DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Luns, 9 de febreiro de 2026 Páx. 11543

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI449B).

BDNS (Identif.): 885482.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/885482

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (en diante, ANPA) dos centros educativos sustentados con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Segundo. Obxecto

1. A orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e realizar a convocatoria para o ano 2026 das subvencións destinadas ás ANPA legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención.

3. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI449B-Axudas económicas ás ANPA, destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e á prevención e loita contra a violencia cara ás mulleres.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI449B).

Cuarto. Importe

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por un importe total de catrocentos mil euros (400.000,00 €), con cargo á aplicación 08.07.313D.481.2, código de proxecto 2025 00050, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta orde é de 3.000,00 € para as solicitudes de ANPA que se presenten de xeito individual e de 6.000,00 € para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPA.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade