O 4 de decembro do 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e efectuouse a súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (código de procedemento TU503K).
O prazo para a presentación de solicitudes era de dous (2) meses. Este prazo comezou a contar unha vez que transcorreron oito días naturais desde o seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 16 de febreiro de 2026.
Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, resulta aconsellable, para promover e facilitar a participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 2 de marzo de 2026. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, a ampliación do prazo de presentación de solicitudes non causa prexuízo a terceiros.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do seu vencemento e se as circunstancias así o aconsellan.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Modifícase o artigo 9.2 das bases reguladoras da Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia, co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se efectua a súa convocatoria como anticipado de gasto para o ano 2026 (código de procedemento TU503K, no referente ao prazo de presentación de solicitudes, de maneira que a data límite de presentación se amplía ata o 2 de marzo de 2026.
Segundo. Publicidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Publícase esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. Recursos
De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Cuarto. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
