A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, considera no seu artigo 5 as bibliotecas escolares como integrantes do Sistema galego de bibliotecas, e no artigo 6 recoñece, entre as obrigas das persoas físicas ou xurídicas titulares das bibliotecas integradas neste Sistema galego de bibliotecas, a de promover, no ámbito das súas competencias, un desenvolvemento sustentable, coherente, innovador e constante dos seus propios servizos bibliotecarios.
A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 113 establece que os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar, que estes instrumentos educativos contribuirán a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no uso crítico destes, debendo contribuír estas bibliotecas escolares a facer efectivos os principios pedagóxicos referidos á lectura, e dispón que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros, así como que a súa dotación se fará de forma progresiva.
Os decretos polos cales se establecen a ordenación e os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria recollen a obrigatoriedade de incluír nos proxectos educativos un plan de lectura e un plan de biblioteca, concretados anualmente na programación xeral, co obxectivo de fomentar a lectura, a escritura e o uso da información, así como de consolidar a biblioteca como centro de recursos para a aprendizaxe e punto de encontro entre alumnado, profesorado e familias.
Unha biblioteca escolar, activa e renovada segundo o modelo que se está a difundir, ofrece oportunidades excelentes para que alumnado e profesorado poidan avanzar nos seus obxectivos e ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe ou de ensino en que están inmersos, e proporciona un apoio imprescindible no desenvolvemento doutros programas do centro que poidan contribuír ao incremento do éxito escolar. Así conséguese reforzar as bibliotecas escolares como espazos para o desenvolvemento persoal, social e cultural de todo o alumnado e das comunidades educativas no seu conxunto, incidindo nun enfoque inclusivo e na potencialidade da biblioteca escolar como factor de compensación social e de equidade, promovendo a participación activa do alumnado e a presenza das familias, e contribuír á consecución dos obxectivos 2030 de equidade, calidade, dixitalización, e inclusión, así como a promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas e todos.
Así, o Plan LIA (2021-25) ten entre os seus obxectivos fundamentais dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI, facendo delas espazos creativos de aprendizaxes innovadores e inclusivos que apoien a adquisición das competencias clave do alumnado.
A Resolución do 1 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da organización e o funcionamento das bibliotecas escolares nos centros docentes non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso académico 2025/26, establece as pautas para a organización e funcionamento das bibliotecas escolares, que deberán ser espazos accesibles, inclusivos e dinamizadores da aprendizaxe, con recursos impresos e dixitais adaptados ás necesidades da comunidade educativa, e que favorezan o traballo interdisciplinar e os cambios metodolóxicos.
No contexto dos retos actuais do sistema educativo, o fortalecemento das habilidades de lectura, escritura e tratamento da información preséntase como un piar fundamental para o desenvolvemento integral do alumnado galego, así como para fomentar a súa capacidade de análise crítica nunha sociedade cada vez máis sustentada no coñecemento. Neste sentido, publícase a Resolución do 16 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan de lectura, escritura e acceso á información nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Polo tanto, é necesario tomar medidas que aseguren non só a estabilidade e a continuidade das bibliotecas escolares no sistema educativo galego, senón que reforcen e melloren o nivel de excelencia conseguido pola rede de bibliotecas escolares galegas.
En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das bibliotecas escolares e fomento da lectura, nas seguintes liñas de axudas:
a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.
b) Clubs de lectura-concertados.
c) Radio na biblio-concertados.
d) Biblioteca inclusiva-concertados.
e) Lectura e familias-concertados.
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia ao formulario de solicitude (anexo I), denomínase Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e fomento da lectura, con código de procedemento ED516B.
Artigo 2. Financiamento e contía das axudas
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias :
• 07.03.423A.482.1, por un máximo de 8.100,00 €.
• 07.03.423A.482.2, por un máximo de 8.000,00 €.
• 07.03.423A.482.3, por un máximo de 8.100,00 €.
• 07.03.423A.780.1, por un máximo de 25.000,00 €.
• 07.03.423A.780.2, por un máximo de 98.400,00 €.
• 07.03.423A.780.4, por un máximo de 6.000,00 €.
• 07.03.423A.780.5, por un máximo de 48.000,00 €.
• 07.03.423A.780.6, por un máximo de 37.500,00 €.
• 07.03.423A.780.7, por un máximo de 8.700,00 €.
2. O importe máximo das axudas ascende a 247.800,00 € con cargo ao orzamento de 2026.
Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo o establecido no dito artigo 25, a concesión das axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
3. Dado que esta convocatoria abrangue a actividade das bibliotecas escolares durante o curso 2025/26, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre outubro de 2025 e xuño de 2026.
4. A contía da axuda para cada centro determinarase en función da valoración da documentación presentada de acordo cos criterios de valoración establecidos nos artigos de modalidades específicas de axudas desta orde.
Artigo 3. Centros beneficiarios e requisitos xerais
1. Poderán ser beneficiarios das axudas establecidas nesta orde os centros docentes privados que teñan concerto educativo vixente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio e superior, cuxas titularidades, persoas físicas ou xurídicas cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).
2. Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar do centro e equipamento específico para ela.
b) Designar unha persoa integrante do equipo docente entre o profesorado estable no centro que forme parte do concerto educativo, por un período mínimo de dous anos, e con asignación de horas, dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións que lle son propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na Comisión de coordinación pedagóxica do centro. Esta persoa nomearse co cargo coordinador/a de biblioteca na aplicación CentrosPrivados (https://www.edu.xunta.gal/centrosprivados/).
c) Incluír na programación xeral anual e aprobar previamente no consello escolar as liñas de actuación solicitadas a través desta convocatoria.
d) Os requisitos para cada unha das modalidades de axudas determínanse nos artigos de modalidades específicas desta orde.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED516B). Todos os demais anexos estarán accesibles, para efectos informativos, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web ProgramasBibliotecas https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas, cubrindo o formulario electrónico ED516B-anexo I Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2025/26, dispoñible na aplicación.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña e, posteriormente, realizarán a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo as indicacións dispoñibles na aplicación https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo remata o último día do mes.
6. Deberá cubrirse unha única solicitude por centro, en que se recollerán todas as modalidades de axuda solicitadas. No caso de que algún centro presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior.
7. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.
Artigo 5. Documentación complementaria
1. Os centros docentes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1.1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados:
1.1.1. Centros que se incorporen por primeira vez e centros non integrados no programa no curso anterior:
a) Análise da situación da biblioteca do centro (anexo II).
b) Memoria de actividades realizadas no período 2023-2025 (anexo III).
c) Programa de biblioteca escolar para o curso 2025/26 (anexo IV).
d) Relación do profesorado responsable da biblioteca escolar e integrante do equipo de apoio no curso 2025/26 (anexo V).
e) Certificado da persoa titular da dirección coa data de presentación no claustro do programa de biblioteca para a súa aprobación (anexo VI).
f) Certificado da persoa titular da dirección coa data de aprobación no consello escolar do programa de biblioteca para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo VII).
g) Certificados acreditativos das actividades de formación do profesorado responsable de poñer en marcha o programa de biblioteca escolar e compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2025/26.
1.1.2. Centros incorporados nas convocatorias entre 2016 e 2024 e que solicitan a continuidade:
a) Liñas prioritarias de actuación da biblioteca escolar para o curso 2025/26 (anexo VIII).
1.2. Clubs de lectura-concertados:
1.2.1. Centros que se incorporen por primeira vez e centros non integrados no programa no curso anterior:
a) Certificado da persoa titular da dirección coa data de aprobación no consello escolar do proxecto de clubs de lectura para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo IX).
b) Descrición do proxecto de clubs de lectura (anexo X).
c) Certificados acreditativos das actividades de formación do profesorado responsable dos clubs de lectura e compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2025/26.
1.2.2. Centros que participaron no programa Clubs de lectura-concertados no curso 2024/25:
Certificado da persoa titular da dirección coa data de aprobación no consello escolar do proxecto de clubs de lectura para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo IX).
1.3. Radio na biblio-concertados:
a) Certificado da persoa titular da dirección conforme a emisora de radio e as súas actividades estarán vinculadas á biblioteca escolar (anexo XI).
1.4. Biblioteca inclusiva-concertados:
a) Memoria das actividades da biblioteca escolar no curso 2024/25 (anexo XII).
b) Descrición das necesidades concretas para avanzar como biblioteca inclusiva (anexo XIII).
1.5. Lectura e familias-concertados:
a) Certificado da persoa titular da dirección coa data de aprobación no consello escolar do proxecto de Lectura e familias para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo XIV).
b) Descrición do proxecto Lectura e familias (anexo XV).
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. De conformidade co previsto no punto 1 do artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte a documentación preceptiva, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21.1 da dita lei.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI o NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e de xustificación do gasto (anexo XVI) e achegar os documentos.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Criterios de valoración
1. Para a baremación das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración establecidos nesta orde para cada unha das modalidades de axudas previstas.
2. Os datos correspondentes que consten nesta Administración serán consultados de oficio, conforme os criterios establecidos no proceso de selección.
Artigo 9. Instrución do procedemento
1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Innovación e Programas Educativos, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que realizará de oficio as actuacións que resulten necesarias para a determinación, o coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.
Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración integrada polos seguintes membros:
a) Presidencia: a persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.
b) Vogalías:
– A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.
– A persoa titular da Xefatura do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.
– As persoas responsables da Asesoría de bibliotecas escolares na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Unha delas fará as funcións de secretaria.
De ser necesario, a Comisión de Valoración poderá contar cunha subcomisión técnica, integrada por persoal técnico, que asumirá as funcións de apoio nas tarefas de xestión, avaliación e seguimento das solicitudes, así como na elaboración dos informes que resulten necesarios para o adecuado desenvolvemento do procedemento.
3. Logo de comprobación de que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta convocatoria, e tras a realización, de ser o caso, do trámite de emenda, a Comisión a avaliará as solicitudes admitidas, de acordo cos criterios e puntuación establecidos nesta convocatoria para cada modalidade de axuda, cuxo resultado concretará nun informe que trasladará ao órgano instrutor.
4. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Avaliación, ditará a proposta de resolución provisional, que se publicará no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal
5. Logo da publicación da proposta de resolución provisional, as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días para efectuar reclamacións ou renuncias ante o órgano instrutor.
Artigo 10. Resolución definitiva
1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.
2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses, contado desde o remate do prazo de solicitude. As alegacións ou reclamacións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución definitiva que se publicará no portal educativo http://edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia e incluirá:
• Listaxe de centros seleccionados, con indicación da modalidade e da contía asignada.
• Listaxe de centros excluídos, con indicación da causa.
3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, e ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.
Artigo 11. Notificacións
1. De conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, os actos administrativos serán obxecto de publicación, que producirá os efectos da notificación.
2. No caso de que a consellería opte por realizar notificacións de actos administrativos, estas practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 13. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións
1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.
2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta resolución figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da devandita lei.
Artigo 14. Compatibilidades
Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 15. Pagamento e documentación xustificativa
1. O pagamento da axuda farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007 antes do remate de novembro de 2026 e logo da completa xustificación do cumprimento das condicións e da finalidade para a cal se concedeu.
2. Para o pagamento, os centros beneficiarios terá que presentar, antes do 7 de setembro de 2026, a seguinte documentación:
a) Formulario normalizado de xustificación de gasto (anexo XVI) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
b) As facturas emitidas entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de xuño de 2026 e os xustificantes de pagamento por cada unha das liñas de axudas concedidas.
Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou os conceptos xustificados non corresponden ao obxectos subvencionables nas distintas liñas de actuación, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.
c) Unha memoria das actividades realizadas por cada unha das liñas concedidas, conforme as instrucións recollidas nos artigos 26, 33 e 50 desta orde, asinada pola persoa representante legal do centro, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen. Toda a documentación da memoria se achegará a través da aplicación (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas).
3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o centro docente beneficiario non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.
Artigo 16. Seguimento dos programas
O servizo territorial de inspección educativa correspondente e as persoas responsables en materia de bibliotecas escolares da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderán supervisar e avaliar o desenvolvemento das distintas liñas de actuación integradas na convocatoria.
Artigo 17. Fiscalización e control
1. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.
2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.
3. As entidades beneficiarias darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.
Artigo 18. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007.
Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento, total ou parcial, da axuda polas seguintes causas:
a) Falta de xustificación ou xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.
b) Incumprimento total ou parcial dos programas ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.
c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.
3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.
b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.
c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.
Artigo 20. Réxime sancionador
Os centros beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Modalidades específicas de axudas
Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados
Artigo 21. Obxecto e ámbito de aplicación
1. O Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados ten por obxecto seleccionar un máximo de 10 centros novos para a súa incorporación ao programa e apoiar a continuidade dos incluídos en anteriores convocatorias.
Ademais, procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:
a) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. O deseño de espazos, recursos e actividades cun enfoque inclusivo.
b) A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.
c) A súa contribución á mellora dos procesos de ensino e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.
d) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
e) O deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.
f) A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.
g) A realización de actividades de formación de persoas usuarias das bibliotecas e os seus recursos.
h) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do Plan de lectura, escritura e acceso á información do centro.
i) O fomento da lectura e da escritura.
j) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.
k) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.
l) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
Artigo 22. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global das axudas ascende a un máximo de 131.500 €, que se financiarán con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:
a) 07.03.423A.780.2, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte, por unha contía máxima de 98.400 €.
b) 07.03.423A.780.1, para a renovación de mobiliario e outros equipamentos, por unha contía máxima de 25.000 €.
c) 07.03.423A.482.3, para axudas de bibliotecas escolares a centros concertados, por unha contía máxima 8.100 €.
2. Para determinar a contía individual das axudas teranse en conta os seguintes criterios:
a) Centros de nova incorporación. Unha vez coñecida a puntuación acadada, seleccionarase un máximo de 10 centros con maior puntuación e, tendo en conta esta puntuación, o número de unidades e o alumnado do centro determinarase a contía individual das axudas, ata o importe global máximo de 51.000 €.
Aqueles centros que soliciten a incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares na presente convocatoria, pero que xa formaron parte do programa e causaron baixa anteriormente por diferentes razóns, poderán ser seleccionados sempre que acaden a valoración suficiente e sempre que transcorrese un mínimo de catro anos desde a data de baixa. Neste suposto poderán percibir como máximo 4.000 €.
b) Centros que se integraron no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados na convocatoria do curso 2024/25. Determinarase a contía individual das axudas tendo en conta a valoración da memoria do curso 2024/25, así como o número de unidades e alumnado, ata o importe global máximo de 37.500 €.
c) Centros que se integraron no Plan de mellora de bibliotecas escolares nas convocatorias anteriores, entre 2016 e 2023. A contía individual das axudas para fondos determinarase en función da valoración da memoria do curso 2024/25, do número de unidades e do alumnado, ata o importe global máximo de 43.000 €.
Artigo 23. Finalidade das axudas
1. Os centros de nova incorporación destinarán as axudas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como a outros gastos de funcionamento.
2. Os centros concertados incorporados a este programa na convocatoria de 2024 poderán percibir axudas para fondos documentais, mobiliario e outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento; os de convocatorias anteriores (2016 a 2023) poderán percibir axudas para fondos documentais.
3. O gasto da cantidade concedida a cada centro beneficiario integrado nesta modalidade de axudas deberá axustarse aos seguintes conceptos en función da dotación concedida segundo o ano de incorporación ao programa.
a) Fondos documentais: adquisicións de fondos documentais impresos, electrónicos, audiovisuais ou multimedia; subscricións a publicacións periódicas con destino á biblioteca escolar, tamén en soporte papel ou electrónico. Deberán incluírse materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo, etc.), libros para a aprendizaxe de linguas estranxeiras. Un mínimo dun 50 % deberá ser en lingua galega. Así mesmo, e coa finalidade de equilibrar a colección e atender as necesidades de todas as áreas de aprendizaxe, a asignación desta partida destinarase nunha porcentaxe significativa (non menos do 50 %) a materiais informativos relacionados coas diferentes áreas de coñecemento (vinculados, por exemplo, aos proxectos de investigación que se leven a cabo no centro durante o ano escolar). As adquisicións realizaranse, preferentemente, a través das librarías da zona de referencia do centro.
b) Mobiliario e equipamento. Destinarase á adquisición de mobiliario específico, como expositores, andeis, mobiliario para os espazos de lectura informal, mesas e cadeiras, etc. Incluirase aquí a adquisición doutro equipamento específico para a biblioteca, necesario para atender as necesidades da comunidade educativa e cumprir as súas funcións como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e, en especial, para poder abordar a imprescindible alfabetización múltiple.
c) Outros gastos de funcionamento da biblioteca escolar. Comprenden material funxible, pequenas obras, material non inventariable; edición de materiais impresos para o alumnado ou as familias, como guías de lectura, guías da biblioteca, materiais para a formación de usuarios ou programas para a competencia informacional, etc.
