DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Martes, 3 de febreiro de 2026 Páx. 9553

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura, para o curso 2025/26 (código de procedemento ED516B).

BDNS (Identif.): 884023.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de no-vembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884023

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura, nas seguintes liñas de axudas:

a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.

b) Clubs de lectura-concertados.

c) Radio na biblio-concertados.

d) Biblioteca inclusiva-concertados.

e) Lectura e familias-concertados.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas ao formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I), denomínase Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e fomento da lectura (código de procedemento ED516B).

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura, para o curso 2025/26 (código de procedemento ED516B).

Terceiro. Importe

O importe máximo das axudas ascende a 247.800,00 € con cargo ao orzamento de 2026.

Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron os devanditos actos.

Dado que esta convocatoria abrangue a actividade das bibliotecas escolares durante o curso 2025/26, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre o 1 de outubro de 2025 e 30 de xuño de 2026.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitude será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional