nos municipios incluídos nas zonas de transición xusta de Cerceda e As Pontes, definidas nos seus respectivos protocolos de transición xusta.
Para resultar subvencionable, calquera proxecto debe acadar unha puntuación mínima de 60 puntos no conxunto de criterios anteriores.
En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 1°. Se aínda así segue existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º; por esa orde. En caso de persistir o empate, determinarase a precedencia polo número de expediente máis baixo.
Artigo 10. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro de o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
3. As axudas previstas nestas bases incardínanse nos artigos 14 e 36 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).
Artigo 11. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a operación financeira, a través da aplicación establecida na enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.
2. No devandito formulario electrónico, a persoa solicitante ou representante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade e a normativa ambiental exixible, en particular, a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos e a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulte de aplicación polas características ou localización do proxecto.
c) Que, no caso de que lle sexa concedida a axuda, autoriza a súa inclusión nominativa, xunto ao importe e descrición do proxecto no Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027.
d) Non ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.
e) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda, e que dispón dos recursos financeiros necesarios para a finalización da totalidade do proxecto, incluíndo as actuacións adicionais ao investimento subvencionable, que sexan necesarias para o proxecto e o financiamento do capital circulante necesario para a sustentabilidade financeira da actuación.
f) A categoría de microempresa ou pequena e mediana empresa (peme) establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 da Tratado UE, ou grande empresa.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias respecto a esta categorización.
g) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
h) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos do FTX.
i) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso.
j) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá os investimentos subvencionados destinados ao fin concreto para o que se concedeu a operación durante o período de 5 ou 3 anos segundo o artigo 20 destas bases reguladoras.
k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
l) Que cumpre os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
m) Que cumpre co principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 segundo o anexo IV a estas bases, e os condicionantes ambientais especificados para cada caso, segundo a tipoloxía de actuación ou proxecto indicados, segundo o anexo V destas bases.
n) De ser o caso, que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, de acordo coa «Guía de apoio para a implantación da proba climática de infraestruturas de Galicia».
o) Que non se trasladou ao establecemento en que terá lugar o investimento inicial nos termos do artigo 2, punto 61) bis do Regulamento (UE) 651/2014 para que se solicita a axuda nos dous anos anteriores á solicitude da axuda e que se compromete a non facelo durante un período de dous anos desde que se completou o investimento inicial para a que se solicita a axuda.
p) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.
q) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
r) Que achegará unha contribución financeira aos investimentos, exenta de calquera tipo de axuda pública, de polo menos un 25 % dos custos, ben sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo, para os proxectos do punto 2.A).
3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @afirma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: https://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá, necesariamente, anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
5. Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para os contratos menores (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación de servizos ou adquisición de bens e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra no momento de publicación das presentes bases), a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou fornezan. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos deberán ser válidos, vixentes, comerciais, comparables e auténticos, e emitidos por empresas provedoras que non estean vinculadas coa empresa solicitante.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
No caso de adquisicións de edificacións ou construcións novas ou usadas, non será preciso achegar as tres ofertas, deberá acompañarse un informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1.1) Documentación xeral e financeira.
i. No caso de novas actividades ou novos establecementos, compromiso de alta no IAE dentro do período de execución do proxecto.
ii. Documentación xurídica da personalidade da solicitante para sociedades ou entidades xa constituídas:
Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente rexistrados no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de agrupacións, referirase o representante ou apoderado único da agrupación.
No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
iii. Memoria descritiva do investimento proxectado.
iv. No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obrigación de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a empresa estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, achegará as contas anuais consolidadas. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de grande empresa da entidade solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, de ser o caso, fosen presentadas.
v. No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes con reutilización de activos, deberán achegar o inventario de inmobilizado que serviu de base para a formulación das contas anuais correspondentes ao último exercicio económico pechado, con indicación, para cada elemento do inventario, da data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición, importe da amortización acumulada á data do inventario e, de ser o caso, doutras depreciacións por perda de valor, así como o valor neto contable á data do inventario.
Así mesmo, deberá achegar un informe dun experto independente colexiado que indique os activos do inventario que se pretende reutilizar, os cales deberán figurar identificados no inventario de inmobilizado.
No caso de investimentos de diversificación da produción en establecementos existentes sen reutilización de activos, deberán presentar unha declaración responsable nese sentido.
vi. Declaración da categoría de empresa a que pertence, segundo o establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude, con datos das contas anuais do último exercicio pechado na data da solicitude.
vii. En relación coa declaración doutras axudas para o mesmo proxecto, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións destas.
viii. Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as entidades beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o cal se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscribida pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar esta circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º seguinte e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
– Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado nesta epígrafe, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
– No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o número anterior, «Informe de procedementos acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
ix. Memoria de empresa:
– Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa.
– Capacidades básicas: estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control.
– Capacidade técnica da entidade: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais.
– Capacidade tecnolóxica da entidade: recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i.
– Capacidade económica da entidade: análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade.
x. Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, se é o caso.
1.2) Documentación relativa aos investimentos:
i. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar a entidade solicitante, de acordo co establecido no artigo 11.5, salvo as excepcións previstas nestas bases reguladoras.
ii. Cadro de ofertas segundo o modelo que figura no formulario de solicitude.
iii. No caso de Proxectos para a protección do ambiente, incluída a descarbonización: «Informe de procedementos acordados» emitido e asinado por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas ou entidade acreditada para a emisión do informe, que acredite que cada un dos investimentos proxectados están directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental, indicando, de ser o caso, aqueles activos ou investimentos que non achegan contribución a estes fins.
iv. Documentación acreditativa do rateo aforro emisións CO2 anuais que deberá basearse nos correspondentes certificados de eficiencia enerxética das instalacións. A documentación deberá poder permitir a comparativa da situación de emisións de CO2 anuais previa á execución do proxecto e posterior á execución do proxecto. No caso de infraestruturas ou liñas de nova creación, deberá achegarse tamén a estimación de emisións de CO2 anuais dunha instalación de referencia que corresponda á práctica comercial normal.
v. No caso de que proceda para acceder a puntuación correspondente: contrato PPA (Power Purchase Agreement) de abastecemento a longo prazo de enerxía renovable.
vi. No caso de adquisición de terreos e/ou inmobles, informe de sociedade de taxación homologada.
vii. No caso de construción sobre terreo propio ou rehabilitación de inmoble propio, escritura de titularidade da propiedade.
1.3) Documentación relativa ao mantemento de emprego, creación de postos de traballo e restantes criterios baremables:
i. Criterios de mantemento e creación de emprego.
a) Compromiso de creación e mantemento de emprego: declaración pola que a persoa solicitante se compromete á creación de emprego con contrato de duración indefinida, especificando os postos de traballo que se van crear, e comprométese, así mesmo, ao mantemento do persoal con contrato indefinido preexistente no momento da solicitude e ao creado durante un período de 3 anos desde o fin do prazo de execución do proxecto para o caso das pemes, e durante un período de 5 anos para o caso das empresas distintas das pemes. Dos postos de traballo que se van crear, deberá especificar cantos serán destinados a persoas maiores de 45 anos, cantos a mozos de entre 18 e 30 anos, cantos serán ocupados por mulleres, cantos estarán dirixidos a persoas con discapacidade e cantos se cubrirán con bolsas de emprego do ITX.
b) Informe de vida laboral na data da solicitude ou permiso para acceder a este desde a Administración.
c) No caso de creación de emprego que se vai ocupar por persoas con discapacidade, deberán presentar unha declaración responsable das persoas con discapacidade que ten contratadas a empresa con carácter indefinido na data da solicitude. Computarase a equivalencia correspondente da xornada efectiva respecto á xornada completa.
ii. Plans de formación: declaración das actuacións previstas en materia de formación de traballadores e poboación local. Plan de formación para a poboación local e potenciais traballadores para contratar.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Imposto de actividades económicas (IAE).
e) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado.
f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
i) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación do mantemento e da creación do emprego da entidade solicitante, ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
k) Consulta de concesións ampliado da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
l) Consulta de axudas do Estado da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos integrantes da agrupación.
m) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil, de conformidade co establecido no artigo 12 punto 1.1) ii. a) das bases, correspondente á entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da agrupación de empresas.
n) Consulta ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo na caixa correspondente habilitada no formulario de solicitude (anexo I) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo II) e presentar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Artigo 15. Órganos competentes
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Área de Competitividade do Igape sendo a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade o órgano competente para resolver o arquivo, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O director de Área de Competitividade do Igape elevará proposta de resolución, favorable ou desfavorable, á directora xeral, que será o órgano competente para resolver por delegación do Consello de Dirección do lgape.
Artigo 16. Instrución dos procedementos
1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.
2. As solicitudes serán avaliadas e informadas polos servizos técnicos do órgano instrutor, en función da documentación achegada.
Para o caso das solicitudes encadradas no punto 2.B) do artigo 5 das bases reguladoras (Proxectos para a protección do ambiente, incluída a descarbonización), o Igape revisará o informe relativo ao cumprimento dos requisitos recollidos nos artigos 5.2.2.B) e 6.3, para o proxecto e do custo subvencionable, que recollerá, cando menos, a seguinte información:
a) Se o proxecto que se vai subvencionar e os custos subvencionables corresponden ou non a un dos previstos no artigo 36 Regulamento 651/2014.
b) No caso de que parte dos custos alegados pola solicitante non estean directamente vinculados coa consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental, relación valorada e motivada destes.
O órgano instrutor formulará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de priorización e desempate establecidos no artigo 9 destas bases, e elevará á Dirección Xeral as propostas de resolución favorable ou desfavorable.
Artigo 17. Resolución de concesión, publicación e notificacións
1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de concesión con base no procedemento exposto no artigo anterior a partir da relación de solicitudes puntuadas.
A directora xeral por delegación do Consello de Dirección do Igape, será o órgano que adoptará a decisión de concesión ou denegación da solicitude.
2. A resolución de concesión da axuda comprenderá a seguinte información:
a) Identificación da entidade beneficiaria.
b) Importe da axuda concedida.
c) Importe e descrición do investimento considerado subvencionable e non subvencionable.
d) Requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa actuación subvencionada.
e) O prazo de execución.
f) Condicións de creación e mantemento de emprego (fito de emprego).
g) Plan financeiro, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).
Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) 2021/1060.
A aceptación da resolución de concesión da axuda (DECA) deberá facerse de maneira expresa a través da sinatura do documento que, para tal fin, o Igape porá á disposición da persoa beneficiaria na Sala de Sinaturas da Xunta (https://saladesinaturas.xunta.gal). O dito documento deberá ser asinado polo representante legal nun prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte á posta á disposición para a súa sinatura. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito á obtención da axuda.
3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.
4. O anuncio da publicación do texto completo da resolución conxunta no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015. Os proxectos aprobados serán obxecto de inclusión no Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027.
5. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido no punto cuarto da resolución de convocatoria, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas do seu deber de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 18. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición:
– Ante a persoa titular da dirección da Área de Competitividade, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivo.
– Ante a Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas.
En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 19. Modificación da resolución
1. Unha vez resolta a concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, admitíndose modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, a condición de que estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto, nin dos compromisos ou condicións que fosen tidos en conta na concesión da operación, e que, de non tomarse en consideración na avaliación, supuxesen non alcanzar suficiente puntuación en concorrencia competitiva para a concesión.
2. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora xeral por delegación do Consello de Dirección do Igape, tras a instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.
3. Os prazos para a execución das actuacións poderán ser modificados, logo de solicitude dos interesados, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape logo de informe da Área de Competitividade nos casos en que se acredite que o atraso non é por causa imputable á entidade beneficiaria.
Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias
1. Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter o investimento no centro de traballo na provincia da Coruña e, se é o caso, o emprego, durante os seguintes prazos:
1º. Manter os investimentos, vinculados á actividade económica subvencionable, no centro de traballo na provincia da Coruña durante 5 anos ou 3 anos no caso de pemes desde a finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de que se trate de bens inscritibles nun rexistro público, o prazo de mantemento será, en todo caso, de 5 anos. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando a actividade económica da entidade beneficiaria se manteña na provincia durante o período mencionado, non podendo ser esta substitución obxecto de subvención. O Igape comprobará en todos os proxectos aprobados o cumprimento desta obriga de mantemento da actividade e o investimento.
2º. No caso de compromiso de creación de emprego estable, os postos de traballo comprometidos deberán crearse nos centros de traballo na provincia da Coruña durante o prazo de execución do proxecto e contar, á data de finalización do prazo de execución do proxecto fixada na resolución de concesión (ou á data de presentación da solicitude de cobramento, se esta fose anterior), con ese incremento neto de postos de traballo indefinidos a tempo completo.
O incremento neto do número de empregados determinarase con respecto ao número de traballadores á data de solicitude, expresadas en unidades de traballo anuais (UTA).
Así mesmo, deberán manter o emprego acadado (o que está obrigado a manter, se é o caso, máis o de nova creación) durante os 3 anos posteriores á data límite de execución do proxecto indicada na resolución de concesión no caso das pemes e durante os 5 anos posteriores á data límite de execución do proxecto indicada na resolución de concesión no caso das empresas distintas das pemes. O Igape comprobará en todos os proxectos aprobados o cumprimento desta obriga de mantemento do emprego á finalización do período de mantemento.
A axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao cumprimento desas condicións durante o prazo de execución e, se é o caso, o prazo posterior de mantemento, e será obxecto dunha resolución de perda do dereito ao cobramento da axuda, que poderá derivar en reintegro.
b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o Igape, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ou en xeral, as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC) para realizar polo organismo intermedio, a autoridade de xestión, e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos FTX.
e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.
f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e a Unión Europea, segundo o establecido no anexo III a estas bases durante o período de mantemento do investimento. Para tal efecto, para as operacións cuxo custo total sexa superior a 10.000.000 euros, organizará unha actividade ou acto de comunicación, segundo conveña, e fará participar á Comisión Europea e á autoridade de xestión responsable no seu momento oportuno segundo as indicacións que se lle facilitarán.
g) Comprometerse a aplicar o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.
Así, no caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto, deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:
1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532EC) xerados na execución da obra prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
2º. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.
h) Acreditar, cando corresponda, a realización da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060 de acordo coa «Guía de apoio para a implantación da proba climática de infraestruturas de Galicia» e as instrucións que desenvolva, para o efecto, a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.
i) Facilitar os datos do titular real dos perceptores do financiamento da Unión, no caso de que, requirida a dita información ás autoridades competentes, non poida disporse dela.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
k) No caso de non poder realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.
l) Aceptar de maneira expresa a resolución de concesión, segundo o indicado no artigo 15.3 destas bases reguladoras.
m) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.
Artigo 21. Xustificación da actuación subvencionable
1. Para a xustificación da actuación subvencionable que fundamenta a concesión da subvención e para a solicitude de cobramento, a entidade beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos establecidos como obrigatorios. O devandito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
2. A entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento a través da aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a entidade beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou se a xustificación é incorrecta, requirirase á entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados, no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
5. Xunto coa solicitude de cobramento, a entidade beneficiaria da axuda presentará documentación relacionada.
O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.
i) Documentación xustificativa do investimento:
1. Documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.
2. No caso de investimentos en aplicacións informáticas, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 6.4 destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións incluídas no citado punto.
3. Copia das tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria, no caso de non telas achegado xunto coa solicitude da axuda.
4. Nos casos de creación dun novo establecemento ou de inicio dunha nova actividade: acreditación de que o beneficiario dispón de todos os permisos e autorizacións necesarias para poder desenvolver a actividade, así como a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013 e certificado de situación censual da AEAT que acredite a alta na actividade subvencionable, durante o prazo de execución do proxecto, do novo establecemento obxecto de subvención.
II) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a data de pagamento, o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
2. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que se deberá manifestar sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente, e do cumprimento dos prazos legais de pagamento segundo a Lei 3/2004. Este informe será obrigatorio para proxectos con máis de 50 xustificantes de pagamento.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.
Para seren considerados subvencionables, os gastos deberán ter sido aboados dentro do prazo de execución do proxecto e nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
III) Informe acreditativo do cumprimento da normativa ambiental exixible, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos e a Lei 21/2013 de avaliación ambiental e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulte de aplicación polas características ou localización do proxecto. Así mesmo, por petición do Igape presentarase documentación xustificativa que acredite o cumprimento das declaracións recollidas no anexo V desta convocatoria referente aos condicionantes ambientais para cada tipoloxía de actuación ou proxecto.
A entidade beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica.
A entidade beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a entidade beneficiaria se opoña á consulta destas circunstancias ou non preste o seu consentimento expreso, deberá achegar as certificacións de situación xunto co resto da documentación xustificativa.
