DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Luns, 2 de febreiro de 2026 Páx. 9263

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, aprécianse os seguintes:

Antecedentes:

1. O 29 de decembro de 2025, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A constitución da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia a autoriza o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de novembro de 2025, ao abeiro de establecido no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e de funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, constituíndose mediante escritura pública outorgada o 12 de decembro de 2025, ante o notario de Santiago de Compostela, José Ignacio Feijóo Juarros, co número de protocolo 709.

3. A Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten como obxecto: «contribuír ao fomento, á activación e ao desenvolvemento da investigación e do coñecemento en todas as súas manifestacións científicas, humanísticas e tecnolóxicas en beneficio da sociedade, das universidades galegas, centros galegos de investigacións e da comunidade científica en xeral en Galicia».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os puntos relativos á identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola persoa titular da consellería competente en materia de ciencia e/ou investigación, Román Rodríguez González, como presidente; a persoa titular da secretaría xeral con competencias en universidades, José Alberto Díez de Castro, como vicepresidente; a persoa directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo Queijo, como vogal; a persoa titular da Consellería de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en representación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), como vogal; a persoa titular da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro Díaz, a proposta da consellería con competencias en materia de facenda, como vogal; Lois Orosa Noguera, en representación da Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga), como vogal; e María Covadonga Salgado Blanco, a proposta de Gain, como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación, como de interese educativo, da Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

8. De conformidade coa citada proposta, pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 22 de xaneiro de de 2026 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro) clasificouse de interese educativo a Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel (Galtia), e adscribiuse á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Consideracións legais e técnicas:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional