Unha vez examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Valdecabrita, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Baños, Corzos e Valdín, e mais o MVMC de Valdín, pertencente á CMVMC de Valdín, no concello da Veiga, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 28 de agosto de 2025, a CMVMC de Valdín presentou un escrito (Rexel 2025/2344511) no cal solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Baños, Corzos e Valdín.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Informe de deslindamento.
Segundo. O Informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 30 de setembro de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Valdín, pertencente á CMVMC de Valdín, e mais o MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 19 (o situado máis ao S).
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o Informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de setembro de 2025, o Xurado Povincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 1 de decembro de 2025, aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Valdecabrita, pertencente á CMVMC de Baños, Corzos e Valdín, e mais o MVMC de Valdín, pertencente á CMVMC de Valdín, no concello da Veiga.
En relación cos tramos ou áreas estremeiras con particulares, o perímetro comprende unha zona que está claramente fóra do contorno do monte. Trátase de terreos situados entre os predios Chan do Coto e Cruceiro, cuxa inclusión dentro do perímetro regularizado iría contra o acordo de clasificación ao xerar unha extensión continua.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989; nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 28 de xaneiro de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