7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de resolución de perda do dereito ao cobramento da axuda que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.
8. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.
Artigo 22. Aboamento das axudas
O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto de investimento e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade beneficiaria os presentase, o Igape ditará a resolución de perda de dereito ao cobramento da axuda.
O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.
As persoas beneficiarias disporán dun anticipo automático do 40 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario 2026, no momento da resolución de concesión de axuda. A data límite de xustificación do anticipo coincide coa data límite de execución de gastos no 2026 establecida na resolución de convocatoria.
Exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009. A resolución de concesión da axuda, comportará tamén a concesión do anticipo.
Artigo 23. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, de liquidación, total ou parcial da subvención, no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento ou liquidación da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento ou liquidación da axuda concedida e o reintegro do anticipo recibido, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o Igape, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ou en xeral, as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC) para realizar polo organismo intermedio, a autoridade de xestión, e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060.
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Incumprir a obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido en 10.000.000 €.
g) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.
h) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.
i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
j) O incumprimento da normativa en materia de prazos de pagamento a provedores nos pagamentos do investimento subvencionado suporá a consideración de ese/s elemento/s como inadecuadamente xustificado/s, e dará lugar ao axuste proporcional da subvención correspondente ao proxecto, agás o disposto no punto 4 seguinte deste mesmo artigo.
k) Non ter iniciado o proxecto no período de 12 meses contados desde a data de resolución de concesión da axuda.
l) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.
4. Perda parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo
das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os
gastos financiados co FTX, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.
5. No período de mantemento dos investimentos e do emprego, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:
a) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.
b) No que se refire ao mantemento do emprego no período posterior á data de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente atendendo á media de emprego non mantido durante o período.
c) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 20.1.f) destas bases, durante o período de mantemento posterior á execución suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.
6. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 24. Xustificación de creación de emprego e outras condicións baremadas para a execución
O prazo máximo para presentar a xustificación de creación de emprego, e no seu caso doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión da subvención, finalizará na data que se indique na resolución da convocatoria para cada unha das persoas beneficiarias.
Para ese efecto, deberase presentar a seguinte documentación:
a) Informe de vida laboral á data do cumprimento.
b) Memoria detallada, conciliada coa vida laboral, indicativa do emprego creado especificando cantos corresponden a persoas maiores de 45 anos, a mozos de entre 18 e 30 anos, a mulleres, a persoas con discapacidade e cantos se cubrisen con bolsas de emprego do ITX.
c) Memoria dos plans de formación realizados, se é o caso.
A solicitude de xustificación de creación de emprego e, de ser o caso, doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión, deberá presentarse segundo o modelo do anexo VI.
Desde a acreditación da creación de emprego e, de ser o caso, doutras condicións de execución do proxecto baremadas na concesión, consideraranse cumpridas as condicións da subvención.
A acreditación da creación neta dun número de traballadores menor ao comprometido ou a falta de cumprimento das características puntuables deste conforme o artigo 9 poderá xerar tamén dereito a non reintegrar a axuda, sempre que a puntuación obtida co emprego finalmente creado e outros criterios acreditados, non supoña a exclusión da operación en concorrencia competitiva.
Ademais do anterior, a entidade beneficiaria deberá estar ao día nas obrigas de pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Tributaria, e a Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 25. Réxime sancionador
Ás persoas beneficiarias das operacións de subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.
Artigo 26. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, as auditorías do organismo de auditoría do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, e achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se produza a finalización de execución do proxecto.
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer estes feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/paginas/denan.aspx
Artigo 27. Comprobación das operacións de subvención
1. O Igape comprobará a adecuada xustificación da subvención, o mantemento do emprego comprometido, do investimento subvencionable, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.
2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario. A comprobación material definida no parágrafo anterior poderase encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.
Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.
Artigo 28. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 29. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:
a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).
b) Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (DOUE L 231, do 30 de xuño).
c) Regulamento (UE) 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta (DOUE L 231, do 30 de xuño).
d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.
e) Mapa de España de axudas rexionais para o período 2022-2027, aprobado pola Comisión Europea o 17 de marzo de 2022.
f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
j) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
k) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
l) No resto da normativa que resulte de aplicación.


