
A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo, e no artigo 9.2 formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.
A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe un obxectivo básico e prioritario para a Administración autonómica, o que ten o seu reflexo na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, coa cal se pretende reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia coa eliminación da discriminación das mulleres e coa promoción da igualdade entre mulleres e homes, así como coa implantación de plans en que se definen e recollen estratexias globais para o establecemento de mecanismos que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade.
Así mesmo, nos sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes, defínese e consolídase como un dos seus principais obxectivos promover a coeducación e promoción da igualdade e prevención da violencia contra as mulleres no eido educativo, coa implicación de todos os compoñentes que conforman a comunidade educativa.
No VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, como parte da fundamentación do ámbito 5 «Educación para a igualdade e prevención das violencias contra as mulleres», recóllese a realidade de que o sistema educativo non pode asumir en exclusiva o labor da educación en valores de igualdade, polo que é esencial a implicación das familias, e para isto resulta fundamental a sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero, enfocada á ruptura de estereotipos.
Por outra banda, ante o problema da violencia de xénero, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade, en novembro de 2016, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno para promover a subscrición dun pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía, e a Federación Española de Municipios e Provincias, que seguise impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Este proceso culminou o 27 de decembro de 2017 coa ratificación de común acordo por parte de todas as comunidades autónomas, do documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste documento recóllense, no seu eixe 1. De ruptura do silencio, sensibilización e prevención, e sobre todo no ámbito da educación, varias medidas en que as familias e as asociacións de nais e pais teñen un importante papel e a oportunidade de implicarse e impulsar a erradicación de estereotipos de xénero e a erradicación da violencia contra as mulleres.
O 22 de xullo de 2022, a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia. Este acordo ten como finalidade consolidar o traballo fronte á violencia contra as mulleres no conxunto do Estado, co fin de avanzar na institucionalización e na permanencia dos compromisos adquiridos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para estes efectos, o acordo ten por obxecto impulsar o deseño de mecanismos de colaboración que garantan a estabilidade orzamentaria e administrativa de maneira que permitan soster os actuais e futuros servizos vinculados ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
O 20 de marzo de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia de Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se aproba o Plan conxunto plurianual en materia de violencia contra as mulleres (2023-2027). Este acordo inclúe un catálogo de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres conforme os estándares internacionais de dereitos humanos. No punto 1 recolle a «Prevención e sensibilización fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres», que se concreta, entre outras, en «accións de sensibilización e toma de conciencia fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres que presten atención ás súas causas, especialmente á relación directa entre desigualdade e violencia e os estereotipos de xénero, e á responsabilidade dos homes para a erradicación destas».
No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndenlle á Consellería de Política Social e Igualdade, como órgano superior da Administración, as facultades para promover e adoptar as medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, correspóndenlle, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como tamén a función de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes.
Polo anteriormente exposto, a Consellería de Política Social e Igualdade pretende con esta convocatoria impulsar, a través das asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos de Galicia sustentados con fondos públicos, a formación, sensibilización, información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando as fillas e os fillos, o alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes, e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero.
As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Esta orde tramítase de conformidade co disposto no artigo 1.1. da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2025. De acordo co disposto no artigo 3.1 da dita orde, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente derivada da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026.
Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e realizar a convocatoria para o ano 2026 das subvencións destinadas ás asociacións de nais e pais de alumnado (en diante, ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención.
3. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI449B-Axudas económicas ás ANPA, destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e á prevención e loita contra a violencia cara ás mulleres.
4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.
Artigo 2. Financiamento
1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por un importe total de catrocentos mil euros (400.000,00 €), con cargo á aplicación 08.07.313D.481.2, código de proxecto 2025 00050, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, segundo os resultados da avaliación das solicitudes conforme os criterios establecidos no artigo 14, realizada pola Comisión de Valoración única prevista no artigo 13.
Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia
1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.
2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vai desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.
En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.
3. No caso de ANPA legalmente constituídas, federacións ou confederacións de ANPA solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións, deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as ANPA dos centros educativos sustentados con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de ANPA que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
3. Para poderen ser beneficiarias da subvención, as entidades deberán cumprir os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións e, en particular, non encontrarse en ningunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Así mesmo, deberán dispor da estrutura técnica e capacidade financeira suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos.
5. Todos os requisitos e condicións exixidos se deberán cumprir na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 5. Accións subvencionables e contía da axuda
1. Poderá ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, que vaian realizar as ANPA, federacións e confederacións de ANPA, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizados entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026.
Así mesmo, para que o programa e actividades poidan ser subvencionados ao abeiro desta orde teñen que incluír, como mínimo, o desenvolvemento e a realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e co resto da comunidade educativa.
Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías recollidas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:
a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias e/ou alumnado en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.
b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que os axuden a detectar a violencia de xénero de que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou os seus fillos adolescentes.
c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cousificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas, para as familias e/ou o alumnado e a comunidade educativa.
d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e das novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).
e) Accións de formación coas familias e/ou co alumnado sobre novas masculinidades, para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos, e actuacións encamiñadas a mellorar a percepción que o alumnado e as familias teñen sobre a diversidade sexual e a homosexualidade, contra as situacións de acoso do alumnado LGTBIQ e as repostas da comunidade educativa ante o problema da homofobia.
f) Outras accións de formación e información para nais e pais e/ou para o alumnado que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.
2. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude de axuda na cal se poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción recollidas no primeiro número.
3. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta orde é de 3.000,00 € para as solicitudes de ANPA que se presenten de xeito individual e de 6.000,00 € para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPA.
4. O importe da axuda calcularase con base no gasto subvencionable e no importe solicitado. As entidades que cumpran os requisitos contidos nesta convocatoria ordenaranse en orde decrecente segundo os criterios e as pautas de valoración establecidos no artigo 14, outorgando por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito. No caso de esgotarse o crédito, proporase unha lista de espera que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desistencias ou renuncias de entidades beneficiarias.
5. No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en lista de espera que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desistencias, renuncias ou de se producir un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.
Artigo 6. Gastos subvencionables
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.1, xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, que respondan aos seguintes conceptos:
a) Gastos das persoas relatoras e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo.
b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.
c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada, que estean debidamente xustificados e se consideren necesarios para o seu desenvolvemento.
En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación e gastos de agasallos para as persoas relatoras.
Non serán subvencionables os gastos en bens inventariables cando superen na súa totalidade o 25 % do importe finalmente xustificado.
2. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.
3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación, deberán axustarse ao seguinte:
a) Ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.
De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.
b) Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada, antes denominado tícket, como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
c) No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.
d) Con carácter excepcional, e dada a tipoloxía das entidades beneficiarias, formadas por nais e pais, segundo se recolle no punto 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo da persoa ou entidade provedora para gastos de escasa contía nos cales necesariamente se teña que incorrer para o desenvolvemento da actuación ou actividade obxecto da subvención, que teñan un importe menor de 300,00 € e que a suma destes non supere o 15 % do importe concedido. O dito recibo terá como contido mínimo os seguintes datos: persoa/entidade que emite o recibo, cantidade recibida e concepto polo cal se percibe.
e) Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicte o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o último día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Malia o anterior, non se considerarán gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou actividade subvencionada, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles.
5. De acordo co artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a entidade beneficiaria en ningún caso poderá concertar a execución total ou parcial da/s actividade/s subvencionada/s con ningunha das persoas ou entidades recollidas nese artigo, entre as cales se inclúen as persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, salvo que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e se obteña a autorización previa do órgano concedente.
Para a determinación da dita vinculación terase en conta o artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, ao departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II: certificación expedida pola Secretaría da entidade, en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta orde.
b) Anexo III: orzamento desagregado de gastos e memoria descritiva da actuación. Non se valorará ningunha memoria complementaria.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Consulta de concesións ampliado.
e) Consulta de axudas do Estado.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Resolución de inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
h) Estatutos da entidade debidamente legalizados segundo a normativa vixente.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 11. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 12. Emenda da solicitude
1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.
Artigo 13. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración
1. A instrución do procedemento correspóndelles ás unidades de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade.
Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.
2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que será única para todas as solicitudes que se presenten ao abeiro desta convocatoria, estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade e contará coas seguintes vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación, a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade, e unha persoa funcionaria adscrita a cada unha das unidades de igualdade designada pola respectiva persoa titular do departamento territorial. Se, por calquera causa, algunha das persoas non pode asistir á reunión, será substituída pola persoa funcionaria que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda. Nos outros casos, será substituída pola persoa funcionaria que designe a Presidencia da Comisión.
A Secretaría da Comisión será exercida por unha das vogalías dos servizos centrais da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
Na composición da Comisión de Valoración procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.
3. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Valoración, poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.
4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 14, a Comisión de Valoración emitirá un informe, segundo o cal o correspondente órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.
No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por se ter esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de se producir algunha renuncia ou por producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á finalización do prazo de xustificación das axudas.
Artigo 14. Criterios de valoración
1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:
a) Polo número de familias membros da asociación e a porcentaxe que representen sobre o total de familias que conforman a comunidade educativa do centro escolar a que representan no curso académico 2025/26, cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións ou confederacións de ANPA, en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran, ata un máximo de 30 puntos, de acordo co seguinte:
– No caso de ANPA, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes de representación no centro educativo: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %, 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %, 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 %, 15 puntos; máis do 40 % e ata o 60 %, 20 puntos; máis de 60 % e ata o 80 %, 25 puntos; máis do 80 %, 30 puntos.
– No caso de federacións e confederacións de ANPA, polo número de asociacións de nais e pais integradas nelas, 2,5 puntos por cada asociación ata un máximo de 30 puntos.
b) Domicilio do/dos centro/s educativo/s segundo a poboación do concello, ata un máximo de 15 puntos, de acordo co seguinte:
– Ata 5.000 habitantes: 15 puntos.
– De 5.001 a 10.000 habitantes: 12 puntos.
– De 10.001 a 20.000 habitantes: 9 puntos.
– Máis de 20.000 habitantes: 6 puntos.
A poboación dos concellos poderase consultar no portal web https://igualdade.xunta.gal/
Para o caso de solicitude de federacións e confederacións de ANPA, terase en conta o domicilio dos centros educativos aos cales se refire a solicitude conxunta, e valorarase tomando a puntuación que responda á maioría de concellos en que se localizan as ANPA involucradas nesa solicitude conxunta. En caso de empate, valorarase o número de habitantes con que se outorgue maior puntuación.
c) Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o mesmo procedemento ao abeiro da convocatoria de axudas ás ANPA do ano 2024 (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro de 2024), valorarase ata 10 puntos de acordo coa seguinte modulación: se a xustificación acadou unha porcentaxe de entre o 80 % e o 85 %, 3 puntos; máis do 85 % e ata o 99 % incluído, 5 puntos, e o 100 %, 10 puntos.
d) Por non ter sido beneficiada en 2025 do mesmo procedemento polo cal se solicita a subvención: 10 puntos.
e) Por ter a Xunta Directiva unha composición equilibrada na presenza de mulleres e homes de forma que, no conxunto a que se refira, as persoas de cada sexo non superen o 60 % nin sexan menos do 40 %; cando só estea composta por tres persoas, entenderase que cumpre co requisito sempre e cando non sexan todas as persoas que a compoñen do mesmo sexo: 5 puntos.
f) Contido técnico da actuación e actividades: ata 25 puntos. Polo uso de linguaxe inclusiva e de instrumentos de avaliación como indicadores de seguimento e avaliación e enquisas de satisfacción da actividade, ata 5 puntos, e polo contido, coherencia, persoas destinatarias e número de horas totais das actividades, ata 20 puntos.
g) Emprego de tecnoloxías da información e comunicación (TIC): ata 5 puntos. Valorarase o seu uso nas actividades e a opción de que sexan non presenciais a través de plataformas en liña.
2. As entidades que cumpran os requisitos ordenaranse de forma decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos neste artigo, e outorgarase por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito.
3. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicarlles axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida en cada un dos criterios, segundo esta orde e ata que se produza o desempate, das letras: d), e), f) e g) do número 1. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e a hora de presentación da solicitude.
Artigo 15. Resolución e notificación
1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14, o órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, elevará unha proposta de resolución ás persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, que resolverán por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada por silencio administrativo.
3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.
4. Unha vez publicada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e deberá comprometerse a executar a/as actuación/s subvencionada/s no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria, presentando o anexo IV. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.
5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 deste artigo e no artigo 12 desta orde efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
8. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
9. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. As ditas resolucións tamén poderán ser impugnadas directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 17. Modificación da resolución de concesión das axudas
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecten as bases da convocatoria, a actuación subvencionable e non dea lugar a unha execución deficiente e/ou incompleta.
3. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular do órgano competente para ditar a resolución da concesión da axuda, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.
Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención
1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación ou actuacións subvencionada/s coa data límite do 10 de decembro de 2026. De acordo co sinalado no artigo 9, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta do cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:
a) Anexo V: solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade.
b) Anexo VI: certificación do gasto realizado, na cal se incluirá a relación das facturas e outros gastos realizados, con identificación dos/das acredores/as cos seus NIF, o número e a data da factura, o concepto, o importe e a data de pagamento, expedida pola Secretaría da entidade co visto e prace da Presidencia.
c) Anexo VII: recollida de datos de indicadores
d) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na certificación do anexo VI, e a documentación acreditativa do seu pagamento.
Para poderen ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, e deberán estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación, o 10 de decembro de 2026.
e) Modelo 190 de resumo anual e retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.
Malia o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso en período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o último día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
f) Memoria de execución da actuación subvencionada, que non poderá exceder os 14.000 caracteres (sobre 5 páxinas), e deberá recoller como mínimo:
– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).
– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).
– Publicidade e divulgación que se realizou.
– Número de familias e persoas participantes desagregadas por sexo.
- No caso de que as accións sexan en liña, deberán xustificalo documentalmente mediante capturas de pantalla e ligazóns á sesión, entre outros.
- Informe sobre a coherencia do contido da actividade coas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero e a adecuación da actividade aos fins para os cales está deseñada e para o colectivo ao que se dirixe.
– Aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.
g) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías do uso do cartel conforme o establecido no artigo 20.c) e outras fotografías, copias ou capturas de pantalla) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada.
h) Un exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberá figurar o logotipo da Consellería de Política Social e Igualdade e os logotipos do Ministerio de Igualdade e o do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.
No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.
4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de proceder ao seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.
5. Antes de proceder ao pagamento da axuda, deberá figurar no expediente a declaración acreditativa de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.
Artigo 19. Pagamento da subvención
1. O pagamento do importe da subvención realizarase do seguinte xeito: un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo unha vez realizada a publicación da resolución e aceptada por parte da entidade segundo o anexo IV. No caso de non comunicar expresamente a aceptación no prazo indicado no artigo 15.4, entenderase tacitamente aceptada e procederase ao pagamento do anticipo.
2. Os departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, de encontraren conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do 20 % restante, ou a parte que corresponda, que se librará logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.
3. Para o caso de que non se xustifique a totalidade do gasto subvencionable (custo total da actuación no anexo I) tido en conta para a determinación da contía da subvención, a axuda minorarase proporcionalmente.
4. De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantías.
Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación; en particular, as seguintes:
a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas responden a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que se poida enmarcar nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1 que define o artigo 5.
b) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto. Concretamente, facer constar na publicidade, documentación elaborada e na páxina web, no caso de dispor dela, o logotipo Consellería de Política Social e Igualdade e o logotipo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o do Ministerio de Igualdade. Todos estes logotipos estarán dispoñibles na páxina web https://igualdade.xunta.gal/
En todo caso, nos espazos que utilice a entidade para a realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible, segundo os modelos dispoñibles na páxina web https://igualdade.xunta.gal/
d) Comprobar que as persoas que se vaian contratar para o desenvolvemento de actuacións con menores dispoñen do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.
e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Política Social e Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
g) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais; en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.
As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as persoas destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.
h) Facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 21. Responsabilidade
A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria; a actuación da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas e demais normativa de aplicación pola tipoloxía do servizo subvencionado.
Artigo 22. Reintegro e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
4. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:
a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas concorrentes para a mesma finalidade que financien as actuacións subvencionadas.
b) Procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento das obrigas recollidas no artigo 20.b) e 20.c).
c) Procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida cando na fase de xustificación non se acredite algún dos datos tidos en conta para a valoración da solicitude de acordo co artigo 14 e deste xeito non acadaría a puntuación de corte establecida entre as solicitudes ás cales se lles concedeu subvención e as que quedaron en lista de espera.
d) Atendendo a descrición realizada na memoria e a acreditación material e gráfica achegada, cando se desprenda que o programa ou algunha das actuacións non responde a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que se poida enmarcar nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1, que define o artigo 5 desta convocatoria como accións subvencionables, a subvención será minorada nun 15 %.
e) En todo caso, non xerarán dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo cando se teña constancia de que o desenvolvemento das actuacións no seu conxunto non se adecuou á finalidade e obxecto desta orde.
Artigo 23. Control
1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.
2. A Consellería de Política Social e Igualdade levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.
3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións
A consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.
Artigo 25. Información ás entidades interesadas
Sobre o procedemento administrativo asociado a esta orde, que ten o código SI449B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, e do portal web http://igualdade.xunta.gal, ou nos teléfonos das unidades de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Autorízanse expresamente as persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade para actuaren por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolveren a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para realizaren os actos de autorización e disposición de gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, do dito procedemento.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, os actos e as instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
