O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, na súa reunión do 17 de decembro de 2025, adoptou a seguinte resolución en relación co recurso de reposición presentado :
Antecedentes de feito:
1. O 1 de marzo de 2023, a xunta promotora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Padreiro presenta unha solicitude de clasificación como MVMC do monte de San Salvador de Padreiro no concello de Santa Comba.
2. Con data 20 de xuño de 2024, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acorda iniciar o expediente para a clasificación de parte do monte San Salvador de Padreiro, asignándolle o número de expediente 434.
3. No expediente formalizáronse os trámites precisos e na reunión do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común que tivo lugar o 21 de maio de 2025, o Xurado acorda non clasificar o monte como monte veciñal en man común.
4. A resolución de non clasificación do 10.6.2025 publicouse no DOG o día 2.7.2025.
5. Con data 18.7.2025, os promotores presentan recurso contra a resolución ditada.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
Segundo. O Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei galega de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 28 que a resolución de finalización do procedemento de clasificación dun monte pode ser obxecto de recurso de reposición perante o propio xurado, previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa. A resolución do recurso, se é o caso, notificarase e publicarase igualmente.
Respecto ao recurso presentado o Xurado considera que as causas alegadas no recurso non supoñen unha valoración diferente da solicitude e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro,
RESOLVE:
Non estimar o recurso potestativo de reposición presentado contra a Resolución do 10 de xuño de 2025 de non clasificación como monte veciñal en man común do monte San Salvador de Padreiro en Santa Comba.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de conformidade co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
A Coruña, 22 de xaneiro de 2026
María Nieves Mancebo Santamaría
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña
