DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2026 Páx. 10855

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 16 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2026 (código de procedemento PR925A).

BDNS (Identif.): 884516.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884516

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes nacidas en Galicia maiores de idade e residentes nalgún dos países do estranxeiro para os cales o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria.

2. Os/as seus/súas fillos/as maiores de idade (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que teñan a nacionalidade española e se encontren vinculados/as a un concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes.

3. No caso do falecemento das persoas arriba indicadas, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:

a) O cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade dunha persoa beneficiaria na última convocatoria deste programa, que falecese nos doce meses anteriores ao último día do prazo para a presentación de solicitudes en 2026, que acredite esas condicións e o cumprimento dos requisitos do artigo 3.1.e) e f), de conformidade co disposto no artigo 9.1.

b) Un membro da unidade familiar dunha persoa solicitante desta axuda que reúna as condicións para ser beneficiaria e faleza despois do último día do prazo de presentación de solicitudes e antes do 30 de xuño de 2026, sempre e cando o solicite por escrito dentro dese período, teña 18 anos feitos e acredite esas condicións e o cumprimento dos requisitos do artigo 3.1.e) e f), de conformidade co disposto no artigo 9.1.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases dun programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a acadar recursos económicos que contribúan a satisfacer as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria para as cales non dispoñan de cobertura suficiente.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as ditas axudas para o ano 2026 (código de procedemento PR925A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2026 (código de procedemento PR925A).

Cuarto. Importe

As axudas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.0 (accións de políticas migratorias) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026.

O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de tres millóns cincocentos noventa e seis mil seiscentos trinta euros (3.596.630 €), distribuído do seguinte xeito:

– Para os solicitantes procedentes de países iberoamericanos cos cales o Estado español non teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social, o crédito será dun millón cento corenta e nove mil cento vinte e tres euros (1.149.123 €).

– Para os solicitantes que residan en países cos cales o Estado español si teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social, o crédito será dous millóns catrocentos corenta e sete mil cincocentos sete euros (2.447.507 €).

De non se esgotar o total dalgún dos créditos anteriores, poderase asignar a contía sobrante a calquera dos outros supostos.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses.

O prazo iniciarase ás 9.00 horas a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e o último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 h.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración