DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Martes, 3 de febreiro de 2026 Páx. 9556

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 7 de xaneiro de 2026 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2026 (código de procedemento ED305F).

As diversas leis educativas veñen sinalando a importancia do dominio dunha segunda, ou mesmo dunha terceira lingua estranxeira na educación como consecuencia do proceso de globalización que vivimos. A Unión Europea fixa o fomento do plurilingüismo como un obxectivo irrenunciable para a construción dun proxecto europeo.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, Consellería) vén convocando, nos últimos anos, actividades formativas para o profesorado no estranxeiro, co obxecto de fomentar a actualización metodolóxica e a mellora do seu nivel de competencia en comunicación lingüística en linguas estranxeiras a través do contacto directo con persoas dos países de fala inglesa, francesa, alemá e portuguesa.

Esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns e cidadás da nosa comunicade autónoma e da preocupación que, neste sentido, se manifesta desde todos os ámbitos sociais promove e convoca diversos plans e actuacións. Todas estas accións requiren, para a súa implementación, dun profesorado actualizado e cun nivel de competencia comunicativa óptimo. Do mesmo xeito, véñense levando a cabo diferentes actividades formativas no marco do fomento das competencias profesionais docentes, como o Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE).

Este programa enmárcase dentro da Estratexia galega de linguas estranxeiras Edulingüe 2030, na súa liña de impacto L.8. Accións para a mellora da competencia comunicativa: mobilidades e intercambios, que incide directamente na mellora da competencia comunicativa do profesorado, favorece a internacionalización do sistema educativo e integra o Plan Galemundo de internacionalización para o fomento dos intercambios e formación educativa e lingüística no exterior.

Con este fin, ofértanse itinerarios formativos que revitalicen e potencien contidos e aspectos lingüísticos e promovan a actualización metodolóxica do profesorado participante.

Por todo o exposto, en virtude das competencias atribuídas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é a convocatoria de 308 prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa e actualización metodolóxica en lingua estranxeira do profesorado.

Esta convocatoria identifícase na sede electrónica da Xunta de Galicia, coa denominación «Realización de actividades de formación do profesorado no estranxeiro», co código de procedemento ED305F.

Artigo 2. Modalidade das prazas convocadas

As modalidades en que se convocan prazas son as seguintes:

1. Modalidade 1: Integración.

Inmersión en inglés, francés ou portugués, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal durante dúas semanas, no primeiro trimestre do curso 2026/27. O profesorado seleccionado estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área, materia ou módulo. No caso de non existir unha correspondencia exacta, estará acompañado por profesorado dunha área, materia ou módulo afín.

O profesorado deberá realizar unha memoria de difusión na cal se deberá acreditar adecuadamente todo o plan desenvolvido segundo as instrucións do anexo V desta orde. Esta memoria enviarase de acordo co procedemento e na data que se estableza por esta consellería.

2. Modalidade 2: Curso no estranxeiro.

Curso de formación de dúas semanas de duración nun país estranxeiro (Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña), que se desenvolverá no mes de xullo de 2026.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Requisitos xerais:

As persoas solicitantes deben ser funcionarios/as de carreira/prácticas en servizo activo nos corpos con atribución docente nas ensinanzas que se especifican no punto 2 deste artigo, que estean a impartir docencia directa na materia obxecto de estudo en centros docentes públicos de ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia. O persoal funcionario en prácticas poderá participar nas actividades formativas sempre e cando estas se desenvolvan fóra do período efectivo de prácticas.

2. Requisitos específicos:

2.1. Modalidade 1: Integración, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Actividade 1. Integración para profesorado de inglés en infantil e primaria.

Profesorado especialista en inglés do corpo de mestres que estea a impartir inglés en educación infantil, educación primaria, 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO) ou ensinanza de adultos.

b) Actividade 2. Integración para profesorado de inglés de secundaria e formación profesional.

Profesorado especialista en inglés do corpo de catedráticos ou profesores de ensino secundario que estea a impartir inglés en ESO, bacharelato ou formación profesional.

c) Actividade 3. Integración inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.

Profesorado de materias/módulos non lingüísticos impartidos en inglés (en diante, CLIL en inglés) do corpo de mestres, que estea a participar nos programas de plurilingüismo e/ou seccións bilingües, que imparta docencia directa na aula en infantil, primaria ou 1º e 2º de ESO e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

d) Actividade 4. Integración inglés para profesorado CLIL de ESO e bacharelato.

Profesorado CLIL en inglés dos corpos de catedráticos ou profesores de ensino secundario, que estea a participar nos programas de plurilingüismo e/ou seccións bilingües, que imparta docencia directa na aula en ESO ou bacharelato e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

e) Actividade 5. Integración inglés para profesorado CLIL de FP.

Profesorado CLIL en inglés que imparta docencia directa na aula en formación profesional, que estea a participar nos programas de plurilingüismo e/ou seccións bilingües e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

f) Actividade 6. Integración inglés para profesorado da EOI.

Profesorado especialista en inglés dos corpos de catedráticos ou profesores de escolas oficiais de idiomas que imparta inglés nas escolas oficias de idiomas ou nas súas seccións.

g) Actividade 7. Integración en lingua francesa para profesorado especialista e CLIL de educación primaria, secundaria, formación profesional e EOI.

Profesorado especialista en francés que imparta francés en educación primaria, ESO, bacharelato, formación profesional ou EOI así como profesorado CLIL en francés que imparta docencia directa na aula en educación primaria, ESO, bacharelato ou formación profesional e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua francesa do MCERL.

h) Actividade 8. Integración en lingua portuguesa para profesorado especialista e CLIL de educación secundaria, formación profesional e EOI.

Profesorado de lingua portuguesa e CLIL en portugués que imparta portugués ou CLIL portugués na aula en ESO, bacharelato, formación profesional ou EOI e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do MCERL.

2.2. Modalidade 2: Curso no estranxeiro, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Actividade 9. Inglés para profesorado especialista de infantil e primaria.

Profesorado especialista en inglés do corpo de mestres/as que estea a impartir inglés en educación infantil, educación primaria, 1º e 2º de ESO ou ensinanza de adultos.

b) Actividade 10. Inglés para profesorado especialista de secundaria, formación profesional e EOI.

Profesorado especialista en inglés dos corpos de catedráticos ou profesores de ensino secundario e de catedráticos ou profesores de EOI que estea a impartir inglés en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou EOI.

c) Actividade 11. Inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.

Profesorado CLIL en inglés do corpo de mestres/as que imparta docencia directa na aula en educación infantil, educación primaria ou 1º e 2º ESO que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado do corpo de mestres, que imparta docencia directa na aula, que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011, pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

d) Actividade 12. Inglés para profesorado CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, agás EOI.

Profesorado CLIL en inglés dos corpos de catedráticos ou profesores de ensino secundario, profesores de formación profesional ou de ensinanzas de réxime especial que imparte docencia directa na aula, en ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, agás en EOI, e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial dos devanditos corpos docentes, que imparta docencia directa na aula, que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

e) Actividade 13. Francés para profesorado especialista e CLIL de educación primaria, educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Profesorado especialista en francés e CLIL en francés que imparte francés ou CLIL francés na aula en educación primaria, ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua francesa do MCERL.

Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado, que imparta docencia directa na aula, e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua francesa do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

f) Actividade 14. Portugués para profesorado especialista e CLIL de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Profesorado especialista en portugués e CLIL en portugués que imparta portugués na aula en ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do MCERL.

Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado, que imparta docencia directa na aula, que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

g) Actividade 15. Alemán para profesorado especialista e CLIL de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Profesorado especialista en alemán CLIL en alemán que imparta alemán na aula en ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua alemá do MCERL.

Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado, que imparta docencia directa na aula, que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua alemá do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

3. Os requisitos deberán posuírse no momento de presentación da solicitude e manterse ata a resolución da convocatoria.

Artigo 4. Solicitude de participación e prazo de presentación.

4.1. Solicitudes.

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED305F).

O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.gal/piale e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, e posteriormente realizarán a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/, segundo as indicacións dispoñibles na aplicación https://www.edu.xunta.gal/piale/

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de presentar máis dunha solicitude, admitirase unicamente a última presentada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O modelo de solicitude (anexo I) inclúe unha declaración responsable pola que a persoa solicitante declara que o nivel de coñecemento de linguas estranxeiras do MCERL alegado na solicitude é o nivel que ten acreditado na data de presentación da solicitude, de acordo co establecido na Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG do 26 de abril) modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG do 7 de xullo).

3. Cada docente realizará unha única solicitude en que priorizará as actividades formativas en que desexe participar; de resultarlle adxudicada unhas delas, non quedará como suplente no resto de actividades solicitadas. No caso de que non se lle adxudique ningunha actividade, pasará a estar na listaxe de suplentes para todas as actividades solicitadas. Se se lle ofrece unha praza, ao producirse algunha renuncia, nalgunha das actividades solicitadas, ten que aceptar esa praza ou renunciar a todas, sen posibilidade de optar a outra das actividades solicitadas en caso de que houbese unha renuncia posterior.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

4.2. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. As solicitudes poderán ser presentadas ata as 13.00 horas do dito día.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III, modelo de folla de autobaremación cuberta nas epígrafes que correspondan, no cal se relacionen os méritos alegados na mesma orde que aparecen expostos no anexo II.

b) Acreditación documental dos méritos alegados en relación co baremo que se publica como anexo II desta orde, agás aqueles que xa consten no aplicativo da solicitude.

Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se aleguen fóra do prazo a que se refire o artigo 4.2 desta convocatoria.

c) Certificado, expedido pola Secretaría do centro, co visto e prace da persoa directora, no cal conste a área, materia ou módulo que imparte a persoa solicitante durante o curso académico 2025/26.

d) Acreditación do nivel lingüístico segundo o MCERL, na/nas lingua/s correspondente/s da/das actividade/s solicitada/s, agás para aquelas persoas que xa teñan recollida esta información no seu expediente de datos persoais.

Para aquelas solicitudes que non reúnan os requisitos ou non acheguen os documentos anteriormente sinalados, será requirido/a o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Títulos oficiais non universitarios.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Ordenación e instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento para a adxudicación de prazas e para a realización das actuacións que resulten necesarias para a súa resolución será ao Servizo de Innovación e Programas Educativos da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A selección das persoas candidatas será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.

– Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

c) Secretario/a: unha persoa funcionaria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, con voz pero sen voto.

As organizacións sindicais integrantes da Mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear unha persoa representante para asistir ás sesións da Comisión.

A Comisión poderá solicitar a incorporación de persoas asesoras especialistas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. A Comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1 e 2 do baremo do anexo II, así como na elaboración dos informes que resulten necesarios para o adecuado desenvolvemento do procedemento. As reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial de persoal docente.

3. Criterios de valoración, prelación e desempate:

1. A Comisión valorará os méritos alegados polo profesorado, cuxas solicitudes fosen admitidas, de acordo coa puntuación fixada no baremo e a acreditación documental, de ser esta necesaria, publicados no anexo II desta convocatoria.

2. Para a adxudicación das prazas ofertadas nas diferentes actividades formativas, terá preferencia o profesorado que cumpra as seguintes condicións de acordo co establecido a continuación:

1) Para todas as actividades, terá prioridade o profesorado que non participase nas últimas cinco convocatorias do PIALE (2025, 2024, 2023, 2022, 2019) en calquera das actividades de integración e/ou cursos en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña.

2) Para as actividades 1, 2, 9 e 10.

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2025.

2º. Ter maior puntuación no baremo.

3) Para as actividades 3, 4 e 5.

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2025.

2º. Non ser especialista na lingua obxecto de estudo.

3º. Ter maior puntuación do baremo.

4) Para a actividade 6.

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2025.

2º. Maior puntuación do baremo.

5) Para as actividades 7 e 8.

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2025.

2º. Ter maior puntuación do baremo.

6) Para as actividades 11 e 12.

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2025.

2º. Non ser especialista na lingua obxecto de estudo.

3º. Ser docente CLIL na lingua obxecto de estudo.

4º. Ter maior puntuación do baremo.

7) Para as actividades 13, 14 e 15.

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2025.

2º. Impartir a lingua obxecto de estudo ou ser docente CLIL na lingua obxecto de estudo.

3º. Ter maior puntuación do baremo.

8) En caso de empate entre as persoas solicitantes, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2.2 do baremo.

c) Maior antigüidade no corpo.

d) De persistir o empate, aplicarase como criterio o resultado do sorteo previsto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Logo da avaliación das solicitudes admitidas, a Comisión emitirá un informe, no cal se concretará o resultado da avaliación, que trasladará ao órgano instrutor que, á vista do expediente e do dito informe, publicará as listaxes provisionais das persoas seleccionadas e suplentes no portal educativo da Consellería e na seguinte ligazón: www.edu.xunta.gal/piale

A partir do día seguinte ao da dita publicación as persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións ou renuncias ante a persoa que exerza a Presidencia da Comisión. A renuncia á proposta de adxudicación dunha actividade considérase renuncia a todas as actividades que a persoa interesada marcase na súa solicitude.

As reclamacións ou renuncias deberán presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, en https://sede.xunta.gal/portada. Deberán entrar en A miña sede, na solicitude realizada para a convocatoria do programa PIALE 2025, código do procedemento ED305F, e premer en Accións, na opción Alegacións ou renuncia, segundo corresponda. Ao premer en Alegacións, poderán xuntar a documentación que consideren.

Unha vez que a reclamación ou renuncia sexa remitida polo procedemento indicado, solicítase que se adiante, ademais, escaneada ao correo electrónico formaes@edu.xunta.gal para axilizar a súa tramitación de cara á publicación das listas definitivas.

Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a Comisión de Selección emitirá un informe en que se concrete o resultado definitivo da valoración efectuada que trasladará ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

No caso de non se cubrir o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada do órgano instrutor, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

Artigo 9. Resolución da convocatoria

1. A competencia para resolver esta convocatoria corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

2. A resolución definitiva conterá a relación final das persoas seleccionadas e suplentes para cada unha das actividades. Publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase no portal educativo da Consellería na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/piale

No caso de renuncias das persoas seleccionadas, as prazas vacantes seranlles ofertadas ás persoas suplentes por chamamento directo, de acordo coa relación publicada.

3. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta resolución definitiva, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Renuncias e abandonos

1. Logo da resolución definitiva desta convocatoria, só se admitirá a renuncia ou o abandono á actividade concedida por causa debidamente xustificada e acreditada, cuxa valoración corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. Nos seguintes casos, a persoa interesada non poderá participar nas cinco próximas convocatorias de prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativas ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE):

a) Renuncia ou abandono do itinerario formativo sen causa xustificada e aceptada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

b) Avaliación negativa, da modalidade 1 ou 2.

3. Poderá modificarse a resolución definitiva para incorporar ás prazas vacantes por renuncias a profesorado suplente segundo a orde de prioridade establecida pola puntuación obtida.

Artigo 11. Organización e condicións económicas das actividades

1. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas, coa debida cualificación, contratadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Estas empresas encargaranse da organización dos desprazamentos (agás os traslados ata o punto de saída e chegada), da docencia, das actividades culturais, manutención e tipo de aloxamento. Toda esta información facilitarase ao profesorado seleccionado, por medio das ditas empresas, unha vez resolta a adxudicación.

2. Calquera modificación que a persoa asistente desexe realizar en relación coas datas ou medios de transporte de saída e/ou regreso será xestionada e aboada pola persoa beneficiaria, e non recibirá ningunha compensación polos gastos ocasionados pola dita modificación.

3. A realización do programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras durante o ano 2026, obxecto desta convocatoria, queda condicionada á adxudicación do procedemento de licitación polo que se seleccionarán e contratarán as empresas referidas no punto 1 deste artigo.

Artigo 12. Financiamento

1. O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.423B.640.2 dos orzamentos da Consellería para o ano 2026. O importe total do programa ascende a 1.071.004,20 €.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Artigo 13. Notificacións

1. De conformidade co artigo 45 da lei 39/2015, os actos administrativos serán obxecto de publicación, que producirá os efectos da notificación.

2. No caso de que a Consellería optase por realizar notificacións de actos administrativos estas efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Comunicacións

Toda a información con respecto á organización e ao desenvolvemento dos cursos, viaxes ao lugar de realización e reunións informativas será anunciada no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/piale. Os requirimentos relativos á emenda de documentación realizaranse, de ser o caso, mediante o correo electrónico corporativo formaes@edu.xunta.gal

Artigo 15. Retribucións

Mentres duren as actividades de formación, o profesorado seleccionado recibirá os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

Artigo 16. Certificación

Rematado o itinerario formativo, a Consellería emitirá un certificado de 50 horas de formación do profesorado ás persoas participantes en cada unha das modalidades do programa. Só recibirá a certificación o profesorado que remate o itinerario formativo, sempre e cando obteña unha avaliación positiva, e despois da entrega da memoria de difusión no caso da modalidade 1.

Artigo 17. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para a resolución desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento desta orde

Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no ámbito das súas atribucións, para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades
e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremo

Méritos

Puntos por curso ou actividade

Total puntos máximo

Documentos

1. Méritos docentes.

– Por cada ano de servizo como funcionario ou funcionaria.

0,5 puntos por ano completo.

3 puntos

Copia certificacións acreditativas

2. Outros méritos

2.1. Docencia en actividades de formación do profesorado, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,10 puntos por cada 10 horas de formación.

1,5 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.2. Asistencia e/ou coordinación de actividades de formación do profesorado impartidas en lingua estranxeira ou relacionadas coa didáctica das linguas estranxeiras ou do ensino CLIL, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,05 puntos por cada 10 horas de formación.

3 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.3. Asistencia e/ou coordinación de actividades de formación do profesorado, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,05 puntos por cada 10 horas de formación.

1,5 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.4. Participación en proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, e participación no plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria establecidos pola Consellería. Participación no Programa de seccións europeas, seccións bilingües ou nos programas de plurilingüismo da Consellería.

0,25 puntos por certificado.

4 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.5. Participación no Programa de inmersión lingüística con alumnado de 6º de EP e/ou 2º de ESO, Ministerio de Educación. Participación na actividade English Week, Spring Week ou Digital Week acompañando o alumnado. Participación no programa EduExchanges presencial acompañando o alumnado.

0,25 puntos por actividade.

2 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.6. Non ter realizado actividades no estranxeiro a través do programa PIALE nas últimas 10 convocatorias.

10 puntos

ANEXO III

Modelo de folla de autobaremación

(Relacionar e numerar na mesma orde que aparece no anexo II. As copias de certificacións acreditativas presentaranse na mesma orde).

Méritos

Puntos por curso ou actividade

Total puntos máximo

Documentos

1.

2.1.

2.2.

2.3.

2.4.

2.5.

2.6.

ANEXO IV

Relación de actividades

Actividade

Prazas

Modalidade

Duración

Lugar

Temporalización

Modalidade 1

1. Integración para profesorado de inglés en infantil e primaria

6

Inmersión

2 semanas

Canadá

1º trimestre curso 2026/27

2. Integración para profesorado de inglés de secundaria e formación profesional


6

Inmersión

2 semanas

Canadá

1º trimestre curso 2026/27

3. Integración inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria

11

Inmersión

2 semanas

Canadá

1º trimestre curso 2026/27

4. Integración inglés para profesorado CLIL de ESO e bacharelato

11

Inmersión

2 semanas

Canadá

1º trimestre curso 2026/27

5. Integración inglés para profesorado CLIL de FP

6

Inmersión

2 semanas

Canadá

1º trimestre curso 2026/27

6. Integración inglés para profesorado da EOI

6

Inmersión

2 semanas

Canadá

1º trimestre curso 2026/27

7. Integración en lingua francesa para profesorado especialista de francés e CLIL de primaria, secundaria, formación profesional e EOI

11

Inmersión

2 semanas

Francia

1º trimestre curso 2026/27

8. Integración en lingua portuguesa para profesorado especialista e CLIL de secundaria, formación profesional e EOI

8

Inmersión

2 semanas

Portugal

1º trimestre curso 2026/27

Modalidade 2

9. Inglés para profesorado especialista de infantil e primaria.

45

Cursos

2 semanas

Reino Unido

Xullo 2026

10. Inglés para profesorado especialista de secundaria, formación profesional e EOI

45

Cursos

2 semanas

Reino Unido

Xullo 2026

11. Inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria

45

Cursos

2 semanas

Reino Unido

Xullo 2026

12. Inglés para profesorado CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, agás EOI.

60

Cursos

2 semanas

Reino Unido

Xullo 2026

13. Francés para profesorado especialista e CLIL de primaria, secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

25

Cursos

2 semanas

Francia

Xullo 2026

14. Portugués para profesorado especialista e CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

18

Cursos

2 semanas

Portugal

Xullo 2026

15. Alemán para profesorado especialista e CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

5

Cursos

2 semanas

Alemaña

Xullo 2026

ANEXO V

Indicacións para a elaboración da memoria de difusión

Modalidade 1.

Memoria da difusión.

Estrutura:

1. Obxectivos e contidos da difusión.

Cada persoa debe indicar cales foron os obxectivos e contidos da difusión da experiencia. Os contidos deberían recoller, cando menos:

– Aspectos destacables e transferibles da organización do sistema educativo canadense/francés/portugués.

– Aspectos destacables e transferibles da organización dos centros canadenses/franceses/portugueses.

– Aspectos metodolóxicos transferibles e destacables.

– Outros.

2. Lugares ou formatos da difusión.

Cando menos, debe recollerse o centro educativo de destino de cada persoa participante. Deberá indicarse se se trata dunha información que se facilitou de xeito colectivo para o profesorado ou individualizada segundo as súas experiencias e intereses, se se facilitou algunha información ao alumnado, ás familias... As modalidades de organización e transferencia desta información deben indicarse no seguinte punto (o punto 3).

Do mesmo xeito, débese indicar se se fixo algunha difusión da experiencia a través dos medios de comunicación local para dar a coñecer a experiencia do profesor/a e, por conseguinte, do centro neste tipo de actividade.

Debe figurar igualmente calquera outro mecanismo de difusión que se empregase, noutros centros educativos do concello/comarca/provincia, a través dos centros de formación do profesorado ou calquera outro que as persoas participantes considerasen adecuado para esta difusión.

3. Procedementos da difusión.

Deben indicarse os procedementos concretos a través dos cales se difundiu a actividade: charlas/presentacións (tipo, duración, espazo de realización, destinatarios, con que apoios visuais ou en papel...), información na páxina web do centro (características específicas), medios de comunicación (tipo de información, en que medios...), noutros centros ou no centro de formación do profesorado.

4. Programación e temporalización da difusión.

Deben figurar as datas e lugares (de ser espazos físicos) en que se desenvolveron as actividades de difusión.

5. Repercusión da difusión.

Unha valoración, cuantificable na medida do posible, da repercusión desta difusión (número do alumnado do centro, número de profesorado... que foron destinatarios da difusión).