Artigo 24. Requisitos dos centros
1. Os centros de nova incorporación deberán reunir, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 3, os seguintes requisitos específicos:
a) Presentar un programa para o funcionamento e utilización da biblioteca escolar, acorde coas pautas recollidas nesta convocatoria, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar, con prioridade do alumnado e o profesorado.
b) Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinario, formado por profesorado dos diferentes niveis ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do programa, que se terá en conta na elaboración dos horarios do profesorado ao comezo do curso escolar. Preferentemente, será este profesorado o que realice as «gardas de biblioteca», co fin de garantir a unificación de criterios na xestión e organización dos fondos, e un maior aproveitamento dese tempo lectivo para formación, orientación, asesoramento do alumnado como usuarias e usuarios de fontes informativas, como lectoras e lectores críticos e como produtoras e produtores de información en diversos soportes e formatos; tamén para a propia organización de todas as actuacións en que intervén a biblioteca.
c) Integrar a biblioteca no desenvolvemento do Plan de lectura, escritura e acceso á información do centro. Incluír o programa da biblioteca na programación xeral anual do centro.
d) Contar coa aprobación do claustro e do consello escolar, así como o compromiso de ambos os dous órganos para facilitar a posta en práctica do proxecto.
e) Detallar unha serie de compromisos para o curso 2025/26:
i. Asignar unha porcentaxe específica (entre un 5 % e un 10 % do orzamento para gastos de funcionamento do centro, para o funcionamento e actualización da biblioteca escolar, independente das asignacións ou das axudas a que puidese dar lugar a participación na presente convocatoria.
ii. Destinar a totalidade do financiamento conseguido ao abeiro desta convocatoria para a actualización e funcionamento da biblioteca escolar do centro.
iii. Crear unha comisión de biblioteca no seo do consello escolar (agás naqueles centros que non conten con este órgano).
iv. Participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica para os centros integrantes do programa. Ademais, todos os centros que se incorporan a este programa poderán solicitar formación na modalidade de grupos de traballo ou seminarios ao centro de formación e recursos de referencia, nos prazos establecidos, para realizar ao longo do período 2026-2028, relacionada co funcionamento da biblioteca escolar e os seus principais aspectos.
2. Os centros incorporados ao Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados entre 2016 e 2024 deberán acadar unha puntuación positiva na memoria do curso 2024/25, é dicir, un mínimo de 31,5 puntos.
Artigo 25. Criterios de valoración dos proxectos presentados ao Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados
Para a selección dos novos centros participantes teranse en conta os seguintes aspectos:
1. Atención á biblioteca escolar nos dous anos anteriores (máximo 105 puntos).
a) Intervencións no espazo físico da biblioteca escolar, equipamento, recursos, fondos (ata 9 puntos).
b) Emprego de sistemas estandarizados (CDU) (ata 6 puntos).
c) Xestión documental informatizada (ata 6 puntos).
d) Servizo de lectura en sala, consulta de libros e outros soportes (ata 3 puntos).
e) Acceso á internet para as persoas usuarias (ata 3 puntos).
f) Servizo de préstamo individual e colectivo (ata 3 puntos).
g) Asesoramento a persoas lectoras e mediadoras (ata 3 puntos).
h) Publicación de boletíns informativos, recomendacións, guías de lectura... (ata 3 puntos).
i) Publicación de guías de persoas usuarias (ata 3 puntos).
j) Realización de actividades de formación de persoas usuarias (ata 6 puntos).
k) Realización de actividades de traballo coa información (ata 6 puntos).
l) Coordinación de proxectos de carácter interdisciplinario (ata 6 puntos).
m) Realización de actividades para a competencia mediática (cos medios audiovisuais, prensa, etc.) (ata 6 puntos).
n) Realización de actividades de animación á lectura/formación de persoas lectoras (ata 3 puntos).
o) Realización e sistematización de actividades de fomento da lectura: hora de ler, mochilas, lecturas compartidas... (ata 3 puntos).
p) Traballo sobre a lectura comprensiva en todas as áreas e materias (ata 3 puntos).
q) Concepción da lectura como alfabetización múltiple (ata 9 puntos).
r) Emprego de diferentes textos en formatos e soportes variados, en prol da integración da cultura impresa e cultura dixital (ata 6 puntos).
s) Uso de recursos e actividades para a atención á diversidade, programas específicos de apoio ao estudo (ata 6 puntos).
t) Programación de actividades dirixidas ás familias (ata 3 puntos).
u) Implicación das familias en tarefas de xestión e/ou actividades de dinamización (ata 3 puntos).
v) Colaboración con outras bibliotecas escolares ou públicas ou outras entidades (ata 3 puntos).
w) Apertura da biblioteca no período extraescolar (ata 3 puntos).
2. Equipo de biblioteca (máximo 30 puntos).
a) Organización horaria da persoa responsable da biblioteca escolar (ata 6 puntos).
b) Número de membros do equipo de apoio (ata 3 puntos).
c) Organización horaria do equipo de biblioteca escolar (ata 6 puntos).
d) Formación específica da persoa responsable da biblioteca escolar (ata 9 puntos).
e) Formación específica do equipo de biblioteca escolar (ata 6 puntos).
3. Grao de adecuación do programa ás orientacións publicadas na convocatoria (máximo 63 puntos).
a) Utilización da biblioteca escolar como un centro de recursos da información ao servizo da comunidade escolar (ata 3 puntos).
b) Participación no desenvolvemento de actividades de ensino e aprendizaxe (ata 3 puntos).
c) Participación do profesorado responsable da biblioteca escolar no desenvolvemento do Plan de lectura, escritura e acceso á información do centro (ata 6 puntos).
d) Realización de actividades para o fomento da lectura/formación de persoas lectoras (ata 3 puntos).
e) Realización de actividades de extensión cultural entre a comunidade escolar (ata 3 puntos).
f) Previsión de melloras para converter a biblioteca nun espazo axeitado para o traballo persoal, o estudo, a busca documental e a lectura (ata 3 puntos).
g) Programación de actividades de formación de persoas usuarias (ata 3 puntos).
h) Previsión dun programa de educación documental (acceso e tratamento da información) (ata 3 puntos).
i) Previsión dunha actualización equilibrada dos fondos en diferentes soportes: impreso/dixital (ata 3 puntos).
j) Elaboración do plan de adquisicións en colaboración con todo o equipo docente a través de ciclos e departamentos (ata 6 puntos).
k) Acceso directo das persoas usuarias aos fondos (ata 3 puntos).
l) Previsión de adquisición de fondos axeitados para a atención da diversidade ao alumnado con NEAE, incorporación tardía ao sistema educativo, etc. (ata 3 puntos).
m) Realización de actividades para a atención á diversidade, programas específicos de apoio ao estudo (ata 3 puntos).
n) Programación de actividades dirixidas ás familias (ata 3 puntos).
o) Implicación das familias en tarefas de xestión e/ou actividades de dinamización (ata 3 puntos).
p) Colaboración con outras bibliotecas escolares ou públicas ou outras entidades (ata 3 puntos).
q) Previsión de programas de formación no uso da biblioteca escolar, no propio centro (ata 3 puntos).
r) Horario de atención da biblioteca, con atención axeitada, correspondente ao período lectivo (ata 3 puntos).
s) Apertura da biblioteca escolar en período extraescolar (ata 3 puntos).
4. Avaliación da calidade dos servizos prestados pola biblioteca á comunidade educativa, así como do desenvolvemento e resultado das actividades desenvolvidas (máximo 21 puntos).
a) Existencia de criterios para a avaliación do proxecto (ata 6 puntos).
b) Deseño de indicadores de calidade do funcionamento dos servizos ofertados pola biblioteca escolar (ata 6 puntos).
c) Definición de procedementos e instrumentos para realizar esta avaliación (ata 6 puntos).
d) Emprego do instrumento de autoavaliación que recomenda a asesoría ou unha adaptación deste (ata 3 puntos).
5. Grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto (máximo 21 puntos).
a) Presenza do uso da biblioteca escolar e o proxecto elaborado (Plan de biblioteca) nos documentos organizativos do centro (ata 6 puntos).
b) Colaboración do profesorado do centro para a posta en marcha do servizo de biblioteca e a súa integración nas actividades pedagóxicas (ata 6 puntos).
c) Apoio do equipo directivo ao proxecto de biblioteca escolar que se pretende (ata 3 puntos).
d) Orzamento (ata 6 puntos).
6. Calidade, coherencia e viabilidade do programa (máximo 24 puntos).
a) Existencia dunha dinámica de atención á biblioteca escolar como espazo de lectura e aprendizaxe (ata 3 puntos).
b) Realización dunha análise de partida con previsións de melloras realistas (ata 3 puntos).
c) Relación entre as propostas e os obxectivos previstos (ata 6 puntos).
d) Correspondencia do programa co modelo proposto pola consellería (ata 3 puntos).
e) Contribución da biblioteca á adquisición das competencias clave por parte do alumnado (ata 6 puntos).
f) Coherencia interna do programa (ata 3 puntos).
Artigo 26. Criterios de valoración das memorias
1. Recursos físicos e materiais: localización, equipamento (ata 11 puntos):
a) Espazos (ata 3 puntos).
b) Recursos e materiais:
• Equipamento (ata 3 puntos).
• Colección (ata 5 puntos).
2. Organización e funcionamento (ata 9 puntos):
a) Recursos humanos (ata 3 puntos).
b) Formación do profesorado (ata 2 puntos).
c) Orzamento (ata 3 puntos).
d) Difusión (ata 1 punto).
3. Grao de cumprimento dos obxectivos previstos (ata 10 puntos).
4. Actividades realizadas (ata 20 puntos):
a) En relación coa xestión e a organización (ata 2 puntos).
b) En relación coa dinamización:
• A biblioteca escolar para a alfabetización mediática e informacional (ata 8 puntos).
• A biblioteca escolar, mediadora da lectura (ata 6 puntos).
• Actividades de extensión cultural (ata 2 puntos).
• Implicación da comunidade (ata 2 puntos).
5. Avaliación e liñas prioritarias de actuación (ata 10 puntos):
a) Valoración do deseño de indicadores (ata 3 puntos).
b) Valoración das ferramentas de avaliación e informes (ata 2 puntos).
c) Valoración da análise de datos (ata 2 puntos).
d) Liñas de actuación para o curso seguinte (ata 3 puntos).
Artigo 27. Formación e asesoramento
1. A persoa responsable da biblioteca escolar nos centros beneficiarios e integrada no concerto educativo deberá participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica desde a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (en diante, Dirección Xeral) para os centros integrantes do programa. Estas actividades son de obrigada asistencia, agás causa xustificada, caso en que será substituída preferiblemente por outro membro do equipo de biblioteca ou, alternativamente, do equipo directivo.
2. Os centros participantes poderán, así mesmo, recibir asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa), desde onde se coordinarán todos estes programas e se levará a cabo o seguimento e a supervisión oportunos.
Artigo 28. Certificación
A participación do profesorado implicado neste programa de innovación educativa, en calidade de responsable da biblioteca escolar, con funcións de coordinación do equipo de apoio á biblioteca, e pola especial dedicación que require, poderá recibir unha certificación de innovación, equivalente a 30 horas de formación permanente do profesorado por curso académico, ao abeiro do artigo 37 da Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regulan a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado de Galicia.
Clubs de lectura-concertados
Artigo 29. Obxecto e ámbito de aplicación
1. O obxecto desta modalidade é apoiar a continuidade e posibilitar a creación de clubs de lectura vinculados á biblioteca escolar en centros privados concertados mediante a asignación dunha contía para a posta en marcha desta actividade. Poderán presentar a solicitude aqueles centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou conten con profesorado que pretenda poñelo en marcha cun ou máis grupos de alumnado e/ou membros dos distintos sectores da comunidade escolar.
2. O club de lectura deberá realizarse en tempos de lecer ou horario extraescolar, e ter funcionamento ao longo de todo o curso 2025/26 para fomentar hábitos de lectura entre as persoas participantes e contribuír á creación dun ambiente proclive á experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.
3. Valoraranse especialmente iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo dos mozos e mozas coa lingua e a literatura galegas e a fomentar a participación nos grupos de lectura de homes, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Igualmente, serán valoradas as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, sempre segundo os requisitos xerais da convocatoria (actividade voluntaria fóra das aulas).
4. Así mesmo, terase en conta a apertura e implicación das familias, nomeadamente nos clubs de lectura formados en educación primaria.
Artigo 30. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global desta axuda ascende a un máximo de 48.000 €, que se financiarán a través da partida orzamentaria 07.03.423A.780.5.
2. A contía asignada a cada centro virá determinada pola puntuación obtida tras a aplicación dos criterios de valoración establecidos nos artigos 32 e 33.
Artigo 31. Finalidade das axudas
Esta axuda destinarase á a adquisición de libros para facilitar o funcionamento do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar.
Artigo 32. Criterios de valoración dos proxectos presentados
1. Para a selección daqueles centros que non participasen no programa no curso 2024/25, valoraranse os seguintes aspectos do proxecto presentado, cun máximo de 10 puntos:
a) Coherencia e calidade das actividades propostas, en función das finalidades previstas (ata 3 puntos).
b) Compromiso do profesorado responsable, que se poñerá de manifesto en aspectos da organización e funcionamento previstos, tales como o número de persoas responsables dos grupos de lectura, os tempos dedicados ás reunións ou número de participantes (ata 2 puntos).
c) Iniciativas destinadas ao fomento da lectura en galego (ata 1 punto).
d) Propostas para estimular a participación de homes nos grupos de lectura (ata 0,5 puntos).
e) Propostas para estimular a participación das familias nos grupos de lectura (ata 0,5 puntos).
f) Propostas para fomentar a participación de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (ata 1 punto).
g) Formación recibida en cursos, grupos de traballo, seminarios, etc. durante os cursos 2023/24 e 2024/25 en materia de fomento da lectura por parte do todo o profesorado participante na mediación dos grupos de lectura (ata 1 punto).
h) Implicación do resto do profesorado do centro e apertura a distintos sectores da comunidade educativa (ata 1 punto).
Artigo 33. Criterios de valoración das memorias presentadas
1. No caso dos centros de continuidade, a valoración da memoria de actividades do curso 2024/25 realizarase en función dos seguintes criterios, ata un máximo de 10 puntos:
a) Organización e funcionamento dos distintos grupos. Periodicidade e horario para cada un dos grupos (ata 1 punto).
b) Actuacións: actividades realizadas, materiais elaborados, aproveitamento das posibilidades dos recursos da biblioteca escolar (ata 6 puntos).
c) Persoas implicadas: alumnado, profesorado, comunidade educativa, redes (ata 1 punto).
d) Formación do profesorado (ata 1 punto).
e) Difusión e visibilidade (ata 1 punto).
2. Os centros que participaron no programa Clubs de lectura-concertados no curso 2024/25 deberán acadar una puntuación positiva na memoria dese curso, é dicir, unha puntuación mínima de 5 puntos na memoria.
Artigo 34. Formación e asesoramento
1. A persoa coordinadora do club de lectura dos centros beneficiarios e integrada no concerto educativo poderá ser convocada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a unha actividade de formación específica durante o curso 2025/26, a XVIII Xornada dos Clubs de Lectura, de obrigada asistencia, agás causa xustificada, caso en que será substituída preferiblemente por outro membro do equipo de biblioteca ou, en último caso, do equipo directivo.
2. Os centros participantes poderán, así mesmo, recibir asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa), desde onde se coordinarán todos estes programas e se levará a cabo o seguimento e a supervisión oportunos.
Radio na biblio-concertados
Artigo 35. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta modalidade de axudas ten como obxectivo estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a «espazos creativos das aprendizaxes» e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio no contexto das bibliotecas escolares de centros concertados integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
2. Seleccionaranse un máximo de 5 centros para a súa participación no programa Radio na biblio-concertados durante o curso 2025/26.
3. Os centros seleccionados recibirán todos a mesma dotación económica, destinada á adquisición de equipamentos e á contratación de servizos de formación relacionados.
Artigo 36. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global desta axuda ascende a un máximo de 14.100 €, que se financiarán con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:
a) 07.03.423A.780.4, destinada á adquisición de equipamentos necesarios para a posta en marcha de Radio na biblio-concertados, por un máximo de 6.000 €.
b) 07.03.423A.482.1, destinada a contratación de servizos puntuais de formación para o programa Radio na biblio-concertados, por un máximo de 8.100 €.
2. A selección dos centros virá determinada pola puntuación obtida tras a aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 39.
Artigo 37. Finalidade das axudas
As axudas concedidas nesta modalidade deberán destinarse á adquisición de equipamentos para a creación dun laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar, así como á realización de obradoiros de formación, no propio centro, dirixidos ao grupo de alumnado que o claustro decida pola súa pertinencia e para garantir a continuidade do proxecto no centro.
Artigo 38. Requisitos dos centros
1. Os centros interesados deberán estar integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados no curso 2024/25.
2. Os centros seleccionados non poderán ter recibido axuda por esta liña específica en convocatorias anteriores.
3. A persoa responsable da biblioteca en cada centro deberá coordinar e garantir a integración desta iniciativa na programación anual da biblioteca escolar, coa colaboración dos restantes membros do equipo de biblioteca ou doutro profesorado do cadro docente.
Artigo 39. Criterios de valoración
Terase en conta a valoración acadada na memoria da biblioteca no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados correspondente ao curso 2024/25. Terán prioridade aqueles centros que presentan unha actividade media-alta e que se materializará a través da seguinte puntuación:
a) Grao de cumprimento dos obxectivos propostos no programa inicial ou nas liñas prioritarias para o curso 2024/25 (ata 1 punto).
b) Actividades desenvolvidas (ata 2 puntos).
c) Materiais elaborados (ata 1,25 puntos).
d) Implicación do centro e da comunidade educativa (ata 1 punto).
e) Participación en actividades de formación do profesorado (ata 0,75 puntos).
f) Avaliación realizada (ata 1 punto).
g) Previsións de futuro (ata 1 punto).
h) Grao de transformación da biblioteca nun centro de recursos para a lectura, información e aprendizaxe (ata 2 puntos).
Biblioteca inclusiva-concertados
Artigo 40. Obxecto e ámbito de aplicación
A finalidade deste liña de axudas é a de estimular a mellora dos equipamentos e dos recursos presentes na biblioteca escolar que poidan facilitar o achegamento á lectura, ao mundo de ficción e de información e outras actividades propias da biblioteca escolar a aquel alumnado que poida presentar dificultades de aprendizaxe incluídas no denominado alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (ANEAE).
Artigo 41. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global desta axuda ascende a un máximo de 37.500 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.6, destinada á adquisición de equipamento, mobiliario e fondos (segundo proceda) para o programa Biblioteca inclusiva-concertados.
2. As solicitudes admitidas percibirán esta axuda na contía individual que resulte segundo a puntuación obtida, de acordo cos criterios de valoración recollidos no artigo 44, ata un máximo de 3.000 € por centro beneficiario.
Artigo 42. Finalidade das axudas
1. Estas axudas destinaranse única e exclusivamente á adquisición de equipamentos e materiais destinados á biblioteca escolar, desde un enfoque inclusivo:
a) Os centros privados concertados específicos de educación especial e centros que teñan unidades concertadas específicas de educación especial poderán recibir axudas para equipamento/mobiliario e fondos documentais. Poderán realizar melloras no mobiliario para que estea mellor adaptado, ou no equipamento, para que responda ás necesidades do alumnado NEAE existente no centro. Así mesmo, poderán investirse na mellora dos fondos da biblioteca de forma que poida contar con textos adaptados ás necesidades deste alumnado, recursos en soportes e formatos axeitados, xogos e material manipulativo, material multisensorial etc.
b) Os centros sen unidades concertadas de educación especial poderán recibir axudas para fondos documentais, coa finalidade de mellorar a súa colección.
Artigo 43. Requisitos dos centros
Ademais dos requisitos xerais, os centros solicitantes non poderán ter recibido axuda por esta liña específica en convocatorias anteriores.
Artigo 44. Criterios de valoración
Para a resolución desta modalidade de axudas valoraranse as solicitudes presentadas cun máximo de 10 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos:
1. Número de unidades concertadas de educación especial no curso 2025/26 (ata 6 puntos).
2. Actividades desenvolvidas pola biblioteca escolar durante o curso 2024/25.
a) Actividades de fomento da lectura (ata 1 punto).
b) Actividades de educación en información e medios de comunicación (ata 1 punto).
c) Actividades de atención á diversidade promovidas desde a biblioteca (ata 1 punto).
d) Melloras na xestión e funcionamento da biblioteca escolar para unha mellor atención da diversidade (ata 1 punto).
Lectura e familias-concertados
Artigo 45. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta modalidade de axudas ten por obxecto estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura, e tamén de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, pola súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación das súas fillas e fillos como persoas lectoras e cidadás usuarias de información. Estas actuacións realizaranse ao longo do curso 2025/26.
2. Seleccionaranse un máximo de 5 centros para a súa participación no programa Lectura e familias-concertados durante o curso 2025/26 entre aqueles que presenten proxecto para esta liña.
3. Os centros seleccionados recibirán todos a mesma dotación económica, destinada á adquisición dos materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas e á contratación de servizos de formación relacionados.
Artigo 46. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global destas axudas ascende a un máximo de 16.700 €, que se financiarán con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:
a) 07.03.423A.780.7, destinada á adquisición de fondos, por un máximo de 8.700 €.
b) 07.03.423A.482.2, destinada a contratación de servizos puntuais de formación para o programa Lectura e familias, por un máximo de 8.000 €.
Artigo 47. Finalidade das axudas
As axudas concedidas a través desta modalidade deberán ir destinadas á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas, así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria.
Artigo 48. Requisitos dos centros
1. Os centros interesados deberán estar integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados no curso 2024/25.
2. A persoa responsable da biblioteca en cada centro deberá coordinar e garantir a integración desta iniciativa na programación anual da biblioteca escolar, coa colaboración dos restantes membros do equipo de biblioteca ou doutro profesorado do cadro docente.
Artigo 49. Criterios de valoración dos proxectos presentados
Para a selección dos proxectos valoraranse as iniciativas presentadas cun máximo de 10 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos:
a) Orixinalidade e valor intrínseco da proposta en liña co exposto como obxecto desta convocatoria (ata 3 puntos).
b) Iniciativas destinadas ao fomento da lectura en galego entre a comunidade escolar (ata 1 punto).
c) Propostas para que as familias desenvolvan recursos en materia de uso da información e medios de comunicación que inflúan favorablemente na formación de súas fillas e fillos (ata 1 punto).
d) Propostas destinadas á formación das familias en materia de lectura (ata 2 puntos).
e) Presenza e importancia da biblioteca escolar no desenvolvemento das iniciativas previstas (ata 1 punto).
f) Grao de participación e impacto previsible no conxunto da comunidade educativa do proxecto presentado (ata 2 puntos).
Artigo 50. Pautas para a elaboración e achega das memorias nas distintas liñas de axuda
1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.
Deberase cubrir a través da aplicación (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas) un formulario en que deberán detallarse diversos aspectos de interese en relación coa situación da biblioteca, as actividades desenvolvidas e o seu papel como recurso imprescindible na vida do centro. Este formulario, cuberto pola persoa responsable da xestión da axuda recibida, formalizarase coa data límite anteriormente indicada. A través da aplicación achegarase, así mesmo, a documentación que se recolle a continuación.
De xeito obrigatorio:
a) Memoria Plambe: actividades desenvolvidas en relación coa xestión técnica, o fomento da lectura, a educación para a competencia en información e outras, así como o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, os indicadores e instrumentos de avaliación e as previsións de futuro (máximo 10 páxinas, tipografía Arial ou similar, tamaño 11, interliñado 1.5, formato .pdf).
Opcionalmente, presentarase a seguinte documentación complementaria:
a) Materiais xerados pola biblioteca, como guías de usuarios, recomendacións lectoras, trípticos informativos, infografías... (comprimidos en formato zip).
b) Imaxes actualizadas da biblioteca escolar (máximo 5 imaxes, formato jpg, cun máximo de 150 kb por imaxe, comprimidas en formato .zip).
c) Certificados da formación realizada no presente curso escolar en materia de biblioteca escolar e/ou fomento da lectura da persoa responsable e dos membros do equipo da biblioteca (formato .pdf).
d) Avaliación das actividades realizadas e do funcionamento dos servizos da biblioteca: ferramentas (enquisas, informes, cuestionarios), indicadores, resultados (formato .pdf).
Para a cualificación final das actividades da biblioteca durante o curso 2025/26 terase en conta toda a información recollida nesta memoria e documentación complementaria.
2. Clubs de lectura-concertados.
Os centros que recibiron axuda para o funcionamento dun club de lectura ao abeiro desta convocatoria de apoio a actividades de fomento da lectura elaborarán unha breve memoria das actividades levadas a cabo (máximo 6 páxinas, tipografía Arial ou similar, tamaño 11, interliñado 1.5, formato .pdf). durante o curso 2025/26, na cal se deberán detallar:
a) Formas de organización e funcionamento dos distintos grupos. Periodicidade e horario para cada un dos grupos.
b) Breve descrición das actividades desenvolvidas no club de lectura.
c) Materiais elaborados, se os houber.
d) Colaboracións con outros clubs ou con outras institucións culturais da contorna, de ser o caso.
e) Aproveitamento das posibilidades e dos recursos da biblioteca escolar.
f) Medios que se utilizarán para a difusión das actividades entre a comunidade escolar.
Tamén se deberán achegar os certificados da formación recibida en cursos, grupos de traballo, seminarios, etc. durante os cursos 2024/25 e 2025/26 en materia de fomento da lectura por parte do todo o profesorado participante na mediación dos grupos de lectura.
3. Radio na biblio-concertados.
As bibliotecas participantes deberán entregar ao finalizar o curso unha breve memoria das actividades desenvolvidas, na cal se deberán detallar:
a) As actividades desenvolvidas, segundo o modelo editable dispoñible na aplicación (máximo de 2 páxinas, tamaño de letra 11, interliñado 1,5 paxinada e formato .pdf).
b) Unha produción sonora elaborada polo alumnado no contexto do programa Radio na biblio.
c) Descrición do proceso de elaboración desa produción sonora debidamente documentada (contexto, contido, tarefas, guión, participantes...).
d) Ata un máximo de 5 imaxes do espazo da radio e das actividades realizadas (formato .jpeg ou .png, tamaño máximo total de 10 MB).
4. Biblioteca inclusiva-concertados.
As bibliotecas participantes nesta modalidade de axudas deberán entregar unha breve memoria das actividades desenvolvidas (máximo 2 páxinas, tipografía Arial ou similar, tamaño 11, interliñado 1.5, formato .pdf e ata 5 imaxes anexas das melloras realizadas ou dos materiais adquiridos ao abeiro desta liña de axudas, convenientemente contextualizadas).
5. Lectura e familias-concertados.
As bibliotecas participantes deberán entregar unha breve memoria das actividades desenvolvidas (máximo de 2 páxinas, tamaño de letra 11, interliñado 1,5 paxinada e formato .pdf e ata 5 imaxes anexas), na que se deberán detallar:
a) Grao de consecución dos obxectivos previstos no proxecto inicial.
b) Breve descrición das actividades desenvolvidas ao abeiro do programa.
c) Recursos e materiais de elaboración propia.
d) Participación activa das familias no seu conxunto.
e) Aproveitamento das posibilidades e dos recursos da biblioteca escolar.
f) Avaliación. Elaboración de indicadores, avaliacións realizadas e resultados.
g) Visibilidade. Medios empregados para a difusión das actividades entre a comunidade escolar.
6. Para a cualificación final das actividades desenvolvidas nas diferentes modalidades durante o curso 2025/26 teranse en conta a memoria de actividades, a documentación complementaria e os datos recollidos nos formularios previstos nalgunhas das modalidades.
7. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberase presentar a declaración responsable recollida no artigo 5 desta orde prevista no anexo I e no anexo XVI asinados dixitalmente, no momento da solicitude e do pagamento.
Artigo 51. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición adicional primeira. Visibilidade da participación no programa
Os materiais elaborados pasarán a ser propiedade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, conservando a autoría dos seus creadores, co fin de servir como exemplo de boas prácticas, para o que deberán ser publicados cunha licenza Creative Commons CC BY-NC-SA.

Permítese o uso non comercial da obra e das posibles obras derivadas, a distribución das cales debe facerse cunha licenza igual á que regula a obra orixinal.
Os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados, Clubs de lectura-concertados, Radio na biblio-concertados, Biblioteca inclusiva-concertados e/ou Lectura e familias-concertados están obrigados a incorporar o logo oficial destes programas nos seus espazos web e nos documentos que difundan estas actividades. Atópanse dispoñibles no seguinte enderezo para a súa descarga: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/1690
Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima da biblioteca escolar, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.
Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional terceira. Habilitación para o desenvolvemento desta orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas e demais actos precisos para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
